Enerxía nacente, os beneficios de Continente-Carrefour gracias ó nudo do Pino e a ruína da cidade, cada volta máis incomunicada, máis Gulag. Dibuxo de Xesús López.
Pontevedra, 8.1.2008
Entrada n. 400 do blog.
Entrada n. 400 do blog.
Xa poucos traballos han quedar do 1999 por inserir no blog. O que vai desta volta refírese ó controvertido nudo do Pino, có que os novos urbanistas han volver. Téñase en conta o tempo transcurrido e que, por falta de vontade política, ou por danzar certos señores con intereses opacos, os roubos denunciados no traballo permanecen. E así han seguir se non se produce unha rexeneración total da clase política. Non queda outro remedio que pensar mal.
O NUDO DO PINO [23.02.1999],
por Xesús López Fernández
No pasado mes de decembro tiven que levar a unha rapaza a Peinador. Precisaba a criatura estar en Madrid aquel mesmo día. E, con tempo dabondo, collemos pola estrada de Vigo. Mais...resulta que o tempo quedouse corto porque se cruzar Pontevedra non foi problema sí o sería a saída da cidade. O atasco que naquela hora se producía –sete do serán— na rotonda de Fdez. Ladreda era soamente presaxio do que estaba por vir: o gran atasco no nudo do Pino, a solución deseñada polas cabezas pensantes de Fomento e do Concello ó servicio de Continente. A miña maldición daquela hora sería maior cando arribamos a Peinador serodios, cando o avión estaba a punto de sair. Dende aquela –valeume a experiencia— cada vez que teño que face-la mesma viaxe recurro á autopista que, de momento, véxoa como única solución.
Tanto na viaxe de ida como na de volta tiven ocasión de face-lo inventario de certas cuestiós, algunha delas pendente de solución xudicial, como o caso da desaparición dun terreo da miña muller, en Matalobos, ocupado actualmente polo bucle de saída do centro comercial construído en San Blas. Gallega de Charters, S.A., a empresa que, según parece, xestionou aquel terreo, mercou alí tres mil metros á familia La Sota, pero ocupou presuntamente máis superficie –aseguran que oito mil, o que non coincide coa inscripción rexistral, na que incluso se describen mal as lindes do realmente comprado--. As miñas denuncias presentadas por rexistro no Concello non serviron de nada. Pero hai máis cousas, naturalmente, reveladoras da aposta que tanto o Concello como o goberno estiveron a facer pola gran superficie.
O nudo do Pino, un tanto kafkiano, fíxose en pouco tempo porque había que poñelo a disposición dos franceses. Pero a promesa de resolve-lo problema humán da familia Soliño quedou no esquecemento e, no día d´hoxe, sigue alí secuestrada, soportando o cerco despiadado da procesionaria sen fín que baixa de Continente e da autopista. Pero é que as facilidades dadas á gran superficie foron de tal magnitude que non se sabe da reparación económica que cabe reclamar prós que no seu día foron expropiados de terras cun motivo social: a construcción dos accesos á A-9. A empresa concesionaria da autopista tería que retorna-los terreos que deixaron de ter unha función social pra se convertir en carril de acceso ó centro comercial. E aínda estou a agarda-la resposta á petición de reversión dunha finca no seu día expropiada pola que, nestos momentos se entra no centro comercial. Aquí poderían darse as circunstancias dunha auténtica estafa social. Existe unha clara burla, un desinterese total por parte do Concello. Ou un interese doutro signo, opaco, unha aposta que non se entende si se pretende seguir en política.
A finca de San Blas, en Salcedo, xestionouse como solar pra unha gran superficie sendo alcalde Rivas Fontán, o home que agora, como senador, afirma que o futuro acceso á autopista dende o concello de Vilaboa ---según el declaraba na prensa do 18 de febreiro-- pode alivia-la presión do tráfego no nudo do Pino, o problema creado, en gran parte, polo tránsito causado por Continente. É bó que o senador por Pontevedra se preocupe por estas cuestiós. O problema existe, é certo, e Continente estanos a toca-los narices a todos, sobre todo ó comercio da vila, cada vez máis sumido na sima.
No hay comentarios:
Publicar un comentario