viernes, 14 de diciembre de 2012

A travesía co naseiro (2)

Fantasía fractal sobre as "nove ondas da Lanzada", as ondas da fecundidade. As mulleres estériles tomaban aí o seu baño ritual pra ver así de ter familia. Pensemos tamén que poden representa-lo movemento contínuo dun mar sempre vivo. Punta da Lanzada, un dos nomes que Colón levou a América, como tamén o do Porto Santo (Poio), hoxe cegado, que no fondo da ría debeu ser testigo da aprendizaxe do home, dos seus enredos coa mar. E, curiosamente, frente por frente, na outra banda da ría, aínda hai poucos anos, uns quince, que foi derrubada a casa solar de Sarmiento de Gamboa, o primeiro navegante científico do século XVI, ó que debémo-los primeiros mapas do litoral chileno.

(Éste é o segundo dos artículos da serie de "A travesía co naseiro").


Pontevedra, 14.12.2012
Entrada n. 1587 do blog

  
.he xornal diario - cartas ecolóxicas (15)  26.o2.92
                   
A TRAVESIA CO NASEIRO (2),
por Xesús López Fernández

     O equipo de televisión dispuxo aínda algunhas tomas antre as bateas e unha breve entrevista coas xentes que alí estaban a traballaren, levantando as cordadas de mexilón pra dispoñeren a pesaxe da  mercancía.  O  polígono de Raxó podía estar na  conta  atrás, cuestionado aquel molusco como "producto galego de calidade".

     -"¿En qué medida pode afecta-lo tubo emisario  ás  economías destas xentes?", foi a nova pergunta dun membro do equipo.

     -"Na  medida na que lles vai situar aquí,  a pé de batea,  o mercurio e mái-los organoclorados.  Pode representa-la súa ruína. Non esquezamos que os franceses tiñan xa información puntual destas cuestiós no ano 1978, o que aquí sempre se tentóu negar. Pero existe documentación contrastada.E houbo que elimina-las mexiloeiras do norte da illa", dixo un dos homes alí presentes.

     Impartíranse instrucciós pra filmare un novo travelling, cun primeiro tempo de bateas pra,  coa motora do naseiro aproada cara Punta Placeres,  filmar novamente a boia do emisario,  a marca da que  en pouco tempo vai funcionar como unha nova ferida aberta na nosa ría. ¿Qué efecto se podería derivar do alarmante informe que a consellería de Pesca tiña no seu poder,  según o cal a posta en marcha do emisario podería agrava-la situación aínda máis?

     A  motora  tentóu entrar na zona dos placeres  de  Lourizán, pero había aínda pouco calado e podía varar.  Foi preciso cambiar de plans, achegarse de novo a Estribela pra recoller unha gamela,a modo de embarcación auxiliar, pra que os cámaras puideran face-lo seu traballo de filmación da enxurrada fumegante que o complexo estaba a verter ó abeiro da marea a encher, convertindo o fondo da ría en auténtica balsa de decantación.

     Naturalmente, o grupo tivera que se dividir. Algús permanecimos na motora, botada a áncora en frente do noutrora famoso colexio d´Os Placeres.  Méntre-los cámaras facían o seu  traballo,  a friaxe íase apoderando de nós  porque o sol non acababa de asumir un claro protagonismo naquela mañá fermosamente gris. O lugar era como un gran templo naquela hora de luz especial.  Comprendiase a chamada  cósmica que a paisaxe exercía sobre o naseiro que  agora estaba  bogando cos cámaras cara ó espacio profanado.  O complexo industrial  botaba fume por tóda-las súas chimeneas  e  respiros. Parecía como se fora reventar.

     -"Na antigua  Alemania do Leste pecharon xa oito fábricas de pasta química.  Témo-la información de Green Peace. O estado xermano pasará a te-la denominación de "libre de cloro" en  relación con estos procesos. O tema da capa de ozono non admite máis demora e nos está a convertir,  a todos, en cidadáns do mundo. Por aí pode chega-la solución e que ésto deixe de ser "sitio distinto"". Nas frases apreciabase un certo optimismo. Ou inxenuidade.

                    (continuará)


                Asdo. Xesús López Fernández.

No hay comentarios: