Pontevedra, 15.08.07
"Outravolta o lume forestal", un dos títulos do pasado ano que entra agora no rol do blog. Este ano, afortunadamente, houbo pouca actividade incendiaria porque, sobre todo, estivo vixiante o mellor dos bombeiros, a auga, que inda onte, 14.8, trouxo unha rega abondosa. Xa se sabe: Aí ven san Lourenzo co seu caldeiriño penzo, auga, nubes, que tampouco nos deixaron ve-las estrelas. Pero os montes están dispostos a arderen de novo, porque non se fixeron os traballos de rexeneración dos que tanto se ten falado.
Unha noticia de hai un par de días, no sentido de que na provincia de Ourense foron sementadas oliveiras, parece que nunha superficie dunhas dez hectáreas e cunha promesa de obter unha producción de 40000 litros aceito virxe de oliva no prazo de tres anos, pode ser exemplar, pero resulta cativa cando deberon quedar, sen rexenerar nen rozar, montes por un total dunhas 80 ou 90 mil hectáreas.
Hai espacios que son un auténtico escándalo, Nun horizonte de eucaliptales (non quero decir eucaliptais, plural bastardo por diferencialista) secos, co chan do monte mineralizado e sen capacidade xa de producciòn, aprécianse en zonas que eran de monte raso, como se fosen fentos, os milleiros de eucaliptus fillos dos protagonistas incendiarios. Cando arde un eucaliptu estímase que, antre os renovos e os que nazan das sementes que saen despedidas polo vento, poden aparecer 200 novos exemplares: a peste incendiaria como ben sabemos. Sigue o traballo aparecido o pasado ano no Diario de Pontevedra e no Xornal.com
Outravolta o lume forestal, [25.06.06],
por Xesús López Fernández
Levamos meses con noticias de incendios provocados. En Boiro, Ribeira, Meaño, en Ourense, o lume devorador volve como outros anos. Un tiña certa confianza en que, despois dun ano do cambio, estiveran xa concretadas medidas certas no eido da política forestal; que Medio Ambiente ou Medio Rural tivesen máis adiantádo-los seus deberes, nos que deberán asumir un protagonismo de primeira línea as comunidades de montes, xa no control da masa forestal ou ben no cambio da mesma, porque aí poderían esta-las claves de moitas cousas i, en definitiva, da involución da nosa sociedade rural, quebrado o soporte da súa economía agrogandeira que, cada día que pasa, paréceo ter máis difícil. Que a Xunta teña promulgado un decreto que vai impedi-la presencia de masas boscosas a 25 metros das casas, incluso a 50 se se trata de pirofíticas (eucaliptos, chopos) parece unha solución corta, moi corta. Aínda gardo memoria dun gran incendio do pasado ano e podo afirmar que, situado a uns catro ou cinco kilómetros de distancia do mesmo, chegaban onda min como linguas de lume as follas que o vento forte traguía dende a gran cacharela.
A maior presencia dos eucaliptus é o resultado de anos de política forestadora irracional e hai escasos días tiven ocasión de leer que a superficie por eles ocupada aumentara un 450 por cen (¿en cántos anos?), realidade moitas veces denunciada que, sen embargo, foi agachada todo o posible, causa primeira de non poucos cambios socioeconómicos dos que se levan producido na nosa terra; tamén do seu desgarro medioambiental. No ano 1989, especialmente incendiario, escribín nun traballo de 22 folios cousas que hoxe podería reiterar: a referencia á forte involución demográfica da nosa terra e, logo de insistir na culpa dos políticos polo modelo forestador imposto, na hipoteca do país emanada do mesmo.
“¿E non estaría ese protagonismo da árbore australiana a condiciona-lo absentismo dos homes, a deshumanización da paisaxe, a morte das aldeas? ¿E por qué non...?” Ocupádo-lo seu ámbito sagrado, o marco da súa economía de subsistencia, “os homes emigraban. I ese absentismo, ese retirarse do marco xeográfico, podería ser tamén razón profunda do pasotismo crecente en sectores concretos da nosa sociedade...Non parecía desbotada a idea de [do protagonista da historia] que ó deixar de sé-la paisaxe a resultante do encontro do home coa natureza pra se converter en algo hostil –decretado polos violadores do mundo— a conducta social como un todo sofría. Por eso había unha falta de pulo real nas inciativas da cidadanía, en clara retirada, sen estar disposta a asumi-lo protagonismo que cada momento histórico demandaba...” No traballo tamén se facía unha aproximación ás diversas formas incendiarias e as súas consecuencias (22.000 renovos de cepa por hectárea de eucaliptus queimada), ou do esforzo de promover unha lei forestal de iniciativa popular, daquela respaldada por máis asinaturas das que puideran avalar a calquera dos partidos nacionalistas existentes. Nas hemerotecas, Xuño do 1989, consta a vergonzosa actuación do Parlamento galego daquela hora.
A un ano da gobernación da nova Xunta, agardamos un maior pragmatismo. O decreto que ordea afasta-las masas arbóreas paréceme tímido. Urxe a imprantación doutro modelo forestal: castiñeiros, carballos, nogueiras, cerdeiras de monte, piñeiros de Oregón, etc. E tanto se optamos polo modelo incendiario das prantas de xeneración eléctrica a partir da biomasa como se escollémo-lo austríaco da fabricación do compost, a vontade política dunha solución real parece aínda lonxá. En Austria, o 20 por cen da superficie rural é boscosa e son moitas as empresas dispostas a limpa-lo monte ou as zonas de prados (xardíns ou bordes das estradas) e pagan 10 euros no primeiro caso, no segundo cinco por metro cúbico. Prá fabricación de compost. Parecen máis intelixentes os austriacos e por eso a súa paisaxe é distinta. Non conciben o protagonismo que o lume ten antre nós.
No hay comentarios:
Publicar un comentario