Mostrando entradas con la etiqueta Prestige. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Prestige. Mostrar todas las entradas

domingo, 24 de noviembre de 2013

A RESILIENCIA

Cando foi do Prestige, o chapapote emporcou gran parte do litoral europeo, especialmente ferida a beiramar galega. Viñeron incluso xentes do Extremo Oriente, que se enfundaron de branco, pra así formaren daquela un especial exército de salvación, plétora de capital social. O artículo d´hoxe vai sobre resiliencia, que no meu dibuxo, pensado como unha instantánea da loita dos voluntarios, quer representare esa capacidade que pode te-lo home prá restauración, en casos como o do Prestige, do equilibrio ecolóxico; prá recuperación tamén do capital social, unha orquesta perfectamente afinada prá salvación. Pero en certos lugares da nosa xeografía (marismas de Lourizán habemus) son os políticos os que non exercitan a resiliencia que debería culminar coa execución de certas sentencias dictadas polo TS, consecuentemente á resiliencia exercitada, vía acción popular, polo colectivo veciñal prá Defensa da Praza dos Praceres e pola asociación ecoloxista Salvemos Pontevedra. Os políticos, sabedores do que fan, manteñen a súa traición. Son pecadores, representantes dun Goberno embridado pola corrupción. 

Pontevedra, 25.11.2013
Entrada n. 1720 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra


A resiliencia,
por Xesús López Fernández

            Á fin apareceu “A situación do Mundo 2013”, do World Watch Institute que, anunciada a súa presentación polo mes de Abril, foi editada no pasado mes de Outono. A folla de ruta da nova edición está centrada no tema da sustentabilidade, se ben cuestionada desta volta. ¿Aínda é posible a sustentabilidade? Ese é o debate presentado este ano, contrario, parece, ó que a edición do pasado ano brindaba como unha especie de paradigna, “cara unha prosperidade sustentable”, que realmente non parece estar nada máis que no discurso político, ironizado por algún dos autores do estudio que deron en denominalo como o da “sostenibili-bla-bla-bla”. E sobre a sustentabilidade en España escriben Óscar Carpintero e J. Bellver que no seu capítulo perguntan se aínda é posible a sustentabilidade ambiental da economía española, prá que propoñen un cambio de modelo porque temos crisis no eido económico, sí, pero tamén no ecolóxico e no social, que non parecen asumire a necesaria resiliencia pra afastare os efectos negativos do desenvolvemento pasado, tamén do presente.

            A palabra resiliencia, que os citados autores non citan, pero que acae prá serie de cuestiós que propoñen e aparece no libro non menos de 44 veces, ven do verbo “resilio, resiliri”, saltar cara atrás, rebotar, e ten hoxe variada polisemia, trascendida dos ámbitos da física e da enxeñería ó da psicoloxía, pra defini-la capacidade do ser humán pra se recuperare ou sobrepoñer, ou pra asumire situaciós complicadas. Pero a palabra comézase a usar tamén en campos tan dispares como a ecoloxía, no sentido da capacidade dun ecosistema prá recuperación da súa propia dinámica cando ten sido alterada por causas externas: urbanismo litoral, agresión ó terreo demanial, a construcción de infraestructuras monstruosas, recheos indebidos, contaminación, que tamén afecta á clase política non atenta, a do discurso da “sustentabili-bla-bla-bla”, falta de vigor á hora de asumi-la salvadora resiliencia.

             Si en ecoloxía a palabra ven se-la capacidade das comunidades de soportaren, de adaptárense e de se recuperaren a perturbaciós do medio ambiente adquirindo novas ferramentas; en psicoloxía define a capacidade das persoas ou grupos de se sobrepoñer á dolor emocional pra segui-la súa vida, saíndo ademáis enfortecidos da dita experiencia; en socioloxía é a capacidade dos grupos sociales pra se sobrepoñeren ós resultados adversos, de reconstruiren os seus vincallos internos, de recupera-lo capital social tantas veces analizado por Francis Fukuyama. Tamén na clase empresarial entra a resiliencia como a capacidade do emprendedor pra supera-los atrancos que poidan atrica-lo seu plan de negocios, o seu proiecto a emprendere, etc. I en dereito, a resiliencia ven se-la capacidade das persoas, dentro do marco xeral dos dereitos humáns, de recupera-lo pulso do Estado de dereito, ás veces contrariado, esquizofrénicamente, por actitudes de forza do propio Goberno.    

            Con desemprego rampante e dependencia exterior; cun sector público extremadamente fráxil e sinalado moitas veces como causa primeira dos males da nosa economía; cun benestar deficiente, con gasto social notablemente inferior ó de Alemania, Francia, Suecia ou Dinamarca, reverti-la tendencia negativa denunciada vai requerir grandes esforzos. Cortos en inversión en I+D parece obrigado un esforzo certo, pero pensado sobre todo na finalidade do mesmo máis que no incremento necesario…. As múltiples dimensiós (económica, social, ecolóxica) nas que se manifesta a crisis, a todas luces sistémica, require da actuación en diversas frontes i escalas e pode se-lo comezo dunha arrancada na recuperación ambiental, na medida na que estamos abocados a un cambio de modelo, centrado o futuro nun retorno certo a modelos productivos respetuosos coa ecoloxía, da que o home forma parte. Coas ideas claras poderianse atallar non poucos dos problemas existentes, especialmente no eido da alimentación e da sanidade; coa resiliencia como pauta de actuación.     

domingo, 17 de noviembre de 2013

O caso Prestige, sen culpables

 O buque Prestige afúndese. Hai agora 11 anos. E resulta que non hai culpables.
Visión abstracta da loita dos voluntarios que chegaron de todas partes, marea branca contra a marea negra do galipote ou chapapote. Queda o pouso da enxurrada na que se convirteu a xestión oficial en torno ó Prestige, agora rubricada pola sentencia xudicial: "Non hai culpables". Pero sí un claro desprestixio da Administración e alcatrea. De coña.  

Pontevedra, 18.11.2013
Entrada n. 1718 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

O caso Prestige, sen culpables,
por Xesús López Fernández

            Aduviñabase cal ía se-lo sentido da sentencia do caso. E agora, todos engrescados, a encirrárense pra demostrare quén é máis rotundo á hora de se sentir abraiado polo fallo xudicial que deixa a maior catástrofe medioambiental que lembra o país sen culplables máis alá da condena mínima de nove meses pró capitán Apostolos Mangouras, o único ó que se lle reconoce responsabilidade penal. Desta volta parece que os partidos todos están en desacordo coa sentencia e incluso o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, parece o máis afoutado cando afirma que alguén debe pagar que unha chatarra flotante producira o desastre ambiental vivido polo noso litoral, cun tremendo coste económico prás arcas públicas, aínda que confíe nos posibles recursos do fiscal e do avogado do Estado, no prazo de cinco días; ou na decisión que poidan toma-los letrados da Xunta, que  estudian outro posible recurso. Algún xurista xa se pronunciou no sentido de que non ve viable o recurso en casación ó quedar definido que, máis alá de Mangouras, non hai responsabilidade penal.

            Á marxe da definición que da sentencia fan algús partidos (bananera, lamentable, socialmente inxusta), a organización ecoloxista Greenpeace di que aquela non inclúe a tódo-los culpables, que os intereses petrolíferos continúan vixentes e impunes e lembran que, na actualidade, “hai trinta compañeiros encadeados en Rusia” por teren realizado esta mesma reivindicación. É máis, consideran que se trata dunha sentencia pra cubri-lo expediente que non vai evitar que outro Prestige resulte posible. E afirman que a marea negra, que comprometeu case 2000 km. de costa, foi causada, ademáis de polas carencias na responsabilidade no transporte marítimo que, hoxe en día, siguen a protexeren os intereses da industria petroleira, ós fallos e neglixencias institucionales á hora de tomar decisiós dende que o Prestige lanzou o 13.11.2002, hai once anos, o sinal de socorro.  

            Sigue a deci-la asociación ecoloxista que “este proceso demostra que os culpables públicos non pagan, que as empresas culpables non pagan e que non se fai xusticia cando se trata de defende-lo medio ambiente ou ás persoas”, afirmación ésta do responsable da campaña Enerxía de Greenpeace España, Raquel Montón. E conclúen a súa declaración no sentido de que a decisión de alonxa-lo buque da costa foi un dos maiores erros cometidos; que a información ofrecida polas distintas administraciós á poboación foi escasa, insuficiente e, ás veces, falsa. E non foi dabondo valorada a dimensión ecolóxica do siniestro, a última das tres principales causas da neglixente xestión do accidente. A esa inmadurez da Administración en materia ambiental hai que engadire o feito de que “a industria petroleira aproveita os recursos naturales, pero non se fai responsable das consecuencias derivadas da súa actividade económica”.

            ¿Estaba destinado o buque a se afundir no noso litoral, procurouse  o noso mar como destino final? No fallo afírmase que “todos sabían que non era un buque novo, pero que os acusados nen sabían nen podían saber das graves deficiencias que o abocasen a un naufraxio”. É decir, indefinición das causas do acontecido, menos cando se fala das malas condiciós do buque según afirma o maxistrado. Non se poden conocer con seguridade as causas do accidente. E nas súas conclusiós destaca a dificultade de atribuir responsabilidades precisas e a posibilidade de ter investigado polo miúdo algunhas cuestiós do accidente do Prestige. Se a propietaria, sabedora da mala situación do buque, decideu que este navegara ocultando as deficiencias do buque, débese entender que o capitán tamén era conocedor desa situación. “Ninguén pode nega-lo fallo estructural, pero non se pode decir por qué se rexistrou” nen tampouco cal foi o definitivo fallo estructural. Once anos despois do drama ecolóxico, prodúcese unha sentencia longamente agardada e, pra moitos de nós, incomprensible. ¿Pero lexislouse pra que outros buques con carga peligrosa non pasen polas nosas costas? ¿Está a Administración alerta ou son posibles novos Prestiges? Algo terá que lexisla-la Administración se quere que creamos nela.       

domingo, 11 de noviembre de 2007

RETRINCOS SOBRE ECOLOXÍA. [11.11.2007]

Voluntarios recollendo chapapote na Costa da Morte.
o chapapote que non cesa. Creación informática. Xesús López.

1.- Prestige.

Quinto aniversario. Quedou atrás --¿de verdade-- aquel desastre. O proceso aínda se vai celebrar, previsiblemente, o próximo ano. Mangouras nunca quixo buscar un porto de refuxio. Os técnicos daban por perdido o barco. O principal era evita-la inspección. O ¡Nunca Máis! resultaría finalmente un fraude, un movemento populista pra vender fume electoralista. Como agora fai o Quintana coas súas declaraciós sobre a catástrofe, escenificada a representación do lado dun Neptuno co tridente manchado de chapapote. Pra esa pallasada puido ter recuperado a Teodora, a sirea que se achegara onde don Merlín, porque quería loito perpetuo, que lle tinguira a cola. E Merlín fixérao daquela con "negro de Nápoles", locída-las escamas cun reborde dourado.
2- Depuradora do Lagares, en Vigo.

Finalizou a protesta veciñal de 20 horas de encerro na depuradora de Vigo. Os veciños ameazan agora con acciós máis fortes e movilizaciós se non chegan a falaren co alcalde. Sabido é que Caballero tampouco adouta en relación con este tema unha actitude intelixente; que a depuradora foi instalada en Coruxo en contra da Lei de Costas. E do Raminp.

Que teñan presente os veciños que a única saída contra os políticos é a vía xudicial e que, nesa vía, está denunciada como presunto delito ecolóxico das Administraciós por SALVEMOS PONTEVEDRA.
3.- Peixes mortos no Xallas, a consecuencia do librado do encoro d´A Fervenza.

A Xunta investiga a Ferroatlántica polo desastre ecolóxico do provocado. A empresa de Villar Mir volve estar no punto de mira no centro dunha catástrofe. Dende que a empresa propiedade do citado se fixo coas instalaciós de Carburos Metálicos, de Cee, a nova empresa ten estado sinalada en varias ocasiós como presunta causante de problemas ecolóxicos.

A compañía é a responsable de que o río, único en Europa que desemboca en cachoeira, en fervenza, en Ézaro, deixara de facelo. E do vaciado do encoro estos pasados días derivouse a masiva mortandade, perda de vida, que se pode apreciar na ilustración. A Xunta está investigando, o Seprona tamén.

lunes, 24 de septiembre de 2007

CÓLERA NEGRA [23.11.2002]

file:///d:/usuarios/papa/debuxos/Copia%20%20de%20marea%20negra,%20marea%20branca,%2011.2.JPGmarea negra, marea branca, a loita dos volun-
tarios. (dibuxo do autor)

Pontevedra, 24..9.2007
Traballo correspondente á maldición do Prestige, publicado en distintos medios. Sirva pra rememora-las xornadas vividas en Galicia coa pegada da marea negra, outra agresión pra gardar na memoria á marxe doutras que existen e o poder político mantén vivas a cambio de non sabemos qué, pero que nos obriga a pensar mal.

 Cólera negra [23.11.2002],
por Xesús López Fernández

Outra desgracia máis sobre Galicia cando o país non estaba totalmente recuperado da catástrofe do Mar Exeo. E dáse a circunstancia de que a casa armadora daquel buque é tamén a culpable da cólera que arestora golpea a nosa costa, os vagallóns que traen o fuel do Prestige pra desprestixio dos responsables da cousa medioambiental. As palabras de Loyola del Palacio no sentido de que se puido ter evitado a catástrofe, que se debeu ter evitado, coido son as máis sinceras das pronunciadas polos nosos políticos, pois implican o reconocemento dunha culpa certa porque dabondo sabía Europa que polas nosas costas estaba a pasar, pasa, chatarra flotante como o petroleiro que xa está afundido no chamado banco galego e que, por desgracia e según se desprende da información de Portugal e Francia, non rematou co seu protagonismo. A dimensión da traxedia pode ser maior do previsto.

“Estima non s´alcanza cun vil xemido brando”, decía Pondal. A sociedade debería ter reaccionado en contra de tanto discurso informativo/desinformativo, en línea distinta do de Loyola del Palacio, de “mea culpa”. Son discursos que tentan xustificaren a actuación levada a cabo, a política de desprendérense da pataca quente, de endosarlla ós portugueses que non aceptaron a “transferencia”. Claro, a súa capital é porto de mar, son un país atlántico, e ó mellor e gracias a eles –que enviaron unha corbeta disuasoria-- aínda se salva a parte sur do litoral galego, pró que non todos son bos pronósticos e que, a día 22.11, --según a US Navy--, dise que o fuel podería chegar ás Rías Baixas. Dende moitos foros fálase da total descoordinación existente, do plan que non foi plan. E moitas das imaxes que chegan do litoral afectado mostran o esforzo activista dos que tentan, ás veces con medios rústicos, salva-lo areal, mingoa-lo protagonismo do fuel que non saben onde botar.

A vaga negra está no Ferrol, en Doniños e Covas, e podería chegar á Mariña lucense. Tamén entrou na lagoa de Xuño, espacio protexido próximo a Corrubedo. A desgracia pode estar afectando xa a máis de dez mil familias que dependen do mar –só da rocha percebeira do Roncudo dependían duascentas--. Pra todas estas xentes, prós pescadores de Fisterra que se enfrontan coa desolación, coa morte que lles é tan familiar, está especialmente pensado o discurso subvencionador que lles brinda unha axuda de 40 euros ó día por ter sido estragada a súa economía como consecuencia da xa citada imprevisión que os privou de espacios, da paisaxe, de tantísima ave, mortos posiblemente os últimos araos censados na costa coruñesa. Imprevisión que leva á improvisación das xentes do Grove ou Combarro pra frearen a marea negra coa que tampouco poden nada, de momento, as embarcacións que chegaron na nosa axuda. O Ailette francés pouco puido facer polo momento, antre ondas de sete metros; un barco holandés permanecía amarrado a porto.

O goberno segue a mante-lo seu discurso dunha mancha primeira que se divideu en tres. E outra máis, producida no momento do afundimento do barco. Pero Portugal e Francia –xa quedou dito-- falan de novas “entregas” do Prestige aparcado no fondo mariño. Se continúa o seu protagonismo confirmaríase que estamos ante a peor das soluciós posibles pensada por un goberno de secano, espírito contaxiado ó noso goberno autonómico, totalmente impotente polo que puidemos comprobar esos pasados días, sen política ambientalista merecedora dese nome como é sabido. Nen o goberno central nen o galego parecen ir máis alá do discurso tranquilizador. Algús persoaxes piden calma; outros calan. Non se entende tanto silencio, a falta do discurso comprometido, brindando soamente a oferta subvencionadora que aplaque os ánimos. Cólera reprimida, rabia contida ante tantísima falta de medios, ante o desprecio ó medio natural. Saben dos percebes e centolos dunha mesa ben servida, pero carecen de política ambientalista activa e intelixente.