
-
Pontevedra,28.08.2011
Entrada n. 1464 do blog
Artículo semanal
Augas negras,
por Xesús López Fernández
por Xesús López Fernández
A falta dunha verdadeira política ambientalista na ría de Pontevedra, a teima en seguire marcando os tempos dunha involución certa prá nosa ecoloxía, é evidente. Aínda estos pasados días, río Lérez arriba e con marea baixa, apreciabase o fondo lodoso de color negra betún, as augas igualmente negras, algo comprobado en días sucesivos. ¿Pero qué foi daquel purolérez.com que nos prometían os propagandistas da Carta de Aalborg? Traicionado o conxunto intermareal no que traballaban diversas depuradoras biolóxicas, as xunqueiras, desta volta e no marco das obras dos terreos que ocupou Tafisa diríase que están a poñeren un novo acento a esa traición, pois nada se está a facere pola recuperación do humedal duns 11000 metros cuadrados que co tempo iría ocupando o parque de madeiras da desaparecida fábrica. Si algún proiecto de rexeneración existe, de momento non se ve. Nun deses paseos apreciabanse tres cisnes, como derrotados, á procura da auga menos contaminada que recibían por un esgoto, escorrentía orixinada, talvez, no outro lado da estrada, á altura do humedal desaparecido.
Poderiamos seguir cunha especie de inventario do que se leva facendo mal dende os anos 50. A Lei de Costas do 1988, que puido ter un efecto salvífico nesta ría, foi sistemáticamente ignorada dende as administraciós que inda aspiran a reventala. Intentos non faltaron, moi en contra da actuación que se supón terían que asumi-las ditas administraciós na defensa do dominio público marítimo terrestre. As marismas de Lourizán poden ter ante sí un futuro de rexeneración; pero, tristemente, as denuncias que se van prantexando, eternizadas no carreiro xudicial, son case sempre promovidas por medio do exercicio da acción popular ante a Xusticia. E así vanse producindo algunhas sentencias firmes que, pasando anos, non se dan executado, como acontece cos casos denunciados pola Plataforma prá Defensa da Praza d´Os Praceres, como tamén os procedementos incoados por Salvemos Pontevedra poderían marcar unha alborada nova pra Lourizán, firme xa a sentencia que devolve á vella concesión de Malvar a condición de dominio público marítimo terrestre.
As administraciós, responsables por acción ou omisión de tanto disparate feito, son de novo culpables na realización da obra que presuntamente ilegal, a conexión coa variante de Marín por medio da rotonda a tres niveles, en Mollavao, con radio de 200 metros, obra en principio alegada por un colectivo de diversos grupos ecoloxistas. Nada, outra batalla xudicial en marcha. Non importa que a Xunta e o Concello digan que se trata dun erro gravísimo e que as negativas de Fomento a modifica-lo plan obrigáronos “porque os cidadáns non podían agardare máis tempo”. Discurso falaz de seudoecoloxistas que non repararon que a Edar d´Os Praceres por eles impulsada era ilegal según a Lei de Costas; que tamén o sería o tanque das tormentas que o Concello quería construire en Mollavao, e todo canto mal se leva feito no porto de Marín, onde hai que retirar recheos por sentencia xudicial, pero se dispoñen a seguiren ocupando máis lámina d´auga.
Presuntamente, a obra vai consolida-la autovía de Marín, asentada sobre as marismas de Lourizán. Escuros intereses parecen marca-lo operativo. E Lores aínda tivo unha gracieta na conversa que se celebrou a pé de obra o pasado mércores: “Queda claro que no ministerio de Fomento, goberne quen goberne, mandan os técnicos”. ¿E non serán os clústers os que marcan a folla de ruta?. Telmo Martín tivo palabras rotundas: “É unha auténtica aberración que imos acabar lamentando”. O conselleiro dixo máis: “Nós queriamos saca-la autovía da beira do mar”, promesa bonita se fose certa; un sensentido, xa que non se aprestaron a recurriren pola vía xudicial en contra da agresión ó medio natural que a obra representa. As augas baixan negras. Unha derrota pra todos, e prós que fardan d´augadores do purolérez.com.