lunes, 22 de octubre de 2007

DO AVANCE DO PLAN [22.10.2007]

O mar que xa non é. Dibuxo informático de Xesús López. Han seguir novos esforzos pra acabaren máis aínda coa ría.
-
Pontevedra, 22.10.2007

Haberá que seguir con este tema. Será preciso sumar vontades si queremos salvar algo. Queren dar novos pasos en relación coa ideada construcción da ponte das Correntes. Han seguir outros disparates.

Do avance do Plan [22.10.2007],

por Xesús López Fernández

Hai varios días que está exposto o avance do Plan Xeral de Ordeación Municipal no Pabellón Feiral. Diversos planos e mapas valen pra nos achegar a algo que non parece claro a tenor do establecido na Carta de Aalborg, a carta das cidades europeas cara a sustentabilidade. O Concello de Pontevedra está adherido á mesma dende hai anos, pero moito do que aquí se leva feito non foi pensado pró que se entende deben se-los obxetivos básicos dunha Axenda 21 Local, como son: a restauración do capital natural e a recuperación do capital social, eso dito de forma moi sucinta, pero radical. E se non se poden traslada-los problemas da cidade ó medio ambiente, é xustamente nas cidades onde se percibe [ou non se percibe] ese nivel de responsabilidade a favor do benestar da humanidade e da natureza. Polo tanto, as cidades teñen unha función determinante no proceso de cambio de modos de vida, da producción, do consumo e das pautas de distribución do espacio.

Ó longo das pasadas semás fóronse producindo algunhas declaraciós, xa por portavoces da redactora do Plan Xeral, xa por comunicadores do equipo de goberno, nas que non se percibe unha clara proposta en orde ós puntos citados. Por exemplo i en relación co espacio de Lourizán lévase dito que si van construir unha Cidade Deportiva; que si un espacio pró disfrute da cidadanía; que non se desbota a idea de recupera-la praia, de devolve-lo espacio ó seu estado orixinal unha vez que cese a actividade empresarial alí desenvolvida, por fin ou cese das concesiós que hipotecan as marismas ou porque, nalgún caso, nunca existiron [as concesiós, como no caso da depuradora d´Os Praceres]. Non hai vontade de acelera-la recuperación do espacio e incluso pode producirse un novo disparate ambientalista si se constrúe o nudo de Mollavao en dominio público marítimo terrestre, cando a propia Xunta ten unha solución mellor que a que aparece dibuxada nun dos planos da exposición. E outra actuación involutiva sería a construcción da ponte das Correntes, xa desbotada en tempo anterior. ¿Qué se pretende? ¿Degradar aínda máis a xunqueira d´Alba?

Teñamos presente que a Axenda 21 Local é un documento que debe ser públicamente informado, procurando a aportación de ideas do maior número posible de cidadáns. Ten que ser un documento democrático, debatido en foros. Non vale que se nos diga que agora Medio Ambiente vai asumi-lo coste do dragado do canal central dende Tambo á ponte do Burgo. Eso implicaría tira-la toalla, renunciar á restauración do capital natural. O canal central foi sempre consecuencia do traballo das mareas, do xogo intermareal coas xunqueiras, de cuia recuperación a corto prazo non se pode falar porque alí se asentaron estúpidamente un auditorio infrautilizado, ademáis de diversos institutos e facultades e á fin resulta que nos queren convencer de que o río non é tal, que vai quedar en simple canal. I eso é algo que unha sociedade informada non pode consentir. Pero parece claro o divorcio do Concello do espírito de Aalborg.

Teremos de volver sobre a cuestión do Plan, dos traballos previos pra lograr ese consenso que se propón na Carta de Lisboa, suscrita polos participantes na Segunda Conferencia de Pobos e Cidades Sostibles. Tentaremos seguir co tema, pero teñamos en conta o que se dí na mesma: “Resulta necesaria unha vontade política definitiva pra levare a cabo o proceso da Axenda Local 21 e identificar a un grupo de xente motivada para conduci-la iniciativa, definindo as fases dos traballos con obxetivos claros”. E no caso de Pontevedra e o seu contorno habería que pensar se non sería bo plasmar unha Axenda Local 21 referida ós concellos todos da ría, onde as ameazas urbanísticas parecen non ter fin. É precisa a formación dos representantes que poidan levare á cabo un traballo intelixente, e asociaciós pra tareas concretas, debidamente consignadas. Se así non se fai é que a democracia sigue ausente, que se quer prescindir da consulta cidadá, como outras veces.

No hay comentarios: