domingo, 23 de agosto de 2009

EN TERRA SANTA, 6

A adoración dos Reis, en Belén.
Entrada ás criptas da basílica.
Claustro. Imaxe de San Xerónimo, que viveu en Belén, onde fixo a versión da Vulgata, a traducción da Biblia do hebreo ó latín.
Entrada lateral.
Vista do chan do templo primitivo, o de Constantino.
Representación da fuxida a Exipto.
A cripta de San Xerónimo, o habitáculo onde se supón que traballaba.
Camiñando por Belén.
Panorámica de Belén.
Entrada no Campo dos Pastores. Ó fondo, o santuario do "Gloria in excelsis Deo".
Excavaciós arqueolóxicas no Campo dos Pastores.
Misa de campaña do 12.07. Presente don Julián.
Outra panorámica da eucaristía.
Campo dos Pastores. Fonte e santuario.
-
Pontevedra, 23.08.2009
-
Entrada n. 1033 do blog
-
Artículo semanal remitido a diversos medios
En Terra Santa, 6,
por Xesús López Fernández
-
(continuación) Estabamos en Belén de Xudea, o sitio onde nacera Xesús cando reinaba Herodes. A Basílica da Natividade, que actualmente aparece pouco coidada, foi sen embargo unha das máis bellas da cristiandade no tempo dos cruzados. A humedade, abandono e maltrato dos turcos contribuiron ó deterioro de pinturas e mosaicos. Pero non imos facer historia deste monumento, tantas veces agredido, e que fora xa construído por mandato do emperador Constantino e de Santa Elena, a súa nai, no 326, cuia pranta foi descoberta, por debaixo do pavimento da basílica actual, en excavaciós feitas no 1934. Tiña catro pórticos e cinco naves, como a actual. Os estudios arqueolóxicos indican que, nos tempos do primeiro templo, a cidade amurallada, atopabase na área da Basílica da Natividade e que as furnas existentes baixo dela foran mesmo usadas como moradas (adegas, cortellos…). Unha desas grutas foi consagrada no século IV como o tradicional lugar do Nadal, como o primeiro fogar de Xesús.

Temos que maxinar alí ó Neno Deus, nun pesebre sendo rei, e as súas primeiras compañas: a mula, o boi; os pastores que veñen de lonxe, según a panxoliña galega; ou a visita dos Tres Magos chegados, algús días máis tarde, dende a Caldea, talvez dende Ecbatana ou da ribeira do mar Caspio. Suponse que vadearon o Tigris e mái-lo Éufrates, que cruzaron tamén o gran deserto dos nómadas e costearan o mar Morto. Eles recibiran a luz dunha estrela nova, unha especie de cometa desos que avisan, que reaparecen de vez en cando, como di Papini, pra nos trae-la noticia do nacemento dun novo profeta ou a morte dun César. Os Magos non eran reis, pero eran máis sabios que eles, e mesmo guiaban ós reis de Persia. E velaí temos que estos Magos, en seguindo á estrela, chegaron a Belén pra se axionllaren non ante un novo e poderoso monarca, non. Atopáranse cun picariño que non sabía perguntar nen respondere e que cando fose maior desbotaría as riquezas. Pra el foron o ouro, o encenso e a mirra que portaban os Magos.
-
Pero volvamos sobre os outros testigos, os pastores, que se supón eran de Bet Sahur, o lugar onde nos diriximos ese serán do 12 de Xullo. A aldea, según as crónicas, progresou de forma certa. No chamado Campo dos Pastores, novas excavaciós arqueolóxicas sirven pra datare alí a arrancada da historia: restos de templos, casas, furnas, muíños, etc. Alí celebramos unha eucaristía de campaña, presidida por don Julián porque nun templo próximo, o “Gloria in excelsis Deo”, non cabiámo-los catro grupos. Un templo con forma de tenda de campaña e con moita luz, obra de Barluzzi, con fachada a unha zona coidada na que existe, ademáis, unha graciosa fonte na que son ornato principal ovellas, carneiros, pombas. En fin, unha eucaristía con sabor especial, no lugar onde os pastores recibiran o aviso do Ánxel e que, prestos, acodiran xunto ó recén. Rematada a misa, era o momento de cantar algunha panxoliña, xa das clásicas conocidas ou ben unha galega, que finalmente sería entonada no devandito santuario: “Nun pendello que hai xunto un camiño…..”.
-
O día aínda non remataba. Xornada intensa notariada con moitas fotografías ademáis das visitas ós diversos templos: en Ein Karem, pola mañá, e agora en Belén, onde existe un catolicismo que vive momentos dramáticos, según testimonio de xentes emigradas na procura de traballo. Un 20% dos cristiáns tiveron que marchar xa, a Latinoamérica e ós Estados Unidos, o que marca un certo retroceso na presencia da Igrexa. Hai unha certa esperanza, sí, porque en Belén existe un catolicismo vivo, unha fe intensa e participativa a través das parroquias e do servicio social que se presta dende elas. Dentro desa dinámica debe encaixa-lo labor da cooperativa que visitaramos uns días antes, comercializadora de productos artesáns, unha esperanza de subsistencia pra aquelas xentes. Pero son precisas outras medidas. (continuará)

No hay comentarios: