jueves, 20 de diciembre de 2012

A travesía co naseiro (6)

Vista aérea da cementeira Holcim, que nunca tivo concesión estatal nen licencia do Concello, asunto de corrupción compartida, asentada nas marismas de Lourizán. Mercede á acción popular de Salvemos Pontevedra e sentencia do TS, a empresa cancelou xa a súa actividade fabril. O ferrocarril que se ve invade 55000 mts.2 de terreo demanial, razón pola que o ministerio de Medio Ambiente de Aznar opoñíase, pra lava-la roupa do partido, mentres o ministerio de Fomento, en poder da senrazón, levaba adiante a construcción do ferrocarril ó servicio do clúster portuario de Ceferino Nogueira.


Pontevedra, 20.12.2012
Entrada n. 1592 do blog

.he xornal diario - cartas ecolóxicas (19)       3.o4.92
                  
A travesía co naseiro ( 6 )

     A mañá,  ainda gris,  fora plena de traballo. O grupo dispoñiase a interrumpi-la faena pra retomala polo serán. Dariamos aínda unha  paseata polo entorno das balsas,  na precura de non ser advertidos.  Non deixaba  de ser extraño que nas balsas non houbera espumas,  esa  especie de nata montada que alí se aprecia normalmente,  como a que a papeleira "La Montañanesa" verte ó río Ebro, según os informativos da televisión do 2o.3.92 e que orixinara a contaminación da auga da traída de 12 concellos aragoneses.

     O ministerio de Obras Públicas acaba de lle suxerir ó Consello de Ministros a penalización dos vertidos da devandita empresa cunha multa de cincoenta millós de pesetas,  ademais da indemnización por perdas que aínda terán de ser cuantificadas.  É decir, semella que algo se está a mover. Pero, tornando a aquel vinte de Xaneiro,  debo decir que as espumas estaban alí, secándose en diversas moreas dispostas en terra firme.

     -"No meu seguimento do tema das espumas pódovos decir que as retiran cunha especie de ganapán e,  despóis de secas, as levan a certo  vertedeiro de escombros.  ¡Qué reportaxe poderiades  facer con  tempo pra agarda-la recollida e vertido ó abeiro  da  noite! Teño algunhas fotos ilustrativas,  nas que se aprecia, incluso, a matrícula  do camión que prestaba servicio  nesa  ocasión",  dixo unha muller do grupo.

     A acusación era moi grave,  como a presencia en Lourizán dos cinco tanques de cloro ou a soberbia polución atmosférica, pletórica despóis da manifestación do 17 de Xaneiro.  Xa non había que disimular,  salvo aviso en contrario. (Por certo, ¿cómo é que non acodiron  á manifestación do dous de Abril as empresas que apoiaron a dos fundamentalistas do 17 de Xaneiro?  Todos aqueles nomes extraños brillaron agora pola súa ausencia o que explica, en certo modo, que aquela outra non foi unha demostración por Galicia.)

     Mentres  se recollían os equipos estabamos a facer novos comentarios. Os cámaras parecían asombrados de seguiren con vida, o que  trouxo  á nosa memoria a valente intervención dos  homes  de Green Peace  metidos no zudre e bombeando sobre da fábrica a contaminación por ela producida.

     Acordamos desprazarnos a xantar á beira norte da ría.  O recorrido pola estrada da costa podería brindarlle ós nosos  amigos diversos enfoques. Pero xa quedara atrás o mediodía e marchabamos algo serodios pra xantar.  Así que decidimos non parar agora.  A viaxe sirveu pra mostra-las agresiós vivas das obras da autopista ( habería que lle perguntare ós señores Borrell e Cuiña por qué non se aplicou aquí a lexislación medioambiental ),  a panorámica que  dende Lourido se apreciaba das emisiós do complexo,  os recheos de Poio, etc.

     Chegamos a Raxó. Xa alí dispuxemos un corto paseo pola praia ó tempo que nunha taberna mariñeira preparaban o noso  xantar.


                              (concluirá)


               Asdo. Xesús López Fernández


No hay comentarios: