miércoles, 4 de noviembre de 2009

Exercicio de memoria [26.07.2003]

Dibuxo fractal de Xesús López: Lourizán, antes e despois (agora). A parte superior quer lembra-las marismas de Lourizán antes da Celulosa; a parte d´abaixo quer retrata-la sentina na que se vai configurando a ría. O artículo que sigue, outro recuperado do 2003, fala daquel mundo perdido; tamén mostra outras sensibilidades no Bloque de Beiras, agora perdidas, descoberto xa o xogo xangal do partido, con portavoces que prometen novos solpores. E seguimos, ademáis, sen Plan de Emerxencia Exterior. Aquí non se lle teme ó cloro.
-
Entrada n. 1062 do blog
-
Exercicio de memoria, [26.07.2003],
por Xesús López Fernández

A cuestión da papeleira que queren montar en Pontevedra é un sen sentido, porque se ós alemáns lles resulta rentable merca-la celulosa aquí pra fabricaren o papel tisú no seu país, evidénciase a falta dun estudio serio pra outro lugar de Galicia. Se verdadeiramente se quere pensar nas posibilidades desta ría, en capacitala pra unha auténtica acuicultura e pró turismo de excelencia, hai que forzar un cambio total pró panorama que algúns están a soñar, no que columbramos o deseño final dunha ría sen praias...E un, que lembra a Puntada e Cocheras como lugares frecuentados, relembra tamén o ir e vir en tranvía ata a parada de Lourizán, o areal preferido pola familia, especie de horta do común, horta largacía na que a baixamar permitía coller, coas simples mans, croques e ameixas en abundancia. ¡Cánto cambiou todo! ¡Cómo nos roubaron o mar! A construcción da avenida de Marín nos últimos cincoenta sirveu prá formación espontánea, alí, dunha auténtica granxa mariña: cariocas, lenguados e rapantes, vieiras, ostras e, como sempre, berberechos e ameixas, unha das caras do potencial económico deste mar, quebrado coa presencia da fábrica de celulosa dende 1963, nunca axustada ás condicións da concesión. Dende aquela, problemas de saúde e alcatreo.

De doudice política foron os criterios aquí aplicados en materia de urbanismo e de industrialización, o estreitamento máis e máis do río, as construccións do entorno da Moureira [en zonas que nalgún caso foron dominio do mar] de casas e casas a taparen a fachada de Santa María, tan ligada ó gremio de mareantes que agora se consolarían coa construcción na rotonda de San Roque dun monumento ás súas xentes, ó que elas representaron no mundo do mar, cando As Corbaceiras eran un porto vivo. Lembremos ós Nodales ou a Sarmiento de Gamboa. E teñamos presente que a teima desfacedora, arrasadora, é de relativamente hai pouco, porque a casa solar do último dos citados foi desfeita sendo alcalde Rivas Fontán... Un pergúntase ónde estaba Patrimonio daquela, e lembra a López Capont indignado con motivo dunha visita ó lugar, cicerone duns amigos chilenos ós que lles quixo mostra-la casa do autor dos primeiros mapas do seu litoral...Tamén Celso García de la Riega, autor dun libro adicado a “La Gallega”, a caravela Santa María, deixou un comprido retrato do que foi a nosa ría, a presunta patria de Colón. I é seguro que Adriano, o gran constructor de pontes, marcou o camiño do que non se debía facer, pra que as mareas xogaran libremente a preñaren de vida os contornos das xunqueiras. Adriano, un adiantado en Ecoloxía.

E á Ecoloxía refireuse Beiras o pasado 25 como unha das bases pra construí-la nosa libertade. No da papeleira [máis ruína ambiental] non parecen estar conformes os homes da CIG. E veremos ónde chega a denuncia do goberno local ante a Xusticia, en contra do decreto de supramunicipalización da Xunta pra que a nova fábrica se poida construir sen licencia municipal, o que serviría pra consolida-lo complexo pontevedrés [que caduca no 2018] en contra da lei, en contra tamén da vontade de moitísima xente. Un entende que a postura do Concello é correcta esta vez, aínda recente a súa inhibición noutros temas de importancia medioambiental [construcción do tren por sitio indebido, recheos no porto]. E que existe un horizonte posible prá solución de moitos dos nosos problemas: o Tribunal de Dereitos Humáns de Estrasburgo. Pero aquí faltou un colectivo con clara vocación e con cartos, disposto a chegar ó alto tribunal. E lembremos o acordo plenario do Parlamento de Galicia de abril, ano 2000, de solicitar á SEPI o traslado da fábrica de cloro. Pero foi daquela, tamén, cando se retirou o Proiecto de Lei da Calidade das Augas da Ría de Pontevedra. ¡Qué extraño todo!.

Pero Elnosa permanece sen plan de emerxencia exterior, algo que convén ter moi presente despois do acontecido en Cataluña, un incendio producido nunha industria química de Les Franqueses del Vallés, coa conseguinte nube de cloro. O día 18 de Xullo informaban diversos medios [prensa e televisión] de que cen mil persoas estiveran en grave peligro, feito reconocido pola propia Generalitat. “Cara as 22 horas do xoves 17, os bombeiros, que desprazaron ó lugar a 25 dotacións, conseguiron controla-lo lume e con aspersores de auga foron diluíndo a nube tóxica ata que, ás 23 horas, desactivouse o Plan de Emerxencia Exterior e os veciños puideron abri-las ventás e sair á rúa”. Houbo que corta-lo tránsito en diversas estradas, xa que a nube desprazouse por diversos municipios da bisbarra....Un pergúntase se en Pontevedra, coas estreiteces existentes, pode funcionar un plan de emerxencia, pero mellor pensar nun futuro sen nube de cloro, con Ence i Elnosa lonxe daquí, vertido cero, sen alcatreo... ¡O vello Lourizán das viaxes en tranvía!. ¡Eso era calidade de vida! No-la roubaron.

martes, 3 de noviembre de 2009

En tempo de elecciós [1.05.2003]

Praza da Verdura, xa desalmada, brutalismo urbanístico en estado puro, convertida nun dos espacios da nova economía. Na fotografía, trabancas dunha exposición feiral portuguesa aínda disimulan o aspecto actual do espacio que quixeron convertiren en Praza Roxa; os domingos tócalle rastro, onde é fácil atopar obxetos roubados. Os demáis días, a economía está centrada no terraceo das taperías con moscas, xa me entenden. A miseria trae estas cousas.
-
Este que sigue é un traballo do ano 2003, dos moitos que teño que ir recuperando pra confialos á memoria deste blog. O lector saberá situarse no tempo que corresponde ó artículo.
-
.Entrada n. 1061 do blog
-
En tempo de elecciós, [1.05.2003]
Por Xesús López Fernández
-
As declaraciós que dende agora se produzan, os actos organizados por uns e outros partidos e plataformas neste tempo que nos queda ata o 25.5 teñen ou terán un claro ou non tan claro obxetivo: gaña-las elecciós, facerse coa alcaldía si é posible. Noticias, fotografías, actuacións urbanísticas, obras discutidas ou protestadas, van pesar no balance final deste período que todos debemos facer pra poder emitir un voto responsable. E no colectivo cidadán é comenente non renunciar a un espírito crítico, non vaia ser que nos vendan de novo a burra como se fose o cabalo branco de Santiago. Por exemplo, cando esto escribo [1.5] está anunciada a inauguración do novo paseo de Gutiérrez Mellado. ¿Por qué non lembrar que nese espacio eliminaron 70 prazas de aparcamento en superficie? ¿E por qué non lembrar igualmente o nome democrático daquela avenida, O Chanchullo? Porque ésa foi de sempre a denominación popular, de base cidadá.

Agradezo o dito por Tere Casal en relación co abandono dos xardíns de San Francisco, seguramente coa idea de configuraren alí o gran espacio fascistoide, digo porque a praza da Verdura quedou pequena, idea coa que creo debe coincidi-lo candidato dos Verdes á alcaldía, que nun debate recén tamén citou a desfeita do sitio, privado dos bancos e catalpas, convertido nun espacio “prós seus encontros e degustaciós”, dixo. Vidal insisteu en que as árbores estaban sans, agás unha delas. Conservo fotografías da actuación arboricida, vergonzosa, pra converteren o espacio nunha praza de deseño hortera, “patio carcelario, patio cuarteleiro” que dixo o poeta. Alén do poster do plan Urban no que se mostraba unha fotografía da vella praza, o certo é que hoxe temos alí un lugar continuamente reventado, no que aínda o pasado domingo 27.4 celebrouse unha actuación de violencia decibélica, rock-NuncaMáis con discursos, autorizada polo concello. (Lembremos que o T. Supremo confirmou o 2.2.2003 unha sentencia da Audiencia de Palencia pola que se impón unha pena de dous anos e tres meses de cárcere ó titular dun restorán-sáa de festas daquela capital).

Se Mosquera foi entón criticado polo Centro de Lourizán, porque a catalpa enferma tiña tratamento, o home volveuse sensible co carballo de Santa Margarita e pasou aviso a Medio Ambiente, que devolveu a denuncia porque a súa conservación é cousa do concello, ofrecendo ó mesmo colaboración. Pero convén lembra-lo despotismo co que o concelleiro actuou cando a corta das catalpas, a desestimación feita daquela da protesta cidadáa, comprendida polos asinantes denunciantes daquela actuación urbanística, a mesma que acaba de cuestionar Vidal Fraga. O certo é que os veciños do entorno perderon calidade de vida a consecuencia da reconfiguración levada a cabo, sen esquece-la actitude da Delegación de Cultura, que se supón comparte agora culpas na musealización da cimentación da muralla na rúa Sierra. ¿Por qué non se lle dá o mesmo tratamento que á Porta das Trabancas? ¿Por qué non se completou a actuación na rúa da Ponte, cando apareceron alí algúns dos arcos da ponte medieval? ¿Cómo Patrimonio non vixiou o impacto da fixación do monumento de Quesada na rotonda construída por Fomento no Burgo?

Teño valorado positivamente a construcción do parking na praza de abastos. Hoxe, sen embargo, coido que a dita actuación queda empequenecida pola peatonalización salvaxe disposta na zona. Non se calibrou o dano que se estaba a facer, pola falta evidente de “talentos democráticos” máis alá da burda colaboración dalgún que outro “axente social”. E non sei se o tempo estará maduro pra que os cidadáns pensemos en lle dá-la volta á forma de gobernaren os partidos, dende a arrogancia. A reunión de oito candidaturas independentes o pasado 29.4, no Hotel Rías Baixas, pode marcar un inicio de colaboración, unha forma nova de sentir e participar na política, de construir un futuro como o que xa é presente no concello de Oleiros. O seu alcalde, García Seoane, representante da Alternativa Veciñal que alí goberna, contou cousas interesantes: nove bibliotecas, trece ou catorce pabellóns polideportivos, a recuperación de espacios, un parque de cen mil metros cadrados na parroquia de Maianca, que ten uns 800 habitantes. E que alá estiveran xentes da RAI e da universidade de Bolonia, porque Oleiros é todo un referente urbanístico e social, pero xa haberá tempo de falar máis polo miúdo de todo esto. García Seoane conta con gañar folgadamente o próximo 25. Coido que están a faceren escola de cómo actuar pra que non se repita a frustración de descobrir que quen se presenta ás eleccións como demócrata pode levar dentro de sí un elemento disposto a acabar coa convivencia e cun modelo de cidade --comercial-- recibido da Historia.

sábado, 31 de octubre de 2009

A sustentabilidade ambiental

"Mencer no sotobosco". Dibuxo abstracto de Xesús López. Podemos pensar nun bosco primario ou nunha vella fraga das que xa case non quedan no noso país, de cada volta menos país.
-
Ponevedra, 31.10.2009
-
Entrada n. 1060 do blog
-
Artículo semanal pró 2.11.2009
-
A sustentabilidade ambiental,
por Xesús López Fernández
-
A sustentabilidade ambiental está, de cada volta máis, no discurso político-económico. Diversas leis foron xa promulgadas no noso país, especialmente en relación co mantenemento e amelloramento da base económica do medio rural, ó aumento da poboación e á recuperación do patrimonio natural e cultural, como expón algún dos textos accesibles. Sen embargo, o concepto de sustentabilidade parece non estar aínda debidamente comprendido e que ven resultar contraposto á idea de crecemento, de progreso; que debe estar basado antes en valores constantes: de producción, poboación e, sobre todo, en que o medio ambiente, a natureza, manteña vivas as súas capacidades e, sobre todo, nun respeto sagrado pola auga. Sen embargo, esas constantes están alteradas e, como consecuencia, a Terra está ferida como unha especie de Titanic que se afunde. Xa non queda tempo, parece, pra que todos poidamos sobir a un bote salvavidas. As cidades creceron máis do debido; os ríos foron convertidos, con toda impudicia, en cloacas, como se tiveran nacido pra esa función e non pra lle dar vida á paisaxe e posibilitar unha economía real.

Estes días atrás se daba a noticia, reiterada cada pouco, de que siguen a morre-las nosas aldeas, case sen xente algunhas delas; que incluso un de cada cinco homes de 65 anos vive sóo, nesa soedade aldeáa que representa a morte dun mundo que sí inventara a sustentabilidade no marco da economía de subsistencia. Diversos factores determinantes da emigración masiva das nosas xentes foron acabando cun país que non se recupera, que perdeu non poucos dos seus signos de identidade: agro, gandería, biodiversidade e vexetación clímax nunha especie de colonización salvaxe. E a agresión ó litoral en beneficio dunha acuicultura falaz. Polo menos un test recén ás nosas rías mostraba, nalgún caso, unha situación case terminal, xa sen capacide pra lle dar soporte á acuicultura tradicional. I é que non parece haxa vontade de rexeneración, así dito, porque a asunción do ambientalismo como política gubernamental ten que ser cousa de xa, de non perder máis tempo. E de non facer máis trampas. Non se pode ir á política sen ser ecoloxista cabal.

A agricultura progresou quedamente, ó longo de miles de anos. Hoxe permanecen aínda algunhas comunidades indíxenas, na Amazonia ou na Indonesia, que viven dunha agricultura primaria ou dos froitos dos seus boscos, os seus templos, pero que son obxeto dunha presión crecente por parte dos clústers que, nalgús casos, acabaron xa coa biodiversidade orixinal e a sustentabilidade deses pobos. O mundo empresarial vai seguir defendendo os seus intereses particulares anque eso poida significa-la fin do planeta, unha Terra deshabitada. E si queremos librar unha loita eficaz pola sustentabilidade, precisaremos dunha claridade de ideas certa, saber qué mundo nos espera. Polo pronto, a economía do despilfarro, coa fin próxima dos combustibles fósiles, con de cada vez menos boscos dos que obter madeira de forma sostible e menos terras de labor; cunha economía que nos leva de cabeza á contaminación e fin dos recursos, ¿cómo cubrirémo-las nosas necesidades?

O devandito non é nada máis que un boceto, un achegamento a algús dos problemas que nos afogan. Pode haber perspectivas máis esperanzadoras, pero eso vai ser soamente se os gobernos se poñen a traballaren nunha nova dinámica de respeto medioambiental, lonxe da corrupción e influencia dos clústers que se creen donos do planeta. Pero xa non hai tempo e hai que condicionar ós gobernos pra que elaboren novos plans enerxéticos, novos sistemas de tributación, industria e actividades económicas que promovan o desprazamento cara unha sociedade sustentable i, en definitiva, máis satisfactoria. Unha boa medida podería sé-la de retira-los incentivos a empresas que fomentan a desfeita dos recursos da natureza. Son necesarias medidas que eviten a ruína dos sistemas que dan soporte á vida.