
Insistamos coesta imaxe da xunqueira do Lérez na que se pode aprecia-lo sistema de meandros vivos. Mentres a xunqueira respiraba coas mareas, a sustentabilidade da ría estaba garantizada, pero desecárona case ó completo e, ridículamente, construíron nela o Auditorio, asentaron institutos e un campus universitario, que deberían ter data de caducidade se verdadeiramente se quer apostare pola dita sustentabilidade, en equilibrio aquí xa imposible. E se o Worldwatch Institute, no seu estudio do 2012, analizaba as pautas pra ir cara unha prosperidade sostible, desta volta se pronuncian algús dos seus especialistas sobre a cuestión de si esa sustentabilidade pode ser índa posible. En Pontevedra, non, cruzadas unha serie de líneas roxas que os iluminatti do concello aínda dibuxan como actuaciós "pra novos e idílicos solpores", unha especie de definición prás distintas burremias nas que poidan aínda pensare. E a oposición sen ideas (talvez sen honestidade) pra maxinare unha táctica coherente contra un goberno hai tempo sonado.
Pontevedra, 27.05.2013
Entrada n. 1668
Artículo semanal no Diario de Pontevedra
A sustentabilidade
esgazada,
por Xesús López
Fernández
Esgazar, esguizar, esbronzar, esgarduñar, rachar,
rabuñar, etc., son infinitivos de verbos galegos que, inda con variada
polisemia, valen prá alusión á situación de esnaquizamento, de esbandallo no que
parece ter sucumbido o equilibrio ambiental, a sustentabilidade á que tanto
aluden nas súas prédicas os nosos políticos ó tempo que se cargan, de cada
volta, novas tenzas da nosa realidade ambiental, algo que levamos non poucos
anos tocando nas nosas colaboraciós. Este ano, o Worldwatch Institute, sempre
crítico, cuestiona con especial acento na publicación de “A Situación do Mundo 2013” cando fala da
sustentabilidade que xa aparece no título e formula unha pergunta, case un
clamor: “¿Aínda é posible a sustentabilidade?”.E non faltan voces no Ecoloxismo
mundial que piden un compromiso real coa Terra, alén das políticas dos Estados
que parece queren poñere ó Planeta contra as cordas.
Venme á
memoria, desta volta, o relembro de diversos libros de autores comprometidos: “A
Terra en xogo”, de Al Gore, no que antr´outras cousas nos relata cómo o mar de
Aral, un mar salado, interior, aparecía xa condenado á morte; “A Salvación do
Planeta”, de varios autores do Worldwatch, unha especie de catecismo prá recuperación
dos ecosistemas dos que depende a humanidade e que están sendo arrasados polo
mundo empresarial que non dubida na defensa dos seus intereses egoístas, aínda
que eso significa deixa-la Terra inhabitable, ousando incluso falare de
sustentabilidade; “El equilibrio roto” (e outros ensaios), do Prof. Bermejo
Martínez, que me propoño tocar en próximos traballos, vai sobre “cousas”
acontecidas na nosa terra e, de momento, deixemos como comentario o que fai o
seu prologuista, Xerardo Estévez Fernández, cando dí que o home preocupouse
fondamente polo presente das cousas, pola problemática ambiental, que as súas
opiniós son unha aposta polo futuro.
“A
sustentabilidade implica non ter que decir nunca “síntoo” ó futuro”. Trátase
dunha frase do presidente do Worldwatch Institute, Robert Engelman, un dos
autores da obra que acaban de presentaren. “¿Imos ter un futuro digno? Temos
que comezar a sermos honestos ó respecto, xa que estamos a especulare co futuro
coa creencia de que podemos ter unha prosperidade célere agora”, dixo Engelman,
quen ademáis calificou a situación actual de “burbulla do sustentable”, xa que
“todo é sustentable, coches, negocios, Olimpiadas, cidades, roupa, deseños”, afirma
o home a modo de queixa ó tempo de sinalare que este abuso tiña pasado de
preocupante a descorazonador, que mesmo a xeneralización do uso do concepto do
sostible tiña restado esencia ó mesmo pra convertilo en etiqueta pra productos
e proiectos, simplemente algo menos malos que as alternativas das que viñamos
botando man.
Insisten os
autores do libro en que hai que usar críticamente o término “sustentable” e
deixare de vivir na “negación” de que o actual estilo e consumismo irracional non vai traer
consecuencias. “Os problemas están en camiño”, comenta Tom Prugh, codirector do
proiecto no que se propón como obrigatoria a transformación nun movemento
social forte dos partidarios do cambio de desenvolvemento actual, como foi o da
defensa dos dereitos civiles nos EE.UU. É máis, afirma outro codirector da
obra, Erik Assadourian, “É necesaria unha segunda revolución democrática”. En
“A Situación do Mundo 2013”
apóstase pola deslexitimación do uso dos combustibles fósiles; optan polas
enerxías renovables e fan demanda da protección da biodiversidade e maior
educación sobre qué comer, porque o “sistema global alimentario está
esnaquizado”. No libro afírmase que, se nada cambia de forma drástica, vai
aumentare o número de emigrantes e refuxiados que fuxan de conflictos. Incluso
cuestiónase, a longo prazo, a supervivencia da nosa civilización. A vida sobre
o planeta vai continuar, pero a sociedade humáa quedaría seriamente esmagada, e
hai que evita-la súa desaparición, apunta outro dos autores, Kim Stanley
Robinson, de ciencia ficción. E decir que o noso ecosistema cheira a morte non
é ciencia ficción.