sábado, 8 de mayo de 2010

UNHA VIAXE, OUTROS HORIZONTES

Constituciòn 1812. art. 255: El soborno, el cohecho y la prevaricacicón de los magistrados... (fotografías do autor do artículo, en Cádiz)
y jueces producen acción popular....
contra los que los cometan. (clicade pra amplia-las imaxes)
Túnel en Xibraltar.
-
Pontevedra, 9.05.2010
-
Entrda n. 1231 do blog
-
Unha viaxe, outros horizontes,
por Xesús López Fernández
-

Volvo despois dunha breve ausencia. Unha viaxe levoume a varios lugares do Mediodía español. Aquí quedaba un ceo neboento e, a decir verdade, todo o camiño foi como un paseo pola España húmeda, toda ela verde, verdecentes os campos de Benavente e Zamora, as terras de Salamanca e Cáceres e verdegadas estaban tamén as provincias andaluzas. A chuvia foi unha compañeira constante da viaxe; no horizonte, a peña de Francia, ó Sur da provincia de Salamanca, lindando coa de Cáceres, estaba coberta de neve. Aínda así, por terras de folgado daqueles espacios largacíos andaban fatos diversos, protagonistas algús deles dun reclamo culinario de primeira magnitude: “a ruta do xamón”, por Guijuelo e zona de influencia. O tratamento da paisaxe vai diferindo por tramos; diríase que respetada con grandes labrantíos e pastos, mesmo ben forestada ás veces, ou prostituída polo ladrillo en zonas de ribeira.

Fin de etapa con vistas ó peñón de Xibraltar, paraíso fiscal que garda nas súas entranas, talvez, claves que aínda hoxe non contan ós turistas. A súa poboación pode ronda-los trinta mil habitantes [¿reales ou con domicilio fiscal?]. A Rocha está furada como un queixo de Gruyere por unha serie de túneles, catro niveles, nos que ó longo da segunda guerra mundial tiñan a súa base de operaciós uns 18000 soldados. A magnitude da obra foi tal que contaba con cinco hospitales. Aínda hoxe apesta o combustible usado prá xeneración de enerxía, ensopapada como debe esta-la pedra caliza do monte. Nun cimiterio recoleto, como un xardín, repousan os mortos da batalla de Trafalgar. Non lonxe dalí, na praza do Convento, o templo é memoria da que foi presencia franciscáa no lugar. O xentío concéntrase básicamente na rúa principal, a Main Street: tendas de roupa, droguerías, electrónica.

Ó longo de diversos días iría visitando varios lugares: La Línea de la Concepción [antiguamente chamada “de la Contravalación”], onde tiven ocasión de asistir a unha misa rociera, un espectáculo, talvez unha forma intensa de senti-la fé; Sotogrande, con concentración de iates de Xibraltar; Tarifa, reconquistada por Sancho IV o Bravo, con África como horizonte, o punto máis meridional de España, cidade que conserva gran parte das súas murallas; Cádiz, “tacita de plata”, 1200mtx1800mt, con restos arqueolóxicos visibles, ese día en obras no entorno do monumento á Constitución do 1812, anunciaba: “art. 255. El soborno, el cohecho y la prevaricación de los magistrados y jueces producen acción popular contra los que los cometen”, algo tamén recomendado pola actual Constitución nun momento no que o ministro de Xusticia está cuestionando a acción popular. En Málaga puiden aprecia-los restos arqueolóxicos fenicios e románs ó tempo que visita-lo Museo Picasso, e a catedral.

Granada. Todo un mundo que precisaría dun mes ou máis pra lle toma-lo pulso á cidade e á súa bisbarra, pra se meter na historia do lugar. O hotel, no Albaicín baixo, era un esculcadoiro privilexiado pra ve-lo cumio da Alcazaba e o Xeneralife [co telón de fondo da Serra Nevada], especie de Babilonia o día da sobida e visita demorada ó lugar, con xentes chegadas de tódo-los continentes: asombro de construcciós, acuíferos e xardíns das Alhambras moura e cristiáa, as diversas torres son tamén esculcadoiros do Albaicín e do Sacromonte, din que claves pra entrare na psicoloxía da cidade. Igrexas impresionantes [a Catedral, S. Xohán de Deus, Nosa Señora das Angustias, patrona, a Cartuxa, etc.] e numerosas prazas, fontes e amplios paseos. A cidade parece dispoñer dun bo sistema de transporte colectivo. Conservo na retina o espectáculo da chegada masiva das aves africáas, aqueles días: vencellos, aviós, xirotos, andurós, cirrios ou orrios, que tamén así se chaman en galego. Ó día seguinte tocaba regreso, pola chamada “ruta do touro (de lidia)” e polo parque natural dos Alcornocales [Sobreiras]. Cara ó norte, por Zamora e Benavente, algún verde largacío era agora espacio en flor. Neve tamén nos montes do Oriente ourensán.

No hay comentarios: