Mostrando entradas con la etiqueta carta de aalborg. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta carta de aalborg. Mostrar todas las entradas

martes, 15 de julio de 2008

AGARDANDO O DISCURSO ELECTORAL [26.10.2002]

A ría non se vende. Pero sí se vende.

Pontevedra, 15.07.2008

Entrada n. 563 do blog

Artículo do ano 2002. Levaba tempo sen recuperar artículos vellos, por falta de tempo. Quede constancia de que o dito no traballo sigue vixente a día d´hoxe. Non hai políticos ecoloxistas. O poder corrómpeos a case todos e nestos momentos seguimos sen xente honesta con mandiño, con poder pra cambia-las cousas.

A Carta de Aalborg asinada polo Goberno pontevedrés non parece obrigalos a nada, convertidos en mentirosos. A Axenda21Local, cando está en marcha o PXOM de Pontevedra, é a gran esquecida. Sigue o traballo:

Agardando o discurso electoral [26.10.2002],
por Xesús López Fernández

Coido que hai moita xente a agardare un discurso ecoloxista rotundo que de momento non se percibe. I eso resulta extraño cando en Pontevedra os grupos políticos todos suscribiron hai xa tempo a Carta de Aalborg sobre Cidades Sostibles. Un pergúntase se as últimas noticias relacionadas coa nosa ecoloxía non deixan desnaturalizado o tal compromiso, como se algús non souberan qué foi o asinado. En todo caso, o texto da Carta é moi preciso e habería que analizalo, ó mellor, ó longo dunha serie de traballos. Por citar algo da mesma traemos aquí aquelo de que “a sostibilidade ambiental significa asimesmo que o ritmo de emisión da contaminación non sobarde a capacidade do aire, da auga e do chan de absorbelos e procesalos”, algo que non encaixa con asuntos como o da conexión do efluente de ENCE ó tubo emisario ou a situación da papeleira en Lourizán, litoral a recuperar; ou a construcción dun novo campo de fútbol na Xunqueira d´Alba despois das actuaciós alí levadas a cabo pra rexeneraren, en parte, aquel espacio natural.

Sonaron as alarmas, naturalmente, e o presidente da Diputación afirmou, como representante do seu grupo, “que non tiñan nada planificado nen previsto na Xunqueira d´ Alba”, en contra do dito por algunha xente do seu partido. A candidata, que desautorizou rumores, sería bo que asumise, en consenso coas outras forzas unha línea ecoloxista clara. Porque en Lourizán permanece dende o ano 1963 unha agresión industrial que non ten xustificación e que –á marxe dos cambios que Medio Ambiente queira introducir na Lei de Costas— debemos procurar acorta-lo prazo da concesión outorgada, que vence no 2018 [Ralmente está vencida dende privatización empresarial]. Por sucesivo incumprimento das condicións establecidas, a licencia debería considerarse vencida i estar xa estudiada a reubicación do complexo noutra latitude, con nova tecnoloxía, sen vertidos, etc. Un pergúntase se non cabe aquí a vía contencioso administrativa á que vai recurri-lo alcalde de Vigo en relación cos novos recheos do Areal, outro disparate como os de Marín e Sanxenxo. ¡E despois extráñanse do acontecido con Silgar!

Retomando o tema dos vertidos, Greenpeace avisa de que chove sobre mollado porque España foi condenada polo Tribunal Europeo de Xusticia por incumprimento das normas comunitarias. Posteriormente, a Comisión Europea pediría ó Tribunal que multara ó noso país con 45.600 euros cotiáns, ata que se poña solución ó problema existente. Téñase presente que o emisario da nosa ría non se interna no mar, senón que morre nun medio fráxil, sensible, e que co caudal agora agregado ábrense novas posibilidades á vía trófica do mercurio que apunta como víctimas propiciatorias ós maiores depredadores, e o home está no grupo. En definitiva, que as cousas siguen mal, que non hai unha sensibilidade ambientalista certa antre as clases políticas porque, coa Carta de Aalborg como asignatura, suspenden. Menos mal que PSOE e BNG –e tamén a Iniciativa Cidadáa dos Praceres— están dacordo en que a papeleira debe ubicarse noutro lugar. Algo é algo.

Finalmente, deamos noticia dunha setencia: “Un xuzgado de Xerona equipara os ruídos a unha violación de domicilio”. A sentencia, do mes de marzo, foi redactada pola actual decana de Xerona, Pilar Rovira. Unha familia residente en Sant Joan de Palamós comezara a sofri-las consecuencias do establecemento dunha central de distribución de mercancías nun polígono industrial alí creado. As denuncias polos ruídos contínuos non cesaron dende o 1992. Un fillo da familia afectada actuou como letrado no procedemento sustanciado finalmente pola vía contencioso administrativa que condenou ó concello por permiti-lo ruído da empresa Pal Beach Gestió, S.A., que debería interrumpi-la súa actividade inmediatamente en horario nocturno. O concello aceptou a setencia i estudia o posible traslado do polígono industrial. A sentencia é consecuencia da doutrina máis recente do Tribunal de Dereitos Humáns de Estrasburgo. Trátase dunha resolución moi novedosa a escala estatal que abre a porta prá consideración da violación domiciliaria por outros medios que os puramente físicos. Outras causas: contaminación acústica, alcatreo, implican tamén a violación dos fogares. Algo deso sabemos aquí, en Pontevedra. Ruídos, alcatreo...Nengunha administración está moralmente autorizada a acabar coa nosa intimidade, nen coa saúde dos cidadáns. Por eso agardamos un discurso ecoloxista claro, que garantice a fin dos nosos problemas. Claro que sempre quedaría, como en Xerona, a vía xudicial contra o propio concello.

lunes, 12 de noviembre de 2007

CIDADE VARADA [12.11.2007]

Parece estúpido levantar restos románs e mediavales da Pontevedra vella e dispoñerse a acabar con espacios nos que o mar aínda está vivo. Fotografía do autor, das excavaciós na praza Valentín G. Escudero.

Pontevedra, 12.11.2007

Comentario breve sobre o abandono dos deberes ambientalistas e da propia Axenda 21 Local polo equipo de goberno local, completamente autista. A ponte das Correntes que queren facer, o nudo de Mollavao, a querencia de Lourizán como solar están claras. Si Ence ou Elnosa aínda permanecen abertas, como a propia depuradora, son culpas que hai que lle anotar ó Debe do Concello. (Cando xa estamos no 2013, hai constantes avisos das traiciós dos partidos, que queren derrotar á natureza. A antiecolóxica nova ponte d´As Correntes xa foi construída, estreitando aínda máis o río)

Cidade varada [12.11.2007],
por Xesús López Fernández


Non sei cómo van os traballos en relación co PXOM, nen do grado de compromiso do Concello [que suscribeu a Carta de Aalborg] pra ver de informar con transparencia ós cidadáns todos prá redacción da Axenda 21 Local e o seu correspondente Regulamento. Cabería incluso facerse a pergunta de se vai haber un verdadeiro Foro de Participación Cidadá pra que a tal Axenda 21 sexa algo máis que unha declaración de intenciós. Son xa moitas as veces que temos aludido a Pontevedra como unha cidade de secano pola perda do seu mar debido a actuaciós urbanísticas pouco afortunadas ó longo de anos. E non parece que desta volta esteamos a dá-los pasos na dirección correcta, como xa queda apuntado por dúas das obras que propón o equipo de goberno: a) a construcción da mal chamada nova ponte das Correntes; b) a potenciación do nudo de Mollavao, que viría potenciar máis o uso da avenida de Marín, que debe vencer no 2018.

Se coa primeira das actuaciós cabe agardar un maior deterioro da Xunqueira d´Alba no canto de traballar máis pola súa recuperación, a obra do nudo de Mollavao, peor solución que a proposta pola Xunta, incidiría gravemente no uso da avenida de Marín que, se temos unha verdadeira vontade de restauración das marismas de Lourizán, debería levantarse no horizonte do 2018. I eso podería entenderse como o intento de certos grupos de presión de ir delimitando o solar pró día no que se produza o traslado ou cerre de Ence, que non é a única que precisa da calificación de “actividade ambiental integrada”, como Elnosa, como a Edar d´Os Praceres, algo no que algús nen quixeron pensar. Porque parece que o único que ten que desaparecer de Lourizán é a fábrica de celulosa cando, á luz da lexislación que ven, serán tamén responsables da recuperación dos terreos á súa natureza orixinal, talvez tamén da recuperación dos fondos da ría en canto que depositarios de dioxinas e mercurio. 

Diríase que, en principio, os traballos comezan cun certo secretismo, que hai déficit democrático, que incluso parece haber un certo antagonismo antre as ideas do Concello e as líneas do Plan propostas por Consultora Galega, que estimaba como posible a recuperación de Lourizán e que, pola circunstancia de estar ocupada a zona por empresas con caducidade, algunha sen licencia nen concesión, hai que insistir en que se trata de terreo demanial e, como tal e hai poucos meses relembrou o ministerio de Medio Ambiente, estamos a falar dun ben “inalienable, inembargable, imprescriptible e insusceptible de desafectación”, en contra da declaración de innecesariedade petendida por Ence. A incorporación da idea de sustentabilidade á sociedade actual implicaría que non poucos grupos estivesen xa a traballaren, a lle marca-los deberes ó propio Concello, que prá solución de moitos problemas nunca valorou a definición de “nulidade radical” que se dá nos casos nos que, por pasiva, non quixo demanda-la aplicación do Raminp e o comprimento da Lei de Costas.

E conclúo. Vivimos nunha cidade cada vez máis varada, perdida a vocación atlántica que levou ós nosos mariños polo oceano global. E tomo unhas palabras de Al Gore: “Nunca ten sido tan importante que afrontémo-la realidade dos nosos retos a longo prazo [….]. Sen embargo, a razón é aburada por forzas que usan de técnicas sotiles como a propaganda, a psicoloxía e os medios de comunicación electrónicos” [e o propio poder, engadiríamos]. “Anque os retos ós que nos defrontamos son grandes, teño máis confianza que nunca en que a democracia vai triunfar e que estaremos á altura do desafío. A miña esperanza é que os lectores do libro [O Ataque contra a Razón] decidan formar parte do novo movemento que o faga posible”. Confiemos en que o triunfo da democracia resulte tamén posible en Pontevedra e que, coa Axenda 21 Local debidamente participada i elaborada recupere o mar e a súa praia urbá no canto de sumirse parvaxolamente aínda máis como cidade varada.

lunes, 22 de octubre de 2007

DO AVANCE DO PLAN [22.10.2007]

O mar que xa non é. Dibuxo informático de Xesús López. Han seguir novos esforzos pra acabaren máis aínda coa ría.
-
Pontevedra, 22.10.2007

Haberá que seguir con este tema. Será preciso sumar vontades si queremos salvar algo. Queren dar novos pasos en relación coa ideada construcción da ponte das Correntes. Han seguir outros disparates.

Do avance do Plan [22.10.2007],

por Xesús López Fernández

Hai varios días que está exposto o avance do Plan Xeral de Ordeación Municipal no Pabellón Feiral. Diversos planos e mapas valen pra nos achegar a algo que non parece claro a tenor do establecido na Carta de Aalborg, a carta das cidades europeas cara a sustentabilidade. O Concello de Pontevedra está adherido á mesma dende hai anos, pero moito do que aquí se leva feito non foi pensado pró que se entende deben se-los obxetivos básicos dunha Axenda 21 Local, como son: a restauración do capital natural e a recuperación do capital social, eso dito de forma moi sucinta, pero radical. E se non se poden traslada-los problemas da cidade ó medio ambiente, é xustamente nas cidades onde se percibe [ou non se percibe] ese nivel de responsabilidade a favor do benestar da humanidade e da natureza. Polo tanto, as cidades teñen unha función determinante no proceso de cambio de modos de vida, da producción, do consumo e das pautas de distribución do espacio.

Ó longo das pasadas semás fóronse producindo algunhas declaraciós, xa por portavoces da redactora do Plan Xeral, xa por comunicadores do equipo de goberno, nas que non se percibe unha clara proposta en orde ós puntos citados. Por exemplo i en relación co espacio de Lourizán lévase dito que si van construir unha Cidade Deportiva; que si un espacio pró disfrute da cidadanía; que non se desbota a idea de recupera-la praia, de devolve-lo espacio ó seu estado orixinal unha vez que cese a actividade empresarial alí desenvolvida, por fin ou cese das concesiós que hipotecan as marismas ou porque, nalgún caso, nunca existiron [as concesiós, como no caso da depuradora d´Os Praceres]. Non hai vontade de acelera-la recuperación do espacio e incluso pode producirse un novo disparate ambientalista si se constrúe o nudo de Mollavao en dominio público marítimo terrestre, cando a propia Xunta ten unha solución mellor que a que aparece dibuxada nun dos planos da exposición. E outra actuación involutiva sería a construcción da ponte das Correntes, xa desbotada en tempo anterior. ¿Qué se pretende? ¿Degradar aínda máis a xunqueira d´Alba?

Teñamos presente que a Axenda 21 Local é un documento que debe ser públicamente informado, procurando a aportación de ideas do maior número posible de cidadáns. Ten que ser un documento democrático, debatido en foros. Non vale que se nos diga que agora Medio Ambiente vai asumi-lo coste do dragado do canal central dende Tambo á ponte do Burgo. Eso implicaría tira-la toalla, renunciar á restauración do capital natural. O canal central foi sempre consecuencia do traballo das mareas, do xogo intermareal coas xunqueiras, de cuia recuperación a corto prazo non se pode falar porque alí se asentaron estúpidamente un auditorio infrautilizado, ademáis de diversos institutos e facultades e á fin resulta que nos queren convencer de que o río non é tal, que vai quedar en simple canal. I eso é algo que unha sociedade informada non pode consentir. Pero parece claro o divorcio do Concello do espírito de Aalborg.

Teremos de volver sobre a cuestión do Plan, dos traballos previos pra lograr ese consenso que se propón na Carta de Lisboa, suscrita polos participantes na Segunda Conferencia de Pobos e Cidades Sostibles. Tentaremos seguir co tema, pero teñamos en conta o que se dí na mesma: “Resulta necesaria unha vontade política definitiva pra levare a cabo o proceso da Axenda Local 21 e identificar a un grupo de xente motivada para conduci-la iniciativa, definindo as fases dos traballos con obxetivos claros”. E no caso de Pontevedra e o seu contorno habería que pensar se non sería bo plasmar unha Axenda Local 21 referida ós concellos todos da ría, onde as ameazas urbanísticas parecen non ter fin. É precisa a formación dos representantes que poidan levare á cabo un traballo intelixente, e asociaciós pra tareas concretas, debidamente consignadas. Se así non se fai é que a democracia sigue ausente, que se quer prescindir da consulta cidadá, como outras veces.

domingo, 14 de octubre de 2007

A CARTA DE AALBORG [16.6.2000]

O fondo da ría era abundante en sardiñas. Este dibuxo informático, como outros que irán aparecendo do autor, quer mostrar un pasado de fartura, agora imposible pola incompetencia dos políticos, pola súa incapacidade pra se poñeren a traballar sobre a Axenda 21 na recuperación do capital natural.

Pontevedra, 14.10.2007

Recuperación dun vello traballo que conecta coa actualidade. A Axenda 21, da que se fala nel, é algo necesario como instrumento cando se vai poñer en marcha o PXOM de Pontevedra, agora en exposición previa. Existe, non-obstante información contradictoria, como si a adhesión á Carta de Aalborg non fose no seu día outra cousa que unha coña do equipo de goberno. Van xa moitas mensaxes que os mostran como incapaces de promove-la recuperación do capital natural, ademais de seguir co seu urbanismo que tira a neandertal, destroíndo así a economía da cidade e o seu capital social. Cando se lle acaba de outorga-lo Premio Nóbel a Al Gore, confío en que ha crece-lo sentimento de que os cidadáns teremos que xogar forte pra que no-no la metan doblada de novo.


A CARTA DE AALBORG [16.6.2000]
por Xesús López Fernández


No Cumio Medioambiental de Rio Janeiro, ano 1992, propúxose por primeira vez o concepto de desenvolvemento sostible, máis como intención que como término con sentido pleno. Os paises representados naquel Cumio, uns 170, comprometéronse coa idea e coa súa concreción nas chamadas Axendas 21, dacordo co Programa daquela establecido polas Naciós Unidas; pero non se compriron os prazos xa que o cobizoso Programa 21 cara un desenvolvemento sostible i ecoevolutivo do planeta tiña que estar listo antes do 1996. Sen embargo, a idea arranca i estase a falar, sí, da Carta das cidades europeas cara a sostibilidade, da Carta de Aalborg, e foi noticia reiterada a de que, na nosa terra, avincalláranse coa mesma os concellos da Coruña, Santiago e Pontevedra. É decir, en Galicia, de momento, non existen propósitos claros de desenvolvemento sostible, de mante-lo “capital verde”. Parece que a Xunta está a preparar unha Axenda 21 de ámbito rexional e local, o que facilitaría ás cidades a redacción da súa propia Axenda. 

Aalborg –cidade danesa con máis de 25.000 páxinas web de referencia en Internet— foi o marco escollido prá Conferencia Europea sobre Cidades Sostibles, celebrada no mes de maio do 1994, do día 24 ó 27, baixo o patrocinio conxunto da Comisión Europea e da Cidade de Aalborg e organizada polo Consello Internacional pra Iniciativas de tipo Ambiental (ICLEI). A responsabilidade de elabora-lo borrador da Carta foi tomada polo ICLEI e compartida polo Ministerio do Desenvolvemento Urbán e Transporte do Estado Federal de Renania do Norte-Westfalia (Alemania). A carta recolle as ideas de máis de 600 participantes nos 36 obradoiros da Conferencia de Aalborg. Moitos dos seus comentos e ideas foron integrados no texto final, se ben o Grupo Editorial estimou que certas ideas eran merecentes dunha consideración máis profunda que a de simplemente seren incluídas como tema a editar. Propúxose unha revisión fonda das enmendas, pra as reconsideraren no marco da Segunda Conferencia Europea sobre Cidades Sostibles, en Lisboa, setembro do 1996.
A Carta está dividida en tres partes. A primeira é a “ Declaración de consenso: as cidades europeas cara a sostibilidade”. A segunda refírese á “Campaña de cidades europeas sostibles”. A terceira é a “Participación das iniciativas de carácter local do Programa 21: plans de acción local a favor da sostibilidade”; abrangue tamén outras cuestiós, a última “O Plan de actuación Lisboa: da Carta á acción”. E neso estamos. Hai mostras evidentes de que se está a crear unha solidariedade certa antre diversas cidades, rexiós, e a sociedade en xeral, porque nadie pode situarse xa fora da nova dinámica. E resulta gratificante ver que Soria é a primeira rexión do mundo que planifica un desenvolvemento ecolóxico e sostible; 104 dos 183 pobos da provincia comprométense a segui-los principios de orde medioambiental da ONU. A ver cómo se instala antre nós o debate, qué se fai por restaura-lo capital natural nun entorno agredido como o pontevedrés.

A Carta sistematiza cuestiós como: nociós i estratexias cara a sostibilidade, a mesma como proceso creativo local en busca do equilibrio, información aberta, a economía urbá cara a sostibilidade, xusticia social pra urbansostibilidade, unha ocupación do chan sostible, movilidade urbá sostible, prevención da intoxicación dos ecosistemas, a autoxestión a nivel local como condición necesaria, etc...En definitiva, todo xira en torno ó desenvolvemento ecoevolutivo porque ou se respeta a natureza ou non hai crecemento. A Carta insiste na necesidade de conservar ou de restaura-lo capital natural, cuestión ésta moi importe, tanto como a do “capital social” que dí Fukuyama, claramente encastañadas. Lástima que no noso concello non se celebrara o debate do estado do municipio, porque había temas dabondo: cidade sitiada, en regresión, pasmada, ecolóxicamente agredida. E a oposición política sen ideas.

sábado, 11 de agosto de 2007

A ADHESIÓN Á CARTA DE AALBORG (12.4.2003)

Pontevedra, 12.8.07

Ártículo do 12.4.03, no que se lembra a cuestión da Carta de Aalborg, un gol que o BNG lle meteu ós outros, cando a realidade é que o cumprimento da tal carta non lle preocupa a nengún deles e que todos están na Política polo que están, ó servicio dos grupos de presión.

No traballo cítase a petición que Iribarren lle fai a Lores prós recheos de ata 300000 metros cuadrados. E os recheos siguen ata tragarse, se poden, a illa de Tambo. As tramas son claras. Se recomenda unha lectura atenta do artículo hoxe inserido neste blog que, como sabedes, vai de idioma, de ecoloxía, de sociedade, de historia, do que se me vai ocurrindo, de forma visceralmente independente.

Contenido carta de Aalborg (índice):

PARTE I: Declaración del consenso. Las ciudades europeas hacia la sostenibilidad.
PARTE II: Campañas de las ciudades europeas sostenibles.

PARTE III: Implicación en los procesos de las Agendas 21 locales: Planes de acción local a favor de la sostenibilidad

FIRMAS


A adhesión á Carta de Aalborg, [12.4.03]
por Xesús López Fernández

Algo debe estar pasando que o señor Iribarren pideu ó señor Lores o seu apoio no tema do porto, pra consuma-la ocupación de 300.000 metros cadrados de mar. O primeiro non tivo en conta que o segundo xa lle dera o seu apoio, e que éste está fóra de prazo pra presentar nengún alegato pola vía contenciosa. Lores deixouse estar, esqueceuse da Carta de Aalborg que o Concello suscribira no seu día pero, aínda que o feito foi debidamente anunciado, unha cousa é asinar, outra traballar pola sostibilidade da cidade e do seu entorno. E nese eido coido vai haber máis dun debate en profundidade. Outra cuestión que pode levantar binchas é a outra petición de Iribarren, esta vez ó alcalde de Vilaboa, en relación co porto seco, que xa ve situado no val do río Tomeza, cambiado éste de curso. Curiosamente, de momento non se conoce reacción dos da plataforma antiempacadora, ¡qué raro!, cando lles queren botar enriba un problema moitísimo máis grave. Seguro que sí.

Dende o PSOE tamén queren mover ficha no tema do porto e Arrate Varela mostrouse disposta a leva-lo asunto ó Congreso, eso que os veciños dos Praceres lle comunicaron que xa tiñan representante. Ela, sen embargo, ha poder perguntar, aínda tratándose dun asunto que os diversos grupos deixaron apodrecer por ter tomado de coña a Carta de Aalborg, do 27.5.1994, unha primeira declaración de intencións en relación co Programa 21, do Cumio de Río Janeiro, pró cambio cara o desenvolvemento sostible. “Sexa na granxa ou na sáa de xuntas, no supermercado ou na elaboración do orzamento nacional, deberemos optar polo cambio”. Xa na parte 1, no punto 1.1, faise a seguinte declaración: “Nós, cidades europeas, signatarias da presente Carta, declaramos que no curso da historia temos conocido imperios, estados e réximes, e temos sobrevivido a eles como centros de vida social, portadores das nosas economías e guardiáns da cultura, o patrimonio e a tradición”. Fálase de comunidades viables e de sostibilidade ambiental, de conservación do capital natural.

Tempo despois, o 8.10.1996, reunidas en Lisboa mil autoridades de cidades e rexións de toda Europa, asinarían unha segunda carta na que se tenta defini-lo paso da Carta á Acción. “Identificaremos a un grupo de xente motivada pra conduci-la iniciativa. [.....] Ó asina-la Carta de Aalborg unirémonos á campaña dos Pobos e Cidades Europeas Sostibles e considerarémo-la participación en calquera rede de autoridades de ámbito local que, ó noso parecer, poida ofrece-lo mellor asesoramento e soporte práctico en temas de xestión medioambiental e sostibilidade”. Esta idea impregna toda a carta, como tamén a Declaración de Hannover do 12.2.2000, redactada despois da reunión alí celebrada pra evalua-los progresos efectuados e na que se afirma no primeiro dos nove folios de que consta que “temos adoptado o Plan de Acción de Lisboa como orientación, e as Declaracións de Turku, Sofía, Sevilla e Den Haag expresan a necesidade de actuar. O progreso acadado dende o lanzamento da Campaña ten sido considerable i encabezado moitos cambios positivos nas nosas cidades e municipios”.......

Cando Fomento acaba de decir que o desenvolvemento de Pontevedra quedou coutado por Tafisa i Ence-Elnosa, Iribarren sigue coa súa idea de alonxa-la cidade aínda máis do mar, co aval de Lores. E non vemos unha oferta ambientalista creíble, na línea da Carta de Aalborg, do convenio que os grupos presentes no Concello din ter asumido. ¿Quén leva unha clara oferta electoral, un compromiso certo da recuperación litoral? Non teño dúbidas de que as dúas Teresas están a movérense. Interesante a definición da zona vella como área a rehabilitar que fai Teresa Pedrosa, que fala incluso de urbanizar e reurbanizar. Pero máis cobizosa e concreta parece a proposta que prá cidade vella fai a ICP, os representantes de Lourizán-Praceres, a parroquia mártir, quizaves os máis progresistas á hora de defende-lo litoral e a súa recuperación. Na línea de colaboración ou de asimilación de ensinanzas sobre conservacionismo que se propón na devandita Carta de Lisboa, as xentes da ICPraceres estiveron o pasado venres en Oleiros, municipio punteiro en Galicia no que á recuperación ambiental se refire, norte obrigado nestos momentos se se quere localizar un colectivo cidadán con capacidade pra conduci-la sociedade cara a sostibilidade. Os de Praceres parece que traen a lección sabida e que, dentro das súas posibilidades, están a faceren unha campaña exemplar i exemplarizante. Outros parece que, suspendida a asignatura, quedaron mudos.