Socalcos, fantasía do autor. En zonas do que hoxe é denominado Ribeira Sacra practícase o cultivo da vide en socalcos..... No artículo que hoxe presento, en parte reiterado ó estar tomados tres dos seus parágrafos doutro publicado no 2002, en diversos medios: Diario de Pontevedra, Xornal electrónico da USC...., (tamén figura como referente en Wikipedia). Volvo sobre o tema porque novamente se fala da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Fálase, nada máis, que moito non se leva feito polo labor que case parecía abandonado. No traballo mantense a tesis de que Ribeira sería unha forma deturpada de "reboira/reboiro", que ven de "rovoyra". É decir, estariamos a falare dunha reboira sagrada, dun carballo sagrado. Teño consultado este asunto con conocedores do tema conformes con que "ribeira", aínda que forma alterada, é realmente un fitotopónimo.
Entrada n. 1700 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra
A Ribeira Sacra,
patrimonio esquecido,
por Xesús López
Fernández
A Ribeira Sacra como posible Patrimonio da Humanidade é
un proiecto que non acaba de coller pulo, centrado fundamentalmente no estudio
dos mosteiros con máis peso no conxunto de Galicia, San Estevo de Ribas do Sil,
Nogueira de Ramuín, e o de Santa María de Montederramo, no concello ourensao do
mesmo nome, como valor potencial no sector turístico e no desenvolvemento da
bisbarra da Ribeira Sacra, nome por moitos asociado á presencia, na zona, de
innumerables eremitorios e conventos. Pero hai outro criterio a considerar: que
Ribeira, traducción de Rivoira según o padre Antonio Yepes que sería asumida
polos historiadores posteriores (cuestionada por Vidán Torreira, que relacionaba
a palabra con reboira/riboira), ten a súa raíz en Rovoyra Sacrata, según o
documento fundacional que sería localizado por Torquato de Souza Soares. Según
eso estariamos a falare dunha carballeira sagrada, ou dun carballo sagrado (¿o
do escudo de Montederramo?). Retomo agora parte dun artículo do ano 2002, no
que tocaba este tema, de novo actual:
“José Freire Camaniel –en El Monacato Gallego
en la Alta Edad Media —lémbranos
a serie de tres artículos de Vidán publicados no ano 1987 en La Voz de Galicia.
Di Vidán que a traducción non se axusta á evolución diacrónica da lingua
galega, e da palabra “Roboria” –madeira de roble ou aciña--, documentada por
Meyer Lübke, Vidán fai deriva-los galegos “riboira/reboira/reboiro”, pra
concluir que Rivoira Sacrata correspondería antes a Reboira Sagrada –roble
sagrado— que non á Ribeira Sacra asumida por Yepes e outros historiadores.
Vidán titula o seu traballo do 10.10.1987 “El roble sagrado de la Rivoira Sacrata ”,
poñéndonos en sintonía coa obra de James Frazer titulada “A Ponla Dourada”. O
propio nome do lugar, Monte de Ramo, faría alusión según Vidán ó “visgo” –lat.
viscum, cast. muérdago--, arbusto que parasita frecuentemente no carballo. Ese
roble ou carballo parasitado podería se-la personificación do sacerdote
coidador do bosco.
O primitivo convento estaría situado
en Seoane o Vello –clara alusión a unha realidade anterior--, unha das doce
parroquias de Montederramo. Téñase presente que Seoane significa Xoan/Xohán, o
nome do convento fundado por mandato de Dona Tareixa de Portugal, filla de
Afonso VI . De tódo-los xeitos non hai
documentación que permita pescudar máis alá do nome de Monte de Ramo como tal.
Pero Vidán, que parteu na súa investigación do nome “Rivoira”, acabaría por
estar máis perto da verdade do que moitos puideron supoñer, porque outro
historiador, Torquato de Souza Soares, que sometería a estudio crítico o
documento fundacional de Montederramo, que non cree necesario transcribir,
reprodúceo en facsímil e nel léese claramente “rovoyra sacrata”. É decir, cobra
novo interese a tesis de Vidán Torreira, porque a palabra auténtica está máis
próxima no seu vocalismo ó “robur” –roble— latino. Según o diploma fundacional
Dona Tareixa, daquela reina de Portugal –dí o documento—“dende o mar Oceano ata
o río Bibei, que corre antre Trives e Valdeorras, doa a Arnaldo e ós seus
compañeiros, presentes e futuros, o lugar denominado “rovoyra sacrata”, situado
en Montederramo, territorio de Caldelas”, según informa José Freire.
Xa
non cabe aquí unha maior extensión sobre o tema da sacralización de carballos e
carballeiras e sobre o valor engadido que viña representa-lo visgo –a ponla
dourada--, que habería que cortar, en todo caso, con fouce d´ouro. Nen temos
constancia de que o arbusto chegue a tomar esa color non sendo no caso de ser
cortado. Depois de cortado, sí, vaise poñendo dourado. Nesas circunstancias e
por medio dunha vara obtida do mesmo poderíase atopar ouro, por aquelo de que o
semellante, por simpatía, busca ó semellante, do mesmo xeito que o lume
solsticial que se renova polo San Xohán, especialmente o de carballo, sirve pra
lle transferir ó sol a necesaria enerxía e que éste non morra, non se apague e
siga sendo o gran farol do mundo. Interesante a idea de Vidán de situar en
Montederramo un carballo/unha carballeira sagrada. De todas formas, aínda que a
súa visión crítica sobre a traducción de “rivoyra/rovoyra” sexa correcta, a
denominación de Ribeira Sacra que ó longo dos séculos fixo fortuna, parece non
ter volta. Falando de conventos ou de viños.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario