Mostrando entradas con la etiqueta lume forestal. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lume forestal. Mostrar todas las entradas

domingo, 15 de septiembre de 2013

ANDA O DEMO POLO MONTE





Lume forestal en Galicia. A foto primeira corresponde ó incendio das Fragas do Eume, o pasado ano; a segunda foto, incendio en Boiro.

Pontevedra, 15.09.2013
Entrada n. 1706 do blog
Artículo do pasado 9.09.2013, no Diario de Pontevedra

Anda o demo polo monte,
por Xesús López Fernández

            Case tódo-los anos prometen novas medidas contra o lume,  plans de pevención que parece sí van funcionar. Despois do terrible 2006, no que viñeron na nosa axuda xentes doutras autonomías, homes que incluso se “metían” materialmente no lume pra ver de apagalo, sen grandes resultados; á fin, sí, todo cinza e borralla: perdas en flora e fauna difíciles de cuantificar. Algún esquío fuxido do holocausto andaba atontecido polas veigas de Xustáns ou Taboadelo. O lume, como outravolta se reitera na nova campaña incendiaria que estamos a sofrir, intencionado. E quedan meses por dediante. Ademáis que o lume soe volver a montes xa estragados, como estos pasados días acontecía con Pontecaldelas (Silvoso, Barbudo, A Insua, A Roca e Reboredo), onde os demos encargados do traballo apresentaron unha factura de 600 has ou de 370 nos Ancares. É como se Lexión, aquel demo bíblico, (“o meu nome é Lexión porque somos moitos”) regresase de novo a Galicia, onde ten pasto fácil.
           
            Certo que cada novo ano anuncian medidas máis “eficaces”. ¡Se aínda non hai tanto tempo que se falaba dun aparato electrónico, un detector de fontes de calor incluso a distancias considerables, que serviría pra unha loita máis dinámica contra as lapas. Este ano ían patrulla-los nosos montes homes da Brilat da cabalo. Pero vése que o demo, Lexión, ten outras armas máis eficaces, que pode con eles. E Galicia (na que se debe atopar tan a gusto como en Galilea) arde de novo, cousa que hai poucos días negaba a conselleira do Medio Rural: “Galicia non arde, porque case tódo-los incendios quedan apagados no propio día no que se producen”. Pero sabemos que non é así e que non se está a traballar no deseño dun plan forestal que teña como fin certa a recuperación da nosa paisaxe; tamén un plan prá conversión dos nosos montes en algo certamente vivo e animado, en factor determinante da economía das nosas aldeas que tamén seguirían vivas, porque aí, sen entregar Galicia ós clústers, podería existir un manantial certo de traballo, simplemente sen afogar á natureza.  

            Cando alguén fala de intencionalidade incendiaria, pola hora e forma na que os incendios son declarados (cando Lexión actúa), hai que ter en conta a nugalla deses  voceiros que non souberon traballar na recuperación da vexetación climax. Lembremos unha vez máis e pra vergonza de máis de un algo do dito por Eduardo Galeano, uruguaio, ecoloxista convencido, nemigo de eucaliptus e pasteiras. “Nestas novas plantaciós non cantan os paxaros. Nada teñen que ver os boscos primixenios aniquilados, que eran como pobos de árbores diferentes achegadas ó seu xeito, fontes de vida diversa que sabiamente se multiplicaba a si mesma, con estos exércitos de árbores todos iguales, prantados como soldaditos en fila india e destinados ó servicio industrial”. O autor é conocido mundialmente pola su obra “Las venas abiertas de América Latina”, punto de partida da súa  permanente cruzada, do compromiso coa xente e o medio ambiente do que todos dependemos.

            Galeano tiña xa unha opinión moi clara no 1994 sobre a problemática ambiental, algo que o levaría a un activismo anticelulósico en contra da instalación no seu país de xigantescas fábricas de pasta destinadas a alimentar o consumo insustentable de papel e cartón nos países do norte. Eses dous proiectos (Metsa Botnia i Ence) forneceríanse de monocultivos de eucaliptos prantados en territorio uruguaio. “Pero resulta, di Galeano, que os banqueiros deixaron de lado a usura pra se consagraren á ecoloxía e a proba está: o Banco Mundial outorga xenerosos crétos prá forestación”. O Banco pranta árbores e suma prestixio nun mundo escandalizado polo arraso dos seus boscos. Conmovedora historia: o destripador distribúe membros ortopédicos antre as víctimas das súas mutilaciós. Pero ese destripador (Lexión podémolo nomear) tamén sabe, presuntamente, do lume pra que o seu “exército” conquiste aínda máis a nosa terra. Lexión se acomoda, parece, en Galilea e Galicia.   

domingo, 1 de septiembre de 2013

GALICIA, DE NOVO O LUME

O lume de Ribeira, no Barbanza, comezou a partir de cinco focos, a ambos lados da autoestrada. Foron localizados artefactos incendiarios.    
 Lume en Nogueira de Ramuín, onde a crueldade cebouse no cañón do Sil.  
 Lume en Oia, un dos que máis hectáreas arrasou. 
Galicia chora despois do incendio devastador das Fragas do Eume, o 1.04.2012, co protagonismo principal da árbore gasolina, do eucalipto. Algún directivo prometeu daquela a erradicación desa árbore da zona. Promesas. Nada máis, que o lume pode ser provocado mesmo pra potencia-la presencia do eucalipto, como se sabe acontece, o que resulta rentable pra certos bastardos intereses. 

Pontevedra, 2.09.2013
Entrada n. 1705 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra

Galicia, de novo o lume,
por Xesús López Fernández

            O mes de Agosto cerrou cunha serie de grandes incendios na nosa terra: o lume visítanos de novo e reitera o seu brutal e conocido protagonismo. Son moitos os lumes que arrancan dende diversos focos e coa axuda de artefactos incendiarios, dispostos moitos montes de Galicia como grandes piras, bouzas acrecidas polo abandono existente que fan doado o traballo dos presuntos traballadores inducidos da mafia incendiaria. Nesta hora parece que sí hai unha protesta xeneralizada, un clamor das comunidades de montes que ata o dagora non mostraran unha actitude clara pró cambio da forestación da nosa terra, prá posta en valor dos nosos montes, ós que tamén hai que lle procurare outros usos no eido da gandería extensiva. Galicia sería outro país; podería ser incluso a reserva proteínica de Europa, mais pra eso habería que cambiar de política, findar dunha vez coas subvenciós do abandono das terras de labor á par que coa potenciación dunha reforestación irracional.

            Estamos fartos de oir discursos políticos á baixa en relación coa peste incendiaria, que parece minimizan coa noticia de que, de momento, van 1500 incendios, “se ben nos esperan meses complicados”. ¿Pero é que necesitamos tanto tempo pra reaccionare e acabar co lume forestal pra sempre, cando é sabido o claro protagonismo das árbores pirofíticas coas que se fixo unha prantación masiva na nosa terra? Se os bombeiros californiáns lle chaman ó eucaliptu a “árbore gasolina”, por algo ha ser. Hoxe seguramente  han lamentare o feito de ter prantado no seu chan nada menos que 42 especies desa árbore australiáa. Aquí, en Galicia, fomos tamén víctimas da prantación masiva de piñeiros radiata e, sobre todo, de eucaliptus,  cos que ocuparon os montes galegos, privados así pra outros usos. Como que esas prantaciós foron a presunta causa do maior éxodo emigratorio da nosa terra.

            ¿Pero é que non pode haber un discurso máis intelixente prá posta en valor dos nosos montes como fontes de riqueza e de traballo, de salvación de aldeas, de fixación de poboación? O eucaliptu expándese co lume e despois de cortado téñense contabilizado máis de vinte mil renovos de cepa por hectárea incendiada. Se no 1989 se contabilizaron máis de 15000 incendios (incluso no mes de Outono ardían os nosos montes ou se recollían nos montes de Carnota numerosos artefactos incendiarios), no ano 2006, preñádo-los montes de biomasa, enormes bouzadas, o efecto do lume foi quizaves máis arrasador, que algún deles debeu ter vinte kilómetros de longo, como que hai montes aínda non recuperados, daquela asustados e co chan totalmente mineralizado. E os incendios destos últimos días (o de Oia-O Rosal-Tomiño, o de Barbanza-Ribeira, os de Lousame, Boiro, Nogueira de Ramuín, Cualedro, Navia de Suarna, etc.), denotan un protagonismo incendiario activo.

            Sábeme a pouco a presentación de 2500 sinaturas dunha chamada “Asamblea galega contra o lume” no rexistro xeral da Xunta, en apoio dunha nova política forestal que evite os incendios. A asamblea está formada por máis dunha ducia de colectivos ecoloxistas e sindicatos que teñen como obxetivo denunciare  que o lume nos montes galegos “non é unha cuestión puntual”, senón que corresponde a unha política forestal que non cumpre os seus obxetivos, según explicou Miguel Anxo Abraira, da plataforma na Defensa das Fragas do Eume: “Abonda con decir que nos últimos 25 anos ardeu máis da totalidade do territorio galego, como mínimo unha vez”. Non se resolven as cousas con ter aviós ou helicópteros, que ó mellor non serían necesarios con outra política forestal distinta da que conleva a simple producción de madeira barata pra moer ou queimar; que tamén conviría a promoción da multifuncionalidade do monte e coidado das súas funciós ecosistémicas (biodiversidade) e sociales; tamén “a limitación (eu diría eliminación) das especies pirofíticas ou alóctonas e promovere unha silvicultura preventiva e sustentable”.

martes, 4 de junio de 2013

EN TORNO Ó EUCALIPTU, PASANDO POR GALEANO

O protagonismo incendiario no Parque das Fragas do Eume estivo marcado polo eucalipto. Non se entende o bestialismo dos provocadores, tendo sido apuntado por alguén a posible intención de acabar co parque porque na zona hai presencia de andalucita, mineral estratéxico, nun momento no que os responsables da nosa Economía parecen dispostos a entregar Galicia á megaminería, algo contestado masivamente este pasado Domingo, en Compostela. Sigue un traballo publicado na web de PontevedraViva, o 3.06.2013, tomando referencias de Eduardo Galeano, que na súa obra fala da prantación industrial de Eucaliptus, soldaditos que provocan "fueguitos", dí o home comprometido coa Ecoloxía.   

Pontevedra, 5.06.2013
Entrada n. 1673 do blog
(Artículo publicado en Pontevedra Viva)

En torno ó eucaliptu, pasando por Galeano,
por Xesús López Fernández

Pode que no horizonte dos corenta ou cincoenta do pasado século arrancara xa a colonización da nosa terra por medio das prantaciós masivas de piñeiros insignes ou radiatas (que hoxe vemos en gran parte infectados de procesionaria) e de eucaliptus, a árbore gasolina según lle denominan os bombeiros califoniáns. E toda esa colonización dictada, ó parecer, pola UE, condenada Galicia, con políticos mediocres, a fabricar materia prima prás pasteiras contaminantes cando non a albergare a estas industrias de vertedeiro que sí poden xerar riqueza, pero non pró país, senón prós colonizadores, ó tempo que se cargan as rías e disparan as estadísticas de non poucas enfermedades. (O que teña curiosidade pode consulta-las estadísticas de enfermedades de obrigatoria declaración, de cuios retoques debería saber non pouco o finado de Fraga).

Poderiamos contar algo da historia incendiaria que, como escándalo, veu sendo unha das características desas prantaciós masivas que serviron, incluso, para impulsare máis a emigración das nosas xentes, pra matare aldeas. Anos de triste relembro o do 1989, co conselleiro Miguel Sineiro, socialista, e o 2006, co conselleiro Suárez Canals, na gobernación do bipartito. E inda está recén o incendio no Parque das Fragas do Eume, no que o eucaliptu tivo tamén un protagonismo infernal. Claro, esas prantaciós foron un verdadeiro disparate, á par que o noso monte perdía valor e a vexetación climax resultaba arrasada. Pero fixémonos nalgunhas cousas que dí Eduardo Galeano, cidadán universal: “Nas novas prantaciós madereiras non cantan os paxaros. Nada teñen que ve-las vellas fragas aniquiladas, que eran pobos de árbores diversas apertadas ó seu xeito e maneira, fontes de vida diversa que sabiamente se multiplicaba a si mesma, con estos exércitos de árbores todas iguales, prantadas como soldaditos en fila e destinados ó servicio industrial”.

Galeano é un dos escritores máis comprometidos coa realidade do mundo e dos seus pobos, i é conocido pola súa obra clásica “As veas abertas da América Latina”, editada hai xa máis de 25 anos, obra que marcou o punto de partida da súa cruzada sen claudicación por un mundo máis libre i equitativo, no seu permanente compromiso pola xente e o ambiente do que todos dependemos. E como cidadán uruguaio tivo que se involucrar na loita contra a instalación no seu país de xigantescas pasteiras –a finlandesa Metsa Botnia e a española Ence--, que se fornecerían de monocultivos de eucaliptus imprantados en territorio uruguaio destinados a mante-lo consumo insustentable de papel e cartón dos países do Norte, sobre os que Galeano xa tiña unha opinión clara no 1994 cando no seu libro “Úselo y tírelo” decía: “Pero resulta que os banqueiros abandonaron a usura pra consagrárense á ecoloxía, a proba está: o Banco Mundial outorga xenerosos crétos prá forestación. O Banco pranta árbores e recolle prestixio nun mundo escandalizado polo arraso da súa flora autóctona. Conmovedora historia, digna de ser levada á televisión: o destripador distribúe membros ortopédicos antr´as víctimas das súas mutilaciós, como cando aquí Fraga subvencionaba o abandono das terras de labor a cambio da prantación de eucaliptus, algo que se pode apreciar moi ben dend´a nova terminal de Lavacolla: o avance escandaloso dos “soldaditos” de Galeano no que foron veigas, campos, onde agora xa non cantan os paxaros. [….] Poderiamos seguir con Galeano, que queda moito por decir, pero un protagonista minúsculo, o gonipterus scutellatus está a comprometere a vida desas prantaciós… 

Fracasada a loita biolóxica por medio da anaphens nitens tense recurrido a insecticidas hoxe prohibidos, que poderían incluso acabare coas abellas. Estamos avisados do peligro mundial, como tamén (Albert Einstein dixit) de que a vida de moitas prantas, incluso a vida do home, depende da permanencia da abella nos nosos ecosistemas. Se acaso, mentres algús dos nosos políticos poden sentírense rufos coas súas decisiós, rubriquemos estas líneas con palabras do autor uruguaio: “Pero ocurre que os finlandeses prantan no Uruguai os boscos artificiales que en Finlandia están prohibidos polas leis de protección á natureza”. Aquí pode que algún “doudo iluminado” afirme que hai que potenciar aínda máis a prantación do eucaliptu, “a nosa vexetación clímax”. E aquí salta a chispa, que o dos incendiarios pode ser incluso traballo inducido sendo como é o lume un dos métodos de expansión do eucaliptu, téndose contado 22000 renovos de cepa en hectáreas queimadas desta árbore.

Pontevedra, 3.06.2013


jueves, 18 de abril de 2013

ARDE O PAÍS, DE NOVO [6.08.2004]

 O lume en Cotobade, ano 2006, outro ano de terror incendiario. Lembremos que nesa ocasión gobernaba o bipartito PSOE-BNG, que algo máis puideron ter feito. Léanse as alusiós a Quintana no artículo hoxe recuperado, do  ano 2004, preñadas de sentido común. Pero suspendeu no 2006, un ano grande prá mafia incendiaria, tanto como o horroroso 1989, cando ardían os montes incluso no mes d´Outono e se atoparon daquela quince aparellos incendiarios nos montes de Carnota.
O pasado ano ardían as fragas do Eume, fundamentalmente na zona con gran presencia de eucaliptus, que os bombeiras de California denominan árbores "gasolina". E a Xunta, desta volta, tampouco parece té-las ideas claras sobre o cambio de forestación, sobre a recuperación da vexetación clymax: carballos, castiñeiros, nogueiras, freixos, etc. 

Pontevedra, 19.04.2013
Entrada n. 1650 do blog
Artículo do ano 2004, recuperado.


Arde o país, de novo, [6.08.2004]
Por Xesús López Fernández

            O que siga o día a día do calendario das festas galegas pode chegar á conclusión de que aquí non pasa nada aínda que Galicia estea a vivir un ano máis incendiario que os pasados, con Lugo e Ourense especialmente abrasadas, o que podería revelar que detrás pode haber un particular 11-M orquestado polas mafias queimadoras con intención diversa. ¿Promover urbanizaciós, modifica-la reforestación....? Porque á hora de explica-las causas incendiarias téñense dito moitas estupideces. E  sería necesario un debate aberto, apunta-las posibles orixes do lume de tolos que estamos a sofrir ó mesmo tempo que se celebra a Festa do Albariño e se nomean novos cabaleiros e damas, ou a Festa do Galo de Corral en Portas, a do Pemento en Arnoia, a da Peregrina en Pontevedra, ou se aproba a denominación de orixe do grelo, producto galego de calidade, cando aquí debera estar funcionando un gabinete de crisis, talvez terse producido algunha dimisión, porque o que é evidente é o vergonzoso fracaso  da política antiincendiaria da Xunta. Teñamos presente o que dí Adena cando afirma que en once anos só un “pirómano” sofreu penas de prisión e multa de 42.000€.  

             Ó que queira ter unha conciencia clara do drama que estamos a vivir recomendaríalle que consultase a abundante información da páxina web que se cita http://orgaccmm.org/xNOVAS/NOV-12-NOVAS.htm , unha especie de caleidoscopio no que  decote aparece o inventario da maioría dos incendios que se van producindo, recollido de distintos medios, coa nova de que comezaron a apareceren artefactos incendiarios (en Oímbra, Carballiño, i en Valdeorras), algo do que se ten dado noticia en anos pasados, como no  1989, en Carnota, aparecidos daquela uns quince aparatos. Pero os políticos queren te-lo seu discurso pró momento e a propia Cristina Narbona profireu unhas acusaciós que parecen gravísimas e sen base. Según ela os viticultores poderían ter arte e parte nos lumes de Ourense, pra así cambia-la vocación do monte, dito de forma soave.  Paréceme algo inadmisible e coido sería bo que a ministra botase man das hemerotecas e verificase datos en relación coa vaga incendiaria do ano 1989, cando en Galicia tiñamos un presidente socialista, González Laxe. É posible que daquela o lume tivese un culpable máis identificable, e tamén nestos momentos sería bo practicar unha especie de contabilidade da desfeita ecolóxica que estamos a padecer, porque ó final é seguro, seguro, aparecería algún beneficiario.

             Pero das nefastas políticas reforestadoras falan os partidos todos da oposición: PSOE, BNG. As acusaciós dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente son fortes e directas, a raíz das súas declaraciós de que o lume non ten que ver co abandono da poboación rural. ¡E claro que ten que ver, como ben lle lembrou Quintana en Allariz!. O home afirmou algo que está na conciencia de moitos de nós, sabedores de que co abandono das aldeas, co cambio de uso do monte, co cambio cultural e a perda de prácticas conservacionistas, ese espacio fíxose máis fráxil á apetencia dos malvados. Quintana lembrou a promesa de Fraga de hai quince anos, de que en seis meses acabaría co lume (o cal foi certo na época de Romay Beccaría, 1990, 1991, como conselleiro de Agricultura) pero van xa queimadas nese tempo máis de 400.000 hectáreas de monte galego. A solución, dixo Quintana e parece de sentido común, ten que vir a medio prazo, “coa reutilización da superficie agrogandeira e a repoboación humáa do medio rural”.  E tamén afirmou que Allariz é un claro exemplo de cómo se pode combati-lo lume por medio da recuperación das terras agrarias abandonadas. Pra Anxo Quintana o conselleiro debe  dimitir inmediatamente, pola súa clara incompetencia.

            O PSOE dagora  manifesta que os cidadáns queren  outra política forestal...I é oportuno cita-lo dito polo grupo alemán Euronatur, que afirma que cos criterios reforestadores ás veces seguidos non só se racharon equilibrios ecolóxicos (algo do que hai pouco tempo avisaba o profesor Antonio Rigueiro) senón que se incrementou enormemente a posibilidade de desencadear incendios. “A estratexia futura a nivel de Europa debera pasar, según afirma Claus-Peter Hutter, presidente da fundación, pola creación dunha política forestal europea con estratexias claras a longo prazo e por unha recuperación de boscos a través de especies propias dos ecosistemas. Están en  xogo perdas ecolóxicas moitas veces irrecuperables, con graves consecuencias económicas sobre as zonas afectadas. A Fundación pró Patrimonio Natural de Europa sabe que a reforestación con autóctonas correxiría a situación actual, na que a “eucaliptización” producida é causa principal incendiaria. ¿Pero cómo conseguir que o lobby incendiario deixe de impoñe-lo seu organigrama de lume ano tras ano? 

lunes, 2 de abril de 2012

As Fragas do Eume

O incendio das Fragas do Eume seguía esta madrugada. E pra este desastre non hai discurso político que vala, non hai discurso posible. Pódese afirmar que todo é consecuencia dunha política forestal de descerebrados que estiveron sempre a primaren a prantación de eucaliptus, usados como exército invasor pra botare da terra a máis e máis xente (pra acabare tamén coa flora autóctona, coa vexetación clímax incluso nas fragas do Eume, cercadas por esta especie pirofítica). Precisamente coincideu o maior éxodo emigratorio, a integración na diáspora desta terra galega, coa triunfal prantación de eucaliptus e pinos insignes ou radiatas ó servicio das pasteiras: Galicia foi privada de alma, da vexetación clímax, decote máis recuada.

Pontevedra, 2.04.2012
Entrada n. 1511 do blog

As Fragas do Eume,
por Xesús López Fernández

As Fragas do Eume, das que informa Wikipedia no enlace solapado baixo as catro primeiras palabras, sofreu ou está sofrindo un grave incendio que mesmo pode acabar co parque enteiro, xa desnaturalizado no entorno, cercado por unha masa de eucaliptus incendiarios, unha constante en moitos dos incendios que Galicia sofre cada ano. Efectivamente, os eucaliptus podemos pensar que están aí pra eso, pra queimar máis e máis e pra, despois de cada traxedia (cada incendio forestal lévase parte da nosa alma) botar histéricamente renovos, como que se teñen contado 22000 novos eucaliptus por ha. queimada, arborada con esa especie.

Agora estamos xa no momento do discurso, zafio ou crítico que, pra non me envenenar máis, inclúo seguidamente por medio de enlaces:

ABC: Os pirómanos aproveitan a seca pra queimare o cerne das fragas do Eume. Non son pirómanos, senón criminales e nemigos de Galicia. 

La Voz: A Xunta dí que o peor do incendio do Eume xa pasou. ¿Qué queren xustificare coesa frasa estúpica? 
   
La Voz: Noticias diversas e críticas en relación co lume do Eume. A Xunta fala de 750 has., que outros consideran poden ser 1500, ou máis. 



E buscade en Google.....

domingo, 1 de abril de 2012

addenda ó post d´A chuvia que nos deixou

addenda ó post d´A chuvia que nos deixou


Loita contra o lume: Así son as fragas do Eume, paraxe sen par.

O incendio que arrasa o corazón das fragas do Eume, sigue sen control. (Este enlace contén máis de catrocentos comentarios, moitos deles a ter en conta: a falta de prevención, a falta de brigadistas, incluso a posible saña dos que quixeran acabare co parque e poñer en marcha unha explotación de andalucita, etc. )

sábado, 31 de marzo de 2012

A chuvia que nos deixou

O bestialismo incendiario cébase nada menos que coas Fragas do Eume, o maior bosco atlántico do litoral europeo. Repárese no protagonismo incendiario dos eucaliptus, especie que non se cita nas noticias que se van dando sobre a diversidade forestal queimada, como se existise unha certa conciencia culpable na propia Administración, aínda qu´o disimulen. Na mañá do 1.04 aumenta a participación do exército nos labores de extinción.

Un bombeiro forestal traballa nas Fragas do Eume. Nos traballos d´extinción colaboran neste momento (2.00da madrugada do 1.04) 55 militares.

Pontevedra, 2.04.2012
Entrada n. 1509 do blog
Artículo semanal

A chuvia que nos deixou,
por Xesús López Fernández

            O inverno que acabamos de pasare foi, en Madrid, o máis seco dende que se ten rexistro, datando o máis antiguo no 1893. A situación é moi preocupante se non-o remedian chuvias por riba do normal nos meses de abril, maio e xuño. Se así non acontece, o dano xa está feito en diversas zonas de España. No Pirineo Aragonés e na cornisa cantábrica califican a situación de grave, mentres en Andalucía, o inverno estivo marcado por un frío polar á par que unha seca dominante, con estragos moi elevados no sector primario, que ASAJA estima en 518 millós de euros: cítricos e outros cultivos, cereales e gandería extensiva. Eso referido ó momento actual, que co panorama existente son moitos productores os que andan a pensaren en non sementar xirasol, outra perda a sumar á posible do olivar, prevista unha baixa na producción dun 40% na  provincia de Jaén.    

            Argumenta ASAJA que este inverno foi o máis seco dos últimos 70 anos e que, se sigue sen chovere, van sumar perdas totales nos cultivos de verán. A situación está “a poñer en xogo o entramado socioeconómico das zonas rurales”, afirma o presidente de ASAJA-Andalucía Ricardo Serra, no sentido de que a situación meteorolóxica pode ser un factor máis na destrucción de emprego e riqueza. Ó home extrañoulle que o ministro do MARM, Miguel Arias Cañete, que acaba de se referire á seca como problema preocupante en Galicia, Cantábrico e o Val do Ebro, pra nada citou o caso de Andalucía, onde tiven ocasión de senti-lo frío polar, este pasado inverno; de ver tamén vastos campos feridos pola falta de chuvias.

            Coa seca está tamén en marcha a campaña incendiaria: en Galicia, Asturias e Cantabria. Cando escribo estas líneas arde o corazón do Parque Natural das Fragas do Eume, 200 hectáreas, e foron desaloxadas unhas 200 persoas. A situación do monte galego debe ser agora similar á do ano 2006, un dos anos terribles da peste incendiaria, posiblemente o peor dend´o ano 1989, no que se contabilizaran máis de 15000 incendios, como que Galicia ardía incluso no mes de Outono. Daquela e despois dun incendio en Carnota, foran localizados no monte unha serie de artefactos incendiarios. Houbo, sí, unha pequena pausa dos anos 1990-1991, en sendo conselleiro de Agricultura Romay Beccaría, na que se evidenciara que o lume forestal non era un algo casual, que en moitos casos podía haber mesmo unha trama incendiaria, como xa se presumía. Resulta vergonzoso que a estas alturas sigamos sen poñere os montes en valor, sen consideralos parte das nosas vidas, sen dotalos de prantaciós nobles ou sen potencia-la entrada neles de animales rozadores: cabalos, vacas, ovellas, cabras, que limitarían a formación de bouzas pró lume.   

            Total, que temos dediante nosa un panorama desolador. Non chove. As cidades mesmo poden pasar sede, naturalmente. Secuestrada a auga dos ríos por medio de encoros, éstos están agora baixos. Os ríos poden incluso, nalgún caso, non dispoñere de caudal ecolóxico, necesario pra diversas formas de vida. Seguro que noutros tempos andariamos de rogativas. O home, máis próximo a Deus e ós santos, pola súa intercesión, obtiña o favor da chuvia, cun ritual que dalgunha forma viña de tempos anteriores, cando o home chegou creere que tiña dominio máxico sobre a chuvia, ata o punto de que o “facedor de chuvias” era, nas sociedades primitivas, un home importante. Unha ponla ou unhas follas molladas servían pra orballare o entorno, a imitación da chuvia. Na tribu Mara, Australia, un facedor de chuvia achégase a unha charca i  entona un canto máxico; despois colle auga coas mans e lévaa á boca pra espurreala, incluso sobre sí, e regresa ó campamento. A chuvia ven detrás. Outros queiman un ramallo e apagan o lume con auga. Tamén comparece a chuvia. ¿Por qué non en Galicia, con tanto bosco queimado? Está claro que falamos de cousas distintas, de pobos distintos, mesmo da falta de fe da sociedade actual.            

martes, 14 de agosto de 2007

OUTRAVOLTA O LUME FORESTAL [25.06.06]

Pontevedra, 15.08.07

"Outravolta o lume forestal", un dos títulos do pasado ano que entra agora no rol do blog. Este ano, afortunadamente, houbo pouca actividade incendiaria porque, sobre todo, estivo vixiante o mellor dos bombeiros, a auga, que inda onte, 14.8, trouxo unha rega abondosa. Xa se sabe: Aí ven san Lourenzo co seu caldeiriño penzo, auga, nubes, que tampouco nos deixaron ve-las estrelas. Pero os montes están dispostos a arderen de novo, porque non se fixeron os traballos de rexeneración dos que tanto se ten falado.

Unha noticia de hai un par de días, no sentido de que na provincia de Ourense foron sementadas oliveiras, parece que nunha superficie dunhas dez hectáreas e cunha promesa de obter unha producción de 40000 litros aceito virxe de oliva no prazo de tres anos, pode ser exemplar, pero resulta cativa cando deberon quedar, sen rexenerar nen rozar, montes por un total dunhas 80 ou 90 mil hectáreas.

Hai espacios que son un auténtico escándalo, Nun horizonte de eucaliptales (non quero decir eucaliptais, plural bastardo por diferencialista) secos, co chan do monte mineralizado e sen capacidade xa de producciòn, aprécianse en zonas que eran de monte raso, como se fosen fentos, os milleiros de eucaliptus fillos dos protagonistas incendiarios. Cando arde un eucaliptu estímase que, antre os renovos e os que nazan das sementes que saen despedidas polo vento, poden aparecer 200 novos exemplares: a peste incendiaria como ben sabemos. Sigue o traballo aparecido o pasado ano no Diario de Pontevedra e no Xornal.com
No se puede mostrar la imagen “http://www.elcorreogallego.es/servicios/galeriagrafica/523/grandes/7154.jpg” porque contiene errores.

Outravolta o lume forestal, [25.06.06],
por Xesús López Fernández

Levamos meses con noticias de incendios provocados. En Boiro, Ribeira, Meaño, en Ourense, o lume devorador volve como outros anos. Un tiña certa confianza en que, despois dun ano do cambio, estiveran xa concretadas medidas certas no eido da política forestal; que Medio Ambiente ou Medio Rural tivesen máis adiantádo-los seus deberes, nos que deberán asumir un protagonismo de primeira línea as comunidades de montes, xa no control da masa forestal ou ben no cambio da mesma, porque aí poderían esta-las claves de moitas cousas i, en definitiva, da involución da nosa sociedade rural, quebrado o soporte da súa economía agrogandeira que, cada día que pasa, paréceo ter máis difícil. Que a Xunta teña promulgado un decreto que vai impedi-la presencia de masas boscosas a 25 metros das casas, incluso a 50 se se trata de pirofíticas (eucaliptos, chopos) parece unha solución corta, moi corta. Aínda gardo memoria dun gran incendio do pasado ano e podo afirmar que, situado a uns catro ou cinco kilómetros de distancia do mesmo, chegaban onda min como linguas de lume as follas que o vento forte traguía dende a gran cacharela.

A maior presencia dos eucaliptus é o resultado de anos de política forestadora irracional e hai escasos días tiven ocasión de leer que a superficie por eles ocupada aumentara un 450 por cen (¿en cántos anos?), realidade moitas veces denunciada que, sen embargo, foi agachada todo o posible, causa primeira de non poucos cambios socioeconómicos dos que se levan producido na nosa terra; tamén do seu desgarro medioambiental. No ano 1989, especialmente incendiario, escribín nun traballo de 22 folios cousas que hoxe podería reiterar: a referencia á forte involución demográfica da nosa terra e, logo de insistir na culpa dos políticos polo modelo forestador imposto, na hipoteca do país emanada do mesmo.

“¿E non estaría ese protagonismo da árbore australiana a condiciona-lo absentismo dos homes, a deshumanización da paisaxe, a morte das aldeas? ¿E por qué non...?” Ocupádo-lo seu ámbito sagrado, o marco da súa economía de subsistencia, “os homes emigraban. I ese absentismo, ese retirarse do marco xeográfico, podería ser tamén razón profunda do pasotismo crecente en sectores concretos da nosa sociedade...Non parecía desbotada a idea de [do protagonista da historia] que ó deixar de sé-la paisaxe a resultante do encontro do home coa natureza pra se converter en algo hostil –decretado polos violadores do mundo— a conducta social como un todo sofría. Por eso había unha falta de pulo real nas inciativas da cidadanía, en clara retirada, sen estar disposta a asumi-lo protagonismo que cada momento histórico demandaba...” No traballo tamén se facía unha aproximación ás diversas formas incendiarias e as súas consecuencias (22.000 renovos de cepa por hectárea de eucaliptus queimada), ou do esforzo de promover unha lei forestal de iniciativa popular, daquela respaldada por máis asinaturas das que puideran avalar a calquera dos partidos nacionalistas existentes. Nas hemerotecas, Xuño do 1989, consta a vergonzosa actuación do Parlamento galego daquela hora.

A un ano da gobernación da nova Xunta, agardamos un maior pragmatismo. O decreto que ordea afasta-las masas arbóreas paréceme tímido. Urxe a imprantación doutro modelo forestal: castiñeiros, carballos, nogueiras, cerdeiras de monte, piñeiros de Oregón, etc. E tanto se optamos polo modelo incendiario das prantas de xeneración eléctrica a partir da biomasa como se escollémo-lo austríaco da fabricación do compost, a vontade política dunha solución real parece aínda lonxá. En Austria, o 20 por cen da superficie rural é boscosa e son moitas as empresas dispostas a limpa-lo monte ou as zonas de prados (xardíns ou bordes das estradas) e pagan 10 euros no primeiro caso, no segundo cinco por metro cúbico. Prá fabricación de compost. Parecen máis intelixentes os austriacos e por eso a súa paisaxe é distinta. Non conciben o protagonismo que o lume ten antre nós.

lunes, 13 de agosto de 2007

A CONCIENCIA INCENDIARIA [30.09.98]

A expansión do eucaliptu na nosa terra foi pensada en base ás sementes, ós planteles de viveiros e tamén.....¡ó lume!, co seu sabido efecto multiplicador.

Pontevedra, 14.08.07
-
Debo levar escritos sobre o lume no monte galego algo así como uns 50 ou 60 traballos, tal vez máis, que irán asomando neste blog ácrata. Hoxe atopei este, breve, sobre a conciencia incendiaria, coa que non entendo non teñan dado os investigadores. Cando parece que a ameaza volve estar nos nosos montes, cun incendio que arrasou 250 hectáreas en Pena Trevinca, inclúo este traballo do 1998. Temo ter perdido algús de tempo anterior, dos sesenta. En fín, qué se lle vai facer. O que está claro é que de nada serviron, nen pra crearen certa conciencia crítica.
-
A CONCIENCIA INCENDIARIA (30.09.98),
por Xesús López Fernández
-
Hai pouco tempo que me referín ó tema do “lume forestal” que, dunha ou doutra forma, entendo ligado ó tema dos eucaliptus, a unha política reforestadora irracional, na que prima antes o criterio de ter madeira rápida e barata que o de potencia-la recuperación da flora autóctona, da biodiversidade, ou de subvenciona-la prantación de madeira de calidade.

A pesares das medidas anti-incendios parece que os queimadores andiveron ó seu aire, como quixeron, este verán. Houbo acusaciós de todo talante: pirómanos, gandeiros, madeireiros, trama organizada por uns ou por outros., etc. Mesmamente o conselleiro do Medio Ambiente cuantificou o número de posibles incendiarios en 12.000, porque se un 0,40 por cen dos galegos estaban dispostos a queima-lo monte según as súas palabras, eso se traduce no número indicado, concluía un cronista.

Eu coido que hai que falar dunha conciencia incendiaria encastañada en diversos estamentos, dun lobby preocupado porque o lume, na forma de política forestal importada de Australia ou na das incineradoras de residuos sólidos urbáns, permaneza. I esto parece algo disparatado, pero non o é “porque queimar papel usado que se pode reciclar é algo tan grave como queima-lo monte”.

Nesta parte da película, os comuneiros de montes están a constituiren unha mesa na que se poida discuti-lo tema dos incendios en toda a súa magnitude. Poderanse aportar ideas, teorizar méntre-la imaxinación o permita sobre das posibles vías e suxeitos incendiarios. E causas e concausas, porque o tema é amplio, pero nalgunha parte, posiblemente tocando poder por máis dun punto, pode aparece-la susodita conciencia incendiaria. Hai que ser duros.

Aquí quería chegar. E facerlle unha proposición ós comuneiros das asociaciós de montes. Que abran unha páxina na rede de Internet e que establezan un enderezo electrónico. Dese xeito poderían participar un gran número de galegos dispostos a aportar información sobre posibles intereses incendiarios, dispostos a participar no acoso e derribo da conciencia incendiaria que rampa sobre este país.