domingo, 5 de septiembre de 2010

ZOLTAN, O HÚNGARO

Zoltan, o húngaro, escolleu Pontevedra como destino, como última morada. Manuel Jabois dedícalle hoxe, no Diario de Pontevedra, unha emotiva crónica. (Fotografía do D. de Pontevedra.)
-
Pontevedra, 5.09.2010
-
Entrada n. 1285 do blog.
-
ZOLTAN, O HÚNGARO,
por Xesús López Fernández
-
Entereime hoxe, pola noticia de Jabois, da morte do home, xa alá por marzo. As últimas instantáneas que conservo de Zoltan son as dun home visiblemente enfermo. Tiña reparado nel moitas veces porque, en certo sentido, fomos medio veciños. Eu vivo no n. 21 da rúa San Sebastián; el tivo ó longo dalgún tempo o seu posto de lector frente ó meu portal, no número 18 da mesma rúa, unha casiña con escadeiras que dan á propia calzada, nas que o home sentaba. Alí, o home fumaba, bebía cerveza Heineken e leía infatigablemente, ata o extremo de se valer da luz dos folecarolinos ou torpedos-supositorios de luz instalados contra a fachada da citada casa, cando a noite arrancaba.
-
A verdadeira historia deste home, do que se decía que perdera á súa compañeira e que quedara como privado de vontade pra encetar unha nova vida, cóntase hoxe no Diario: De boa familia húngara, de pai militar de alta gradación e nai pintora, o home era un reputado medievalista, conocedor de varias linguas. Falaba tamén un español correcto, que poderedes apreciar no video do que se inclúe enlace. No seu periplo de 62 anos foi dar a Mallorca e Italia. Tivo amores e unha filla que o Diario informa levaba tempo procurando por internet noticias súas.
-
O periplo seguiría por Barcelona, dende dou o salto a Betanzos, e alí colaborou no seu Arquivo, ata o punto de que fixo un profundo estudio sobre a xeneaoloxía dos Andrade, que está publicado. Dous amores, o segundo deles cunha profesora dun instituto betanceiro que sería destinada a Pontevedra, e seguíndoa a ela, Luz Soto, chegou á nosa cidade. Pero parece que non sobardou a morte súpeta da súa amiga, do linaxe de Antonio Soto, según o propio Zoltan contaba cando falaba do constructor da igrexa da Peregrina.
-
O home, que coido deixou obra pictórica, sobreviveu, polo menos intentouno nos últimos tempos, coa venta de láminas, na propia praza da Peregrina ou tamén nun dos espacios da nova economía estalinista da nosa capital, o rastro da praza da Verdura. Pero o esforzo persoal por salva-la súa dignidade resultou van, vencido polo alcohol. Sempre apreciei nel un porte de certa elegancia; que se trataba dun home culto, finalmente convertido en probe de solemnidade. Seguro que agora ha descansar, que a unha posible pergunta "Zoltan, hògy vàgy?" (Zoltan, cómo estás?) agora había poder responder "En jol vàgyok" (Estou ben). Agora sí, Zoltan.
-
Enlaces:
-
-

No hay comentarios: