lunes, 14 de septiembre de 2009

En Terra Santa, 9 (última)

Panorámica do Deserto de Xudá
Vista parcial do sicómoro de Xericó, como a árbore á que se sobira Zaqueo
As furnas de Qumran nas que apareceron as escrituras dos esenios.
Un cíbercafé, no zoco de Xerusalén.
-
Pontevedra, 14.09.2009
-
Entrada n. 1053 do blog.
-
Artículo semanal. Posiblemente hei introducir máis fotos en entradas posteriores.
-
En Terra Santa, 9,
por Xesús López Fernández
-
(fin) 14.07.2009. Última xornada intensiva en Terra Santa. Se cabe, madrugamos máis que outros días porque o noso guía nos tiña reservada unha propina especial: a sobida a un monte pra que tiveramos unha visión amplia da dureza do deserto de Xudá. Curiosamente, nada máis para-lo autobús pra nos poñer a sobir aquel terreo tan costaneiro, apareceron tres nenos beduínos. Pedían chocolate. Difícil naquel momento e menos a 45º. Fomos ascendendo ata o cumio. E alí, novamente, dous beduínos vendedores de bisuteria; outro, ofrecía os servicios dun camello, un euro. E despois de ter disfrutado da panorámica comezámo-la baixada. Por outro lado do monte sobía unha moto, a do recaudador que ía recolle-lo importe do vendido polos ambulantes.

Seguimos cara Xericó. Quedaba á dereita o monte da Cuarentena, onde nun convento ortodoxo grego, os monxes siguen facendo oración. En Xericó existen ruínas de non menos de catro distintas Xericós. A moderna está baixo administración palestina. Hai poucos cristiáns. Os franciscáns, de tódo-los xeitos, manteñen alí unha parroquia, na que celebramos unha eucaristía. Tamén teñen un centro escolar. Xericó é un oasis, formado a partir da fonte de Eliseo, discípulo do profeta Elías. Na encrucillada onde está a fonte existe tamén un exemplar de sicómoro, a árbore á que se sobira Zaqueo, home baixiño á par que xefe de publicáns, pra poder ver a Xesús cando o Señor entraba na cidade. É conocida a pasaxe evanxélica na que Xesús o chama “¡Zaqueo, baixa, que hoxe quero pousar na túa casa!”. Na nova Xericó existe un centro comercial de certa importancia, especialmente centrado en productos de perfumería e xabróns elaborados a partir dos lodos do Mar Morto, que ese día estaba moi concurrido. Xericó parece axustarse á definición dada por Yahvé a Moisés, no monte Nebo, en Xordania, prometéndolle as mesmas terras que lle tiña prometido a Abraham e a Xacob, nas que manan leite e mel. Por certo, os figos de Xericó parecen, efectivamente, de mel.

Cruzamos un gran palmeiral, interminable, camiño da Qumran dos esenios, cos que se ten relacionado a Xohán o Bautista. O sitio onde apareceran os célebres manuscritos permanece aparentemente intacto. A arqueoloxía fixo alí, como en Xericó, un traballo importante. Enredamos un rato pra deseguido achegarnos á auga. Algús ían preparados. Tal como recomendaba o programa da peregrinación, cabía a posibilidade de se dar un baño terapéutico naquel mar que está a case 400 metros por baixo do nivel do Mediterráneo, o de máis salinidade da terra. Son terapéuticos os baños na medida na que os lodos do fondo parecen ter propiedades curativas. Recomendan incluso unha aplicación ó corpo enteiro, cabeza incluída. Unha ducha permite sair da negritude temporal causada pola bulla.

E regresamos a Xerusalén. Tarde libre pra nos perder na cidade vella. Entramos pola porta de Damasco, ante a que existe un gran mercado de fruta e hortalizas, especialmente activo naquel momento. Seguimos pola arteria principal do zoco, que comeza por ser un continuo de tendas palestinas pra enlazar, finalmente, con tendas xudeas. Nunca se sabe cál é o precio final dun artículo, que aínda que estea marcado a 150 euros pódeno vender finalmente a 50. Pero había comerciantes máis sensatos. Moitísima xente, o lugar resultaba un tanto caótico. Cando pasamos de novo, de volta, pola porta de Damasco, tiñamos a sensación de ter aproveitado unha ocasión única ó participar na peregrinación organizada polo arzobispado. E regresamos ó hotel, pra prepara-la viaxe do 15.07, de TelAviv a Santiago. Novo día de madrugar pra nos dirixir ó aeroporto internacional de Ben Gurion, moderno e o máis seguro de Israel. Paseamos polos diversos espacios e instalaciós. Catro controles antes de embarcar. Ás 5 da tarde estabamos en Santiago.


No hay comentarios: