Noite do 23.06.2013. O home fai as fogatas pra que o Sol, por imitación, non esmoreza, non se apague a nosa gran lucerna. O dibuxo é da miña autoría e xa ten aparecdo no blog como mostra do ritual máxico dos nosos ancestros pra lle transferiren enerxía ó Sol. Mellor, como se dí no traballo, lume de madeira de carballo ferido polo raio. Por certo, sei dunha carballeira na que ese fenómeno dabase con frecuencia. Algún "visionario" que non era tal decía que esos lóstregos caían alí precisamente pola existencia dalgún tipo de mineral.... Pois, sí, resulta que o lugar está agora condenado polo entreguismo da Xunta ás empresas que van convertir a Galicia no paraíso da megaminelría. Outra forma de derrotare o país.
Pontevedra, 27.06.2013
Entrada n. 1678 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra do 24.03.2013
Lume de San Xohán,
por Xesús López
Fernández
Das diversas festas nas que o lume, ó longo do ano,
ten un protagonismo máxico, quizaves é o festival ígnico que acompaña á noite
de San Xohán Bautista, o máis importante. Trátase dun ritual que, en non poucos
países xeneralmente europeos vense celebrando dende os tempos da vella paganía.
Os lumes, ás veces grandes cachadas situadas nas encrucilladas ou nos
descampados, ou nos cumios dos montes pra seren así máis visibles dende lonxe, acéndense
cando o astro sol se vai poñendo o 23 de Xuño, a víspera do solsticio que é cando
o curso solar, despois de ter sobido polo ceo día tras día para, e dende ese intre
invirte os seus pasos polo camiño celeste. O home, aínda sen capacidade pra
comprendere a súa impotencia ante os grandes cambios cíclicos da natureza,
comezou así a soñare na posibilidade de axudare ó Sol no seu decaimento. Daí o
acendido das fogatas, pra que a nosa luminaria non morra.
O home non
quere quedarse sen luz e chega pensar que coas súas mans sempre vai ser posible
reacende-la roxiza lámpara, que ésta non se apague no ceo. Algo así debeu dar
orixe ás celebraciós ígnicas europeas, que prevaleceron na cuarta parte do
mundo delimitada antre a occidental Irlanda e Rusia, no oriente, e dende Suecia
e Noruega, no septentrión, ata España e Grecia, no mediodía, algo que nos conta
James Frazer, que se apoia no testimonio dun escritor medieval cando afirma que
non sóo as fogatas (cachelas ou lumeradas), senón tamén as procesiós de
antorchas polos campos, ou o costume de botare unha roda, ó mellor por unha
abada do monte, aviso de que o Sol comeza a descendere dalí en diante.
Poderiamos traer aquí moitos exemplos en relación co folklore que acompaña ou acompañaba ó ritual do lume, tamén de
purificación.
Na nosa
terra sigue moi viva a tradición do lume de San Xohán, coido que xa como simple
encontro lúdico antre as xentes do barrio ou da aldea: Unha ocasión pra
tomare sardiñas ou pra se aventurar no salto sobre a fogata, seguramente
esmorecida a creencia de que ese lume purificador pode acabar coas bruxas ou
coa mala sorte. Sí que hai unha participación social, que incluso a rapazada
vai porta por porta ou polo monte na procura de combustible. Pero coido que xa
nadie anda á procura dalgunha ponla de carballo fulgurado (ferido por un
lóstrego), atribuíndoselle en tempos a esa madeira unha virtude especial, o
poder de lle transferir ó Sol máis “forza”. Pero teñamos presente que estos
“xogos ígnicos do solsticio do verán” foron unha constante do mundo ario: as xentes
viran en rolda ó redore das cachadas, saltan, ou fan pasa-lo gando a través do
lume pra así mantelo libre de enfermedades.
A roda xa
citada tivo un protagonismo certo en non poucos lugares. E así, nalgún caso,
era costume apagare os lumes todos do pobo; despois poñere unha estaca de
carballo no chan e fixar nela, servindo de eixo,unha roda á que daban voltas os
mozos con gran rapidez, relevándose ata que a fricción producía lume. Cadaquén
acendía unha ponliña que levaba á súa casa pra acendere de novo o lume da
lareira. Pero en moitos lugares era costume, despois de danzaren en torno ás
lapas, volvere á casa levando un tizón que mesmo espichaban nos campos de liño
pra ter así unha certa seguranza de que non se había perde-la colleita. Noutros
casos son as cinzas da cachada, botadas sobre o tellado da casa, o aval de
futuros beneficios. Incluso no mundo mahometán do norte de África,
particularmente en Marrocos e Arxelia, tamén antre as tribus bereberes, fan
fogatas o 24 de Xuño, o que proba que
antre esos pobos, como antre os cristiáns de Europa, o festival solsticial é
por completo independente da relixión que o pobo profesa públicamente e
constitúe como unha reliquia do paganismo. Todo este ritual festivo, na nosa
terra, vai ser rubricado, no mencer do día 24, co lavatorio da cara con auga na
que, ó longo da noite, estiveron a sereare as benditas herbas: lavanda, ruda,
herba prata, romeu, menta, tomiño, etc…
No hay comentarios:
Publicar un comentario