domingo, 22 de noviembre de 2009

POÑER COTO ÁS DESFEITAS

"Marea negra, marea branca" quere evoca-la catástrofe do noso litoral polos vertdos do Prestige. Máis ou menos recuperado daquel desastre, outros están a producírense: recheos deshonestos, granxas de rodaballos, todos coa complicidade da caterva política. E faría falta un novo "exército" de voluntarios pra conseguire resultados, seguindo o exemplo, desta volta, da actuación das xentes d´Os Praceres.
-
Pontevedra, 22.11.2009
-
Entrada n. 1082 do blog
-
Artículo semanal
-
Poñer coto ás desfeitas,
por Xesús López Fernández
-
“Poñer coto ás desfeitas de catrocentos kilómetros de litoral pontevedrés”. A afirmación é do delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, no curso dunhas declaraciós, se ben outras afirmaciós do home parecen estare en contradicción co devandito e que non está a anunciare o comezo de nengunha alborada rexeneracionista. É máis, cando se acaba de produci-la sentencia do Supremo do Estado estimando o recurso da Plataforma prá Defensa da Praza d´Os Praceres, acaban de se licitar novos recheos, novas agresiós ó mar de Marín, ó que lle queren comer outros 25.000 mts.2 de lámina d´auga. Vamos, que a desfeita do litoral sigue por máis que Louro fale da difícil situación creada. Fala incluso, agora sí, do posible impacto de levanta-lo recheo, que moitos entenderiamos como un verdadeiro alivio pró noso mar. Deixa a pelota no tellado da Autoridade Portuaria por se aínda cabe algún tipo de recurso ante unha sentencia inamovible. E, tristemente, afirma que os recheos licitados van seguir adiante.

Agora, como se fosen zahorís, solicitan á Xunta os do bipartito local que poña en marcha os instrumentos urbanísticos necesarios prá construcción dun porto seco asociado ó de Marín, coa fin de solventa-lo problema creado pola sentencia do Supremo que, naturalmente, obriga a retira-los recheos feitos contra natura. Tíñase denunciado que o que realmente fixo a Autoridade Portuaria non foi mellora-lo porto, senón promove-la creación dun polígodo industrial a costa do mar, do pouco mar que nos queda. E agora, un día sí e outro tamén, a receta do porto seco está na boca dos que aquí non souberon velar pola defensa do capital natural e pola reposición da legalidade. A Xusticia parece que sí, que funciona; que mesmo acaba de dictar dúas sentencias importantes: Unha, a que declara como ilegal o Plan Especial do Porto de Marín; outra, en atención a un recurso de WWF-Adena, que pedía a anulación do convenio antre o Goberno e a Junta de Andalucía porque incumpría a lei de Costas, en Cádiz. Sálvanse así 287 hectáreas de marismas en Las Aletas, ás que lle querían dar destino industrial, argumento claramente insuficiente pró Supremo.

Parece que no caso andaluz a Xusticia foi máis rápida que no noso caso. A este respecto i en relación cunha entrevista efectuada por La Voz de Galicia ó letrado don Juan Areses Trapote, publicada o 15.11.2009, o home fai unha exposición moi didáctica sobre a sentencia que parece que algús representantes do Estado de Dereito non leeron; tamén sobre o protagonismo das xentes d´Os Praceres, ás que representou no pleito promovido. ¿Pra qué sirven as sentencias? Pra executalas; de nada vale enmarcalas e poñelas nunha parede do salón. Vemos que a día d´hoxe permanecen sen execución sentencias como a dos casos Tradepana e, sobre todo, a do ferrocarril pró que están a estudiaren unha solución bastarda no canto de repoñe-la legalidade. Na entrevista, que é densa, preguntan tamén ó home polo posible impacto ambiental do levantamento dos recheos, sobre o que dí que habería que llo preguntare ós que saben de protección ambiental; que resulta extraño que non se considere o impacto do dinamitado dos fondos que acabou, practicamente, co traballo das mariscadoras, hoxe subsidiadas.

¿E cómo é posible que o TSXG avalara a actuación?, é outra das cuestiós. Habería que llo preguntare ó TSXG que, ante un problema desta magnitude, debeu paralizar cautelarmente as obras. O letrado bota de menos unha sociedade máis viva, que puido ter acabado coa pretensión dos “iluminados” de se traga-lo mar. ¡Claro que o protagonismo das xentes da Plataforma prá Defensa da Praza d´Os Praceres vése enaltecido, abandonados como foron por outros grupos que puideron ter xogado ó seu favor!. O mérito da sentencia é deles e do seu equipo xurídico. Neste contexto, non se entende que os recheos vaian seguir, que non se “poña coto ás desfeitas”.

No hay comentarios: