Mostrando entradas con la etiqueta carrefour. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta carrefour. Mostrar todas las entradas

domingo, 21 de diciembre de 2008

En tempo electoral [22.12.2008]

Pontevedra. A estadea de cipreses rubrica o certificado de morte por eutanasia vilega, deseñada polos novos doutores Morte.

Pontevedra, 21.12.2008

Entrada n. 757 do blog

Artículo semanal remitido a diversos medios.

En tempo electoral [22.12.2008],
por Xesús López Fernández


Touriño acaba de anunciar novas elecciós pró próximo primeiro de marzo, data na que os galegos teremos ocasión de votar novamente. ¿Pra qué?. Touriño anuncia que vai haber debates que de pouco han valer se non se profundiza con transparencia en tantísima cousa que quedou sen resolver ó longo do seu mandato. Pero é que hai amplios sectores da sociedade, a maioría, que non están dispostos a asumi-la actitude crítica pra un cambio real das cousas. Privados de elecciós con listas abertas, algús queremos saber por qué se nos ten mentido con tanto descaro e, á falta de verdadeiros debates internos nos partidos, a sociedade tería de ser capaz de convocar foros propios e pedir contas sobre tantísimo asunto como nos afecta, ora sexa sobre cuestiós de ordeación territorial, construcción de infraestructuras, política ecolóxica e de restauración paisaxística e litoral, política lingüística e fiscal, control de tantísima actuación urbanística discutible, piscifactorías, parques eólicos, etc.

Á marxe dos partidos presentes no parlamento galego, que nalgús casos xa teñen case formáda-las súas listas, non se sabe doutras posibles comparecencias, de grupos que poidan entrar con forza na campaña como pra condicionaren outra gobernación máis harmónica deste noso país. De momento sabemos eso, que as elecciós xa teñen data e que comezou o rol de inauguraciós e discursos, con certa afouteza e fachenda por parte dos que comezan con avantaxe. Pero a sociedade non está necesariamente dacordo con algunhas das afirmaciós primeiras, como por exemplo o discurso inaugural de Touriño en relación coa concentración no novo edificio da Xunta das delegaciós que a mesma tiña estradas, ata o dagora, por diversas rúas da capital pontevedresa, que si foi ata hai pouco cidade comercial e administrativa, pouco lle queda xa como tal, dado que a inauguración do “contenedor administrativo”, como chamou Touriño ó novo edificio, concentra a administración xunteira nun só edificio; insire o ámbito administrativo da cidade nun “contenedor”.

Ese contenedor pode ser unha nova lanzada ó tecido socioeconómico da cidade, ó seu pulo, como o que no seu día representou a construcción do centro comercial de Continente-Carrefour privilexiado co acceso dende a autopista e outros apoios nos tempos de Juan Luís Pedrosa; que se vería igualmente beneficiado coa política de peatonalización e viaria imprantada polo equipo do BNG, desatendida a lección do arquitecto portugués Álvaro Siza que afirma que, aínda prestando a protección máxima ós peatós, a circulación de vehículos pode ser vital prá boa saúde do comercio. O home cita como exemplo paradigmático o de Roma, onde conviven monumentos e vehículos. I é certo. Pero a cidade vella pontevedresa camiña, día a día, a unha situación de colapso total, patente xa en diversos barrios, rubricada coa comparecencia funeral da estadea, rolda ou santa compaña dos cipreses no entorno do Teatro Principal, certificación da eutanasia vilega aquí promovida.

Que o BNG pida neste comezo da campaña máis autogoberno non se entende por canto aquí levan oito anos facendo o que queren. Fracasada a súa política viaria ensaian estos días novos cambios sen resultado. Fracasada tamén a imprantación de mosquerós e bolardos, así como o monocarrilismo unidireccional de corredoira, urxe un cambio de política urbanística e a reposición das necesarias arterias. O contenedor da Xunta non vai ser revitalizador da cidade, antes ben pode establecerse unha especie de relación osmótica con Carrefour e, un pouco no sentido que Saramago explica na súa novela “A Caverna”, a historia dun centro comercial que tende a medrar sen parar; que os humáns poden incluso sacralizaren o papel do centro, como tamén aconteceu en Pontevedra e pode pasar igualmenete co contenedor inaugurado por Touriño. As elecciós poden servir pra cambia-las cousas e o sentido de facer país. Por eso hai que conseguir que os partidos se pronuncien coa verdade na man.

viernes, 28 de marzo de 2008

O MERCADO, OUTRAVOLTA [22.06.2001]

Entrar en Pontevedra, hoxe, é como entrar nun laberinto, ó que neste blog calificamos como o Laberinto de Lou-lo-Chu. Tamén vale pra ilustrare o lonxe que agora está o Mercado prás xentes da periferia. Dibuxo de Xesús López.

Pontevedra, 28.03.2008

Entrada n. 460 do blog.

Novo traballo do 2001, recuperado. Novo traballo sobre o Mercado Municipal, do que se ten falado dabondo no blog. A reconstrucción non trouxo consigo a modernidade que algús agardabamos, algo así como se o Mercado fose concebido como un moderno hipermercado. Así as cousas, a miseria sigue apoderándose da zona. Xa temos comentado que uns 40000 pontevedreses non acoden xa ó Mercado, que pra eles foron concebidos Carrefour, Lidl, Dya, Mercadona, na periferia, que en moitos casos teñen aparcamento gratuíto, do que se valen algunhas xentes que veñen a Pontevedra de visita, ó queda-la cidade privada de aparcamentos en superficie, algo que ten incidido no deseño final da súa miseria, a conversión en Gulag da cidade conforme ó modelo estalinista do equipo de goberno.

O MERCADO, OUTRAVOLTA [22.06.2001]
por Xesús López Fernández

Téñome referido ó tema do Mercado de Abastos en diversas ocasiós porque, residente na zona vella, sei que é vital a súa recuperación como centro comercial moderno e dinámico. Se mante-lo aspecto exterior da praza vella era en por sí un reto cuestionado por máis dun arquitecto –téñase presente que o edificio foi construído nos anos corenta— a funcionalidade interior a acadar na obra nova debe ser xeradora das sinerxias necesarias pra que a cidade vella renaza un pouco das súas cinzas. Aínda a pasada semá toquei este tema, en alusión ós traballos da excavación en fase cada vez máis activa cara o horizonte do 2002, parece que xa pasado o peor. E decía no segundo párrafo da miña colaboración: ”...agardemos que a nengún partido se lle ocorra outravolta atranca-las cousas.....A xente retoma a ilusión, pero lembra puntualmente certas maniobras presuntamente retardatarias.” Pode que fose un presentimento; tal vez que leve razón ó non afiuzar en certos grupos con poder.

Despois do paro pola folga, as obras retomaron o ritmo agardado. Kronsa retirou a súa maquinaria, o que vai facilita-lo movemento de terras, o traballo das pás mecánicas, a entrada e saída dos camiós, a aceleración; a arelanza tamén das xentes que levan dous anos cercadas urbanística i económicamente e que confiaban que os partidos políticos estarían dacordo en resolve-las cousas, que xa a nengún deles se lle ía ocurri-lo que parece que sí acaba de suceder. Ben que os arqueólogos volvan ter un certo protagonismo que se entende, agardamos que sen interferiren máis do necesario. Pero o grave non é éso, senón o feito de que Fomento acabe de ordear --por medio de resolución asinada polo delegado do Goberno Arsenio Fernández de Mesa— nova paralización das obras, por “invasión” da avenida de Buenos Aires, algo que, según se nos tiña explicado por activa e pasiva ficara aclarado en decembro do 2000. ¡Menos mal que cabe o recurso e a protesta cidadá!!

A xente está indignada porque entende que todo foi xa contado daquela, cando a primeira interrupción. ¡Se houbo que modifica-los planos e renunciar a algunhas prazas!. ¿Cómo se entende que Fomento ande aquí tan fino e que na realización dos accesos de Carrefour, por exemplo, non atopase nada extraño?. Dito de xeito soave, un mato non vendido foi engulido na construcción do bucle de saída do centro de Salcedo que, pra evitaren o procedente interdicto prometeron por medio dun seu colaborador que todo se había resolver. A denuncia apresentada ante Demarcación de Carreteras só sería contestada dous anos máis tarde, ó seren requeridos polo Defensor del Pueblo, señor Múgica. Non se chegaron enterar do que podían saber con simplemente dirixírense ó Rexistro da Propiedade ou ó Catastro. O asunto está xudicializado, pendente de sentencia. É decir que Fomento parece mirar, según os casos, nunha ou noutra dirección. E suscita dúbidas, dúbidas fundamentadas.

O novo mercado de abastos, con aparcamento, pode ser un polo de atracción, competidor incluso do centro que preside agora Arias Salgado, o antigo titular de Fomento. A suspensión decretada das obras parece unha maniobra torpe que vai demorar máis o remate das mesmas. Pídese unha total transparencia porque a xente lembra o paso-a-paso do asunto do parking, a oposición primeira de certos persoaxes á idea, vista por moitos como algo providencial. Se algún grupo político non quere que se constrúa que o diga con valentía. Se o fai estou seguro de que, a partir dese intre, hánselle complica-las cousas; que se lle ha facer máis difícil traballa-lo voto. As xentes valoran positivamente o poder dispoñeren dun centro comercial con aparcaxe. As dificultades que a construcción conleve poden ter un premio que deberán traballar tódo-los partidos. Veciños e asociacións quéreno así. Fomento non parece polo labor e pode coa súa aguillada aflama-los sentimentos das xentes, crear unha situación de irreversibilidade. Como guindar pedras ó propio tellado.

martes, 8 de enero de 2008

O NUDO DO PINO [23.02.1999]


Enerxía nacente, os beneficios de Continente-Carrefour gracias ó nudo do Pino e a ruína da cidade, cada volta máis incomunicada, máis Gulag. Dibuxo de Xesús López.


Pontevedra, 8.1.2008

Entrada n. 400 do blog.
Xa poucos traballos han quedar do 1999 por inserir no blog. O que vai desta volta refírese ó controvertido nudo do Pino, có que os novos urbanistas han volver. Téñase en conta o tempo transcurrido e que, por falta de vontade política, ou por danzar certos señores con intereses opacos, os roubos denunciados no traballo permanecen. E así han seguir se non se produce unha rexeneración total da clase política. Non queda outro remedio que pensar mal.


O NUDO DO PINO [23.02.1999],
por Xesús López Fernández 


No pasado mes de decembro tiven que levar a unha rapaza a Peinador. Precisaba a criatura estar en Madrid aquel mesmo día. E, con tempo dabondo, collemos pola estrada de Vigo. Mais...resulta que o tempo quedouse corto porque se cruzar Pontevedra non foi problema sí o sería a saída da cidade. O atasco que naquela hora se producía –sete do serán— na rotonda de Fdez. Ladreda era soamente presaxio do que estaba por vir: o gran atasco no nudo do Pino, a solución deseñada polas cabezas pensantes de Fomento e do Concello ó servicio de Continente. A miña maldición daquela hora sería maior cando arribamos a Peinador serodios, cando o avión estaba a punto de sair. Dende aquela –valeume a experiencia— cada vez que teño que face-la mesma viaxe recurro á autopista que, de momento, véxoa como única solución.

Tanto na viaxe de ida como na de volta tiven ocasión de face-lo inventario de certas cuestiós, algunha delas pendente de solución xudicial, como o caso da desaparición dun terreo da miña muller, en Matalobos, ocupado actualmente polo bucle de saída do centro comercial construído en San Blas. Gallega de Charters, S.A., a empresa que, según parece, xestionou aquel terreo, mercou alí tres mil metros á familia La Sota, pero ocupou presuntamente máis superficie –aseguran que oito mil, o que non coincide coa inscripción rexistral, na que incluso se describen mal as lindes do realmente comprado--. As miñas denuncias presentadas por rexistro no Concello non serviron de nada. Pero hai máis cousas, naturalmente, reveladoras da aposta que tanto o Concello como o goberno estiveron a facer pola gran superficie.

O nudo do Pino, un tanto kafkiano, fíxose en pouco tempo porque había que poñelo a disposición dos franceses. Pero a promesa de resolve-lo problema humán da familia Soliño quedou no esquecemento e, no día d´hoxe, sigue alí secuestrada, soportando o cerco despiadado da procesionaria sen fín que baixa de Continente e da autopista. Pero é que as facilidades dadas á gran superficie foron de tal magnitude que non se sabe da reparación económica que cabe reclamar prós que no seu día foron expropiados de terras cun motivo social: a construcción dos accesos á A-9. A empresa concesionaria da autopista tería que retorna-los terreos que deixaron de ter unha función social pra se convertir en carril de acceso ó centro comercial. E aínda estou a agarda-la resposta á petición de reversión dunha finca no seu día expropiada pola que, nestos momentos se entra no centro comercial. Aquí poderían darse as circunstancias dunha auténtica estafa social. Existe unha clara burla, un desinterese total por parte do Concello. Ou un interese doutro signo, opaco, unha aposta que non se entende si se pretende seguir en política.

A finca de San Blas, en Salcedo, xestionouse como solar pra unha gran superficie sendo alcalde Rivas Fontán, o home que agora, como senador, afirma que o futuro acceso á autopista dende o concello de Vilaboa ---según el declaraba na prensa do 18 de febreiro-- pode alivia-la presión do tráfego no nudo do Pino, o problema creado, en gran parte, polo tránsito causado por Continente. É bó que o senador por Pontevedra se preocupe por estas cuestiós. O problema existe, é certo, e Continente estanos a toca-los narices a todos, sobre todo ó comercio da vila, cada vez máis sumido na sima.

sábado, 3 de noviembre de 2007

A "FRENCH CONNECTION" [14.7.2000]

Recurro de novo a este dibuxo pra ilustrar agora a ensamblaxe de Carrefour coa autopista. Cruzando o centro do bucle, un verdadeiro diámetro, existía un mato que foi roubado á miña muller. Curiosamente, un ben transmitido dende o século XIX, inscripto no Rexistro da Propiedade. Con certificación catastral de plano e superficie, resulta que agora desapareceu do propio Catastro. Hai conexiós, de certo que sí.
Pontevedra, 3.11.2007

Outra traballo do ano 2000. Nel faise a exposición dunha serie de cuestiós opacas, e trampas, mesmo roubos, en relación coa imprantación do centro comercial de Continente, actualmente Carrefour. A situación do comercio local pontevedrés é agora dramática porque a actuación do equipo de goberno local en relación coa dita superficie comercial pódese resumir no sentido de que non houbo disposición algunha pra ver de correxi-los abusos e que, polo tanto, pode haber máis conexiós que a que se describe.

-
A “FRENCH CONNECTION” [14.7.2000]
por Xesús López Fernández
-
Xa foi anunciada a mudanza da política ó mundo empresarial polo que foi ministro de Fomento, señor Arias Salgado. O home debe estar molesto porque o seu cambio profesional está sendo obxeto de comentarios en moitas tertulias e medios. No seu día fora xa diana das críticas en relación cunha recalificación de chan efectuada en Marbella. E tamén, dende aquí, perguntouse se non habería que investiga-los apoios dados polo seu ministerio a Centros Comerciales Continente na realización das conexiós do seu centro de San Blas coa infraestructura da autopista do Atlántico, algo protestado dende a propia Audasa, que gañaría no Tribunal Supremo o pleito sostido por ese motivo. Que Autopistas do Atlántico non pida agora a execución da sentencia pode ser en función de intereses opacos e servir pra conformar unha verdadeira estafa ás xentes no seu día expropiadas.
-
Que ó señor Arias Salgado non lle agrade estar no escano pra non facer nada, pra simplemente pulsar un botón según a consigna de cada momento, é algo que o honra. ¡Cántas veces non terán votado os parlamentarios en contra dos intereses da súa demarcación, dos cidadáns ós que decían representar! Incluso en temas como o da conexión coas autoestradas á meseta. ¡Pero aquí, en Salcedo, o ministerio do señor Arias Salgado soupo, aparentemente, traballar, ó lle facilita-lo vincallo coa infraestructura da autopista –reconvertida en N-553, qué raro-- ó centro comercial de Continente!. ¡Eso sí que é un “fondo de comercio”, unha carteira potencial de moitísimos clientes da capital, do Morrazo ou do hinterland do Salnés! Suficiente como pra asegurar un beneficio certo ó tempo que o comercio local se debate nos últimos estertores, sen tan siquer a axuda do goberno local que parece apostou, como a administración Pedrosa, por Continente/Carrefour. E veremos qué acontece agora coa libertade de horarios, algo que semella dictado polas grandes superficies.
-
Entendo que Carrefour fiche ó señor Arias Salgado, un home tamén pretendido polo Grupo editorial Bertlesmann según comentaba hai un mes en Estrella Digital Z. Rana. As empresas, en efecto, buscan cerebros no mundo da política, executivos brillantes, homes relacionados e con influencia no sistema. O señor Rubalcaba debeu debutar xa no Grupo Prisa; Ruiz Gallardón anuncia igualmente a súa futura privatización, algo que se converteu en febre. Arias Salgado, que estaría disposto a “sacrificarse” por un cargo con rango de ministro, abandona o seu escano, o que se denuncia dende diversos medios porque aquí non se está a dar esa “estética de ritmo e procedemento“ –Martin Ferrand dixit--, a grandeza que tería suposto unha renuncia antes das eleccións de marzo. Parece que mantiña o cargo de diputado mentres non lle saía algo mellor, que xa o ten: presidente de Carrefour-España despois do verán, con Pryca e Continente na recta final da fusión, no parto da nova Carrefour, un xigante con 2.300 puntos de venta, 50.000 empregados, un volume de negocio de 1,4 billóns de pesetas e unha cuota de mercado do 26%.
-
Un xa non cree nos políticos e pensa que no asunto do centro de San Blas debería terse levado a cabo unha investigación en profundidade; se non pode haber materia, talvez, como no affaire das Torres Ifer, de Vigo, pra ver de promover unha posible depuración de responsabilidades. Modestamente brindei, tanto ó concello como ó propio ministerio, información veraz que foi subestimada. Nunha denuncia recente, a tres bandas, deixabase constancia tanto da actitude do Concello como do Ministerio de Fomento, que non contestou a cuestiós diversas, como se en todo este asunto houbera intereses opacos. Sábese dun vello político local --hai tempo privatizado-- que andaba moi nervioso na “onda” dos recados a terceiros. Traballou, arreo, con outros, polos franceses. E Carrefour, un coloso, move ficha e contrata a Arias Salgado, convertido polo destino na “french connection”. Casualidades.

miércoles, 17 de octubre de 2007

A PALABRA DE SARAMAGO [9.2.2002]

A Xusticia e a Política fanse decote máis opacas. "Ven a néboa, vaise o Sol", dibuxo informático do autor.
Pontevedra, 17.10.2007
Saramago case sempre atina, como neste relato do ano 2002. Ó campesiño que tocou a campá, o sino, nunha aldea de Florencia, un conde ou marqués leváralle as terras por un aquel de lle move-los marcos. Esto lémbrame o roubo de que foi obxeto a miña muller, en Matalobos, por onde hoxe se asenta o bucle de saída de Carrefour, que quedaría cruzado polo mato "roubado". A propiedade, transmitida testamentariamente dende o século XIX, inscripta no Rexistro da Propiedade, foi achanzada e metida nunha bulsa de terreo maior que vendeu a familia La Sota, en parte falsa venta como podo demostrar.
Denunciado o abuso ante o Concello e ante Fomento, Delegación Provincial de Carreteras, con fotografías da agresión e a pertinente documentación non contestaron, ata pasados dous anos e por ter levado o asunto ó Defensor del Pueblo, o señor Múgica. Hoxe, a propiedade nen aparece no Catastro, cando en anos anteriores testimoniaba que a propiedade medía 600 metros cuadrados. En fin, o asunto, foi tamén xudicializado e podémolo reabrir, pero coido non vale a pena. Simplemente, adherirme ó campesiño florentino, axudalo a facerlle sona-la campá, a tomarlle o relevo, porque creo, como el, que a Xusticia está morta, que o cárcere debería abrirse pra algús homes públicos que non cumpren co deber e que se fixeron merecentes de ter pousada antre rellas. 

A PALABRA DE SARAMAGO [9.2.2002]
por Xesús López Fernández 

“O liderazgo en tempo de crisis: unha visión pra un futuro compartido”. Ese foi o lema dos diversos traballos e ponencias do Foro Económico Mundial, celebrado este ano en Nova York, no Waldorf Astoria, pra estudia-la evolución económica global, a seguridade i estabilidade e pra atopar camiños que reduzan a distancia antre ricos e probes. Dito así, parece moi bonito. Mentres, en Porto Alegre (Brasil) tivo lugar o contracumio económico, o do Foro Mundial Antiglobalización, que abrangue ós descontentos do sistema capitalista mundial que, según Saramago, ten sometido ó mundo ata o punto de que parece que os gobernos só lexislan a favor dos intereses dos que detentan o poder económico.

Curiosamente, en Porto Alegre, cidade con moitos problemas de carácter ambiental, reuníronse máis de 50.000 persoas pertencentes a 3.500 ONGs, sindicatos e asociaciós de dereitos humáns i ecoloxistas que están a buscaren alternativas ó capitalismo salvaxe defendido dende Nova York. Difícil solución ten o planeta ferido se dende os gobernos non se actúa con cordura, con valentía, cara a políticas de desenvolvemento sostible, de fin da precariedade laboral, de defensa do medio natural e das etnias que nel manteñen a súa identidade, da aceptación do protocolo de Kioto sobre cambio climático; que loiten por unha xusticia que salve a dignidade do home, de todo-los homes. E sobre a globalización da inxusticia versou o texto de Saramago que se leeu na clausura de Porto Alegre e que comeza coa referencia a un feito histórico acontecido nunha aldea de Florencia, hai agora catro séculos.
As xentes estaban nas súas casas ou traballando as terras, cando comezou a sona-la campá da igrexa parroquial, que tocaba a morto. Na aldea nadie tiña noticias de que algún veciño estivese a fenecer. A aldea toda --homes, mulleres, nenos-- comparece no adro. Xa alí, agarda espectante acontecementos, ata que se abre a porta do templo e aparece un campesiño que aclara que foi el o que tocou o sino e que en realidade non morrera ninguén con nome e apelidos. “Toquei a morto pola Xusticia, porque a Xusticia está morta”. E contou a historia de cómo o privara de terras o rico do lugar –un conde ou un marqués--, que movera os marcos da súa propiedade. O home queixárase ás autoridades, tentara acollerse á xusticia, sen resultado, polo que decideu anunciar “urbi et orbi” –unha aldea, di Saramago, ten o tamaño exacto do mundo pró que sempre viveu nela— a morte da Xusticia. Non se sabe das consecuencias desta denuncia do campesiño, porque a Historia non conta todo.....

Hoxe a Xusticia segue a morrer no noso entorno. Canto acontece é como se non tivera existido prós que confiaban nela, prós que agardaban dela o que en dereito podían esperar: xusticia.. “Non a que se envolve en túnicas de teatro e nos confunde coa súa retórica, non a que permiteu que lle vendasen os ollos....., unha xusticia que fose emanación espontánea da propia sociedade na que se manifestase, como imperativo moral, o respeto polo dereito a ser que asiste a cada home”....E segue a falar das campás, de que hoxe o campesiño de Florencia sería visto como un tolo. Outras e distintas campás, dí, poden facer visible no mundo a xusticia compañeira dos homes, básica prá felicidade: a fin da fame, a protección da libertade e do dereito. Esas campás, movementos de resistencia e de acción social, han facer aplicable a Declaración Universal dos Dereitos Humáns, pró que haberá que salvar antes a democracia, agora unha pura función ritual no cambio ou elección de goberno. O autor di que os gobernantes vanse convertendo en meros comisarios políticos do poder económico, lexislando ó seu favor. Urxe un debate mundial sobre a democracia e a súa decadencia, sobre a intervención dos cidadáns na vida política e social. Saramago conserva a esperanza dun cambio. Pide silencio porque o labrego de Florencia acaba de sobir á torre da Igrexa e a campá vai sonar novamente. Prestemos atención.