Mostrando entradas con la etiqueta merlín. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta merlín. Mostrar todas las entradas

jueves, 31 de enero de 2008

TRAGASFALTO E OS GOLFIÑOS [1.04.1999]

O golfiño Gaspar brinca nas augas de Ribadeo. Podería sé-lo momento, se inda estivese en Miranda, pra que don Merlín se achegara a aquelas augas a ver de interpreta-los recados que, posiblemente, nos trae o arroás, talvez aviso de que o cambio climático ven máis célere do que pensabamos.


Pontevedra, 31.01.2008

Entrada n. 422 do blog. Outro traballo do ano 1999, un artículo conformado a partir dun conto inédito dun lote que manteño na recámara, e que fala das proezas dun amigo real, con algunha fantasía engadida.

Queren as circunstancias que esta recuperación coincida coa aparición dun arroás nas augas da Mariña luguesa, un golfiño sociable polo que contan as noticias e que en Ribadeo chaman Gaspar mentres en Foz o nomean Blas. La Voz de Galicia do 30.01 incluía un vídeo do animal, que parecía ledo, articulando esos sonidos que eles saben e que usan pra se comunicar no seu paraíso, o mar. Por eso non evolucionaron, porque ser son máis intelixentes que o home, teñen máis cerebro. En todo caso, foi o home o que profanou o seu paraíso, e fixo un uso indebido do animal, traicionando a amistade que o mamífero lle brindaba.

"More", máis, din que foi a primeira palabra que conseguiron articular no contacto cos homes. En Tampa, Florida. Despois veu o horror de Vietnam, do que algo se dí no artículo que sigue.


TRAGASFALTO E OS GOLFIÑOS [1.04.99],
por Xesús López Fernández

Tragasfalto é real. É un persoaxe de carne e óso. O nome é consecuencia da existencia dunha escudería automovilística, alá polos anos sesenta-setenta. Os seus compoñentes adoutaran nomes toscamente italianizados -–Dallagarra, Afonso in Trinta, etc.--, dos que non queda nen a menor lembranza. O único que permanece é o mellor de todos, Tragasfalto, con vehículo sempre a punto. Non obstante, o home –un bruxo no terminal de valores da empresa patrocinadora— derivaría cara outros deportes como o windsurfing, a ala-delta e o ultralixeiro, co mar como marco e horizonte.

Era todo un espectáculo miralo sobre das ondas, ver cómo mantiña o seu tipo na cresta da onda maior, mesmo deixa-la vela ó pairo no intre xusto, ó tempo que pousaba no areeiro. Un auténtico héroe prá rapazada e mesmo prós maiores --moitos deles veraneantes do interior-- que filmaban as súas fazañas como se fora un novo Neptuno. A barba do home, xa branca, contribuía a realza-la súa maxestade. E demoraba en explicaciós sobre daquel deporte de moda: o windsurfing. Pero a súa realización como deportista acadaría máis altas cotas coa ala-delta ou, tempo despois, co vóo en ultralixeiro. Daí ven o seu conocemento dos golfiños, das súas viaxes e utilización.

Os golfiños están moi próximos ó home, estanse achegando sen cesar. Tense dito, incluso, se non serán máis intelixentes que nós, porque teñen máis cerebro e hai pobos --que creen na transferencia das almas-- que ven nos golfiños a uns seres alentados polas almiñas de mariñeiros afogados. Pero o certo é que a especie non evolucionou porque está vivindo no seu paraíso, no que era o seu paraíso ata que o home traicionou a amistade por eles brindada, utilizándoos como kamikazes na guerra de Vietnam pra minaren barcos no porto de Hanoi. Tragasfalto, metido xa na andaina do ultralixeiro, puido comproba-la existencia dun novo uso deshonesto da especie. Fora feliz ó reparar no comportamento lúdico dos arroases, comproba-la súa estratexia de cerco das sardiñas e rinchas, ata que chegou o día da descoberta.

Ese día, Tragasfalto repara nuns golfiños extraños, como corcovados. Forman un grupo de tres que nadan con maxestade e decisión cara o que parece unha depuradora na costa, onde desaparecen. A videocámara permítelle averiguar que as corcovas son realmente vultos, como mochilas. En días posteriores chegaría a aclara-lo misterio porque a depuradora era agora unha granxa de rodaballos, reconvertida con subvenciós de tipo oficial, e dispoñía dun sistema de esclusas pra facilita-la entrada dos golfiños que facían o papel de mensaxeiros. ¡Os golfiños introducían no país, presunta e impunemente, heroína ou coca! Estaba a facerse outra utilización satánica do mellor amigo do home que, burlando ó servicio de vixiancia de Aduanas, era teledirixido dende a granxa de rodaballos a un barco que permanecía fora do límite xurisdiccional das nosas augas. Ida e volta. Os narcos deran cun sistema intelixente que lles permitiría establecer unha rede de suministro impensable hai poucos anos. Tragasfalto actuaría discretamente a partir daquel momento. Estaba xa citado cun xuez-estrela, satisfeito de ter sido peza importante na posta en marcha da “operación Arroás”, que sería bó facer coincidir cunha nova arribada dos golfiños corcovados, con outra carga..

jueves, 28 de junio de 2007

SABOR A PAN FRESCO

Foi unha verdadeira sorte a conservación da entrevista de Soler Serrano a Álvaro Cunqueiro. O escritor mindoniense puido ter sido moi fácilmente o fixador dunha verdadeira norma prá escrita do idioma galego, pero parece que incluso a súa obra estivo sometida, como a de Fole, ós criterios da Editorial Galaxia. Foi unha pena, porque ese sabor a pan fresco que el considera como definidor da frescura dun idioma está xa perdido, non é posible cando a lingua está sendo sometida, secuestrada polo corrector "da concordia" orwellián.

Sobre Cunqueiro, fabulador de paisaxes, de paises e xentes de variada nación, hemos volver, mesmo mostrar algunha corta fantasía inspirada na súa obra. Sigue o traballo, escrito o 21.10.2000:

No se puede mostrar la imagen “http://www.galespa.com.ar/cunqueirocunca.jpg” porque contiene errores.

SABOR A PAN FRESCO (21.10.2000)
por Xesús López Fernández

Tomo o título dunha nova do pasado 15 do mes en curso, en relación cunha entrevista de Soler Serrano con Álvaro Cunqueiro –dos anos setenta-- prá que se propón como lema o de que “unha língua é boa cando sabe a pan fresco”. É unha sorte a anunciada recuperación que nos ha permitir a moitos o solaz de oir de novo ó escritor mindoniense, percibir algo da aura tan evidente ó longo da súa obra, no Merlín e Familia ou nas Crónicas do Sochantre; no Don Hamlett como no resto do seu corpus literario. Un goza cada vez que se achega á obra de Don Álvaro i este do Outono, tempo do que el gostaba prá lectura, é un momento bó pra retomar algún dos seus libros, percibir ese sabor a pan fresco, trigo, centeo ou broa de millo, que tanto se agradece cando hai fame. Abro o libro do Don Merlín no capítulo da Selva de Esmelle que o autor dí que mellor que decila acaso fora pintala, e leo:

“Os muiños do Pontigo son agora dúas moreas de pedra moura, nas que a hedra encalla e medra, pro eu lémbrome aínda de cando moían o trigo valeco i o centeo das chairas, i había mazaeiros ao longo das presas; o vento tiraba mazás á iauga, e sempre había unha ducia delas, verdes ou coloradas, beilando na escuma espesa e marela, cabo á enrella das canles. Sempre venta na carballeira das Mouras, tan fusquenlla, i o camiño ten presa en pasala i en chegar á aberta camposa de Miranda, ás longas gándaras, ás terras de folgado, ás brañas de El Rei...” Perdón, porque cando collo este libro sinto unha certa emoción e coido atoparme ante a obra dun home merecente do Premio Nóbel e que, simplemente nos párrafos apuntados, marcou camiños, estilo pra unhas normas máis intelixentes que as do 1983 que agora están a ser contestadas. O propio texto citado, que tomo da primeira edición, hoxe reeditaríase de distinto xeito, encorsetado, perdería o sabor a pan fresco ou bica quente e deixaría de describi-la paisaxe como a continuación dun estado de ánimo.

Paréceme unha boa leenda ou lema a da “língua con sabor a pan fresco”, que ven ser algo como o sal nas comidas, sabor dos sabores. Ese sabor é algo que hai que saber transmitir. En Cunqueiro nótase cabalmente, como notei de sempre no galego falado por algún dos meus parentes da Ribeira Sacra luguesa, galego vivo e nacente, non varado en dique seco como os barcos que precisan de reparaciós antes de tornar á mar. E teño pra min que as normas deberían ter sido revisadas hai tempo, algo que se veu reclamando decote. Eu, que daquela comprendín que se estaba a errar, que se primaban unha serie de diferencialismos e tentaban leva-lo idioma a unha situación non desexada por moitos, pergunto agora se non se terá ido moi lonxe, se non terán inventado --posto en escea-- unha criatura lonxá e diferente, forzado a psicoloxía da nosa fala. Estou seguro de que así é e tamén de que Cunqueiro, que foi acusado de se tomar moitas licencias, soupo traballar e, de paso, configurar unha língua literaria. Vamos, que exerceu de mestre prás futuras xeneracións.

Gostaríame que o “sabor a pan fresco” fose algo a ter en conta nos distintos foros da língua galega --onde ela poida ter presencia--, nas aulas como no Parlamento, porque o discurso dos catedráticos e mai-los políticos ás veces non chega, hipotecado polas normas que o privan de coherencia e frescura se se pode decir. Facer da língua un instrumento de elegancia e cultura é algo moralmente necesario, ou ben o discurso se perde. Diría máis: sabor a pan fresco non soio como referente literario, senon noutros ámbitos. É un concepto difícil de captar, pero que entendo no mesmo sentido que o do sal, preciso en moitas facetas da vida, prá vida mesma, porque se non hai sal ou sabor a pan fresco, a mesma xusticia convértese noutra cousa, a confianza dos cidadáns na Administración esváese ante unha burocracia aballoada, como se dí do peixe cando se pasa e comeza a cheirar. Non perdámo-lo sabor a pan fresco, por favor. E no Outono, Merlín e Familia.