domingo, 24 de febrero de 2013

A RECUPERACIÓN DE LOURIZÁN [16.01.2004]

Fotografía do Faro de Vigo, 22.01.2013. Ence, parte do Apokalypsis pontevedrés dend´o 1963. Presuntamente tentan darlle corda a unha concesión que xa non existe (Grupo Empresarial Ence, S.A. carece de concesión), por 75 anos máis. É evidente que Rajoy carece de sensibilidade ecoloxista e que non ten valor nen pra defendere a ría de Pontevedra, espacio sensible. As bandeiras azules, unha farsa, non contrarrestan os vertidos de mercurio, zinc, cadmio, dioxinas, bifenilos, endrín; e tampouco, claro, os casos de parálisis cerebral, existindo en Pontevedra  un colectivo que acolle a estos enfermos posiblemente relacionados coa inxesta de mercurio pola vía alimentaria. Moita xente do seu partido estaría aquí, presuntamente, tocada da corrupción.

Pontevedra, 24.02.2013
Entrada n. 1612 do blog

O artículo que sigue é do ano 2004. Lourizán volve estar d´actualidade porque os tres partidos no mandiño local queren acabare coas marismas, vía un PXOM que carece de Axenda21 Local, ou vía a nova Lei de Costas, unha traición a todo o litoral español, un mandato dos lobbies portuarios i especuladores urbanísticos, os que buscan recalificaciós pra relanzare, loucamente, o ladrillismo. Presuntamente, claro. Unha forma de acabare co país.


A recuperación de Lourizán, [16.01.2004]
Por Xesús López Fernández

            Existe preocupación en Costas pola situación das praias da ría, pola súa rexeneración. E nesta hora andan a estudiare os fondos areosos do propio esteiro porque o árido luso do que botaron man prá recuperación de Silgar non dou o resultado apetecido, ademais de resultar caro e de difícil transporte. I está a ser cuestionado tamén polos ecoloxistas, que alertan de que a area portuguesa pode mesmo altera-lo ecosistema local. Como sexa, Costas [ésa é a noticia] busca unha zona estéril en augas interiores que non afecte ó marisqueo. Na lista dos areeiros comprometidos están varios: Pescadoira, Beluso, Aguete, Ardán, Baltar, Silgar, Os Barcos, Panadeira, Lavapanos, Carabuxeira. Uns por deteriorados, outros por se mante-la restauración neles intentada condicionada por actuaciós diversas, como a praia principal de Sanxenxo, máis víctima agora nos días de temporal, modificada a dinámica das augas, favorecido, potenciado o efecto arrasador dos vagallóns.  Na noticia sobre esta actuación de Costas non se fala de Lourizán, de  recuperación  posible nun futuro inmediato.

            Pode parecer unha utopía a alusión a esa posible restauración do areal pontevedrés, máxime no momento no que alí se están a levar a cabo unha serie de actuaciós, que están a traballaren os “limpiadores”, palabra ésta correspondente ó argot de que se bota man cando se fala da recuperación de terreos contaminados, como fai Mijail Gorbachov na súa “Carta á Terra”, ó conta-los traballos levados a cabo en Chernobil prá recuperación de miles de kilómetros cadrados de terra contaminada pola radioactividade, os traballadores comprometendo a súa vida, incluso a súa herencia biolóxica como se sabe hoxe en día, no seu incesante laborar pra soterraren a terra; é decir, abrindo grandes zanxas, furando o chan pra ver de levantaren terra boa e fixar no máis fondo posible a terra contaminada. Tema longo éste, e dramático. E a actuación que nestos momentos levan a cabo en Lourizán, a maquinaría alí presente, con vistas a xerar novo chan industrial pra unha serie de actuaciós non ben explicadas ou non ben entendidas, pode significa-la non recuperación do areal da miña infancia e acentuar aínda máis os medos do sector bateeiro que, co anuncio de que a ría segue cerrada á extracción de mexilón, pode telumbra-la fin próxima do seu medio de vida.

            Quero te-la vontade de ver un futuro máis harmonioso pra  todos nós, alén do zafarrancho electoral que está a marcar este xaneiro do 2004. Agora é o propio Telmo Martín, o home que vai ou ía esponxa-lo litoral en Sanxenxo, o que acusa a Miguel Fernández Lores de non ter sabido xestiona-lo traslado de Ence  ó tempo que xudicializa a cuestión do suministro da auga  que recibe de Pontevedra e que ademais non pagan. Son momentos tensos nos que, según como se manexen as cousas, as posibles actuaciós van ter un premio ou un coste electoral, convencido de que a recuperación de Lourizán podería ser unha victoria de todo-los pontevedres, á marxe de banderías políticas ou de demagoxias que deben ter unha resposta clara por parte de certas Administraciós. E tanto en Costas como no Concello [e logo noutras instancias] teñen xa a información rigorosa do camiño a seguir pra esa rexeneración arelada por este articulista. No escrito presentado por rexistro en exercicio da acción pública [do que deberá ter conocemento igualmente o Ministerio Fiscal] exponse con total claridade  o paquete de medidas que deberán ser inmediatamente incoadas.

            A acción pública estaba aí como unha posibilidade aberta a todo-los cidadáns de demanda-lo imperio da Lei. E a clave está no propio Raminp e na Lei de Costas, como na  Constitución, na lei de Ordeación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Ou na Lei da Xefatura do Estado 6/2001 sobre o Medio Ambiente na C.E. E tamén conta o P.G.O.U. de Pontevedra. O escrito, de vinte folios, enuncia os casos de licencias do Concello nacidas con vicio de nulidade radical. Téñase presente que hoxe se desenvolven en Lourizán sobre unhas vinte actividades e usos de tipo industrial ós que se lle pode pendura-la etiqueta de “ilegal” ou de “ilegalizable” [polo vicio de nulidade radical], sempre ó abeiro da lexislación vixente. Non quero entrar no estudio do escrito que deberán facer nas diversas instancias. Simplemente citar que no mesmo queda trazado o carreiro dunha actuación urxente no ámbito urbanístico e que, tal como están as cousas, coa aparente disposición do Concello, cae de caixón. Téñase en conta que “en nengún caso vai pode-la Administración deixar de actuar pra restaura-lo orde urbanístico [...], de repoñe-los bens [Lourizán] ó estado anterior á producción da situación ilegal”. Polo ben dos que  así o queremos; polo  ben tamén dos bateeiros que viven unha situación case terminal; polo ben do propio Telmo Martín, de Sanxenxo.  



No hay comentarios: