Mostrando entradas con la etiqueta ECOLOXÍA. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ECOLOXÍA. Mostrar todas las entradas

domingo, 8 de junio de 2014

Don Felipe e o medio ambiente

 O planeta está ameazado pola sobida das augas a consecuencia do cambio climático. 
O príncipe Felipe tivo un claro discurso ecoloxista o pasado 5.06. Parece máis convencido que o Goberno da nación de que a ecoloxía é unha asignatura necesaria. O seu esquecemento pódenos pasar factura, como parece está acontecendo porque son moitos os que formando parte da Administración non estiveron atentos á súa responsabilidade. Papeleta difícil pró próximo rei a de lles lembra-los deberes a tantísimo enano infiltrado como está a coida-la viña da ecoloxía dend´as Administraciós. 

Pontevedra, 9.06.2014
Entrada n. 1762 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra


Don Felipe e o medio ambiente, (7.06.2014, pró 9.06.2014)
por Xesús López Fernández

O pasado 5.06 celebrouse o Día Mundial do Medio Ambiente, celebración que foi establecida pola Asamblea das Naciós Unidas pra conmemora-la inauguración da Conferencia de Estocolmo sobre o Medio Humán do 1972.  A celebración da data debe valer pra inspirare  e potencia-lo poder real das acciós particulares que colectivamente  encastañadas se convirtan nunha forza exponencial pra un cambio positivo. Lembremos que as celebraciós temáticas do DMMA nos pasados anos fixéronse en relación co coidado da terra e da auga, a capa de ozono, o cambio climático, a desertificación e o densevolvemento sustentable, e outros temas. O Día celébrase en todo o mundo de xeitos diversos con independencia do lema central dunha acción hoxe convertida en plataforma global participada por máis de cen  estados. O lema deste ano, “alza a túa voz, non o nivel do mar”, está pensado prós pequenos estados insulares en desenvolvemento, tamén con crecentes riesgos e desafíos polo cambio climático que parece confirmado.

Orfos en España dun Partido Verde con entidade certa como pra asumi-la voz da defensa en tantísimas cuestiós pendentes prás que si hai algunha posible solución á vista é gracias a distintas asociaciós que souberon xoga-la carta da “acción cidadá de iniciativa popular”, algo previsto na Constitución e na propia Lei de Costas 1988. Hai casos nos que xa foron dictadas sentencias firmes polo Tribunal Supremo, que permanecen sen execución de forma inxustificable como se, presuntamente, responsables das diversas Administraciós fosen collidos co paso cambiado, como se realmente fosen as asociaciós as defensoras do Estado de dereito. E nun novo esforzo dos grupos ecoloxistas, desta volta i en Canarias, formaron unha fronte común Amigos da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, SEO/Birdlife e o Fondo Mundial prá Naturaza (WWF) pra así clamaren cunha única voz “¡No al petróleo en la costa!”, contra as prospecciós a case dez kilómetros de distancia da zona de protección natural da Rede Natura 2000 do arquipiélago canario, que poderían ademáis compromete-la riqueza turística das illas.

Sen esquece-las moitas actuaciós negativas das que poderiamos facer  inventario, consecuencia presunta da escasa sensibilidade ou nulo rigor á hora de aplica-las leis por parte das Administraciós, valoremos como unha nova sensibilidade no ámbito político español a que parece emanar das palabras de Don Felipe, o herdeiro da Coroa española, no acto da entrega dos Premios Europa de Medio Ambiente á Empesa 2014, precisamente o 5.06: “Podemos afirmar que, sen ecoloxía, a economía limita o seu futuro, pois soamente uns ecosistemas saudables poden favorece-lo desenvolvemento de actividades económicas eficaces. Esto é evidente en sectores como a agricultura, a pesca, o sector forestal e o turismo….”. Certo que son moitas as veces nas que, nestos sectores, existe unha política certamente irracional, como ben denuncian os grupos da protesta canaria, como tamén temos denunciado colectivos galegos como Salvemos Pontevedra ou os Defensores da Praza dos Praceres. O Príncipe dixo tamén que “o medio ambiente é fonte de inspiración prá redefinición de estratexias de negocio, de innovación, prá creación de novas empresas e deseño de novos productos, procesos e tecnoloxías”.    

Esas palabras como outras sobre a necesaria protección do entorno e dos recursos naturales, de ve-lo medio ambiente como fonte de oportunidades, xenerador de emprego e riqueza i entende-lo patrimonio natural como un capital que integra o valor ambiental e mai-lo económico parecen apuntar cara un tempo novo.  De que a súa visión dun liderazgo empresarial que aborde con claridade, compromiso e solidez a cuestión ambiental, sexa asumida polo Goberno, tantos anos pasivo, hanse derivar non poucos beneficios. O seu compromiso parece claro. E así o ven tamén na WWF, cuio director executivo, Juan Carlos del Olmo, tenlle desexado sorte a don Felipe ó tempo que pedido protección pró medio ambiente e a transición a un modelo de desenvolvemento sustentable e xusto, como peares centrales do seu reinado.  

lunes, 13 de enero de 2014

ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA

Estanislao Fernández de la Cigoña, navegante, antropólogo, ecoloxista, nacido en Vigo no 1941, exerceu sempre como galego de nación.

Pontevedra, 14.01.2014
Entrada n. 1731 do blog


ESTANISLAO FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA,
GALEGO DE NACIÓN E VOCACIÓN,
por Xesús López Fernández

Vigués nado no 1941 é un home polifacético ó que a súa vida profesional como mariño mercante levouno polos mares do mundo na que sería unha etapa de su vida. Pero a maior parte do seu saber está hoxe preñado dos seus diversos labores: naturalista, ecoloxista, antropólogo cultural, xa como divulgador, investigador ou escritor. E aí están os seus 80 libros sobre historia, arte relixiosa, etnografía, espeleoloxía, arqueoloxía, campanoloxía, arquitectura rural, etc., ademáis dos de natureza: espacios protexidos, illas de Galicia, cetáceos, peixes e aves. O home é un explorador da nosa terra, defensor i estudioso do medio ambiente en xeral e da natureza galega en particular que, en representación do movemento ecoloxista galego formou parte das xuntas rectoras dos parques naturales das illas Cíes e do monte Aloia. E reclamado con frecuencia pra impartire cursos, conferencias, coloquios sobre os máis diversos aspectos da nosa natureza polo sociedade galega, ten sido reconocida a súa obra en diversas ocasiós, antr´elas coa "Medalla Galicia". Pero é raro que nadie o teña proposto pró "Vigués Distinguido", reconocemento distinguido a moitos con menos mérito que Estanislao Fernández de la Cigoña. 

É importante valora-lo seu perfil, que os interesados han poder apreciaren entrando no enlace inserido ó pe desta entrada, da que están tomádo-los primeiros datos expostos. Traballador incansable e signo Leo, parece está marcado por el, así como pola súa formación xesuítica. 

Ecoloxista comprometido e combativo, aínda lembraba no Faro de Vigo do 8.01.2014 a súa defensa das baleas, en Cangas, cando moitos dos seus habitantes vivían da empresa Massó. Escritor feraz tanto en galego como en castelao, afirma ter sido sempre un home libre, algo, según a súa definición que "molesta ós castrados"e afirma algo que todos sabemos: "que o pecado capital do galego e do español é a envidia; pecado do que non se acada beneficio algún [...] e son os envidiosos que tentaron poñerlle paos á súa roda e non conseguiron tumbalo os máis molestos e castrados por esa súa libertade e non dependencia de nadie".

Ó home quédalle a frustración da política, porque teríalle gustado moitísimo ser concellal pra defendere localmente dend´o goberno ou a oposición os seus principios conservacionistas, mais nunca lle deron a menor opción. A dereita, porque sendo ecoloxista xusgábao "roxo recalcitrante", mentres a esquerda, polo seu apelido, creíano e aínda o creen da dereita ultra. 

En fin, aí vai o enlace do Faro de Vigo do 8.01.2014, pra unha maior información dunha figura universal, das que tan carente está Galicia nos postos con poder de decisión. E así vai o país, decote máis ecolóxicamente desfeito.

domingo, 6 de octubre de 2013

CLONMACNOISE, MOHER, KNOCK

 En Clonmacnoise, un pequeno museo protexe algunhas pezas. Ésta debe ser unha das máis altas das cruces celtas conocidas.
 Panorámica con divesas cruces. Ó fondo, o río Shannon. O día estaba espléndido.
 Como se pode apreciar, a cruz que rodea o grupo recolle unha serie de releves relacionados con esceas bíblicas. 
 Unha perspectiva das ruínas dos vellos templos. 
 Un torreón defensivo convive coas cruces celtas.
 Nova perspectiva do desfile de cruces, porque parece un desfile alineadas como están.
 Outro enfoque no espacio anterior.
 Algunha luz benfeitora debe seguir arrolando estos restos venerables.
 Ou estos outros.
 Seguimos no lugar, no que descobrimos outro torreón.
 Cruz con motivos celtas.
 Irlanda coida a riqueza primaria. Gando mostrenco, parece que sen cornos, pasta perto dos acantilados, unha lección pra aprender polos nosos políticos, que non souberon tracexar unha política agrogandeira pra Galicia. 
 Como se fose unha citania galega, na foto aparecen reconstruídas casas circulares daquel convívium de Clonmacnoise. Parece que estamos no Cebreiro ou en Santa Tecla. 
 Esculcadoiro ordeado construir por Cornellius O´Brien, no 1835, a chamada O´Brien´s Tower, que xa daquela coidaba o turismo nos acantilados de Moher. 
 Acantilado de Moher, paraíso das aves atlánticas. 
 Outra toma da O´Brien´s Tower.
 Grupo escultórico en memoria da aparición da Virxe, San Xosé, San Xohán Evanxelista... 
...e Xesús, na forma de Cordeiro coa cruz. En Knock.

Pontevedra, 7.10.2013
Entradan.1711 do blog
Artículo semanal, colaboración no Diario de Pontevedra.

Clonmacnoise, Moher, Knock,
por Xesús López Fernández

            No noso itinerario de peregrinaxe pola Irlanda católica, o día 22.09 paramos no que queda do complexo paleocristián de Clonmacnoise (Cluain Mhic Nóis en gaélico), fundado por San Ciarán no centro xeográfico do país (ano 548),  un dos máis antiguos cenobios do país á par que forxa no asentamento do Cristianismo na illa, que permanece cristiá na actualidade. Tivemos sorte i ese día todo o conxunto monumental locía espléndido sobre o río Shannon (o máis longo do país), testigo da Igrexa alí nacente no século VI, e dos moitos ataques sofridos polo enclave conventual ó longo da Historia, uns trinta: normandos, vikingos, irlandeses, colonizadores ingleses. Pero a súa situación na encrucillada das principales vías de comunicación facilitaría o  crecemento do centro relixioso, tamén cultural, político i económico, cita obrigatoria de moitísimos peregrinos durante a Edade Media. O seu desenvolvemento arquitectónico configuraríao máis como pequena cidade que como  mosteiro tradicional.

            As ruínas que hoxe se aprecian, de pedra, son das construcciós que a partir do sec. X irían sustituíndo ás primitivas de madeira, mesmo os torreós de vixiancia que alí permanecen.  No lugar fóranse asentando un gran número de laicos, que convivirían no mesmo cos monxes: un conxunto ateigado de templos de pequenas dimensiós, e vivendas. Aínda sendo precario o seu estado de conservación, a presencia daquelas ruínas venerables nunha gran camposa na que parecen nace-las cruces celtas, é impresionante. Por certo que en Clonmacnoise existe a Cruz Vella celta máis alta das conocidas. “Prós que ven nas cruces celtas símbolos nazis” lembremos que a “Cruz das Escrituras”,  das mellor conservadas, de pedra arenisca, de catro metros de alto,  está labrada en estilo prerrománico por tódo-los seus lados, con representaciós de numerosas esceas bíblicas, dispostas en paneles cadrados. Estas cruces, no centro, aunan o motivo celta do disco solar coa coroa de espiñas, símbolo cristián.

            Poderiamos seguir coeste tema, pero continuemos cara outras metas dese día: os acantilados de Moher e o santuario de Knock…Os acantilados de Moher son unha notable atracción turística. Elevados a 120 mt. no punto de Hag´s Head, ocupan oito kilómetros de costa ata acadare unha altura de 214mt. No lugar visitado existe unha torre circular, O´Brien´s Tower, así chamada porque foi Sir Cornellius O´Brien, no 1835, o que dispuxo a súa construcción, xa daquela, como esculcadoiro prós centos de turistas que acodían ó lugar. Dende esa torre pódense ve-las Aran Islands e a Bahía de Galway. Estos acantilados, en gaélico Aillte an Mhothair, que quer decir “acantilados da ruína”, aparecen en diversas producciós como extras, reconvertidos en Acantilados da Loucura na película “La princesa prometida”, do ano 2008; tamén como locación do film “Harry Potter e o misterio do príncipe”. E máis. Paraíso de aves mariñas, é espacio protexido pola UNESCO.

            Santuario de Knock. En hora xa crepuscular achegariámonos a ese lugar, no que celebramos unha eucaristía. O santuario é famoso por se ter producido alí a aparición da Virxe, San Xosé, San Xohán Evanxelita e Xesucristo (como Cordeiro), ás oito do serán do 21.08.1879 e ó longo de dúas horas nas que quince persoas, homes, mulleres e nenos, foron testigos da aparición. Xohán Paulo II, no ano 1979, e a madre Teresa de Calcuta, no 1993, visitarían o lugar, hoxe convertido en santuario nacional ó que acoden peregrinos de todo o mundo. Un grupo escultórico representa a aparición, San Xohán vestido como bispo, cun libro na man esquerda, coa man dereita levantada, como se estivese predicando. O lugar, que recibe anualmente sobre millón e medio de peregrinos, está incluso doutado de aeroporto… E continuamos camiño cara Sligo, onde tiñamos previsto pasa-la noite pra, no día seguinte, achegarnos a Donegal i entrar no Ulster, Irlanda do Norte, onde nos agardaban gratas sorpresas. Entrabamos na noite. Desaparecido o sol, a luz, a paisaxe perdía tamén o seu verdor.

domingo, 21 de julio de 2013

ECOLOXÍA, MALAS NOVAS

 Nalgún punto da corrupción que implican os recheos de Marín, poden aparece-las "flores bárcenas" das que fala o bloguero amigo José Antonio del Pozo. 
 Pero as xentes da Política, que difícilmente van ó cárcere, sempre teñen disculpas, como esta que brinda Esteban, autor tamén da viñeta anterior, en La Razón. 
 Caín, máis incisivo, mostra este retrato dunha cloaca con aforo completo. Tamén en La Razón.
 Caín, xenial, mostra ós novos depredadores non como asesinos ou corruptos. As víctimas son pura mercancía, como acontece coa ría de Pontevedra, entendida tamén como mercancía polos depredadores da política e do Estado de dereito, que están nos tres partidos que mandan no concello pontevedrés.
 Esteban. La Razón. A ideoloxía da presunta corrupción ven de varias vías. Así a definen os grafólogos ós que fai alusión Esteban. 
Esteban, novamente. Agora fala dun Bárcenas moi integrado que, home de negocios, propón facer promociós inmobiliarias de luxo co cárcere de Soto del Real; como en Marín fixeron do mar solares, pode que gratis total. Mais aquí habería que citar, como promotor do polígono industrial, a certo antiguo presidente da Autoridade Portuaria. No seu tempo comezou o escándalo,a construcción do ferrocarril, a agresión ós veciños defensores do Estado de dereito.

Pontevedra, 22.07.2013
Entrada n. 1687 do blog
Artículo remitido ó Diario de Pontevedra

 Ecoloxía, malas novas,
por Xesús López Fernández

            O 6.11.2009 sóubose da sentencia firme do Tribunal Supremo que anulaba o Plan Especial do Porto de Marín. Recriminaba ademais a falta de estudio de impacto ambiental pola actuación levada a cabo nunha zona de alto valor ecolóxico. O Alto Tribunal daba así a razón á Plataforma d´Os Praceres (defensora do Estado de dereito) que considera ilegales os recheos dunha superficie de trinta hectáreas e que presentara recurso contencioso administrativo ante o TSX de Galicia contra o citado plan, aprobado pola Consellería de Política Territorial por resolución do 3.10.2000,  que non entraría en vigor ata febreiro do 2005. A sección quinta da sáa do Contencioso-Administrativo votou o asunto o 27.10.2009 e non sóo desestimou a inadmisión do recurso formulado pola Plataforma d´Os Praceres, (solicitada pola Aut. Portuaria, a Diputación e o Concello de Marín), senón a sentencia do TSXGalicia, que desestimou en marzo do 2005 a demanda veciñal.  Pra sermos breves  digamos que o tribunal matiza que o Plan de Utilización de Espacios Portuarios é o instrumento que determina a ampliación do porto, e non o Plan Especial anulado.

            O 3.03.2013 o TSX de Galicia emprazaba á Autoridade Portuaria pró levantamento dos recheos sentenciados nun prazo de vinte días. Nesta resolución o tribunal asumía os argumentos cos que o Tribunal Supremo declarou ilegal todo o recheo e as construcciós que se levantan sobre del. “Declaramos ilegales as obras de recheo do mar en canto que realizadas ó abeiro do plan especial aquí impugnado e condenamos á Xunta de Galicia, á Diputación Provincial de Pontevedra e á Autoridade Portuaria á reposición da zona portuaria á anterior situación i estado”, como indica a sentencia do Supremo. Pero este 19.07.2013 a Xunta, por medio da Consellería de Medio Ambiente, aprobaba o Plan Especial do Porto con carácter definitivo. Pretende a Autoridade Portuaria que a sentencia debe darse por executada, asunto no que non concorda o TSX de Galicia. O asunto, que está recurrido, deberá ser visto novamente polo Tribunal Supremo pra determinar se a sentencia se dá por cumprida ou non. Neste asunto como noutros a noria xudicial vai seguir dando voltas.

            Outro asunto: o PXOM de Pontevedra, que sigue empozado. Xogo de florete antre os partidos cun Louro que por momentos se mostra certeiro, como cando afirma que 30000 vivendas son demasiadas e que se mostra máis partidario da conservación dos núcleos rurales. Pero hai algo do que non falan nengún dos tres partidos presentes no Concello: a redacción dunha verdadeira Axenda21Local, o documento democrático, ó que nos temos referido en máis dunha ocasión, pra consultare antre os cidadáns sobre os pasos a dar prá recuperación do capital natural. O disparate dos recheos portuarios, o estreitamento do río, a edar, a factoría de celulosas e a avenida de Marín que ocupan terreo demanial, son espacios que deberiamos recuperar se realmente queremos seguir tendo ría. E lembrémo-lo dito hai xa moitos anos polo prof. Buenaventura Andreu, no sentido de que as rías baixas son sistemas sensibles, choídos, case entrópicos.

            ¿É que no Concello non lembran que hai xa anos suscribiron a Carta de Aalborg de Cidades Europeas cara a Sustentabilidade? ¿Por qué non lle entregan a tódo-los concellales copia das Declaraciós de Aalborg, da Carta de Lisboa e da de Hannover prá súa lectura e mentalización? Algunhas cidades españolas fixeron ben os deberes, como Vitoria, capital verde europea do 2012. E a súa Axenda21Local pode ser todo un exemplo. O momento é difícil; no urbanismo falaz poden estare acobilladas non poucas traiciós, polo que hai que actuar con suma transparencia, especialmente cando o Wordlwatch Institute cuestiónase no seu estudio deste ano se a sustentabilidade  aínda é posible, ora nos ecosistemas dos que formamos parte; ora no xeito de tratare a ecoloxía urbá.  

domingo, 30 de junio de 2013

A IMPORTANCIA DAS PRAIAS URBÁS

En Roquetas de Mar. Unha das súas praias urbás claves da economía local e do tirón turístico do que disfrutan.

Pontevedra, 1.07.2013
Entrada n. 1680 do blog
Artículo semanal, Diario de Pontevedra.

 A importancia das praias urbás,
por Xesús López Fernández
           
            Hai cidades costeiras que tiveron de sempre como reclamo turístico, como punto de encontro social, as praias do seu litoral, por exemplo Donostia ou Santander, xa dend´o século XIX. Outras irían tomando conciencia dese valor ó longo do século XX, como A Coruña, con tres praias urbás (Orzán, Riazor, San Amaro); como Barcelona, que fixo un gran esforzo pola recuperación do seu litoral; como Roquetas de Mar, en Almería, cuias seis praias urbás dispoñen do distintivo Q de calidade turística, distinción resultado do constante traballo de conservación. É máis, o concellal de Turismo e Praias ten sinalado que “ademáis de certificaren a calidade do seu litoral, é pra eles moi importante, á hora de promociona-la súa localidade no marco do sector turístico, poder contalo e presentaren estas importantes distinciós”. Consecuentemente, Roquetas é hoxe unha cita internacional ó ter sido promocionado o municipio nos mercados emerxentes, como é o caso de Rusia ou os Países Nórdicos. 

            Sería difícil decir ónde España se beneficia máis do tirón turístico das praias. ¿Canarias, Andalucía…..? En Lloret de Mar hai tempo que lle levan dado voltas ó concepto de “praia urbá”, praias rodeadas de servicios, equipamentos e ofertas de ocio do primeiro nivel. E son catro as praias do municipio que reciben o distintivo de bandeira azul, garantía de esixencias de nivel sanitario e medioambiental en canto a normas de calidade da auga, seguridade e prestación de servicios. O turismo de vacaciós “sol e praia” sigue sendo o principal producto turístico de Lloret de Mar ainda que, debido á súa evolución urbanística e demográfica, Lloret se presenta co novo acento de “praia urbá” e como gran destino turístico, pero é tamén unha pequena cidade de 40000 habitantes, con todo o que esto conleva en canto a oferta de servicios i equipamentos. I este modelo demanda unha maior relación co territorio, destacando os espacios urbáns e naturales, coa poboación (ambiente, cultura, tradiciós), coa calidade (servicios, seguridade, limpeza), e coa importancia dos atractivos turísticos dun concello no que destacan as catro praias, os nove kilómetros de costa e un rico patrimonio cultural.
       
     En Galicia temos grandes praias, pero un clima menos afortunado. Dícese que a praia de Rodas, nas Cíes, é a mellor do mundo, pero houbo actuaciós que mesmo puideron ter cambiado o destino ambiental dalgunha das nosas cidades. Nos rexistros da miña primeira memoria lembro cándo se comezaba cos recheos do Areal, en Vigo, espacio ése no que Vigo puido te-la posibilidade de conformare unha praia semellante á da Concha, en San Sebastián, e menos mal que se salvaron outras grandes praias da ría... As praias do concello de Pontevedra foron sempre praias menores, algunhas situadas no barrio da Moureira, ou as de Lourizán e Os Praceres, por certo que en tempos praia de moda, da que xa non queda nada máis que unha pequena caricatura. Pero…¿poderiase pensar en recupera-lo litoral, en conformare no espacio das marismas de Lourizán unha verdadeira praia urbá? Estou en que sí, o que demandaría un cambio de mentalidade política e un esforzo titánico. Hai  moita traición que vencer.

            Agora, cando volven falare con certa insistencia do PXOM, pró que se apuntan diversas vías, non parecen estare os nosos políticos por un labor certo máis alá da cuestión da factoría de celulosas, que uns defenden mentres outros adoutan unha actitude pouco clara, porque non se definen pola recuperación de Lourizán. Levan anos renunciando ó mar e incluso parece cabal que pra ese PXOM sobre o que volven deseñaran unha nova edar ó estar sentenciada a d´Os Praceres, talvez na banda de Poio, pola dinámica das augas e por se tratar dunha infraestructura que daría servicio a diversos concellos. I é que non se pode renunciare ó mar nen abandona-lo que é dominio público marítimo terrestre. Pontevedra pode volver ter praia, pero ha ser en base a unha Axenda21Local, necesaria pra un PXOM sen trampas. E moito máis que queda por decir.       

martes, 12 de febrero de 2013

DISCURSOS PRÓ ANO NOVO [2.01.2004]



Pontevedra, 11.02.2013
Antroido pontevedrés. A frivolidade, a ledicia, a parodia e o xarabaldo apodéranse das rúas, reventan o silencio e o descanso dos que queremos dormir. Nada que ver co tema do artículo que sigue.

Artículo do 2004
Entrada no blog n. 1607

Dispóñome a recuperare unha serie de artículos do ano 2004, coido que aínda non entrados no blog. Son artículos que penso non perderon actualidade. 

Discursos pró ano novo, [2.01.2004]
Por Xesús López Fernández

            Arrancada de discursos dirixidos a unha Humanidade que parece agardar un ano máis solidario pra  todos, mesmo cos países nos que as xentes sofren por causa da guerra ou como consecuencia dos cataclismos que se suceden: primeiro, en Bam, no Irán, onde parece que aínda non temos cifra final da traxedia na que se telumbran  ó redor dos 40.000 posibles mortos. E cando non está levantada a acta definitiva do  acontecido, novos movementos de terra de gran magnitude acaban de se produciren en México e Indonesia, méntre-la guerra segue. En definitiva, a Terra está enferma, en malas mans, e quéixase nunha especie de estertor final potenciado pola actuación dos homes, culpables do desequilibrio climático no que os responsables da cousa pública non queren reparar, e veñen co seu contacontos insolidario, tan lonxe do que nestos momentos nos acaban de conta-lo Santo Padre, Riccardo Muti, Mijail Gorbachov, ou Kenichi Michimata, un xaponés que chegaba ó Cebreiro no primeiro día do ano. [Comezado o camiño a Santiago en San Jean de Pied de Port, confesaba o home que estaba facendo a ruta por Javier de Navarra, en referencia ó introductor do cristianismo no Xapón].

            É importante   converte-lo ano xubilar nun referente espiritual do continente. Santiago, faro de Europa, representa ó longo da historia unha gran concentración cultural. É importante que Michimata, un profesor de secundaria, chegue a nós no albor do ano, ó remate dun camiñar que representa espírito ecuménico e solidariedade, algo ó que os xaponeses nos teñen afeitos porque algúns deles mesmo fixeron morada por anos en terras de Pantón ou establecéronse na Costa da Morte con vontade férrea, loitando contra o chapapote,  lección  na que moitos aínda non repararon. I eso tamén se nota nos discursos. Pero son palabras e xestos como os descritos os que realmente nos conmoven e que nos fan creer que outro mundo é necesario. E neste orde de cousas deberemos agradece-las palabras de Riccardo Muti, director de orquesta, con motivo do concerto celebrado pola Filarmónica de Viena, este ano adicado a Johann Strauss pai. As súas palabras deberon sorprender a moitos cando, antes de comeza-la execución do Danubio Azul, pideu un ano de paz e un futuro mellor pra todos, especialmente prós nenos

            Riccardo Muti salientou a forza igualitaria da música, porque o concerto, que estarían oíndo millóns de persoas de todo o mundo, era entendido por todos con independencia de raza e color.  ¡Claro que a Música é unha lingoaxe universal, como a  Ecoloxía, por onde van outros discursos, como o de Mijail Gorbachov! A súa Carta á Terra está preñada de avisos de urxencia. ¡Xa me gostaría a min que, na serie de actos organizados ó abeiro do ano xubilar, estivera previsto algún discurso do promotor da perestroika que ó mellor tería que reconta-la historia de Chernobil ou  a dos lagos Baikal e Aral, ou dun Danubio hai pouco envenenado  con cianuro, e que por esa vía acabaremos con todo! E na súa proclama de solidariedade, o presidente da ONG Cruz Verde Internacional [que tamén apoia o desarme e a liquidación das armas de destrucción masiva] aposta por unha nova educación ós nenos, porque se lles ensine a seren cidadáns do seu país á par que cidadáns da Terra. En fin, que o libro, de lectura fácil, pode servir de manual prós responsables do poder que  manteñen unha política industrial fundamentalista contra a Natureza, como Bush coa súa intención de realizar prospecciós de petróleo na Reserva Natural do Ártico en Alaska, proposta de momento derrotada no Senado [52 a 48], como consecuencia da reportaxe fotográfica de Banerjee.

            O  traballo foi loubado por diversos naturalistas como tamén polo expresidente Jimmy Carter, outro home sensato, que afirmou que o petróleo que poidan sacar de Alaska equivalería ó 1 ou 2% do consumo cotián dos EE.UU. Pero Banerjee advirte, ademáis, que alí hai vida, e nos transmite a mensaxe dos indios Gwich´in e dos esquimales Inupiat, “os únicos poboadores desas terras, que me ensinaron que o home debe coexistir e non conquista-lo mundo natural”. Curiosamente, a mesma lección que reitera Gorbachov de “conserva-la Terra prós nosos fillos, un proiecto que implica unha vida máis frugal pra gañar en calidade de vida”, algo que non comprenden os homes da guerra [mesmo os sindicatos que perderon o discurso pola paz] e prós que vale a situación denunciada polo Papa que falou da urxencia “de forma-las conciencias na cultura da paz”, que tamén levantou acta  “da inxusticia e violencia que oprimen varias zonas do globo, algo moitas veces esquecido”. Nun discurso de síntesis das pequenas mostras aquí traídas, eu diría que a Humanidade está urxente [a Igrexa tamén], de promove-la creación de comunidades ecolóxicas de base, pra así facer posible a salvación da Terra. 

viernes, 13 de julio de 2012

Sabucedo, exaltación da rapa das bestas

Unha vista do curro de Sabucedo, que este ano foi noticia en diversos medios de televisión que nunca se ocuparan do tema. Sabucedo como Amil é un referente a ter en conta.

Pontevedra, 13.07.2012
Entrada n. 1547 do blog

Sabucedo, exaltación da rapa das bestas,
por Xesús López Fernández

Poucos días despois de se celebrare a rapa das bestas de Sabucedo, a consellería do Medio Rural daba orde de que os cabalos, as bestas que andan no monte, estean necesariamente marcadas cun chip. En caso contrario procederán ó exterminio dos cabalos. Acabarían así cunha tradición secular. Prefiro non facer comentarios; sí valora-la actitude das xentes d´Amil que se prestan a celebraren o seu curro pra que a baixada das bestas e a correspondente rapa non morra.


lunes, 9 de julio de 2012

Salvémo-lo mar

 Mar de Cangas, na ría de Vigo, en tempos rica en sardiñas. Cando o señor Ozámiz, comandante de Mariña, tivo aquí destino, o home embarcaba pola noite nun bou pra dese xeito tentar acabare coa pesca con dinamita. Chegaría o momento no que, como antes da guerra,  a trescentos metros do peirao de trasatlánticos vigués, os barcos volvían pescar sardiñas en abundancia.
Feijóo na inauguración dun desastre ambiental, a nova ponte d´As Correntes en Pontevedra, onde todos suspenden en ecoloxía. Queren acabar co mar.

Pontevedra, 9.07.2012
Entrada n. 1543 do blog


Salvémo-lo mar,
por Xesús López Fernández

Entrada breve pra lembrare que onte foi o Día dos Oceanos, data proposta pola ONU hai varios anos. Moitos países non suscribiron aínda o acordo do alto organismo e os mares siguen padecendo o abuso das xentes e dos políticos desalmados. Aquí, na ría de Pontevedra, en momentos de especial importancia, faltou un home honrado, como Ozámiz, co que se terían evitado, seguramente, cousas como a instalación de Ence, ou estaría cerrada hai tempo por non ser outra cousa que unha industria de enclave colonialista, de vertedeiro a un medio sensible.

Pero os políticos que teñen aquí poder sobre a cousa ambiental non están a faceren os seus deberes. Queren case que o mar desapareza, seguir con deshonestos recheos pra faceren máis e máis solares.

O tema da conmemoración deste ano é: "Xuventude: a nova etapa pró Cambio". A designación oficial do Día Mundial dos Oceanos é unha oportunidade pra creare conciencia mundial....( Sigue, Wikipedia informa)

domingo, 5 de febrero de 2012

Lembranza do Convenio Ramsar

 A morte da ría de Pontevedra, creación fractal.
 Maxinando unha braña...
 Baixo o pantalán hai vida.
Banco de peixiños contra luz.

Pontevedra, 5.02.2012
Artículo semanal
Entrada n. 1496 do blog

Lembranza do Convenio Ramsar,
por Xesús López Fernández

            O pasado dous deste mes celebrouse o Día Internacional dos Humedales. A tal celebración é consecuencia do Convenio Ramsar, así chamado por ter sido asinado na cidade do mesmo nome, Ramsar, Irán, no mar Caspio, o 2.02.1971, en relación cos humedales (lagos, lagoas, marismas) de importancia internacional especialmente como Hábitats de Aves Acuáticas. Entraría en vigor no 1975 e actualmente conta con máis de cen estados membros en todo o mundo. É, ademáis, o único convenio en materia de medio ambiente centrado nun ecosistema específico: os humedales e, aínda que na súa orixe tiña un obxetivo principal orientado á conservación e uso racional en relación coas aves acuáticas, actualmente recolle  a importancia destos ecosistemas como algo fundamental na conservación global e mai-lo uso sustentable  da biodiversidade, con importantes funciós (regulación do ciclo hidrolóxico, recarga de acuíferos, estabilización do clima local), valores (recursos, pesquerías, auga) e atributos (dar cobertura á biodiversidade e usos marcados pola tradición).

            Máis alá do discurso “políticamente correcto” sobre protección ambiental de “marismas, pantanos ou superficies cobertas d´auga, incluídas as extensiós de zonas mariñas con fondura en marea baixa que non pase dos seis metros”, que así define o convenio de Ramsar estos ecosistemas, nos que a auga xoga un papel fundamental, a conservación destos espacios é vital, pois son indicadores da saúde do planeta. A relación de zonas húmedas de importancia internacional pasa das mil. A contribución de Galicia á lista destos ecosistemas comezou serodiamente, coa inclusión das rías de Ortigueira e Ladrido, o complexo húmedo de Corrubedo, o complexo intermareal Umia-O Grove e, xa no 1994    a ría do Eo, cun ecosistema de xunqueiras envidiable. Que Galicia conte con máis de setenta mil hectáreas de zonas húmedas non quer decir nada, como se demostra coa recén desfeita de Frouxeira, un humedal protexido no que a Xunta usou maquinaria pesada e nunca remediou a sistemática agresión na ría de Pontevedra, que algús quixeron apantallar co discurso do purolérez.com.

            As zonas húmedas son fontes de recursos prá pesca, caza, gastronomía e artesanía tradicional, como sabiamos en Pontevedra e Marín, con memoria aínda de entalladas. Son escenarios privilexiados e, como di WWF, “restaura-los humedales como forma de recupera-la biodiversidade e servicios de orde ambiental; como estratexia de adaptación ó cambio climático, pra evitare enchentas i erosión”, como factor tamén na depuración biolóxica, convírtense en prácticas obrigatorias. “El País” comenta cómo estos servicios non se tiveron en conta cando, sobre todo nos anos sesenta e setenta do pasado século, “a política turística e a urbanización do litoral alterou ou destrueu un 70% dos ecosistemas húmedos costeiros”. E a Fundación Biodiversidad do MARM ten un proiecto de evaluación dos EME (ecosistemas do milenio de España), que tenta facilitar información válida a políticos e xestores.

            Os ecoloxistas agardan que prevaleza o sentido común da dita evaluación, sobre todo cando dí “se potenciará la protección de sistemas litorales…prestando especial atención al tratamiento de humedales costeros”, que parece en contradicción coas medidas anunciadas polo ministro Arias Cañete en relación coa lei de Costas, da que na ría de Pontevedra, espacio sensible, pasan olímpicamente. A ría está no estertor cando se dispoñen, din, a draga-lo fondo, algo que non vai servir de nada. A ría, se realmente queren rexenerala, precisa da recuperación das xunqueiras (e que o mar volva entrar nelas), das marismas de Lourizán e da execución das sentencias en relación cos recheos do porto de Marín, así como da retirada de certas infraestructuras (avenida a Marín, edar), construídas en dominio público marítimo terrestre. Certos blogs pontevedreses mostran fotos de hai máis de cen anos que axudarían á recuperación do noso litoral, coa Convención Ramsar como folla de ruta.

domingo, 28 de agosto de 2011

Augas negras

O scalextryc de Mollavao vai ser construído no espacio que se aprecia na foto, na fin da recta de Lourizán.
-
Pontevedra,28.08.2011
Entrada n. 1464 do blog
Artículo semanal



Augas negras,
por Xesús López Fernández


A falta dunha verdadeira política ambientalista na ría de Pontevedra, a teima en seguire marcando os tempos dunha involución certa prá nosa ecoloxía, é evidente. Aínda estos pasados días, río Lérez arriba e con marea baixa, apreciabase o fondo lodoso de color negra betún, as augas igualmente negras, algo comprobado en días sucesivos. ¿Pero qué foi daquel purolérez.com que nos prometían os propagandistas da Carta de Aalborg? Traicionado o conxunto intermareal no que traballaban diversas depuradoras biolóxicas, as xunqueiras, desta volta e no marco das obras dos terreos que ocupou Tafisa diríase que están a poñeren un novo acento a esa traición, pois nada se está a facere pola recuperación do humedal duns 11000 metros cuadrados que co tempo iría ocupando o parque de madeiras da desaparecida fábrica. Si algún proiecto de rexeneración existe, de momento non se ve. Nun deses paseos apreciabanse tres cisnes, como derrotados, á procura da auga menos contaminada que recibían por un esgoto, escorrentía orixinada, talvez, no outro lado da estrada, á altura do humedal desaparecido.

Poderiamos seguir cunha especie de inventario do que se leva facendo mal dende os anos 50. A Lei de Costas do 1988, que puido ter un efecto salvífico nesta ría, foi sistemáticamente ignorada dende as administraciós que inda aspiran a reventala. Intentos non faltaron, moi en contra da actuación que se supón terían que asumi-las ditas administraciós na defensa do dominio público marítimo terrestre. As marismas de Lourizán poden ter ante sí un futuro de rexeneración; pero, tristemente, as denuncias que se van prantexando, eternizadas no carreiro xudicial, son case sempre promovidas por medio do exercicio da acción popular ante a Xusticia. E así vanse producindo algunhas sentencias firmes que, pasando anos, non se dan executado, como acontece cos casos denunciados pola Plataforma prá Defensa da Praza d´Os Praceres, como tamén os procedementos incoados por Salvemos Pontevedra poderían marcar unha alborada nova pra Lourizán, firme xa a sentencia que devolve á vella concesión de Malvar a condición de dominio público marítimo terrestre.

As administraciós, responsables por acción ou omisión de tanto disparate feito, son de novo culpables na realización da obra que presuntamente ilegal, a conexión coa variante de Marín por medio da rotonda a tres niveles, en Mollavao, con radio de 200 metros, obra en principio alegada por un colectivo de diversos grupos ecoloxistas. Nada, outra batalla xudicial en marcha. Non importa que a Xunta e o Concello digan que se trata dun erro gravísimo e que as negativas de Fomento a modifica-lo plan obrigáronos “porque os cidadáns non podían agardare máis tempo”. Discurso falaz de seudoecoloxistas que non repararon que a Edar d´Os Praceres por eles impulsada era ilegal según a Lei de Costas; que tamén o sería o tanque das tormentas que o Concello quería construire en Mollavao, e todo canto mal se leva feito no porto de Marín, onde hai que retirar recheos por sentencia xudicial, pero se dispoñen a seguiren ocupando máis lámina d´auga.

Presuntamente, a obra vai consolida-la autovía de Marín, asentada sobre as marismas de Lourizán. Escuros intereses parecen marca-lo operativo. E Lores aínda tivo unha gracieta na conversa que se celebrou a pé de obra o pasado mércores: “Queda claro que no ministerio de Fomento, goberne quen goberne, mandan os técnicos”. ¿E non serán os clústers os que marcan a folla de ruta?. Telmo Martín tivo palabras rotundas: “É unha auténtica aberración que imos acabar lamentando”. O conselleiro dixo máis: “Nós queriamos saca-la autovía da beira do mar”, promesa bonita se fose certa; un sensentido, xa que non se aprestaron a recurriren pola vía xudicial en contra da agresión ó medio natural que a obra representa. As augas baixan negras. Unha derrota pra todos, e prós que fardan d´augadores do purolérez.com.

domingo, 17 de julio de 2011

LUME FORESTAL

Unha imaxe do Apokalypsis que, a pouco que faga sol, ameaza a nosa terra a consecuencia das repoboaciós de piñeiros insignes i eucaliptus efectuadas dende os anos cincuenta, de forma intensiva. Coese periodo coincide o maior éxodo emigratorio da nosa terra, que antes do uso irracional que actualmente se fai fo monte, con uso máis intelixente dese gran valor mantiñan as aldeas vivas, os montes vivos tamén. ¿E poderemos falar dun clúster incendiario? Si que podemos porque prantar eucaliptos xa é, en certa medida, ser incendiario.

Pontevedra, 17.07.2011
Entrada n. 1453 do blog
Artículo semanal.

Lume forestal,
por Xesús López Fernández


Nova temporada incendiaria nos nosos montes. Hai cousa dun par de meses pasei por Taboadelo, no concello de Pontecaldelas. Dende alí e mirando cara á vila do Verdugo albíscase a floresta apocalíptica, os eucaliptos queimados no verán do 2006, testemuñas daquel ano de horror incendiario. Esos exemplares parecen incapaces de botar novas ponlas e o chan dalgún daqueles montes está como mineralizado, como se despois de tanto abuso na prantación da citada árbore, fose necesario comezar cun plan serio de rexeneración e cambio de estratexia forestal. Pero non acabamos de aprender nen de toma-las decisiós necesarias. Queren incluso prantare tres millós de novos eucaliptos, a maiores dos que xa contaminan 396.344 hectáreas da nosa terra, magnifica-lo deserto verde, privare de vida ó monte e ás aldeas. Desgraciadamente, só 25000 hectáreas do noso chan están ocupadas por boscos primixenios de boa calidade ambiental. A disparatada diferencia está aínda potenciada pola abundancia de chuvias que favorecen a presencia do eucalipto e por un aliado conocido: o lume.

Os incendios do monte axudan a reproduci-lo eucalipto en contra doutras especies de forma asoballante. Eso é sabido dende hai tempo, como o dato estarrecedor de se ter contabilizado 22000 renovos de cepa por hectárea de eucaliptal queimado. O abandono do uso tradicional e variado do monte, fundamentalmente gandeiro e agrícola, foi reemprazado por un uso uniforme e industrial: madeira pra pasta de celulosa, pra taboeiros e pra aserrare. Os montes enchéronse con millós de metros cúbicos de combustible altamente inflamable e con rápida capacidade de combustión e propagación. Esa é a principal causa estructural dos incendios; os pirómanos ou ben outras causas só prenden o lume. E xa hai 25 anos, a superficie do eucalipto ardía corenta veces máis e a do piñeiro dez veces máis que a do carballo ou castiñeiro respectivamente. E citemos aquí o dito por Ted Williams sobre o impacto no Sur dos Estados Unidos das prantaciós de eucaliptos:


Das moitas especies de eucaliptos (en California sobre 200 das máis de 600 existentes) que progresaron co lume, nengunha como o glóbulos, un andacio na nosa terra. Os bombeiros californiáns chaman a esta especie “árbores gasolina”, porque o lume non-os mata e del dependen pra abri-los seus frutos i elimina-la competencia. O eucalipto glóbulos non arde sinxelamente, senón que estoura, espallando teas e sementes a moitos metros en tóda-las direcciós. Ademáis de toca-lo tema do seu protagonismo na perda de biodiversidade e seca de acuíferos, o autor chega afirmar que vivir do lado dun enclave destas árbores é como vivir a carón dunha pirotécnica con empregados fumadores. O artículo está publicado por WRM Movemento Mundial polos Boscos do Trópico, baixo o título de “EEUU: eucalipto, a maleza máis grande”. O autor insiste no sensentido que prós EEUU representou a importación de eucaliptos de Australia ó tempo que exportaban secuoias a aquel país.


Pino i eucalipto son especies pirofíticas, inflamables pola súa resina, cortiza ou contido de aceites volátiles, que facilitan o lume por seren poboaciós persistentes que aínda agrandan o seu territorio despois do lume. Contra a promoción que se queira facere do eucalipto como inmisor de CO2, o certo é que estas prantaciós monoespecíficas promoven a propagación do lume. Lembremos que no 2006 algún incendio puido ter unha fronte de vinte kilómetros, ou así. Entón, ¿cál pode se-la solución pra acabare co lume forestal? Eliminar eucaliptos, como hai anos pedía o actual delegado do Goberno Miguel Cortizo, daquela diputado no Parlamento galego. A conversión de pinales en fragas, con árbores caducifolias e fragmenta-los cultivos proclives ó lume por medio de prantaciós clímax, máis resistentes. Montes pró pastoreo marcarían tamén un camiño de sustentabilidade, de recuperación do capital social perdido polas comunidades de montes. Un futuro mellor. E riqueza certa.

martes, 5 de julio de 2011

JODER, QUÉ TROPA!

Recheos ilegales no Porto de Marín, que deberían desaparecer coa execución das diversas sentencias dictadas polo TS, si se executan algún día. Coa tropa política da que dispomos eso parece inviable. Joder, qué tropa!
Unha nova decisión da caverna política, a construcción do nudo-scalextryc na punta de Mollabao. Van con toda présa preparando o paso sobre a vella estrada de Pontevedra a Marín, espacio no seu día transitado polo progreso en forma de tranvía ou trolebús, eso dito novamente prá constancia de que Pontevedra, a cidade que deixou de ser porto de mar, carece tamén de transporte público por se convertiren en protagonistas das decisiós urbanísticas nasturcios chegados de diversas aldeas, portando en sí o peor que se pode dar no eido urbanístico. Joder, qué tropa!
Nesta foto vese ben a punta de Mollabao e o enlace da autovía construída en dominio público marítimo terrestre coa autopista Vigo-A Coruña. Esa punta e o enlace van ser agredidos de forma talvez irreversible por decisión dos nasturios de José Blanco, ministro de Fomento, Rosa Aguilar, políticos locales do Bloque, do PSOE e do PP, e o goberno da Xunta, que dixo opoñerse á nova obra pero que, vamos, veñan cartos porque a cousa urxe. Citemos o dito por Telmo Martín na pasada campaña en relación á súa oposición á obra demencial que estamos a denunciar. Digamos que a única oposición escrita, a única alegación contra esta obra, é a de Savemos Pontevedra e outros catro ou cinco grupos ecoloxistas locales ou provinciales. Curiosamente, a día d´hoxe non se ten pronunciado a APDR, que debe carecer de instrucciós dos "sobranceiros ecoloxistas Lores e Mosquera", preocupados por mete-la nova infraestructura no seu demencial PXOM, do que sí está ausente a AXENDA21LOCAL. Joder, qué tropa!
Éste é o espacio que Fraga quixo brindarlle a José Luís Méndez, de Caixagalicia, a cambio do monte Gaiás recibido pra mausoleo do león de Vlalba. Ámbo-los dous pensaron en Tisú de Lourizán como situación terminal desta ría, que Fraga chegaría definir como a nova fachada marítima de Pontevedra, ademais de lle chamare ás fábricas de morte aí instaladas, desenvolvemento sustentable. A desafección do terreo non prosperou e Cristina Narbona, por medio de oficio do seu ministerio lembraría a inviolabilidade dese espacio, dominio público marítimo terrestre. Joder, qué tropa!
Pontevedra, 5.07.2011
Entrada n. 1448 do blog


JODER, QUÉ TROPA!.

por Xesús López Fernández


A frase do título é dabondo conocida, pronunciada en certa ocasión por Federico Trillo. Sería cousa, neste momento, de amplifica-la megafonía dada á mesma, que parece unha definición coherente da perda de calado da conciencia política de tódo-los partidos, que nengún se salva cando nos referimos a ecoloxía. Joder, qué tropa!

A construcción do scalextryc de Mollabao, sobre o que vai a entrada anterior, é unha agresión talvez final, peor que a infraestructura da ponte da Puntada, construída no seu día pra que Pontevedra, patria de insignes navegantes, esquecese definitivamente o mar, algo que parece xa conseguido coa gobernanza local chegada das aldeas. Joder, qué tropa!

Enlaces:




o blog de xesús lópez: O estertor da ría, todos culpables. (Este artículo mantén a súa actualidade). Joder, qué tropa!