jueves, 25 de octubre de 2007

Cunqueiro: O retorno de Elimas [23.06.2000]

Dibuxo sobre lucernas ou vagalumes, xa reiterado. Na noite, o home-lobo non precisa dos lucicús, e ós outros homes de nada lles valen pra avisárenlle do animal. Deixémolo en leenda ou en simple protagonista de contos como o de Cunqueiro.

Pontevedra, 25.10.2007

Este é un traballo inspirado nunha historia de Cunqueiro, do Merlín e Familia: a de Elimas, o algaribo que fornecía ó mago de libros de maxia, mesmo de pólvora. Creín por un tempo que o perdera da miña base de datos, pero recupereino dunha copia de seguridade e hoxe o inclúo pra refrescar algo o blog. Téñase presente que é do ano 2000.

Cunqueiro: O RETORNO (POUCO PROBABLE) DE ELIMAS [23.06.2000]
por Xesús López Fernández

Elimas é un persoaxe do mundo máxico de Cunqueiro, un dos que visitan a don Merlín na súa pousada de Miranda. I Elimas é o algaribo que fornece de libros segredos e da arte --románs e doutra orixe-- ó mago; que fan posible que o home manteña a súa ciencia ó día. Elimas é tamén contador de historias e leva con el un catálogo de sete moi preparadas, o que lle permite mellorar un pouco a súa economía, obter algús cartos das persoas coas que se encontra nas diversas paradas que fai no seu longo camiñar, porque vivir tan soio de ”viaxar libros, vasos de ambre e anteollos bos e baratos”, faise moi difícil; ten un que se acomodar no segmento dos chamados probes aínda sendo traballador honrado, coidadoso coa mercancía que transporta en seira, forrada de cretona ou de veludo –un respeto--, a súa burra leonesa. Conoce moito mundo de Oriente a Occidente; a China e tamén a Habana, onde semella estar medio namorado. Pero tenlle moita fe a don Merlín.

Débolle a Elimas a risa franca pola súa historia da bañeira e o demo, Satán convertido en bañeira de cristal porque quería saber cómo era o corpo espido das abadesas de certo convento; ou o conto do lobo que se aforcou na carballeira de Dueñas, en realidade un home-lobo que tivera unha existencia anterior como tendeiro honrado no Manzanal. Pero as historias é mellor leelas no orixinal, que si eu fago agora mención delas é porque o asunto da violencia e dos homes-lobos coido ten plena actualidade no noso entorno e constantemente nos chega o malcheiro da súa presencia, a súa marca territorial en moitas rúas e largos da capital. Evidentemente, falta un don Belianís cazador ou un político diposto a poñer orde na noite na que, ademáis de marca-lo terreo, os homes-lobos impoñen a súa música, o seu ular contínuo. E a policía, como si estivera asustada, rara vez acode. Consecuentemente, o remuíño de violencia que vai a máis: peleas, navallazos, mortes.


Unha destas noites soñei con Elimas. O home, que tivera existencias anteriores, tiña agora nova vida e nova relixión. O algaribo parecía estar condenado a renacer en Asia Menor e a unha materialización xudea e outra musulmá, sucedía que agora era cristián. Entendía el que esto era un pouco como un maior grado de perfección, que dende os albores da Humanidade o home tanteara primeiramente na mitificación das cousas e dos misterios, en exercicios de ritos máxicos antes de descobri-las relixiós, a resposta á súa permanente pescuda dunha explicación da existencia. I Elimas díxome que a liberación do home estaba antes na relixión que no marxismo, hoxe en vía morta, sen outro “paraíso” que Cuba, que el ben sabe que a Habana dagora non é xa a cidade onde medio se namorara na súa vida inmediata anterior. Pero Elimas non renuncia ós mitos e colaborou na cachada da noite de San Xohán, pra que o Sol non se apague, eso que este ano adiantouse o solsticio, pero a tradición é a tradición, afirmou con rotundidade. E, cómo non, preparámo-la auga prá mañanciña coas herbas precisas: tomiño, romeu, malva, menta, fiuncho....

Elimas sigue de ambulante. Agora viaxa nunha Harley Davidson. En realidade ten varias en distintos aeroportos, porque combina co avión nun continuo ir e vir: Liechtenstein, Berna, as Caimáns son decote os seus destinos. A súa equipaxe compleméntase cun PC e un teléfono portátiles pra adiantar datos, dispoñer transferencias, acordar xuros, sempre en clave. Seguro que agora, dígolle, non precisas contar historias, Non, pero aínda se me ocorren e boto de menos aqueles tempos. Anda solto moito home-lobo e mira, Satán está sempre no entorno do poder. Se unha vez se convirteu en bañeira de cristal pode moi ben agora converterse en BOE ou, simplemente, en sillón, e sabe cándo a un presidente dun consello de administración ou a un edil se lle cerra o cú, cando non lle entra unha palla por alí. ¡E cómo disfruta o demo!.... Elimas, que promete volver, pon en marcha a moto e parte hacia Lavacolla...A arrancada interrompe, reventa o meu soño....

No hay comentarios: