A frase lapidaria de Caín neste chiste de La Razón do 10.08 está asumida no texto do artículo presentado nesta entrada. Os militantes accionistas poden mesmo explicar moitos dos disparates que se levan feito en materia medioambiental e o poder inxustificado dos clústers.
Outro agasallo de Caín en La Razón. Unha militante que de cada volta cree menos no seu partido e máis nas súas estructuras.
Pontevedra, 12.08.2013
Entrada n. 1696 do blog
Artículo semanal pró Diario de Pontevedra
Rajoy fala de medio
ambiente,
por Xesús López
Fernández
O asunto de
Xibraltar, a decisión unilateral do goberno da colonia británica de facere unha
sementeira procaz de grandes bloques de formigón con “agullas” pra dificultare a pesca na bahía de Alxeciras,
obriga ó Goberno español a tomar unha serie de decisiós: control do movemento
transfronteirizo, o que trae consigo unha ralentización do tránsito con demoras
insufribles de dúas ou tres horas; tamén o establecemento dun trabuco de 50
euros polo simple feito de pasa-la fronteira en calquera dos dous sentidos.
Deste imposto estarían exénto-los traballadores que acotío cruzan a línea
fronteiriza por razós de tipo laboral. Tanto
na Línea de la Concepción como en Alxeciras están moi preocupados porque peligra
o seu medio de vida. Precisamente esa tasa de 50 euros anúnciana como medio prá
creación dun fondo de axuda prós pescadores daquel mar.
O presidente
Rajoy, que analizou o conflicto, non dubidou en xulgare esta bárbara actuación
das autoridades de Xibraltar de guindar, de botare ó mar 70 bloques de
formigón, como “atentado evidente contra o medio ambiente”, que perxudica
notablemente ós mariñeiros da Bahía de Alxeciras, algo que se suma a outras
decisiós tamén adoutadas unilateralmente polas autoridades da colonia
británica, antre elas a de abandona-lo acordo de pesca do 1999. Agrádame que
Rajoy fale, ¡á fin!, de medio ambiente, sensibilidade da que non lle sabiamos
cando aquí, en Pontevedra, vivimos unha situación talvez irreversible en
materia ecolóxica porque a Administración fixo unha contínua deixadeza dos seus
deberes. Sí que é certo que o TS ten dictado unha serie de sentencias que non
se dan executado polos atrancos postos polos mandiños locales, que parecen
estare a cuestiona-lo que son sentencias firmes: ferrocarril d´Os Praceres, os
recheos do Porto de Marín (a demencial creación alí dun polígono industrial), a
edar d´Os Praceres, a concesión de Ence, etc.
Lembrémonos de cándo, hai cousa de varios meses, nos
visitou unha comisión de eurodiputados. É curioso que sexan dúas mulleres,
Angelika Werthmann, liberal austríaca, e Tatjana Zdanoka, ecoloxista estona, as
que teñan recomendado, no documento por elas presentado, que as autoridades
rexionales e locales traballen activamente coa comunidade civil pra aseguraren
o respeto ó medio ambiente nas rías (¿Pero é que non prevé eso a Axenda21Local,
que no caso do PXOM pontevedrés parece non existir?). Incluso o xefe da
Comisión, o francés Boullard, ten criticado a “mala actitude” dos eurodiputados
pra acadaren consensos. Sen entrare aquí en nomes, lembremos que aquela
comisión que nos visitou nos primeiros
meses do ano, non veu á ría de Pontevedra, posiblemente a máis desgraciada pola
serie de actuaciós contra natura nela consumadas e presuntamente consentidas,
esquecida a gran Lei de Costas do 1988 que contemplaba a costa como espacio
finito. Aínda vai ter razón Caín, o humorista de La Razón, que nun chiste do
10.08 formulaba esta afirmación: “Os partidos políticos do futuro non terán
militantes, senón accionistas”. Coido que xa.
No caso pontevedrés, vista a inacción da clase
política no tema ambiental, cabe formularse non poucas perguntas. Rajoy faría
ben en estudiare polo miúdo un cobizoso plan de rexeneración do litoral todo
desta ría, que debera ser tamén a súa. Pero mal van as cousas: Se Xibraltar
quer crecere a base de recheos, aquí tense chegado á loucura á hora de acabar
con espacios sensibles: xunqueiras, marismas de Lourizán, os recheos portuarios
de Marín prá absurda idea de facer aí un polígono industrial á par que se
redondeaba a ruína dun espacio ecolóxicamente privilexiado e se convertía en
lucro cesante o sustento dunha serie de familias, tendo sido estimado que,
nalgún momento, eran cinco mil as que vivían da súa riqueza primaria: ameixas,
croques, ostras, sardiñas,
robalizas, etc. Aquí Rajoy teríao máis fácil que en Xibraltar, que xa están
dictadas algunhas das precisas sentencias. En Xibraltar téno máis difícil, que
haberá que incoa-lo oportuno procedemento ante o tribunal da ONU.
No hay comentarios:
Publicar un comentario