Pontevedra, 24..9.2007
Traballo correspondente á maldición do Prestige, publicado en distintos medios. Sirva pra rememora-las xornadas vividas en Galicia coa pegada da marea negra, outra agresión pra gardar na memoria á marxe doutras que existen e o poder político mantén vivas a cambio de non sabemos qué, pero que nos obriga a pensar mal.
Cólera negra [23.11.2002],
por Xesús López Fernández
Outra desgracia máis sobre Galicia cando o país non estaba totalmente recuperado da catástrofe do Mar Exeo. E dáse a circunstancia de que a casa armadora daquel buque é tamén a culpable da cólera que arestora golpea a nosa costa, os vagallóns que traen o fuel do Prestige pra desprestixio dos responsables da cousa medioambiental. As palabras de Loyola del Palacio no sentido de que se puido ter evitado a catástrofe, que se debeu ter evitado, coido son as máis sinceras das pronunciadas polos nosos políticos, pois implican o reconocemento dunha culpa certa porque dabondo sabía Europa que polas nosas costas estaba a pasar, pasa, chatarra flotante como o petroleiro que xa está afundido no chamado banco galego e que, por desgracia e según se desprende da información de Portugal e Francia, non rematou co seu protagonismo. A dimensión da traxedia pode ser maior do previsto.
“Estima non s´alcanza cun vil xemido brando”, decía Pondal. A sociedade debería ter reaccionado en contra de tanto discurso informativo/desinformativo, en línea distinta do de Loyola del Palacio, de “mea culpa”. Son discursos que tentan xustificaren a actuación levada a cabo, a política de desprendérense da pataca quente, de endosarlla ós portugueses que non aceptaron a “transferencia”. Claro, a súa capital é porto de mar, son un país atlántico, e ó mellor e gracias a eles –que enviaron unha corbeta disuasoria-- aínda se salva a parte sur do litoral galego, pró que non todos son bos pronósticos e que, a día 22.11, --según a US Navy--, dise que o fuel podería chegar ás Rías Baixas. Dende moitos foros fálase da total descoordinación existente, do plan que non foi plan. E moitas das imaxes que chegan do litoral afectado mostran o esforzo activista dos que tentan, ás veces con medios rústicos, salva-lo areal, mingoa-lo protagonismo do fuel que non saben onde botar.
A vaga negra está no Ferrol, en Doniños e Covas, e podería chegar á Mariña lucense. Tamén entrou na lagoa de Xuño, espacio protexido próximo a Corrubedo. A desgracia pode estar afectando xa a máis de dez mil familias que dependen do mar –só da rocha percebeira do Roncudo dependían duascentas--. Pra todas estas xentes, prós pescadores de Fisterra que se enfrontan coa desolación, coa morte que lles é tan familiar, está especialmente pensado o discurso subvencionador que lles brinda unha axuda de 40 euros ó día por ter sido estragada a súa economía como consecuencia da xa citada imprevisión que os privou de espacios, da paisaxe, de tantísima ave, mortos posiblemente os últimos araos censados na costa coruñesa. Imprevisión que leva á improvisación das xentes do Grove ou Combarro pra frearen a marea negra coa que tampouco poden nada, de momento, as embarcacións que chegaron na nosa axuda. O Ailette francés pouco puido facer polo momento, antre ondas de sete metros; un barco holandés permanecía amarrado a porto.
O goberno segue a mante-lo seu discurso dunha mancha primeira que se divideu en tres. E outra máis, producida no momento do afundimento do barco. Pero Portugal e Francia –xa quedou dito-- falan de novas “entregas” do Prestige aparcado no fondo mariño. Se continúa o seu protagonismo confirmaríase que estamos ante a peor das soluciós posibles pensada por un goberno de secano, espírito contaxiado ó noso goberno autonómico, totalmente impotente polo que puidemos comprobar esos pasados días, sen política ambientalista merecedora dese nome como é sabido. Nen o goberno central nen o galego parecen ir máis alá do discurso tranquilizador. Algús persoaxes piden calma; outros calan. Non se entende tanto silencio, a falta do discurso comprometido, brindando soamente a oferta subvencionadora que aplaque os ánimos. Cólera reprimida, rabia contida ante tantísima falta de medios, ante o desprecio ó medio natural. Saben dos percebes e centolos dunha mesa ben servida, pero carecen de política ambientalista activa e intelixente.
No hay comentarios:
Publicar un comentario