Foto de Camilo Sánchez, Clarín, 31.12.06. Monumentos na Illa de Pascua, dos que se fala no traballo.
Pontevedra, 19.12.2007
O traballo que de seguido vai inserido no blog, aínda sendo do 1999, contén parte da lección que o Worldwatch Institute imparte no seu Estudio da situación do planeta do ano 2005. A lección do que pasou na illa de Pascua pode ser interesante en calquer momento no que se queira poñer en marcha un plan de reforestación e sustentabilidade. ¿Por qué os países perden natureza cando se apagan as aldeas, os verdadeiros relicarios da sustentabilidade e da reciclaxe?
MEDIO AMBIENTE I ELECCIÓS [5.06.1999], por Xesús López Fernández
5 de Xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Hai escasos días que merquei un libro, “A Situación do Mundo”, o informe do Worldwatch Institute correspondete ó ano en curso. Como tódo-los anos contén unha serie de estudios profundos sobre a saúde do planeta. A revolución medioambiental parece inaprazable e o estudio insiste en que as empresas intelixentes terán de apostar pola reciclaxe e mái-la reutilización, ou carecerán de futuro. No libro fálase do hidróxeno como a posible enerxía que ven. E diversos medios daban estos pasados días a primicia dun novo tipo de motor que traballa con enerxía acústica. Pero, tornando ó libro, limitarémo-lo interese de hoxe a unha cita ilustrativa en torno ó misterio da illa de Pascua, que sintetizaremos como sigue
Hai cousa de 1.500 anos vivían na illa uns 7.000 polinesios, que foran constituíndo unha complexa sociedade agrícola. Aínda que semiárida, o clima da illa fora mellorando gracias ós seus exuberantes boscos, que retiñan a humedade. Os habitantes vivían en pequenas aldeas, cultivaban prantas, collían peixes, criaban galiñas. O seu leigado son as famosas estatuas de obxidiana, de oito metros de altura, que os poboadores da illa foron transportando ó través da mesma valéndose de troncos a modo de rodamentos. As estatuas, chamadas “ahu”, son a única pegada coa que se encontraron os primeiros europeos en chegar á illa. A comunidade polinesia tiña desaparecido porque a súa prosperidade primeira demandara máis terras de labor... O chan tornárase árido e, sen madeira pra construiren barcos, sen troncos nen pra transportar máis “ahu”, sen agricultura posible, os poboadores metéranse en covas...Guerra antre as aldeas...Os homes volvéronse caníbales.
O estudio do Worldwatch Institute pergúntase se o caso de Pascua non se pode prantexar a escala planetaria. A desaparición de fronteiras, o crecemento da poboación, a limitación de recursos, a morte de ecosistemas como consecuencia da actuación económica, son motivos de fonda preocupación. Agora prodúcese a alarma das dioxinas chegadas de Bélxica, que tamén foron noticia no meu traballo anterior e que o lector pode levar prá súa casa, tal vez, se merca leite de orixe francesa. Lembremos, senon, a noticia do cerre de tres incineradoras en Francia, Lille, polo Ministerio de Medio Ambiente daquel país, o pasado 1998, por esa causa. Pero é que a presencia de dioxinas na nosa ría tamén foi demostrada por un laboratorio inglés, collidas aquí as mostras por un comando de Green Peace. ¡E os partidos en campaña a pasar do tema medioambiental, salvo o pequeno “flash” de EdeG/Os Verdes!
O coidado do medio ambiente é necesario se queremos pensar nun turismo de calidade, en algo máis que en pasear ós xubilados e prexubilados do Inserso pola zona vella --o que chaman turismo “diesel”, moito camiño e pouco consumo--, que son informados por unha guía turística de que as catalpas da praza da Verdura son realmente “tilos”, ou que perguntan na rúa de San Román se están en Ourense. E neste caso case acertan, porque a persoa perguntada dixo, deixándose ir: “Non, pero nós somos ourensaos.”. Os que está claro non acertaron foron os políticos coa súa campaña. A sociedade agardaba un discurso de salvación, máis decente, que excluíse o canibalismo da illa de Pascua como solución de futuro, morta a despensa da ría.
No hay comentarios:
Publicar un comentario