Pontevedra, 29.04.2011
Entrada n. 1.424 do blog
por Xesús López Fernández
Pois con esta praza e mái-lo entorno, onde se prantaron coido que catro especies de freixo, árbores semimaduras traídas dun viveiro holandés, xa no seu primeiro ano comezaron a nidifica-los paxaros. Costara cada árbore 50000 das antiguas pesetas, bastante máis baratas que non un amago de prantación/reposición feito na Alameda dunhas cantas árbores mal seleccionadas, que nalgún caso non prosperaron.
A obra, concebida no mandato de Rivas Fontán, tivo nemigos dentro da propia casa consistorial e procuraron algús imbéciles que a obra non chegara a se consolidar, mantendo catro puntos d´entrada ás súas rúas perimetrales por tres de saída. Cando se modificou ese criterio todo mellorou: tres puntos d´entrada por catro de saída foi unha medida dabondo pra que xa non houbese atasco de nengún tipo. O parque, que mantivo un cinturón periférico de vexetación aillante, que limitaba a visión dos vehículos e o seu ruído, carece hoxe do mesmo. A peatonalización da praza de San Xosé/Calvo Sotelo, deriva cara o lugar, que contornan, os vehículos que antes saían cara a avenida de Salvador Moreno, agora de Rosalía Castro como consecuencia da "depuración" emprendida polo goberno roxo da capital en relación con certos nomes.
Tamén houbo un momento de demencia municipal no que se intentou promover un aparcamento soterraño no lugar e, curiosamente, ós dous días de apuntarse a idea xa estaban redactádo-los planos, o que mostra a carga de irracionalidade que existía, xa, nos servicios técnicos do Concello e que os plans levaban tempo elaborados .Aquelo trouxo como consecuencia unha campaña de sensibilización veciñal: crespós negros nas árbores, os veciños a faceren garda noitarega, etc. Quero pensar que a idea de Telmo Martín non é máis que unha arroutada e que se lle ha pasar, pero polo pronto aí pode haber xa unha bolsa de votos que deriven cara outra opción, como en relación coa sua teima de levare Ence a Bora-Marcón, pero eso xa foi tratado no post anterior, "A gran deboura".
Os partidos que queiran sumar deberan, deberían, asumir un programa "verde e conservacionista". O contrario vai traer como consecuencia unha maior degradación medioambiental da cidade. Por certo, hoxe á mañá, nun momento con vento ábrego, chegaba de Lourizán o pestazo de Ence, a maldición que nos botaron no ano 1963.