lunes, 12 de noviembre de 2007

CIDADE VARADA [12.11.2007]

Parece estúpido levantar restos románs e mediavales da Pontevedra vella e dispoñerse a acabar con espacios nos que o mar aínda está vivo. Fotografía do autor, das excavaciós na praza Valentín G. Escudero.

Pontevedra, 12.11.2007

Comentario breve sobre o abandono dos deberes ambientalistas e da propia Axenda 21 Local polo equipo de goberno local, completamente autista. A ponte das Correntes que queren facer, o nudo de Mollavao, a querencia de Lourizán como solar están claras. Si Ence ou Elnosa aínda permanecen abertas, como a propia depuradora, son culpas que hai que lle anotar ó Debe do Concello. (Cando xa estamos no 2013, hai constantes avisos das traiciós dos partidos, que queren derrotar á natureza. A antiecolóxica nova ponte d´As Correntes xa foi construída, estreitando aínda máis o río)

Cidade varada [12.11.2007],
por Xesús López Fernández


Non sei cómo van os traballos en relación co PXOM, nen do grado de compromiso do Concello [que suscribeu a Carta de Aalborg] pra ver de informar con transparencia ós cidadáns todos prá redacción da Axenda 21 Local e o seu correspondente Regulamento. Cabería incluso facerse a pergunta de se vai haber un verdadeiro Foro de Participación Cidadá pra que a tal Axenda 21 sexa algo máis que unha declaración de intenciós. Son xa moitas as veces que temos aludido a Pontevedra como unha cidade de secano pola perda do seu mar debido a actuaciós urbanísticas pouco afortunadas ó longo de anos. E non parece que desta volta esteamos a dá-los pasos na dirección correcta, como xa queda apuntado por dúas das obras que propón o equipo de goberno: a) a construcción da mal chamada nova ponte das Correntes; b) a potenciación do nudo de Mollavao, que viría potenciar máis o uso da avenida de Marín, que debe vencer no 2018.

Se coa primeira das actuaciós cabe agardar un maior deterioro da Xunqueira d´Alba no canto de traballar máis pola súa recuperación, a obra do nudo de Mollavao, peor solución que a proposta pola Xunta, incidiría gravemente no uso da avenida de Marín que, se temos unha verdadeira vontade de restauración das marismas de Lourizán, debería levantarse no horizonte do 2018. I eso podería entenderse como o intento de certos grupos de presión de ir delimitando o solar pró día no que se produza o traslado ou cerre de Ence, que non é a única que precisa da calificación de “actividade ambiental integrada”, como Elnosa, como a Edar d´Os Praceres, algo no que algús nen quixeron pensar. Porque parece que o único que ten que desaparecer de Lourizán é a fábrica de celulosa cando, á luz da lexislación que ven, serán tamén responsables da recuperación dos terreos á súa natureza orixinal, talvez tamén da recuperación dos fondos da ría en canto que depositarios de dioxinas e mercurio. 

Diríase que, en principio, os traballos comezan cun certo secretismo, que hai déficit democrático, que incluso parece haber un certo antagonismo antre as ideas do Concello e as líneas do Plan propostas por Consultora Galega, que estimaba como posible a recuperación de Lourizán e que, pola circunstancia de estar ocupada a zona por empresas con caducidade, algunha sen licencia nen concesión, hai que insistir en que se trata de terreo demanial e, como tal e hai poucos meses relembrou o ministerio de Medio Ambiente, estamos a falar dun ben “inalienable, inembargable, imprescriptible e insusceptible de desafectación”, en contra da declaración de innecesariedade petendida por Ence. A incorporación da idea de sustentabilidade á sociedade actual implicaría que non poucos grupos estivesen xa a traballaren, a lle marca-los deberes ó propio Concello, que prá solución de moitos problemas nunca valorou a definición de “nulidade radical” que se dá nos casos nos que, por pasiva, non quixo demanda-la aplicación do Raminp e o comprimento da Lei de Costas.

E conclúo. Vivimos nunha cidade cada vez máis varada, perdida a vocación atlántica que levou ós nosos mariños polo oceano global. E tomo unhas palabras de Al Gore: “Nunca ten sido tan importante que afrontémo-la realidade dos nosos retos a longo prazo [….]. Sen embargo, a razón é aburada por forzas que usan de técnicas sotiles como a propaganda, a psicoloxía e os medios de comunicación electrónicos” [e o propio poder, engadiríamos]. “Anque os retos ós que nos defrontamos son grandes, teño máis confianza que nunca en que a democracia vai triunfar e que estaremos á altura do desafío. A miña esperanza é que os lectores do libro [O Ataque contra a Razón] decidan formar parte do novo movemento que o faga posible”. Confiemos en que o triunfo da democracia resulte tamén posible en Pontevedra e que, coa Axenda 21 Local debidamente participada i elaborada recupere o mar e a súa praia urbá no canto de sumirse parvaxolamente aínda máis como cidade varada.

No hay comentarios: