martes, 23 de marzo de 2010

SUSTENTABILIDADE E AXENDA 21 [2.06.2003]

Os nove ondas d´A Lanzada, símbolo da fertilidade, poderían ser como un icono da sustentabilidade, dun mar eternamente renovado. Dibuxo de Xesús López.
-
Pontevedra, 23.03.2006
-
Artículo recuperado do ano 2003, no que se alude a dous temas frecuentes neste blog: a sustentabilidade e a redacción da Axenda21Local, ambos temas caídos decote do discurso político, evidente perda de aceite das súas promesas, proclives á delincuencia.
-
Entrada n. 1206 do blog.
-
Sustentabilidade e Axenda 21, [2.06.2003]
Por Xesús López Fernández
-

O día 5 é o internacionalmente sinalado como Día do Medio Ambiente, unha pausa pra repensar cómo van as cousas: se a Terra se acaba ou se quedan miles de anos de esperanza. Certo que pra que esto último fose posible teríamos que cambiar todos profundamente, comprometérmonos seriamente co futuro que en moitos casos aparece como unha ameaza atafegante tinguida de prácticas de carácter antiecolóxico [a nivel individual, sociopolítico, industrial]. Son esas prácticas [a soberbia dos individuos e máis dos gobernos de creeren que a Natureza está á súa disposición] as que están a poñeren unha previsible data de caducidade ó planeta. E un lembra neste momento a frase do xefe indio americán de que “o home é fillo da Terra, non a Terra filla do home”, algo que hoxe, despois de moitos rodeos, parece que incluso as relixións monoteistas teñen claro, como analizou Gary Gardner o pasado 12.3.2003, na presentación do estudio do Worldwatch Institute “A situación do mundo 2003”. As relixións van ser irrelevantes se esquecen o medio ambiente. Certo.
-
E certo tamén que a relixión católica xa se ten pronunciado nunha encíclica; que xa non se pode seguir afirmando en clave fundamentalista que “os peixes son cousas”. Faise urxente a creación dunha conciencia [de moral ambientalista] rigorosa, prá salvación do medio ambiente, prá salvación do home e da Terra. E prás relixións salváranse a si mesmas se non se queren converter en algo residual. E Gary Gardner dixo que xa se comezan a ve-los ladrillos do futuro sostible: o crecemento dun 30 por cen na creación de enerxías renovables ou a multiplicación por 15 en Europa da producción alimentaria por medio da agricultura orgánica. Pero apenas se progresou nos problemas de longo recorrido [a deforestación e o cambio climático] onde seguimos a esmorecer. E quero sinalar aquí como ladrillos de futuro a ensinanza ós máis novos de prácticas conservacionistas: o coidado de hábitats, a reposiciòn de árbores autóctonas. E nese sentido debo destaca-lo feito de que en Caldas estean a celebra-la Semá do Medio Ambiente, clave pra respetalo os 365 días do ano.
.
En Caldas mantense viva unha gran carballeira que hai poucas datas apreciei como menos coidada que hai un ano, cando anotaba que aparentaba gozar de boa saúde: “Hai árbores perfectas, extraordinarias. Algunhas foron obxeto de tratamento. E hai calveiros nos que se mostran ausencias, lugares que deberon ser solar de vellos exemplares. ¿Qué tempo terán algús [daqueles] carballos?” Esto anotaba no meu caderno en abril do 2002. Tempo despois daríase a noticia de que ían clonar exemplares de certas carballeiras, unha delas a de Caldas. E os nenos daquel concello poden ter alí unha aula certa da Natureza, familiarizárense coa Ecoloxía, reaprende-la asignatura do desenvolvemento sustentable, lección sabida polos pobos primitivos que vivían fundamentalmente do bosco, no marco da economía de subsistencia: os boscos, as trepezas, eran fonte de enerxía, de mantenza, de material de construcción. O desenvolvemento sostible estaba xa inventado. Faltáballe “calidade de vida”, algo que agora non temos moi claro en qué consiste e que, neciamente, moitos seguen a buscaren nas cidades que xa non son marco de convivencia ou de práctica comercial posible.

Pero o gran peligro a repensar neste momento [do que nos avisan cada vez que se celebra un Cumio Medioambiental] é a rebordante concentración de xentes nas urbes, prevéndose que no ano 2.025 estarán concentrados máis de 5.500.000.000 de habitantes nas diversas cidades do ancho mundo, que morre porque a cobiza desas xentes, da industria, dos seus gobernos a non planificaren [o impacto brutal que eso representa], están a acabaren coa Terra-Nai. Coa idea desa futura poboación redactouse a Carta de Aalborg de cidades sustentables. E son moitas as que a suscribiron xa, pero poucas as que, dacordo con ese compromiso [porque a Carta é un compromiso] teñan xa preparada unha Axenda 21 particular que contemple a recuperación de prácticas conservacionistas, o respeto a medios sensibles [as Rías Baixas son espacios sensibles], traballos de rexeneración do bosco autóctono [un auténtico reto prás comunidades de montes], a dotación de verdadeiros cinturóns verdes, a integración da biodiversidade nas propias urbes... En fin, moito que facer, que prometer e calendar, pero sobre todo aprender dos pobos primitivos en canto ó respeto da natureza. As relixións monoteístas están a faceren a súa reconversión á Ecoloxía, pero o seu maxisterio non chega a certos lobbies que limitan, acortan o noso futuro. E a Terra nótao.

No hay comentarios: