sábado, 3 de noviembre de 2007

A "FRENCH CONNECTION" [14.7.2000]

Recurro de novo a este dibuxo pra ilustrar agora a ensamblaxe de Carrefour coa autopista. Cruzando o centro do bucle, un verdadeiro diámetro, existía un mato que foi roubado á miña muller. Curiosamente, un ben transmitido dende o século XIX, inscripto no Rexistro da Propiedade. Con certificación catastral de plano e superficie, resulta que agora desapareceu do propio Catastro. Hai conexiós, de certo que sí.
Pontevedra, 3.11.2007

Outra traballo do ano 2000. Nel faise a exposición dunha serie de cuestiós opacas, e trampas, mesmo roubos, en relación coa imprantación do centro comercial de Continente, actualmente Carrefour. A situación do comercio local pontevedrés é agora dramática porque a actuación do equipo de goberno local en relación coa dita superficie comercial pódese resumir no sentido de que non houbo disposición algunha pra ver de correxi-los abusos e que, polo tanto, pode haber máis conexiós que a que se describe.

-
A “FRENCH CONNECTION” [14.7.2000]
por Xesús López Fernández
-
Xa foi anunciada a mudanza da política ó mundo empresarial polo que foi ministro de Fomento, señor Arias Salgado. O home debe estar molesto porque o seu cambio profesional está sendo obxeto de comentarios en moitas tertulias e medios. No seu día fora xa diana das críticas en relación cunha recalificación de chan efectuada en Marbella. E tamén, dende aquí, perguntouse se non habería que investiga-los apoios dados polo seu ministerio a Centros Comerciales Continente na realización das conexiós do seu centro de San Blas coa infraestructura da autopista do Atlántico, algo protestado dende a propia Audasa, que gañaría no Tribunal Supremo o pleito sostido por ese motivo. Que Autopistas do Atlántico non pida agora a execución da sentencia pode ser en función de intereses opacos e servir pra conformar unha verdadeira estafa ás xentes no seu día expropiadas.
-
Que ó señor Arias Salgado non lle agrade estar no escano pra non facer nada, pra simplemente pulsar un botón según a consigna de cada momento, é algo que o honra. ¡Cántas veces non terán votado os parlamentarios en contra dos intereses da súa demarcación, dos cidadáns ós que decían representar! Incluso en temas como o da conexión coas autoestradas á meseta. ¡Pero aquí, en Salcedo, o ministerio do señor Arias Salgado soupo, aparentemente, traballar, ó lle facilita-lo vincallo coa infraestructura da autopista –reconvertida en N-553, qué raro-- ó centro comercial de Continente!. ¡Eso sí que é un “fondo de comercio”, unha carteira potencial de moitísimos clientes da capital, do Morrazo ou do hinterland do Salnés! Suficiente como pra asegurar un beneficio certo ó tempo que o comercio local se debate nos últimos estertores, sen tan siquer a axuda do goberno local que parece apostou, como a administración Pedrosa, por Continente/Carrefour. E veremos qué acontece agora coa libertade de horarios, algo que semella dictado polas grandes superficies.
-
Entendo que Carrefour fiche ó señor Arias Salgado, un home tamén pretendido polo Grupo editorial Bertlesmann según comentaba hai un mes en Estrella Digital Z. Rana. As empresas, en efecto, buscan cerebros no mundo da política, executivos brillantes, homes relacionados e con influencia no sistema. O señor Rubalcaba debeu debutar xa no Grupo Prisa; Ruiz Gallardón anuncia igualmente a súa futura privatización, algo que se converteu en febre. Arias Salgado, que estaría disposto a “sacrificarse” por un cargo con rango de ministro, abandona o seu escano, o que se denuncia dende diversos medios porque aquí non se está a dar esa “estética de ritmo e procedemento“ –Martin Ferrand dixit--, a grandeza que tería suposto unha renuncia antes das eleccións de marzo. Parece que mantiña o cargo de diputado mentres non lle saía algo mellor, que xa o ten: presidente de Carrefour-España despois do verán, con Pryca e Continente na recta final da fusión, no parto da nova Carrefour, un xigante con 2.300 puntos de venta, 50.000 empregados, un volume de negocio de 1,4 billóns de pesetas e unha cuota de mercado do 26%.
-
Un xa non cree nos políticos e pensa que no asunto do centro de San Blas debería terse levado a cabo unha investigación en profundidade; se non pode haber materia, talvez, como no affaire das Torres Ifer, de Vigo, pra ver de promover unha posible depuración de responsabilidades. Modestamente brindei, tanto ó concello como ó propio ministerio, información veraz que foi subestimada. Nunha denuncia recente, a tres bandas, deixabase constancia tanto da actitude do Concello como do Ministerio de Fomento, que non contestou a cuestiós diversas, como se en todo este asunto houbera intereses opacos. Sábese dun vello político local --hai tempo privatizado-- que andaba moi nervioso na “onda” dos recados a terceiros. Traballou, arreo, con outros, polos franceses. E Carrefour, un coloso, move ficha e contrata a Arias Salgado, convertido polo destino na “french connection”. Casualidades.

No hay comentarios: