jueves, 18 de marzo de 2010

A HISTORIA DUN RETORNO [1989]

O mencer no sotobosco pode ser algo buscado: mesmo buscar nele unha certa reidentificación e forma de resistencia. O relato que sigue é un conto escrito en clave bancaria e política, tempo de dólares e marcos alemáns, de libras esterlinas ou francos suizos; un conto ácrata no que se denuncia, fundamentalmente a traición forestal feita a esta terra. Forma parte, con outros relatos, dun colectivo inédito que escribín no 1989. Vou inserir no blog esta historia; outra vai seguir, centrada na cuestión do lume forestal, daquel ano de loucura que foi o 1989, cando Galicia contabilizou máis de 15000 incendios; talvez o peor ano se non foi sobardado polos resultados incendiarios do 2006. A ver si tendes paciencia pra leélo e opinades del. Pero o retrato completarase con outro dentro de poucos días, destes días nos que tanto se fala d´árbores. Retocarei algo a ortografía pra descontaminala, despiollala dalgunha lacra normativa.
-
Pontevedra, 18.03.2010
-
Entrada n. 1203 doblog
-A HISTORIA DUN RETORNO [1989]
I


Houbo un tempo no que eran noticia frecuente as mortes causadas por lobos....O lobo andaba ceibe polos nosos montes, como de patrulla, e --cando a fame apretaba-- baixaba ás aldeas, atacaba onde sabía de presa fácil...Pouco tardaría en se produci-la revelación, a nova de que os tales lobos --en moitos casos-- non eran senon cans asilvestrados... Deciase incluso que eran cans da antigua PIDE portuguesa. Abandonados, non tiñan voz á que obedeceren e atacaban por lei de vida, sen poder que lle dera sentido á súa acción.

Pero asilvestrarse é algo que lle pode suceder non soio a un animal doméstico privado de relación coa xente.. Asilvestrarse é algo que pode acontecer, ás veces, ós propios homes si se ven forzados a viviren como robinsós, a se integraren nun entorno natural e acepta-las súas leis; a sentir no sangue como algo propio a forza da lúa.

Algo así aconteceulle a Debesa, o apoderado do conto, aínda que sería máis honesto, quezáis, falar de reencontro coa natureza, coa sabedoría profunda do home primixenio na que a intelixencia e mái-lo instinto han ser entendidos como algo necesariamente complementario, de vaievén, alá no arranque da evolución. Pra ese achegamento á dimensión na que o bancario arestora vive non lle terán valido, de certo, os poderes outorgados pola empresa como premio ó seu benfacer profesional, á súa actitude de traballador fiel i entregado ó ideal de facer do Bandegal un gran banco. E o home tería de defrontarse con situacións moitas veces límites pra permanecer enteiro, á marxe da súa relación laboral. Identificarse coa natureza tería pró home un alto coste que hoxe ve completamente xustificado.

Na aprendizaxe de cada día, no devalar de media vida, Debesa chegaría a tal grado de identificación co medio silvestre que todo o que xira en torno del -- a fonte que alenta antre penas e faise regato, o vento na enramada do souto, a neve que cae, o diverso comportamento de cada animal...-- ten ás veces resonancias dunha auténtica sinfonía pastoral e que acadou a verdadeira felicidade.. Endebén, asilvestrarse representou pra Debesa retoma-la conciencia perdida coa evolución e a molicie, a conciencia que os homes deixamos, como xa queda dito, alén do paleolítico; saber darlle sentido ó instinto á par da intelixencia pró seu uso normal. Eso, certamente, non é asilvestrarse, senon retoma-la cultura do medio, aprendela de forma distinta de como está nos libros. Pero vexamos, polo que sabemos ou poidamos telumbrar, cómo aconteceu.


II

Primeiro chamárono ó centro de formación que o Bandegal ten en Amieiros, pra tomar lecciós ó longo dun cursiño de trinta días que concluiría con exames diversos ademáis de probas sicolóxicas e case parasicolóxicas. Debesa figuraba no grupo dos considerados aptos, dos maduros prá alternativa que lles tería de ser outorgada por un alto directivo do Departamento de Recursos Humáns, despóis de entrevista persoalizada. É decir, ún a ún. Cara a cara. --O equipo directivo quería face-las cousas ben--. Prudencia elemental. O alto cargo/sicólogo maxinaría estar xogando unha partida de xadrez, tentando move-los peons, gañar vountades, dacordo co supremo interese da empresa. Á fín, tocáralle o turno a Debesa. Prolegómenos afables e falar engaiolante pra, de seguida, entrar na materia.

--Teño aquí o seu expediente. Da súa lectura despréndese que é vostede home con grandes posibilidades cara ó futuro. A súa capacitación técnica, da que tiñamos amplias referencias, está avalada agora polos profesores do cursiño... Algún deles --por certo-- quedou claramente impactado pola súa preparación... Como ademais é vostede un comercial nato --razón principal pola que se lle invitou ó centro de formación-- dánse no seu caso as condiciós que a empresa, en contínua expansión e desenvolvemento, tenta descobrir ou motivar nos empregados que han rexe-lo seu destino nun mañán que pra algús --pra vostede-- pode ser xa presente.. Sí, pódese alegrar porque a empresa o necesite... De tódo-los xeitos, hai que pór un certo orde na escalada porque, evidentemente, non se lle pode dar ós empregados novos como vostede unha alternativa celérica na oficina de orixe mentres outros homes -- con méritos reconocidos, eficaces, eficientes-- non se moven no escalafón. Son os que non quixeron practica-la movilidade xeográfica que a empresa ven propoñendo dende hai tempo ó persoal con arelas de futuro, con cobiza --no bon sentido-- de poder. Pero, por pura harmonía laboral, non queremos se sintan agraviados. --O directivo estudiaba o efecto das súas palabras no cursillista.
-

-- ¡Un xesto moi humán por parte da empresa!. Por outra banda parece lóxico se teña en conta a presteza coa que o empregado poida estar disposto a un traslado, que se premie o esforzo de abandonar hábitos e lugares que son parte da súa vida...Pode ser duro, de certo que sí, pero tamén necesario. ...¿É ésa a movida que se nos vai propoñer? --repuxo Debesa.
-
--Ése vai se-lo modo normal de facer carreira. A empresa precisa de xente como vostede que, en boa hora, parece que xa se sabe a lección; de homes --ou mulleres, que non somos machistas-- dispostos a saír durante un tempo. I é que a vida bancaria non sería posible sen persoal disposto a servir na avangarda, en lugares normalmente refugados, pero que son criadeiros certos de pasivo, o pasivo necesario pra recolocar alí onde xurda a iniciativa empresarial, o empresario imaxinativo que está a posibilita-la creación de riqueza e a conseguinte maior calidade de vida da nosa sociedade...--dixo o directivo, satisfeito do seu discurso. Escoitábase a sí mesmo e o falar vagariño fora crecendo como un río e convertírase nun case-mitin laboral-
-
- -Parece todo moi lóxico..... E a mín particularmente non me preocuparía botar fora da casa tres ou catro anos. Precisamente nese sentido téñome dirixido ó Departamento de Persoal......
-
--Departamento de Recursos Humáns --interrompeu o directivo..
-
--¡É certo que lle cambiaron o nome!.Pois ben, eu teño formulado xa a petición de diversas vacantes habidas nestes últimos anos. Sempre coa esperanza, claro está, de recolocarme en praza de importancia media á volta dalgún tempo....O que ven de decir encaixa, xa que logo, co nidiamente asumido nas diversas instancias por mín asinadas en tempo anterior...--Debesa fai unha pausa e prosigue...-- ¿Significa a súa afirmación que chegou a hora da esperanza, que as miñas instancias non caíron no esquecemento? ¿Que a posta ó día que o cursiño veu representar partía xa da nosa petición previa, do perfíl alí debuxado...?..Porque sei de algús compañeiros cos que convivín estos trinta días que tamén tiñan feito petición de traslado... -- Debesa falaba de máis, notábaselle a présa.
-
--Naturalmente, se ben en principio soio lle podemos ofrecer Castrofalcoeiro, a sucursal que próximamente imos inaugurar e prá que está prevista a asistencia, incluso, de xente do Goberno. Tal vez tamén o conselleiro-delegado en persoa. Porque ainda que a emigración deixou algunhas aldeas sen xente, a bisbarra e o centro vilego teñen unha puxanza económica pouco común. Castrofalcoeiro é sitio do que saíron homes que souperon abrirse camiño ó tempo que mantiveron viva a lembranza do eido nativo e que hoxe son conselleiros, se cadra, dalgunha multinacional. E están a facer inversiós no seu terruño... Sí, está claro que non todo na emigración han ser historias de xentes apoucadas. E algún deses homes ten anunciada a súa presencia no acto inaugural... Un verdadeiro acontecemento político porque nos vai visita-lo poder transnacional...--O directivo parecía convencido ...Sigue a falar.....-- Estou seguro de que, en pouco tempo, podería facer un labor fabuloso e convertir case de partida a Castrofalcoeiro nunha sucursal sobranceira na tenza das divisas, un dos tramos emerxentes con máis futuro no negocio bancario. ¡Contas en dólares! ¡En marcos ou francos suizos..! ¡Moitas contas en divisas..!
-
--Sí, pero Castrofalcoeiro queda alá, perto das estrelas! ¡Castrofalcoeiro! --fala o candidato con certo pasmo...--..Non me fai moita gracia, que son home que soporta mal os invernos....Cousas da reuma...¡En fín, qué se lle vai facer!..
-
--Todos temos cousas, naturalmente. Pero non hai reuma que non se poida neutralizar cunha boa calefacción. E a oficina vai estar doutada de todo-los adiantos e confort posibles...En fín, considéreo como inversión a corto prazo...
-
--¡Se soupera que era cousa de pouco tempo, se tivera esa seguridade..!.Porque Castrofalcoeiro vai demandar, estou seguro, sacrificios certos. Visitas a aldeas, corredoiras enlamadas, marketing bancario con lobo; porque sei que por aló campa e que o seu ular, levado ou traído polo vento, ven ser algo máis que música ambiental...
-
--¡Non faga caso..! Os lobos son como cans si é que non se lles provoca...E sería pouco tempo, ten a miña palabra....Serían dous, se acaso tres anos, inversión a corto como lle dixen. E co entreno que vai representar pra vostede, estou seguro, o tema das divisas, ¡quén sabe se non haberá que pensar en que vai sentar cátedra e convertirse nun home necesario prós servicios da Dirección Central, pois faltan técnicos con formación profunda..Os anos que bote en Castrofalcoeiro poden ser anos de formación intensa...Por favor, non desanime...Ademáis que existe un incentivo especial: a estación de inverno de Castronevado, a vinte escasos kilómetros. ¡Qué máis quixeran os altos executivos que téla tan a tiro de pedra..! ¡Téñao presente porque eso pode ser decisivo na súa vida profesional.!

O diálogo delongaríase aínda algún tempo, con novas consideracións sobre das posibilidades inmediatas da oficina inda non inaugurada e reiteración do tema da estación de esquí por parte do representante do Departamento de Recursos Humáns..Pero o acordo xa estaba tomado por ambas partes e Debesa asinou o compromiso. A partires da inauguración da sucursal sería o home forte da empresa en Castrofalcoeiro e arredores. A súa idea dun desterro temporal --dous, tres anos, pensaba el-- facíanlle concebi-la esperanza de que a súa carreira sería posible. Mais...

III

Escomezaron a pasa-los anos: tres, catro, cinco....vinte, vinteún. E o noso home atópase hoxe na pre-xubilación, afeito á vida que alí descobrira. E non quere marchar de Castrofalcoeiro --da aldea onde se asentou-- despois de ter penetrado con vagar de naturista as súas fragas ou de beber nas súas fontes; de reparar nas pedras vellas testemuñas doutros tempos, dunha maior presencia humáa catapultada dende o autoodio cara outros países e continentes --¡Cántas traiciós non habería que denunciar como causa primeira daquel absentismo..! ¿Por qué a Igrexa non terá asumido aquí un papel de maior compromiso, de maior incardinación na sociedade? ¿Pra cando a nova Pentecostés?--. E Debesa leva anos traballando en tentar, en soñar que pode rehumaniza-la paisaxe, en ver de acadar que ó concerto que en cada recanto interpreta a natureza se poida suma-la voz coral do home. Mais.....¡cánto silencio!

Primeiro conoceu a unha moza que se mantiña enteira na fronteira dunha subsistencia sabiamente administrada. A casona familiar seguía en pé como tamén os cultivos imprescindibles. E da súa man o home escomezaría a deci-los nomes daquel universo vexetal: acebo, sobreira, teixo, nogueira, carballo, bídalo, castiñeiro, érbedo....E a facer proiectos en común ó tempo que ía aprendendo o pra el novo catón.
-
E a parella casouse. Un acerto de ámbo-los dous. Debesa tivo presentes as ideas de raza e cultura. Optimista de seu semellaba pertencere a esa estirpe de homes dispostos a retoma-la natureza, a enche-lo baleiro deixado polos labregos que escolleran a diáspora emigratoria como camiño erróneo de salvación. E María, a muller, daríalle tres fillos: dous homes e unha muller que xa van medrados. O camiño andado pola parella, agora tamén o camiño dos fillos, parecía ter futuro. A casona fora restaurada e ampliada, a propiedade acrecida. O enxidro está especialmente coidado, con protagonismo de loureiros, buxos e píceas.

Total que Debesa non baixa de Castrofalcoeiro nen nas vacaciós, identificado como está coa vida rural ata o ponto de que nadie aduviña nel o home urbán de noutrora. I é conocido en toda bisbarra. Conocido e respetado polo seu maxisterio de salvación das especies tanto do universo forestal como do mundo animal. É a súa lección permanente a de que non tería sido necesario emigrar a pouco que se axuntaran as forzas de todos, de se faceren solidarios. A economía parroquial sería puxante a pouco que se aproveitara o potencial gandeiro da parroquia, tanto en armentío, vacas e bestas, como en avenza, ovellas e cabras. Ou a construcción de granxas de diverso tipo. E todo eso complementado co potencial forestal existente, asunto éste no que o home se declaraba conservacionista convencido. É decir, sí ás especies autóctonas pero coidado, moito coidado, coas chegadas de fora. Non ó eucalipto, polo seu protagonismo como axente incendiario e impulsor da emigración; sí á nogueira negra, ó piññeiro d´Oregón, e mái-lo carballo americán. E a parroquia tiña xa diversos boscos, uns como reserva xenética, outros como fonte contínua de ingresos.

A emigración dáse cita en Castrofalcoeiro tódo-los anos, no mes de setembro, durante a festa maior. Sabe que alí están as súas raices. E veñen moitos fardar con últimos modelos de coche e, de paso e se cadra, depositar un novo cheque na súa conta en dólares. Non poucos emigrantes, cando chegan pra daren unha volta, quedan asombrados ó veren a casona de Debesa, tan mellorada, e pergúntanse o por qué do seu exilio pra se convertir en novos ricos, se aquí tamén había riqueza. Son eses os que máis falan co apoderado do Bandegal, interésanse pola recuperación da bisbarra. E o home cóntalles o seu catecismo e, se acaso, aproveita pra desacougalos con música de Fuxan os Ventos, que vai dando unha maior fondura á conversa:

"¿Qué che hei decir eu muller/ se tí és como a terra nosa/ i a terra coma tí é.....?.. (I o vento decía: pronto hei de volver/ pra tira-la fame/ pra poder comer.).¡ Ai, muller, cántas notiñas te deitaches coa tristura...!.... I hoxe que veño vencido/ pra que eu venza te deitas!...(I o vento decía: pronto hei de volver...).¡Poden en Madrid falar con palabras ben fermosas/ que nunca, ¡nunca!, nos han quitar/ a nosa fame doutrora....

A cantiga cala na conciencia dalgún que outro visitante. Cando tal acontece, cando Debesa comprende que o autoodio non arrasou coas lembranzas primeiras, fundamentalmente coa língua, ten preparada unha cinta con esa e outras pezas do grupo. Pero a festa, o boureo de tres ou catro días de trouleada, remite. E as máis das xentes marchan de novo. O apoderado sigue cumprindo os ouxetivos de acrecer pasivo máis alá do listón proposto. Na empresa non saben do seu proselitismo, do evanxelio que o home explica ás visitas máis alá do organigrama empresarial. É mellor que non o saiban..... "¡Ai, muller, cántas noitiñas.....!

Debesa e a súa familia volverán quedar aparentemente aillados, pero constatan un certo progreso, un maior asombro por parte dos emigrantes que valoran os logros que eles e as cooperativas van acadando de forma cada vez máis evidente. Algún emigrante sí retornou e mostra interese pola gandería mostrenca, pola súa ordeación e potencial económico. Pero son os menos e Debesa agarda que o maxisterio, a súa lección de traballa-la terra mellorando os sistemas de cultivo e coidando de cada explotación forestal terán que pular do retorno de familias enteiras. É difícil, sabe, pero ten fé. Agora lle están a dar voltas, de novo, ó tema do liño --outra riqueza esquecida-- que ven posible recuperar e industrializar. O home dí que a nosa terra precisa do apostolado dos enxeñeiros agrónomos e de montes, e nesa dirección van os fillos, ecoloxistas convencidos como o pai e un deles no último ano da carreira.


IV

O grado de identificación do apoderado co medio chegaría a ser paradigmático, mesmo causa de rumores por parte da xente. I é que o home fala coas cousas e así un carballo cerquiño pode ser un compañeiro de conversa. Mesmo poden decir que está algo trastornado. Pero o home entende as voces, a resposta do mundo vexetal, o que a cerqueira lle dí a el. I é que aprendeu a ve-las árbores como parentes cos que se produce un reencontro agardado e o seu respeto coelas é semellante ó dos indios que na Amazonia loitan por salva-lo pulmón do mundo. El mesmo parece un druida nun bosco primario, como se polas súas veas correra a savia do carballo... Pero tamén lle valen as outras cousas da natureza pra conectar con elas. E así un penedo ou unha sebe, a auga que lle da vida ó gran muíño que a muller e os fillos manteñen vivo, a pontella testigo do seu camiñar de cada día, onde moitas veces pousa e demora, todas esas cousas forman parte do seu marco vital. Séntase por momentos e escoita con relixiosa atención a polifonía acrisolada, a armonía traballada polas distintas voces das augas novas e as múltiples da paxarada que aniña ou vaga nos amieiros... Sí, parece certa a ledicia pola aparición do home, como se fose a súa unha presencia longamente agardada...

Sábese tamén que as criaturas do mundo animal son algo especial na vida de Debesa. Non é que o home o diga, pero non nega que conoce a claustra das lontras nen que sabe dos seus baños lúdicos en certo regato da montaña, un pequeno paraíso.. Tampouco quer falare da súa amistade co raposo e mai-lo lobo. As xentes aseguran télo visto acompañado por un ou polo outro cando marcha polas corredoiras ou fai a travesía do monte cara outras aldeas. Porque Debesa non descoida a producción e aqueles seres, os seus amigos profundos, acompáñano nos seus desprazamentos pola bisbarra se ben, discretamente, procuran non entraren con el nos casares ou na aldea de turno. No lugar convido agardan a que a súa xestión teña rematado pra despóis seguiren co-el cara outros lugares.

Hai constancia desa relación cos seus novos amigos; que é certo que os lobos o respetan. O confirman algúns testigos que o teñen visto --de lonxe, dín-- montado nunha besta e, como se dun novo San Francisco se tratara, unhas veces que un raposo, outras que o lobo lle abren camiño. Ainda dín máis i é que a relación non se limita a Debesa; que tamén os seus fillos teñen autoridade sobre dos seus amigos silvestres e que colaboran co pai na educación que o home tenta acadar fundamentalmente dos lobos, de finos ventos... Con dominio real e paciencia sempre anovada contan deles que están a procurar non se lle esquezan certos arrecendos xa aprendidos como, por exemplo, o da mecha portuguesa ou o dos chamados "sputniks", tan presentes nos nosos montes...Os lobos, na súa patrulla cotiá por aquelas fragas e soutos, poderían así descobriren e cercar a algún que outro francotirador queimaboscos descolgado do grupo.

V

--Son efectivos. O que non me explico é qué faría un pasaporte alemán nunha mochila ateigada de artefactos incendiarios que conseguiron uliscar.--fala Debesa--.
-
--¿Un alemán? ¿E non o colléstedes? -pergunta Longoria.
-
--Non. Pero maxino que aínda estará a correr, co oubear dos lobos enfriándolle a médula. Ése non volve. --Un certo sorriso debúxase na cara de Debesa.

A conversa producíase con motivo dunha visita que un grupo de amigos, vellos compañeiros de Vilavella, se decidira a lle facer a Debesa. Acodiran despóis de moitos anos sen saberen del, sen outro nexo que algunha que outra conversa telefónica. Tiñan tamén algunha que outra referencia fantástica da relación do home coa natureza e a curiosidade porque lles aclarase cousas estaba tamén na raiz daquela viaxe, máis alá do pretexto de Longoria de ve-lo comportamento do seu novo coche.. Estaban sentados en torno a unha gran mesa de pedra, nun extremo da eira. Presidían o encontro dúas botellas de Amandi, xamón e chourizos, pan centeo e queixo..

A visita incluira a sobida ó cumio do Castrofalcoeiro, onde aínda permanecían os restos dunha triple coroa defensiva e de innumerables casas castrexas. O monte asentábase sobre amplias caeiras e vagoadas. O fume sobía dende os cavorcos, cercados á súa vez por outros montes. En dirección leste aduviñábanse as estribacións do Castronevado, pero os executivos terían que agardar pola neve, decía Debesa. A vista era maxestuosa. Comprendíase que o home lle tivera tomado querencia a todo aquelo.

--Hai tempo que se fala do teu ascenso --dixo Regueiro, outro dos visitantes, enterado por unha amistade que tiña na inspección, e sabedor tamén dos reparos existentes....

Porque Debesa semella algo consustancial con Castrofalcoeiro e mai-la súa bisbarra e non acode a nengunha convención nen xuntanzas de zona. Unhas veces que si a neve; outras que se non dispón de vehículo ou que non lle quere pedir tanto ó cabalo...Sempre ten disculpas, pero o seu labor é indiscutible... ¿Pra que ir ás xuntanzas..? ¿Pra oi-lo tema dos novos obxetivos..?.¡Tonterías..!.E ten razón..Toda-las inspecciós que lle fixeran remataron con informes favorables. Pero Debesa --que por outra banda non cree nas cidades como lugares de encontro-- non tiña sustituto ata hai pouco en que, decían, aparecera un candidato, outro home disposto a dá-lo salto e probar fortuna... A resposta á pergunta douna o propio Debesa:

--Sí, hai tempo que se dí. Máis de quince anos. Mais, ¿ónde podería ir agora?. ¿"Ascender" aínda máis?...Tal vez se abren oficina de representación no Himalaya ou no Chimborazo, que sei que aínda está máis afundido no ceo.. Ó mellor é que a terra non ten forma de laranxa nen de mazá, senon de pera, e pode que o Chimborazo quede no rabo. Porque noutro tipo de ascenso estou seguro non han pensar... I eso contando con que o galego siga emigrando, que eso se acaba..Pero os nosos executivos parece que aínda non se decataron..Mais, a forza de sincero, teño de vos decir que non vai haber traslado, porque de aquí non me movo...Se é preciso xubílome, que eu xa completei a miña andaina laboral. O meu sitio, agora, está aquí...Aquí casei, daquí son os meus fillos...Ésta é a miña nova patria.

Longoria, ocurrente, espétalle:

--Se aquí te entendes co lobo....--corta a fala ó reparar na mirada de Debesa-- ¡Perdoa, eso dín! E tí fas boas ausencias deles polo que acabas de contar... En fín, no Himalaya habíaste entender co home das neves, co lexendario "yeti" en persoa...Non sería mala cousa pra tí ir doutado dun bó equipo fotográfico..¡Unha foto do "yeti"! ¡Vaia fortunón! Estou seguro había representar pra tí máis diñeiro que o que pasou todos estes anos pola sucursal... E, perdoa, coido que nunca foches aficionado á fotografía, pero aquí terías ocasión de preparar exposiciós acaso increíbles. Con teleobxetivo, naturalmente..--Longoria respeta os silencios do amigo---Tes material abondo: as lontras, os lobos, os raposos, os falcós e o marco incomparable deste entorno vexetal cambiante en cada estación...Coido que és pouco práctico, Debesa, e que non lle sacas partido á túa situación, que é máis sólida do que parece...Pero a idea do "yeti"...

Debesa contesta convencido:

--Podedes estar seguros que se estou acomodado aquí é porque son realmente práctico. E estou a procurar que os meus fillos tampouco sintan a tentación da cidade, que entendan que a felicidade pode estar aquí, lonxe de calquer tipo de alienación consumista... Eso é cousa de borregos. O home ten que retornar á natureza ou ésta tomará venganza. As viúdas de vivos completaron o seu ciclo e hai que colle-lo seu relevo na conservación do país... E, como decía, os meus fillos xa teñen sabida a lección...En canto ó das fotos, dispoño dun bó equipo, e teño fotografías dabondo, pero eso deixarémolo pra outro día. Non lle quero dar publicidade porque pareceríame unha traición a esas criaturas. Teño fotos incluso do Castronevado, da estación de inverno, se entende. E algunhas con teleobxetivo, como recomenda Longoria: situaciós diversas do slalon dos executivos e máis dos trepas que andan onda eles como se foran sanbernardos ou huskies. ¿E por qué non vos achegades alí un día?. É curioso que algús homes --como Varanito, off the record-- perdan o sentido do ridículo. Pero esa é outra cantiga...E tornando ó tema do "yeti", situado no Himalaya e caso de que o houbera, podedes estar seguros que tería de dar co-el e que nos habíamos entender, como me entendín aquí....--Debesa cala. Comprende que falou de máis.
-
--¿Entenderte con quén, Debesa? -- pergunta Regueiro -- ¿Co lobo?
-
-- Non necesariamente, pero sí co entorno, coa paxarada toda destos montes...¿Non oídes como cantan incluso agora? ¡Non vos digo na primavera!

Efectivamente, todos estaban maravillados daquela riqueza, porque era un verdadeiro bálsamo oí-los trinos e asubíos dos paxaros que aínda se movían naquela caída da tarde na fraga que extremaba coa eira de Debesa....Os troncos das árbores parecían columnas góticas dun templo construído pola propia natureza...¿Cántos centos de anos terían aqueles carballos?..Tal vez máis que a fachada do Obradoiro... E os tolos andaban a estragar estos templos primarios conformados polo contraxogo de tantísimas primaveras e outonos..

--E pensar que logo han desaparece-las últimas cerqueiras e sobreiras da nosa terra, se o movemento cidadán non o remedia.. Hai que obrigar ós responsables da policía medioambiental a se mollar e abandona-la súa permisividade suicida.-- intervén de novo Debesa....

Amandio, home preocupado polas cousas do poder, do poder como servicio, pergunta á súa vez:

--E ben, Debesa.. Vou interrogar en condicional.. ¿De qué poder estarías máis orgulloso?.. ¿Do que che autoriza a poñe-la túa firma solidaria nos documentos do Bandegal ou de poder goberna-lo camiño do lobo --é un supoñer, xa digo-- chamalo pra que che coma na man; poder ordearlle ós raposos que non che desfagan o galiñeiro.? ¿ Ou que as lontras, sempre fuxidías, permanezan na túa presencia como amigas ledas?..... Pra mín que ese sería o poder supremo, o que lle debeu ser outorgado ó home dende o inicio dos tempos, na Creación.. Poder sobre da natureza e sobre do mundo animal..... ¿Cómo poderías asimilar ese poder ó poder dos políticos e administradores? Na actuación deles diríase que anda, moitas veces, o demo levándoos da man.
-
--Boa pergunta --contesta Debesa--. Este, correctamente administrado, sería o poder primixenio do que o home se valeu antes de comer do froito do ben e do mal, o poder como servicio. O froito do mal ven sendo o mesmo poder, pero satanizado, asumido egoistamente, usado incluso como arma de inxusticia.... A bondade do poder radica no seu exercicio por delegación, ó servicio dos demáis e dende a honradez e o conocemento, que é o que realmente lle da sentido. Non saber implicaría dimitir... A deriva do seu uso cara outras fíns así como a inhibición sen renuncia dos administradores traen como consecuencia moitos males prá sociedade que depositou neles a súa confianza. En temas de tipo puntual como o da droga culpan os políticos á propia sociedade cando son realmente eles os únicos culpables ó se inhibiren e non promover leis intelixentes. Diríase que tentan ampara-lo dominio de certos lobbies alentando a degradación e división social existentes. Habería que lle chamar poder satanizado, porque así é como hai que adxetivalo cando o seu exercicio convírtese en nepotismo, en dictadura, tiranía ou prevaricación. O poder ó servicio do Maligno...--O home deixou pousar as palabras antes de proseguir. ....

--E vou máis lonxe...--prosigue--Coido que incluso o cargo de xuez debería ser investido por medio de sufraxio universal...A soberanía pertence á sociedade que se atopa impotente ante cada caso de escándalo ou corrupción sobreseído ou arquivado... ¿Por qué a sociedade non pode té-la oportunidade de lle retira-la confianza a esos administradores cando caen no esquecemento de que son simples delegados e, en vez de dimitir, ousan seguir facendo a ficción de que o poder emana da súa conciencia, ou da súa médula, que xa non sei? A sociedade ten que se rearmar moralmente i evitar que sigan xogando coela, filtrando o seu voto, o voto da libertade leigada por Deus, por medio de listas pechadas e mai-la famosa lei de d'Hont.. Aí está Satán --nalgunha parte, pero está, presíntese a súa presencia-- pra troca-lo sentido dos votos..E mentres non se cambien as cousas, as eleccciós van seguir sendo algo perfectamente inútil e falto de transparencia, aínda que os parvos poidan creer que esto é unha democracia.. --Debesa interrumpe o seu discurso un momento e molla a gorxa con Amandi. E sigue de novo:
-
--En fín, que os que voten seguirán votando ás mesmas xentes, ás mesmas forzas. Esto, o exclusivismo político embridado dende os clubs de influencia, os síntomas de corrupción crecente, suxiren a pergunta de si aquí non se estará a conformar outra especie de PRI. A figura do político tránsfuga --que é votado por un partido e que no medio da lexislatura pásase a outro-- faise meridiana si se comprende que en nengún momento abandonou o club onde conflúen os seus intereses cos de outros tránsfugas.. O club, ése é o partido único. É máis, o cambio de grupo pódese corresponder cunha orde colexiada impartida dende o secretismo do club... Hai que lava-la cara, mellora-la imaxe, trocar de aires, pular noutro lugar, aumenta-la cuota de poder que o club está a afirmar día a día..."O meu nome é Lexión, porque somos moitos" podería se-la resposta do Poder a quen lle perguntara pola súa identidade, como o poseso do Evanxelio. --A explicación de Debesa era longa, pero entendíase o que quería decir.
-
--Efectivamente --tercia Regueiro--. Se a un político lle vai mal na súa cofradía, porque se está a deseñar pra el outro protagonismo, non vos preocupedes que o seu club hálle facilitar nova chaqueta pra que siga sendo home clave noutras formaciós políticas e volva ser triunfador en vindeiros comicios. Si é preciso de cabeza de lista... E se a cousa resulta moi descarada, sobran "carguiños" técnicos.. Por eso habería que cambia-lo sistema polo de eleccións directas ás persoas que se comprometeran coas súas promesas... É máis, diría que é necesario cambia-lo sistema de administración da xusticia e que resulta urxente democratizala, facela viva e que os xueces sexan escollidos directamente polo pobo e por un tempo determinado --catro ou seis anos--.. Moralmente están necesitados de sentir tra-la súa xestión o alento dunha sociedade que os apoie --o que agora non está a acontecer-- e que valore e potencie a súa vontade de poseé-la verdade, de investigar pra faceren xusticia liberadora.. Porque existe a idea xeneralizada de que arquivan moitas cousas e non por eso deixa de cheirar mal, a lei do embudo...Por eso lles viría ben a consulta electoral.. Consulta por medio de listas abertas...Veriades como con un poder xudicial independente, libremente atribuído ou retirado pola sociedade, as cousas habían cambiar neste país... Porque se non é así, ¿quén vai xusgar ós xueces que prevariquen?

--Estou vendo --dixo Debesa-- que o feito de estar no sector crítico dun partido político faiche ve-las cousas con claridade. Hai que ser crítico, ou ácrata... É decir, rachar coa disciplina se hai evidencias de que o poder non se asume como servicio, si está presente Satán.. Esa é a cuestión. Pero non, a disciplina ten que existir. Eu son partidario do principio de autoridade, do orde que leva en sí a ecoloxía. Non esquezas que, nestes momentos, polo sentido globalizante que a súa concepción da vida comporta, son máis temidos os ecoloxistas que os ácratas. E o seu trunfo está próximo, porque a lección de Chernobil non se pode repetir, aínda que algús políticos satanizados non se queiran decatar que, coa súa actitude de apoio a tanto disparate, están a deseña-la fín do mundo. O político profesional, esa mistura de "idealismo, pragmatismo e merda", que diría Tierno. Esa fauna non ten cabida na ecoloxía e a sociedade ten que se doutar dos recursos de defensa necesarios pra se desfacer dela... Pero sorpréndeme en tí esa fonda preocupación.. ¡Vaia mítin que nos botaches..! ¡Eu que coidaba que o teu eran os cogumelos!¡ Por certo que aquí tamén os hai de moi diversa caste..!.


--¡Home..!¡Unha cousa non se opón á outra..!Case tódo-los domingos e festivos de outono e inverno vou ó monte porque o da política é unha preocupación recente, mai-lo tema dos cogumelos é unha auténtica devoción, máxime dende que, da man de Tragasfalto, estou a descobri-lo "mountain-bike", que che conten estos...¡Xa me gostaría facer prospección por estos recantos e vagoadas...! Pero esto fica moi lonxe...

--Te-la oportunidade de te achegares un sábado. Podes incluso trae-la túa bici, se che praz. Dormes aquí coa familia, que aínda hai sitio, e aprovéita-la mañá do domingo..Sen contar coa posibilidade dalgunha ponte. Tí pénsao...
E avisa...Ou, por qué non, matina nunhas vacaciós de montaña...Turismo rural..O San Martiño, coa matanza, ten unha dimensión especial pois os porcos de aquí engordan con landras e castañas cocidas...Son porcos "ecolóxicos", como dí a miña muller, porque non proban a mantenza artificial. Teñen un sabor distinto, como vos teredes decatado...Por outra banda, o outono cobra a súa máxima intensidade e policromía.

A conversa estaba animada cando un sonido que viña da fraga raiota interrumpe a conversa: era o ular do lobo.. Debesa acepta a súa presencia e aclara:

--Son os meus amigos, os meus cans. Non o podo negar. Veñen dar unha volta, pero tranquilos, que non veñen se non os chamo.. O voso cheiro mantenos a distancia. Respétanvos porque me ven convosco..Como dixen, tranquilos...Pasa igual cando veñen os da inspección..Vimos ata aquí pra tomar uns tacos de xamón e queixo do país e un Viña Costeira ou un ribeira sacra, como agora...Por certo, ¿conociade-lo viño de Amandi? Alá en Vilavella non sei se haberá unha tasca que o teña. Eu mércollo a un ambulante que me fornece tamén de peixe, aínda que se teño vagar prefiro ir dar unha camiñata armado de cana, na compaña dos meus amigos...Se é vran, é refrescante bañarse no río.. E sempre regreso cun cesto de troitas..Fritas con unto, como mandan os cánones, tomo un par delas; pero os rapaces dan conta do lote...Foi unha pena que non avisárades con máis tempo...En fín, outro día será, se vos decidides volver...Ésto é fermoso...e xa non concibo a vida fora de aquí..Xa vedes que teño libros e música e unha terra que traballar, porque esa fraga da que non vedes nada máis que as primeiras árbores é miña...Son case trinta hectáreas, pero os propietarios anteriores quedaron na Arxentina. O caso típico da familia que se extingue, sen deixar renovos... Foi unha auténtica ganga... --Os amigos todos están calados, como temerosos.

Escóitase novamente o ular dos cans, que agardan a voce de Debesa...

--Vó-los vou persentar, se queredes...Hoxe debe estar aí a manada toda, de retirada prá pena dos frades, onde hai unha cova que lles da acobillo...Seguramente han botar de menos a miña visita porque hai varios días que non vou por alá..Van os fillos cando eu non-o fago porque é unha relación que non debemos interrumpir. Pode que tamén teñan algo de fame e que veñan buscar remedio, según lles teño ordeado...Pero non vos preocupedes que non pasa nada..
-

--Case o deixamos pra outro día --tercia Longoria--Non é que, na túa presencia, teñamos medo. Pero, polo menos por mín, prefiro deixalo pra outra vez. Se cadra, aínda enredamos...E son case catro horas de viaxe...Mais, descoida que hemos volver. Polo menos eu, que teño ademáis curiosidade por ve-lo circo de Castronevado. Xa telefonearei pra que me confirmes tamén se hai neve.

O medo de Longoria era evidente. O dos demáis tamén e conviñeron no mesmo...Despedíronse con fortes apertas..Xa na eira viron claramente, ó fondo da fraga, un grupo de lobos...Eran como media ducia...Era xa a hora do solpor, pero había luz abondo como pra apreciar perfectamente o seu perfil e color...Tratabase de exemplares recios que -- ó aprecia-lo movemento das xentes-- escomezaron a se mostraren alabarados, presos de certa arela, como pendentes de que Debesa lles dera orde de atacar ou, máis ben, pendentes de que a Debesa non lle acontecera nada...Con tal motivo, os amigos decidíronse a se meter no coche, sen máis demoras, mentre-los fillos de Debesa achegábanse ós lobos e chamaban por eles, cada un polo seu nome. Curioso, pero o medo puido máis....

O coche arranca á primeira -- o coche novo de Longoria, un Peugeot 405-- i escomezan a face-lo camiño de retorno. Terán de facer algunha parada, certamente, porque a distancia é longa. Xa contan con que a noite os vai arroupar en pouco máis dunha hora, e haberá que face-la viaxe con certo vagar..A carretera, unha estrada de montaña que baixa en curvas repetidas e cerradas por riba dos cavorcos deixa pouca alternativa pra disfrutar da paisaxe que alí, onde o home aínda non traicionara á natureza, ten unha dimensión case máxica...O colorido é máis rico que o da paleta dun pintor. Sería difícil levar ó lenzo os distintos tonos de vermello, os dourados, verdes e mourados estrados naquela paisaxe cada vez máis dilatada, na medida en que quedaban
atrás unha serie de estreitas portelas que, ensanchadas no declive da vagoada, daban
paso a un val largacío e ricaz.

Amandio fai mención á paisaxe de Maryland, onde é normal que as axencias estean pendentes da evolución do outono, das galas que se vai pondo a natureza, pra concitar alí a fotógrafos e turismo de todo o mundo porque naquel estado o home fixo unha auténtica arquitectura da paisaxe e non a arquitectura acultural que conleva o monocultivo forestal que están a impoñer en moitas das bisbarras do país. Diríase que queren acabar coa natureza --ademáis de coa vexetación climax-- polo tipo de industrialización que ese monocultivo conleva. Cáseque se podería falar, neste eido, de terrorismo forestal; de terrorismo ecolóxico multinacional, o mesmo que está acabando coa Amazonia valéndose das motoserras e do lume....É a desacralización da relación do home coa natureza, a expresión máis brutal do agnosticismo...

--...E pra eso queriamos autonomía...- concluía Amandio o seu discurso.


VI

O grupo deixou ó seu amigo con certa mágoa no corazón, pois coidaban era home merecente de máis do que se lle dou, máis preparado que moitos "tonton-macoutes" ou queridos de dirección ben situados, que estaban seguros habíano pasar mal en Castrofalcoeiro. Alí, onde a Deus gracias queda a alternativa do autoservicio ----------muxi-lo leite, pesca-las troitas, apaña-los nabos ou as patacas----, o autoservicio como relación vivencial coas cousas, ¿qué farían eses homes? Vivirían na vila, claro, e non na aldea como Debesa, afeito a tal extremo que se atopa con verdadeiro lecer no seu destino actual...E sobre de todo que captou o verdadeiro sentido do poder...Parecía un teólogo cando facía a súa explicación do poder como servicio ou da satanización --o froito do mal-- que implica o esquecemento de que o poder soio se explica como servicio ós demáis, que se ten por delegación e pra ser usado dende a verdade e mai-lo conocemento profundo das cousas, con total independencia. Cando se perde a independencia, ás veces, é porque antes perdeuse xa a conciencia.

A idea de renova-la visita está na mente de todos mentres o vehículo sigue avanzado manexado con seguridade por Longoria..El vai atento á estrada; os demáis procuran reter na súa retina aquela posta de sol sobre das fragas de caducifolias do parque natural que están a cruzar...O lobo, os lobos de Debesa son --quén sabe-- unha esperanza contra da imprantación do monocultivo forestal que os nemigos da terra están a impulsar. Desgraciadamente, farían falta moitísimos lobos...Os nemigos estaban a usar profusamente motoserras nuns casos..Era aí onde os lobos poderían levar a cabo un labor eficaz..Pero a presa por acabar coa arboreda autóctona evidénciase maiormente no incremento do número de incendios e os lobos terían que traballar moi a fondo, venta-lo incendio antes de se producir, aduviñar quenes, das persoas que se acheguen ós distintos montes, son os axentes do exterminio que andan a preparar unha nova serie de cacharelas, dispoñendo a gasolina ou as mechas...I eso contando con que o lume non chegara polo aire, como algús apontaban dende había tempo...

--"O lume estaba xa case dominado, pero máis adiante ían caíndo do ceo uns como globiños e, ós poucos, o fogo escomezaba de novo con forza", -- comentáranlle a Amandio había xa cousa de quince anos, con motivo dunha enquisa por el feita --.

Despóis do lume, é sabido, os eucaliptus multiplícanse con verdadeira farnesía, libres de todo coidado....¿E non habería aquí unha relación causa-efecto?..O axente incendiario e o que se benefia do máis baixo precio da madeira queimada, ¿comporían acaso unha mesma fronte de intereses?..Novamente xurdía aquí a idea do terrorismo ecolóxico multinacional, porque a temporada --aínda non rematada-- contabilizaba naquel outono seco máis de oito mil incendios..

Amandio seguiría matinando sobre deste asunto no que, por momentos, parecía intui-lo nome das altas instancias incendiarias, porque o lume, eso era evidente, era provocado na inmensa maioría dos casos..O seu pensamento tornaba a Debesa, ó oasis forestal onde moraba o seu amigo e a terra conservaba case intactos os emblemas da súa identidade, máis fortes aínda, máis definitorios se cabe que a propia língua. O home tiña xa acordado tornar a Castrofalcoeiro en data próxima --por Nadal, tal vez-- porque Debesa lle brindara, nun aparte daquela visita de amigos, a posibilidade de se sortire de castiñeiros, carballos ou nogueiras, de árbores novas de tres e catro anos dos viveiros que alí tiñan as cooperativas.. Aínda lembraba a súa afirmación: "--Repoboar coestas especies é outra forma de facer resistencia, de manter en pé o templo do nacionalismo."

-"(I o vento decía/pronto hei de volver/pra tira-la fame/pra poder comer)...¡Ai, muller, cántas noitiñas...! Poden en Madrid falar/ con palabras ben fermosas/ que nunca, ¡nunca!, nos han quitar/a nosa fame doutrora....

(Mentres os amigos facían o retorno, a música de Fuxan os Ventos, oíase no coche de Longoria.)

Xesús López Fernández. Pontevedra.
DNI.35.125.237.
2/2/89.

No hay comentarios: