-
Debo levar escritos sobre o lume no monte galego algo así como uns 50 ou 60 traballos, tal vez máis, que irán asomando neste blog ácrata. Hoxe atopei este, breve, sobre a conciencia incendiaria, coa que non entendo non teñan dado os investigadores. Cando parece que a ameaza volve estar nos nosos montes, cun incendio que arrasou 250 hectáreas en Pena Trevinca, inclúo este traballo do 1998. Temo ter perdido algús de tempo anterior, dos sesenta. En fín, qué se lle vai facer. O que está claro é que de nada serviron, nen pra crearen certa conciencia crítica.
-
A pesares das medidas anti-incendios parece que os queimadores andiveron ó seu aire, como quixeron, este verán. Houbo acusaciós de todo talante: pirómanos, gandeiros, madeireiros, trama organizada por uns ou por outros., etc. Mesmamente o conselleiro do Medio Ambiente cuantificou o número de posibles incendiarios en 12.000, porque se un 0,40 por cen dos galegos estaban dispostos a queima-lo monte según as súas palabras, eso se traduce no número indicado, concluía un cronista.
Eu coido que hai que falar dunha conciencia incendiaria encastañada en diversos estamentos, dun lobby preocupado porque o lume, na forma de política forestal importada de Australia ou na das incineradoras de residuos sólidos urbáns, permaneza. I esto parece algo disparatado, pero non o é “porque queimar papel usado que se pode reciclar é algo tan grave como queima-lo monte”.
Nesta parte da película, os comuneiros de montes están a constituiren unha mesa na que se poida discuti-lo tema dos incendios en toda a súa magnitude. Poderanse aportar ideas, teorizar méntre-la imaxinación o permita sobre das posibles vías e suxeitos incendiarios. E causas e concausas, porque o tema é amplio, pero nalgunha parte, posiblemente tocando poder por máis dun punto, pode aparece-la susodita conciencia incendiaria. Hai que ser duros.
Aquí quería chegar. E facerlle unha proposición ós comuneiros das asociaciós de montes. Que abran unha páxina na rede de Internet e que establezan un enderezo electrónico. Dese xeito poderían participar un gran número de galegos dispostos a aportar información sobre posibles intereses incendiarios, dispostos a participar no acoso e derribo da conciencia incendiaria que rampa sobre este país.
No hay comentarios:
Publicar un comentario