Mostrando entradas con la etiqueta worldwatch institute. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta worldwatch institute. Mostrar todas las entradas

domingo, 26 de mayo de 2013

A SUSTENTABILIDADE ESGAZADA

Insistamos coesta imaxe da xunqueira do Lérez na que se pode aprecia-lo sistema de meandros vivos. Mentres a xunqueira respiraba coas mareas, a sustentabilidade da ría estaba garantizada, pero desecárona case ó completo e, ridículamente, construíron nela o Auditorio, asentaron institutos e un campus universitario, que deberían ter data de caducidade se verdadeiramente se quer apostare pola dita sustentabilidade, en equilibrio aquí xa imposible. E se o Worldwatch Institute, no seu estudio do 2012, analizaba as pautas pra ir cara unha prosperidade sostible, desta volta se pronuncian algús dos seus especialistas sobre a cuestión de si esa sustentabilidade pode ser índa posible. En Pontevedra, non, cruzadas unha serie de líneas roxas que os iluminatti do concello aínda dibuxan como actuaciós "pra novos e idílicos solpores", unha especie de definición prás distintas burremias nas que poidan aínda pensare. E a oposición sen ideas (talvez sen honestidade) pra maxinare unha táctica coherente contra un goberno hai tempo sonado. 

Pontevedra, 27.05.2013
Entrada n. 1668
Artículo semanal no Diario de Pontevedra  

A sustentabilidade esgazada,
por Xesús López Fernández

            Esgazar, esguizar, esbronzar, esgarduñar, rachar, rabuñar, etc., son infinitivos de verbos galegos que, inda con variada polisemia, valen prá alusión á situación de esnaquizamento, de esbandallo no que parece ter sucumbido o equilibrio ambiental, a sustentabilidade á que tanto aluden nas súas prédicas os nosos políticos ó tempo que se cargan, de cada volta, novas tenzas da nosa realidade ambiental, algo que levamos non poucos anos tocando nas nosas colaboraciós. Este ano, o Worldwatch Institute, sempre crítico, cuestiona con especial acento na publicación de “A Situación do Mundo 2013” cando fala da sustentabilidade que xa aparece no título e formula unha pergunta, case un clamor: “¿Aínda é posible a sustentabilidade?”.E non faltan voces no Ecoloxismo mundial que piden un compromiso real coa Terra, alén das políticas dos Estados que parece queren poñere ó Planeta contra as cordas.   

            Venme á memoria, desta volta, o relembro de diversos libros de autores comprometidos: “A Terra en xogo”, de Al Gore, no que antr´outras cousas nos relata cómo o mar de Aral, un mar salado, interior, aparecía xa condenado á morte; “A Salvación do Planeta”, de varios autores do Worldwatch, unha especie de catecismo prá recuperación dos ecosistemas dos que depende a humanidade e que están sendo arrasados polo mundo empresarial que non dubida na defensa dos seus intereses egoístas, aínda que eso significa deixa-la Terra inhabitable, ousando incluso falare de sustentabilidade; “El equilibrio roto” (e outros ensaios), do Prof. Bermejo Martínez, que me propoño tocar en próximos traballos, vai sobre “cousas” acontecidas na nosa terra e, de momento, deixemos como comentario o que fai o seu prologuista, Xerardo Estévez Fernández, cando dí que o home preocupouse fondamente polo presente das cousas, pola problemática ambiental, que as súas opiniós son unha aposta polo futuro.

            “A sustentabilidade implica non ter que decir nunca “síntoo” ó futuro”. Trátase dunha frase do presidente do Worldwatch Institute, Robert Engelman, un dos autores da obra que acaban de presentaren. “¿Imos ter un futuro digno? Temos que comezar a sermos honestos ó respecto, xa que estamos a especulare co futuro coa creencia de que podemos ter unha prosperidade célere agora”, dixo Engelman, quen ademáis calificou a situación actual de “burbulla do sustentable”, xa que “todo é sustentable, coches, negocios, Olimpiadas, cidades, roupa, deseños”, afirma o home a modo de queixa ó tempo de sinalare que este abuso tiña pasado de preocupante a descorazonador, que mesmo a xeneralización do uso do concepto do sostible tiña restado esencia ó mesmo pra convertilo en etiqueta pra productos e proiectos, simplemente algo menos malos que as alternativas das que viñamos botando man. 

            Insisten os autores do libro en que hai que usar críticamente o término “sustentable” e deixare de vivir na “negación” de que o actual estilo e  consumismo irracional non vai traer consecuencias. “Os problemas están en camiño”, comenta Tom Prugh, codirector do proiecto no que se propón como obrigatoria a transformación nun movemento social forte dos partidarios do cambio de desenvolvemento actual, como foi o da defensa dos dereitos civiles nos EE.UU. É máis, afirma outro codirector da obra, Erik Assadourian, “É necesaria unha segunda revolución democrática”. En “A Situación do Mundo 2013” apóstase pola deslexitimación do uso dos combustibles fósiles; optan polas enerxías renovables e fan demanda da protección da biodiversidade e maior educación sobre qué comer, porque o “sistema global alimentario está esnaquizado”. No libro afírmase que, se nada cambia de forma drástica, vai aumentare o número de emigrantes e refuxiados que fuxan de conflictos. Incluso cuestiónase, a longo prazo, a supervivencia da nosa civilización. A vida sobre o planeta vai continuar, pero a sociedade humáa quedaría seriamente esmagada, e hai que evita-la súa desaparición, apunta outro dos autores, Kim Stanley Robinson, de ciencia ficción. E decir que o noso ecosistema cheira a morte non é ciencia ficción.    

domingo, 23 de marzo de 2008

A AUGA E O PIB NA SUSTENTABILIDADE [24.03.2008]

José María Galán, o empresario rioxán que concibeu a restauración pró turismo da aldea de Couso, en Sarreaus. Foron necesarias non poucas xestiós de compraventa de casas e fincas a emigrantes residentes en España, en México e Venezuela. O complexo turístico acaba de ser inaugurado nesta Semáa Santa.
Na foto histórica aparecen Eligio Mellado e a súa muller, que xa non puido ve-la que fora a súa casa restaurada.
Eligio Mellado, o último habitante d´O Couso, a aldea restaurada.
O Couso, Freixo, Sarreaus. Vista parcial da aldea restaurada polo empresario rioxán.

Pontevedra, 24.3.2008

Entrada n. 457

Artículo semanal, pensado como continuación ó da pasada semáa, "No umbral do cambio económico", tema éste da sustentabilidade e da nova economía sobre o que teremos de volver. Insisto en que a sustentabilidade xa estaba inventada, que cada unha das nosas aldeas, coas precariedades e sacrificios que se queiran maxinar, eran un modelo de xestión ecolóxica.

A auga e o PIB na sustentabilidade [24.03.2008],

por Xesús López Fernández.

No artículo de hai sete días facía algunhas consideraciós en relación con algún dos consellos que este ano trae o estudio de A Situación do Mundo do Worldwatch Institute sobre as claves da nova economía, do modelo de desenvolvemento sostible que, aínda sen ter claro de qué vai, terá que asumi-la nosa sociedade se realmente quer que o mundo siga sendo mundo. A auga é unha das claves da conservación do medio, pero o home, polo mal uso que está a facer dela, pola súa impotencia en devolvela á natureza no grado de pureza no que foi tomada, acabou por transformala en vector de morte, algo denunciado este 22 de marzo, con motivo da celebración do Día Mundial da Auga, no sentido de que o líquido elemento é causa de dez veces máis mortes que as guerras, polas enfermedades por el transmitidas, ata o punto de que se estima que son 2600 millóns de persoas as que carecen dun saneamento básico e son víctimas, dese xeito, do 80% das enfermedades existentes.

Introduzamos unha corta historia, a dunha aldea ourensáa recuperada: Couso, na parroquia de Freixo, en Sarreaus. O autor da súa recuperación, un rioxán de nome José María Galán, namorado de Galicia, contaba estos pasados días pola radio, a ilusionante aventura vivida, a consecuencia dunha partida de caza en Benavente cando, invitado por un amigo, achegárase a Ourense. Alí estaba a aldea, deshabitada dende o 1992. O demáis veu despois: contratos de compra, restauración das casas, dos dous muíños abandonados e tamén un forno. Total, que a aldea vese agora reconvertida pró turismo rural, coas súas catorce casas coidadas prá hospedaxe, ademáis de dispoñer dun restorán con capacidade de ata cen persoas, un local social e, naquel entorno de fábula, dun coto de 500 has., con abondancia de corzos e xabarís. Diversas rutas de sendeirismo e a proximidade de certos conventos convirten o lugar nun destino turístico privilexiado. A nova economía que entra na aldea.

Outras aldeas de Galicia poderían ter esa boa sorte. E ás veces ata non se pode pensar noutro tipo de restauración. Privadas moitas delas, inventoras do desenvolvemento sustentable, das xentes que se marcharon polo mundo adiante, que non souberon consorciarse pra manteneren unha economía puxante basada na agrogandería, nas posibilidades que os nosos montes brindaban prá mantenza da avenza –ovellas, cabras— e o armentío –gando maior--, hai que afirmar que a contaminación que pouco a pouco nos foi envolvendo non é filla daquela economía precaria, que tiña ben sabida a lección da reciclaxe, de que, pasado un tempo, a vasura tornábase esterco, abono orgánico. O Limia, o mítico río do esquecemento, pasa por Couso. I é de supoñer que a restauración da aldea faríase tendo en conta que ese caudal debe manterse vivo. Porque un dos males da nosa sociedade é o de se creer dona da natureza e de que pode convertir en cloaca os ríos e regatos todos.

Así fomos acabando con xunqueiras, con ecosistemas que podían representar, conservados, unha maior riqueza que moitas factorías. Aí é a Natureza a que organiza os sistemas de producción e mantén eleváda-las cotas de benestar social. Aí están os especialistas en macroeconomía a nos vende-la moto dun falso progreso basado no crecemento do PIB, que despois dos debates das elecciós sabemos que non xera emprego se non vai máis alá do 3%. ¡Pero é que o PIB non aporta información sobre sustentabilidade, pois non considera o agotamento do capital humán, nen do natural!. E resulta totalmente alleo á perda de economías e conocementos de carácter local; á desaparición de fragas, xunqueiras e terras de labor...; ás mortes, desprazamentos e desfeitas ocasionadas polas guerras... E tampouco rexistra os costes da contaminación, nen os beneficios asociados ós traballos voluntarios, ó coidado dos fillos e ós servicios dos ecosistemas que non pasan polo mercado, non factura costes... É decir, que está claro que o PIB non entra nas claves da sustentabilidade.

miércoles, 19 de diciembre de 2007

MEDIO AMBIENTE I ELECCIÓS [5.06.1999]

Foto de Camilo Sánchez, Clarín, 31.12.06. Monumentos na Illa de Pascua, dos que se fala no traballo.

Pontevedra, 19.12.2007

O traballo que de seguido vai inserido no blog, aínda sendo do 1999, contén parte da lección que o Worldwatch Institute imparte no seu Estudio da situación do planeta do ano 2005. A lección do que pasou na illa de Pascua pode ser interesante en calquer momento no que se queira poñer en marcha un plan de reforestación e sustentabilidade. ¿Por qué os países perden natureza cando se apagan as aldeas, os verdadeiros relicarios da sustentabilidade e da reciclaxe?


MEDIO AMBIENTE I ELECCIÓS [5.06.1999], por Xesús López Fernández 


5 de Xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Hai escasos días que merquei un libro, “A Situación do Mundo”, o informe do Worldwatch Institute correspondete ó ano en curso. Como tódo-los anos contén unha serie de estudios profundos sobre a saúde do planeta. A revolución medioambiental parece inaprazable e o estudio insiste en que as empresas intelixentes terán de apostar pola reciclaxe e mái-la reutilización, ou carecerán de futuro. No libro fálase do hidróxeno como a posible enerxía que ven. E diversos medios daban estos pasados días a primicia dun novo tipo de motor que traballa con enerxía acústica. Pero, tornando ó libro, limitarémo-lo interese de hoxe a unha cita ilustrativa en torno ó misterio da illa de Pascua, que sintetizaremos como sigue

Hai cousa de 1.500 anos vivían na illa uns 7.000 polinesios, que foran constituíndo unha complexa sociedade agrícola. Aínda que semiárida, o clima da illa fora mellorando gracias ós seus exuberantes boscos, que retiñan a humedade. Os habitantes vivían en pequenas aldeas, cultivaban prantas, collían peixes, criaban galiñas. O seu leigado son as famosas estatuas de obxidiana, de oito metros de altura, que os poboadores da illa foron transportando ó través da mesma valéndose de troncos a modo de rodamentos. As estatuas, chamadas “ahu”, son a única pegada coa que se encontraron os primeiros europeos en chegar á illa. A comunidade polinesia tiña desaparecido porque a súa prosperidade primeira demandara máis terras de labor... O chan tornárase árido e, sen madeira pra construiren barcos, sen troncos nen pra transportar máis “ahu”, sen agricultura posible, os poboadores metéranse en covas...Guerra antre as aldeas...Os homes volvéronse caníbales.

O estudio do Worldwatch Institute pergúntase se o caso de Pascua non se pode prantexar a escala planetaria. A desaparición de fronteiras, o crecemento da poboación, a limitación de recursos, a morte de ecosistemas como consecuencia da actuación económica, son motivos de fonda preocupación. Agora prodúcese a alarma das dioxinas chegadas de Bélxica, que tamén foron noticia no meu traballo anterior e que o lector pode levar prá súa casa, tal vez, se merca leite de orixe francesa. Lembremos, senon, a noticia do cerre de tres incineradoras en Francia, Lille, polo Ministerio de Medio Ambiente daquel país, o pasado 1998, por esa causa. Pero é que a presencia de dioxinas na nosa ría tamén foi demostrada por un laboratorio inglés, collidas aquí as mostras por un comando de Green Peace. ¡E os partidos en campaña a pasar do tema medioambiental, salvo o pequeno “flash” de EdeG/Os Verdes! 

O coidado do medio ambiente é necesario se queremos pensar nun turismo de calidade, en algo máis que en pasear ós xubilados e prexubilados do Inserso pola zona vella --o que chaman turismo “diesel”, moito camiño e pouco consumo--, que son informados por unha guía turística de que as catalpas da praza da Verdura son realmente “tilos”, ou que perguntan na rúa de San Román se están en Ourense. E neste caso case acertan, porque a persoa perguntada dixo, deixándose ir: “Non, pero nós somos ourensaos.”. Os que está claro non acertaron foron os políticos coa súa campaña. A sociedade agardaba un discurso de salvación, máis decente, que excluíse o canibalismo da illa de Pascua como solución de futuro, morta a despensa da ría.

miércoles, 5 de septiembre de 2007

A SITUACIÓN DO MUNDO 2006 [17.04.06]

Apunte informático do autor. A parte de riba quer suxeri-lo que era Lourizán, na ría de Pontevedra, antes de imprantaren a Celulosa; a parte baixa é o fondo que, xunto con Elnosa e as fecales da urbe, foron configurando, degradando: un auténtico espacio de morte.

Pontevedra, 5.09.07

Presentamos outro traballo repescado do pasado ano, escrito a raiz de ter recibido o "Estudio sobre a situación do Mundo 2006", do Worldwatch Institute. O lector pode atopar este e outros traballos, nos que se incide sobre o tema do mercurio, na web de iberica2000.org.

A situación do mundo 2006,[17.04.06]

por Xesús López Fernández

O 27 de marzo foi presentada a edición castelá do novo estudio do Worldwatch Institute que este ano ten como eixo principal dos traballos agrupados dende unha óptica interdisciplinar achegarse á problemática de países como a China e mai-la India, que nestos momentos parecen ter comprendido que hai que supera-las presiós que, como o resto do planeta, están a sofriren pra poder asumir un modelo de desenvolvemento sustentable. O libro inclúe dous prólogos, un de Sunitra Narain, Directora do Centro prá Ciencia e o Medio Ambiente da India; o outro de Xie Zhenhua, Director-administrador estatal prá Protección do Medio Ambiente da China. Un pouco como cliché do prólogo da representante india, reproduzámo-la frase coa que conclúe a súa presentación: ”(...) ocorre que o mundo rico ten que aprender de Gandhi (...) e non pode predicar, porque nada ten que ensinar. Pode aprender se practica o ambientalismo dos probes e a comparti-los recursos da Terra pra un mellor disfrute dun futuro en común.”

Xie Zhenhua, o chino, afirma que a conservación do medio ambiente e o desenvolvemento sustentable depende do esforzo de todos e que China está disposta a facer grandes esforzos pra promover unha cooperación constante en materia de protección ambiental. O home agradece comprobar que o estudio do Worldwatch Institute teña deixado sinaládo-los desafíos e as presiós ós que se enfrontan a China e mai-la India e que os ten axudado a tomar conciencia profunda do papel que ambos países terán de desenvolver en canto á estratexia pró desenvolvemento sustentable e cara a consecución dos Obxetivos de Desenvolvemento do Milenio das Naciós Unidas. O home confía nun futuro no que os diversos países poidan librarse da probeza, elimina-la fame, mellora-la ecoloxía e acadar un desenvolvemento certo.

O estudio analiza vinte temas e pode ser un manual de consulta de gobernantes. Haberá ocasión de ir tocando algunha das cuestiós nel tratadas: China, a India e o novo orde mundial; Conservando os ecosistemas de auga doce, de Sandra Postel; Cultivando alternativas ó petróleo, de varios autores; Reducindo o esparexemento global do mercurio; Creando unha sociedade civil verde en China, etc. E nesta línea, na da inversión en cultivos, pode atopa-la Humanidade unha solución a problemas de alimentación, enerxéticos, mesmo lograr que o home tome de novo interese por vivir no rural, ese mundo que mesmo na nosa terra está a se perder. Tomémo-lo exemplo do que se está a facer no condado de Crawford, Illinois, que hai cen anos producía máis petróleo que nengún lugar do mundo. Hoxe, según informa o libro citado, os seus habitantes confían en que o etanol poida mellora-lo seu presente. Obtéñeno a partir do millo, que sobeu de precio e, anos despois do cerre da última granxa, un profesor xubilado decideuse a montar unha nova explotación leiteira na que vai usar como mantenza pró gando un subproducto da fabricación do etanol, o millo seco tra-la destilación...Os chinos son xa os terceiros productores de etanol do mundo.

Un dos temas que o libro trata a fondo é o do mercurio, sobre o que haberá que contar cousas. Si acaso, hoxe citarémo-lo caso Kodaikanal, en Tamil Nadu, na India. Ponds India Ltd., no 1984, mercara unha fábrica americá de termómetros, que comezou a fabricar alí pra todo o mundo. Despois de moitas vicisitudes, a fábrica sería clausurada por ter vertido mercurio e vidrio contaminado nun vertedeiro de Kodaikanal. A denuncia do acontecido fíxoa Greenpeace, que descobreu niveles elevados do metal incluso fóra da fábrica de Unilever, a nova propietaria. Nunha decisión sen precedentes, exemplo pra outros países, o Consello do Control da Contaminación de Tamil Nadu ordeou á empresa recolle-lo mercurio e vidrio contaminado distribuídos por vasureiros e boscos e devolvelos ós Estados Unidos prá súa reciclaxe i eliminación definitiva. Nesa operación retorno, en maio do 2003 chegaban a Pennsylvania 262 toneladas. Queda moito por facer no emprazamento colonizado, pero deixamos aquí o exemplo do grado de compromiso que se está a dar na India. No libro, por suposto, hai moitísima información da que, polo menos en parte, iremos sacando citas.