domingo, 2 de junio de 2013

MAIO DE CHORIMAS

Senda antre toxos, protagonistas da paisaxe. 
 Monte chorido de toxos, unha forma de facer paisaxe i economía.
Toxos, primeiro plano. Serra de Calvos, Vilasouto.


Pode que nalgunhas casas aínda presenten na porta, mesmo na entrada do cortello, unha ponla de toxo ou de xesta, pra dese xeito evita-la meiguice, a influencia negativa das bruxas.

Pontevedra, 3.06.2013
Entrada n. 1672 do blog
Artículo semanal no Diario de Pontevedra.

 Maio de chorimas,
por Xesús López Fernández

            A palabra chorima úsase pra designare a flor do toxo e tamén a da xesta. E hai non poucas variantes en relación coa mesma: chorida, churida, chusmigo, charuma, chiruma, churuma, churima, chirumia, chouruma, tomadas de diversos vocabularios. Considerando como canon “chorima” ou “chorida”, as demáis serían dialectalismos. Pero hai máis e as etimoloxías fan deseños diversos porque o infinitivo “choridar” significa “florecer” e, consecuentemente, “chorido” equivale a “florido”. Elixio cita “chora” como floración ou tempo dela e que en Celanova “chor” sirve pra nomeare a flor silvestre, ou que os portugueses aplicarían esa palabra ás flores dalgunhas árbores e, dentro desa familia de palabras, o autor dí que en Cespedosa, Salamanca, dáselle o nome “lloro” á flor do cereal. O P. Sarmiento estudiaba no XVIII a etimoloxía de “chorima” e “chorida”: flos, florida, chorida, chorima, evidente a palatalización do “fl”.  

            Anque Maio xa pasou, o protagonismo das chorimas na nosa paisaxe sigue, talvez porque tivemos un inverno demasiado longo, i esa humedade axuda a mantere non poucos espacios da nosa terra da color do ouro. Chorimas de toxo ou xesta retomaron un protagonismo certo en montes rasos, mesmo nos comareiros ou arróos, arroleiras ou madarrós, terreos incultos que enmarcan as autoestradas, como se tentaran configurare un continuo i espectactular xardín. I é que ambas prantas non poden esquece-los servicios prestados prá pervivencia da nosa terra, que ademáis de favorece-lo crecemento dos piñeiros mantiveron, integradas no esterco, a fertilidade dos nosos campos. Sen embargo, hoxe son un problema as escorrentías do zudre das granxas que unha granxeira --¿de Monterroso?-- tentaba hai uns anos resolvere precisamente por medio do homilde toxo. Propietaria de varias hectáreas mercara máis terras prá sementeira desta pranta e reconvertila en esterco nunha balsa común cos puríns da súa explotación, un xeito de entende-la ecoloxía, a sustentabilidade, de adaptala ós novos tempos.

            ¿Pero é que o toxo non pode ter, por si mesmo e como materia prima un valor certo? ¡Si ata se conseguira un combustible apto prá circulación de vehículos! Como prá fabricación de licores ou útil tamén prá preparación de infusiós especialmente indicadas nas enfermedades hepáticas. Estímase que unha pranta de toxo, do que existen  diversas variedades, pode producir 20000 sementes que poden aguardare 70 anos sen xermolare. I este pasado Maio lembreime do poema de Noriega Varela, o poeta de Mondoñedo, aquel que dí: “As floriñas dos toxos./ Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!/ Eu venero as floriñas dos toxos./…. Dos toxales as tenues floriñas, / que sorrín, a medo, entre espiñas./ Entre espiñas que o ceo agasalla/ con diamantes as noites que orballa./ Oh, do ermo prezado tesouro:/ as floriñas dos toxos son d´ouro!/ De ouro vello son, mai, as floriñas/ dos bravos toxales, das devocións miñas!”

            E prefiro este ouro da paisaxe, útil tamén o toxo prás prantas de coxeneración, que non o que poida nacere da megaminería coa que, din algús, tentan reventaren a nosa terra.  E quedan atrás datas nalgún tempo tinguidas de superstición: o un de Maio, o Beltane do mundo celta, cando o gando volvía ós campos ata Tódo-los Santos, o Samaín, o comezo do novo ano. O ritual ígnico do Beltane, o lume das cachadas acesas nos cumios dos tesos, tiña como fin o de afuxentare ás bruxas e protexe-lo gando dos seus nemigos naturales: o raposo, o lobo, outros. Os maios e cruces da nosa terra, nos que as chorimas teñen un protagonismo real, son restos dun tempo no que Europa veneraba as árbores, no que o home vivía inmerso na natureza. A Administración anuncia a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente pró día 5 de Xuño, ata o 9.06, parece que en clara contradicción con outras actuaciós certamente antiambientalistas, cando a nova Lei de Costas 2/2013 (Boe 30.05.2013) non parece aporte nengunha mellora en relación coa anterior, que sí era magnífica. 

No hay comentarios: