lunes, 25 de febrero de 2013

ELECTORALIA, [31.01.2004]

 Traemos novamente ó blog dous chistes de Caín, de La Razón, pra refrescare o traballo desta entrada, publicado xa no ano 2004, o 31.1. Os políticos fan eso, vendernos bisutería ideolóxica. Eles aforran, de certo que sí, ó tempo que arrasan o país.
Este político parece xa un probe, así presentado á hora de pedi-lo voto, a ver se alguén se compadece e pensa que non se fixo rico coa política. Leva posto un disfraz, que coa súa roupa normal de "caceador" xa non gaña votos, xa non pode convencere ó persoal nunha campaña de 15 días 

Pontevedra, 26.02.2013
Entrada n. 1615 do blog



Electoralia, [31.01.2004]
Por Xesús López Fernández

            Non sei se entramos nun tempo ou nunha gran carpa na que todo é susceptible de se convertir en producto que debe render uns xuros, un resultado  do que botar man na campaña electoral, moitos dos políticos máis pendentes do posible triunfo que de restaura-lo imperio da lei ou de defende-las libertades. Todos temos a posibilidade de nos informar a través dalgún medio, de formar incluso opinión, de anoxarnos máis e máis da política dos partidos, como acaba de acontecer con varios asuntos, por exemplo o xa tristemente famoso do alcalde de Toques, na Coruña, en principio ninguneado polo propio Fraga nunha intervención que a moitos nos pareceu calamitosa, defendendo a presunción de inocencia dunha persoa condenada por sentencia xudicial, por abusar sexualmente dunha rapaza menor de edade. I eso está castigado polo Código penal con penas de prisión. Pero tal parece que nas présas por salva-la situación do partido en Toques, unha moza foi a gran esquecida e só agora, tardos de reflexos, lle brindan protección.

            Outro asunto grave desta campaña é o das conversas de Carod Rovira coa cúpula de ETA, que ademais foron grabadas polo CNI. Terá que dá-lo político catalán as explicaciós que lle pidan, porque non se entende ese diálogo. Pero, en fin, as cousas son así e xa anteriormente houbera conversas con ETA [Corcuera, Vera], que naturalmente erosionaron ante a sociedade española ó partido daquela no goberno, como agora ó tripartito catalán. Pero como en Política nunca dúas e dúas son igual a catro, piden agora o PSOE, IU, PNV e Grupo Mixto explicaciós ó Goberno de por qué [se tiñan conocemento das conversas antre ETA e o político catalán] non aproveitaron a circunstancia do encontro pra deteren á cúpula da banda. E Iñaki Anasagasti, que acaba de publicar “Agur Aznar” [memorias dun vasco en Madrid, de 18 anos de traballo ó servicio do PNV] tamén cree que o asunto demanda unha explicación clara de por qué se “espía” a “dirixentes políticos democráticos” e non se detén ós terroristas, algo que tamén denuncia e pergunta Carod, asombrado como moitos, de que Aznar diga que “lo relevante es lo que se conoce, y es de lo que hay que dar cuenta”. Ou sexa que sabían da reunión, grabaron..., i ETA que siga. Aznar tamén está obrigado a falar con claridade..

            O que teñen as noticias todas deste tempo é que van estar na prensa nacional se son susceptibles de marcar unha deriva electoral, de condiciona-lo voto da sociedade toda. E mesmo xógase coa promesa de acada-lo pleno emprego nun horizonte de dez anos cando en moitos casos non se están a creare as condiciós obxetivas necesarias. Creáronse  postos de traballo, sí,  pero as cifras de paro siguen a ser altas e Galicia foi a comunidade autónoma na que máis sobeu no terceiro trimestre do 2003, 23.800 en todo o ano, cando a baixada arancelaria pódese traducir no textil galego nunha cifra aínda maior que a citada, sen que por eso as nosas industrias  perdan cuota de mercado.  Os traballadores téñeno crú e quédalles a posibilidade de se convertiren en inducidos por deslocalización, emigrando a outros países nos que funcionan xa [Marrocos, Rumanía, China] obradoiros que traballan pra algunha das nosas marcas. Aí está a cuestión dos inducidos por emigración, que sería algo que ó mellor non se lle ocurreu ós que tratan de magnifica-la presencia de fábricas que apenas xeran postos de traballo, pero que meten no cóctel ós famosos inducidos: transportistas, proveedores de materias primas, cando sabemos o moito que hai de trola no manexo dalgús deses datos.

            Malos tempos estos da globalización, co Foro de Davos que  acaba de dá-la alerta de que o alto déficit americán ameaza á economía mundial, mentres no IV Foro Social Mundial de Bombai “denunciaran días antes a continua fuxida de capital dos países do Sul, o despoxo da biodiversidade, o roubo de cerebros....”, como dixo Ignacio Ramonet, “situación escandalosa e inaceptable que nadie debe esquecer.....e que cada vez hai máis altermundialistas que se perguntan si [con exclusión da violencia] non haberá que inventar unha fórmula nova de combinar propostas e protestas. Con máis imaxinación e radicalidade”. Certo que sí. Eso é algo que debemos ter presente os que o 14 de marzo imos votar ou non votar forzando ós partidos pra que se responsabilicen co presente e co futuro. Estamos afeitos ás mentiras, a ter que soporta-los discursos de moitos vendedores de crecepelo metidos na Política. Na España varia danse situacións de opulencia e de miseria e, como estamos na globalidade, vale o discurso de Ramonet. En Galicia, agora, faría falta un auténtico partido comprometido radicalmente co país. Dificilmente van cambia-las cousas o próximo 14 de marzo, cando a nosa clase política, como en Toques, convirte en discurso de carpa o alí acontecido. 







No hay comentarios: