sábado, 7 de noviembre de 2009

PONTEVEDRA EN CLAVE ECOLÓXICA

O Brado, de Münch, volve ilustrare un traballo sobre a situación terminal da nosa ría.-
Precisamente o día 5.11, cando se presentaba a revista da Asociación de Veciños de San Roque, un amigo informabame telefónicamente da notificación da sentencia do Supremo, xa conocida, que vimos comentando estos días.
-
O traballo que se inclúe nesta entrada figura antre os publicados na revista e vai da involución medioambiental da nosa ría e de cómo Pontevedra foi perdendo o seu vincallo co mar.

Pontevedra, 7.11.2009
-
Entrada n. 1067 do blog
-
Pontevedra en clave ecolóxica,
por Xesús López Fernández


O Cumio Medioambiental de Río Janeiro 1992 quixo marca-lo camiño, fixar pautas, pra unha posible salvación do planeta. Foi daquela cando se comezou falar, como receta máxica, do desenvolvemento sustentable, concepto éste que sería tratado noutro Cumio, o de Johannesburgo, no ano 2002, no que participaron 190 Xefes de Estado e de Goberno, que ademais asinaron unha promesa “solemne”: a de traballaren arreo por un desenvolvemento sostible, algo que tentarían fose un logro real prás xeneraciós herdeiras do planeta. Sobre esto existe tamén unha responsabilidade directa das cidades, que teñen na Carta de Aalborg do 1994 [e outros acordos posteriores] un claro compromiso ambiental e moral a seguir.

No preámbulo da Carta faise recaer sobre as cidades a maior parte dos problemas ecolóxicos que ten o planeta. E así, xa no preámbulo afirma: “Nós, cidades e pobos de Europa, asinantes desta carta, declaramos que, no proceso histórico, as nosas cidades teñen formado parte de imperios, naciós-estado e gobernos e que se teñen constituído como centros de vida social, xeradoras de economías propias e celadoras da cultura, herencia e tradición. Integrando familias e barrios, as cidades teñen sido os elementos básicos das nosas sociedades i estados. Teñen sido centros de industrias, oficios, comercio, educación e goberno”.


Estamos en Pontevedra, cidade en regresión que foi, nos séculos XV e XVI, un importante porto; cidade que, coa súa ría, sabía da sustentabilidade da pesca da sardiña ou da práctica das “entalladas”, das que en Lourizán aínda gardan memoria das practicadas antre illa Ravela e a punta Sartán. E alguén aínda pode ter oído da época na que había ostras por riba da ponte do Burgo. A marea penetraba nas xunqueiras todas, onde a vida renacía ó tempo que exercían de depuradoras biolóxicas con máis eficacia que as de nova xeneración, construídas ó mellor contra natura, contra a Lei de Costas. Eran capital verde e productivo. Pero ese mundo foi desaparecendo, reconvertído-los espacios húmedos en solares ou simplemente desecados, cando se telumbran posibles novas agresiós en contra do que é dominio público marítimo terrestre e como tal inembargable, inalienable, imprescriptible e insusceptible de desafectación, como ben lembrou Cristina Narbona no seu mandato á fronte do ministerio de Medio Ambiente, en relación coas marismas de Lourizán.

Cando están en marcha, de xeito un tanto opaco, os traballos do futuro PXOM da capital e tendo en conta que Pontevedra suscribeu a Carta de Aalborg, un pergúntase qué están a faceren coa chamada Axenda21Local, instrumento necesario en orde ó estudio e traballos prá necesaria recuperación do capital natural: do litoral, da vida, e acabar coa querencia de seguiren cos recheos pra posibilitaren a arribada de empresas non relacionadas co mar. Porque todo o que se está a facere parece levar consigo unha certa carga de irracionalidade, de maior agresión, coa idea fixa de mata-la ría. Vede senón cómo as novas urbanizaciós, en Combarro, Samieira, Raxó, baixan, como cabalos á grea dispostos a enguliren o mar e os pequenos portos pesqueiros, que desaparecen como desapareceu o porto de Pontevedra.


Moitas cidades informan, cando acometen novos plans de urbanismo, da elaboración da Axenda21Local, que ha ser sempre un documento democrático consultado porta a porta, casa por casa. Tódo-los veciños poden ter algo que decir en relación cos traballos prá recuperación ambiental do seu lugar. Aquí, en Pontevedra, tamén. Pero vexo a Axenda21Local pontevedresa como algo furtado, inexistente, mentres sí van acometer, se algo non-o remedia, a construcción da chamada nova Ponte d´As Correntes, outro instrumento pra unha maior presión e desfeita da Xunqueira d´Alba, prá presunta reconfiguración do espacio como gran solar aínda tendo sido denominado “lic”, lugar de importancia comunitaria. Outra falacia, porque realmente nunca se activaron as tareas prá súa rexeneración máis alá da creación dunha concellería de Medio Ambiente Natural. Ou tamén a outra gran agresión proiectada pra Mollavao: o macronudo, ¿pra qué? ¿Pra consolidaren a autovía a Marín que debería desaparecer no horizonte do 2018? E a reconfiguración das marismas de Lourizán como novo gran solar, pelotazo, que xa anunciaran pasos nese sentido.

Núñez Feijóo prometeu a recuperación daquel litoral. Veremos. A promesa doutros ía en distinto sentido, acabamos por saber. E todo esto sirve pra insistir na necesaria elaboración da Axenda21Local. Se queremos recupera-lo capital verde é necesario poñer en marcha os foros democráticos que se precisen. E poderiase xa comezar, antre outras cousas, por demandaren a recuperación da legalidade en actuaciós sobre as que existen sentencias firmes do Tribunal Supremo, como no caso Tradepana ou no do paso do ferrocarril pola praza d´Os Praceres. Pero as forzas políticas non parecen estar polo labor de que esto funcione como Estado de Dereito. Lembremos que, en definitiva i en contra do aconsellado polo ministerio de Medio Ambiente do PP [oposto á construcción do ferrocarril ó porto polo trazado actual], na viaxe inaugural coa locomotora Mikado estaban presentes Fraga, Cuíña, Lores e Tonecho, rubricando o que sería sentenciado como ilegal.


E rematemos traendo aquí algo sobre a Lei de Costas, do seu artículo 44.6: “Las plantas de aguas residuales se instalarán fuera de la ribera del mar y de los primeros veinte metros de la servidumbre de protección”. É decir, a depuradora d´Os Praceres non se axusta ó espírito da Lei. Construída en dominio público marítimo terrestre, en espacio “non segregado” da concesión de Ence, é de razón definilo como actuación presuntamente delictiva, como tamén o emisario, pensada a ría como gran sentina. Tamén cabe formular outra pergunta: a de se España non terá que lle devolver á UE os fondos por ela remitidos pra esa obra. ¿Conocen os servicios xurídicos da UE a realidade ambiental desta ría e a de Pontevedra, que se foi porto e por traición á súa natureza é decote máis cidade de secano?

¡Claro que a Lei de Costas tería sido un instrumento eficaz pra salvare aquí o noso capital natural!. No citado artículo 44.6, no parágrafo seguinte, di: “No se autorizará la instalación de colectores paralelos a la costa dentro de la ribera del mar. En los primeros 20 metros fuera de la ribera del mar se prohibirán los colectores paralelos”. ¿Qué está a acontecer, tamén en Monteporreiro e ó pé de San Benito, nun lugar declarado “espacio protexido”, agredido por esos tubos en paralelo, onde van construir tamén unha ponte impensable nun lugar con esa catalogación e cando xa parece que foi abandonada a idea da construcción do hospital único en Montecelo?


E conclúo. Vivimos nunha cidade que perdeu o mar e mái-la vocación atlántica que levou ós nosos mariños polo oceano global. E tomo unhas palabras de Al Gore: “Nunca ten sido tan importante que afrontémo-la realidade dos nosos retos a longo prazo [….]. Sen embargo, a razón é aburada por forzas que usan de técnicas sotiles como a propaganda, a psicoloxía e os medios de comunicación electrónicos” [e o propio poder, engadiríamos]. “Anque os retos ós que nos defrontamos son grandes, teño máis confianza que nunca en que a democracia vai triunfar e que estaremos á altura do desafío…” Confiemos nese triunfo da democracia tamén en Pontevedra e que, coa Axenda 21 Local debidamente participada i elaborada recupere o mar e as súas praias urbás e outros valores no canto de sumirse xangalmente aínda máis como cidade de secano. Difícil salvación se non recuperámo-la natureza no entorno todo: litoral, ría, río, xunqueiras.

¿Posible? Depende da casta política, da súa vontade. De que estudien, agora que comeza o curso, o abecedario da Axenda21-Local, non novas recalficaciós.

No hay comentarios: