domingo, 21 de marzo de 2010

O PROGRESO EN DELIBES

Esteban, en La Razón. Outra lembranza de Delibes. ¡Qué nidios nos deixa!
Montoro, en La Razón, conmemora así a marcha do Delibes cazador i ecoloxista, xa ausente, pero que vai seguir sendo lección permanente.
Miguel Delibes, agora un luxo de lectura, de lecciós a aprender e memorizar. Delibes foi un franco defensor da vida. Desgraciadamente o poder vai seguir cos seus plans de arraso do planeta. En Galicia tamén.-

Pontevedra, 21.03.2010
-
Entrada n. 1204 do blog
-
Artículo semanal.
-
O progreso en Delibes,
por Xesús López Fernández


A palabra progreso está case sempre nos discursos políticos, o que non significa unha defensa certa da Lei, da súa aplicación e da reposición da legalidade. Ten que se-la propia sociedade, pra desautorización da perorata política e ante as luces e sombras que se dan, a que denuncie, en exercicio da acción pública, as presuntas infracciós ante a Xusticia, á que lle costa traballo moverse, pronunciarse, como se o Estado de Dereito, do que tamén falan os políticos, estivese precisado dunha cura de urxencia. Miguel Delibes, que hai quince días que se marchou, deixa coa súa obra un leigado a reconsiderar sobre o que é o progreso, diverso do das proclamas políticas. Julián Marías analizara, durante o acto de entrada de Delibes na Academia Española, os tres bloques temáticos da súa obra, o último deles volcado o home na problemática social, na súa preocupación pola xusticia e a libertade. A ese terceiro bloque pertence o seu discurso de entrada na Academia.

Miguel Delibes titulou ese discurso ou lección como “El sentido del progreso desde mi obra”, que despois editaría como libro co título de “El mundo en la agonía”. O seu discurso foi presentado daquela como un reto, porque si era fácil decir, “Un cazador na Academia”, “Do campo á Academia”, ”Un cazador que escribe”, quixo aproveita-lo camiño que algunhas crónicas parecían dictarlle, pra rubrica-la que viña sendo unha das súas preocupaciós primeiras, oposta a súa idea do progreso ó que se ven entendendo como progreso no mundo dos nosos días. ¿E por qué non aproveita-la ocasión da súa comparecencia ante tan alto auditorio pra uni-la súa voz á dos que denunciaban a desabrida agresión á Natureza que as chamadas sociedades civilizadas veñen cometendo cunha tecnoloxía despiadada ou inaxeitada? I explica que a súa oposición ó progreso moderno foise facendo decote máis radical.

Así denuncia en “Parábola de un náufrago”, onde o poder do diñeiro e a organización –quintaesencia do prograso, dos despiadados clústers— acaba por convertir en borrego a un home sensible mentres que a Natureza, degradada, cansa de servir de campo de experimentación, vólvese contra o home, rebélase en aberta hostilidade. O home aclara esa fábula cando acaba de ter un encontro con naturistas de todo o mundo, que insisten en que xa só nos queda unha posibilidade de salvación. Pasou tempo daquela, de cando se redactou o Manifesto de Roma, cunhas claras conclusiós: frea-lo desenvolvemento e organiza-la convivencia sobre bases diferentes ás que tiñan primado. Mellorou o discurso, sí, pero máis alá da teoría, o compromiso dos gobernos, sobre todo dos gobernos menores sigue sendo unha pura falacia. A obra de Delibes sigue tendo o valor de clamorosa profecía e o progreso do discurso político “perde aceite”, cáese decote das promesas rubricado pola inacción, por unha continua deixadeza de funciós dos gobernos; a Natureza parece o nemigo a batir.

No seu discurso, Delibes vai enumerando os incomenentes derivados do progreso: o efecto do seu culatazo, visible na vía trófica e no envenenamento da terra; a minimización do home, convertido en mero instrumento do inxente mecanismo que temos montado, non casando moitas veces a tecnoloxía cos principios humanistas e a vida dos sentimentos, convertidos en letra morta; a sede de dominio do planeta, de poseer armas que permitan resolver rapidamente os problemas aínda a costa da súa destrucción; a Natureza agredida, da que cada home usa e abusa como se fose o último habitante do planeta; a Natureza desvalixada, os disparates ecolóxicos con ela cometidos e o seu consecuente envilecemento; o mar que morre. O autor, que volvería sobre o tema ecolóxico cunha obra feita en mancomún co seu fillo Miguel Delibes de Castro, “La Tierra herida”, concluía o seu discurso de ingreso con que non lle vai un progreso que se quer acadar a costa do home, da inxusticia e derrota da Natureza; da súa Pasión e Morte. O libro ten o claro valor dunha profecía. Delibes tiña, ten razón.

No hay comentarios: