jueves, 18 de abril de 2013

ARDE O PAÍS, DE NOVO [6.08.2004]

 O lume en Cotobade, ano 2006, outro ano de terror incendiario. Lembremos que nesa ocasión gobernaba o bipartito PSOE-BNG, que algo máis puideron ter feito. Léanse as alusiós a Quintana no artículo hoxe recuperado, do  ano 2004, preñadas de sentido común. Pero suspendeu no 2006, un ano grande prá mafia incendiaria, tanto como o horroroso 1989, cando ardían os montes incluso no mes d´Outono e se atoparon daquela quince aparellos incendiarios nos montes de Carnota.
O pasado ano ardían as fragas do Eume, fundamentalmente na zona con gran presencia de eucaliptus, que os bombeiras de California denominan árbores "gasolina". E a Xunta, desta volta, tampouco parece té-las ideas claras sobre o cambio de forestación, sobre a recuperación da vexetación clymax: carballos, castiñeiros, nogueiras, freixos, etc. 

Pontevedra, 19.04.2013
Entrada n. 1650 do blog
Artículo do ano 2004, recuperado.


Arde o país, de novo, [6.08.2004]
Por Xesús López Fernández

            O que siga o día a día do calendario das festas galegas pode chegar á conclusión de que aquí non pasa nada aínda que Galicia estea a vivir un ano máis incendiario que os pasados, con Lugo e Ourense especialmente abrasadas, o que podería revelar que detrás pode haber un particular 11-M orquestado polas mafias queimadoras con intención diversa. ¿Promover urbanizaciós, modifica-la reforestación....? Porque á hora de explica-las causas incendiarias téñense dito moitas estupideces. E  sería necesario un debate aberto, apunta-las posibles orixes do lume de tolos que estamos a sofrir ó mesmo tempo que se celebra a Festa do Albariño e se nomean novos cabaleiros e damas, ou a Festa do Galo de Corral en Portas, a do Pemento en Arnoia, a da Peregrina en Pontevedra, ou se aproba a denominación de orixe do grelo, producto galego de calidade, cando aquí debera estar funcionando un gabinete de crisis, talvez terse producido algunha dimisión, porque o que é evidente é o vergonzoso fracaso  da política antiincendiaria da Xunta. Teñamos presente o que dí Adena cando afirma que en once anos só un “pirómano” sofreu penas de prisión e multa de 42.000€.  

             Ó que queira ter unha conciencia clara do drama que estamos a vivir recomendaríalle que consultase a abundante información da páxina web que se cita http://orgaccmm.org/xNOVAS/NOV-12-NOVAS.htm , unha especie de caleidoscopio no que  decote aparece o inventario da maioría dos incendios que se van producindo, recollido de distintos medios, coa nova de que comezaron a apareceren artefactos incendiarios (en Oímbra, Carballiño, i en Valdeorras), algo do que se ten dado noticia en anos pasados, como no  1989, en Carnota, aparecidos daquela uns quince aparatos. Pero os políticos queren te-lo seu discurso pró momento e a propia Cristina Narbona profireu unhas acusaciós que parecen gravísimas e sen base. Según ela os viticultores poderían ter arte e parte nos lumes de Ourense, pra así cambia-la vocación do monte, dito de forma soave.  Paréceme algo inadmisible e coido sería bo que a ministra botase man das hemerotecas e verificase datos en relación coa vaga incendiaria do ano 1989, cando en Galicia tiñamos un presidente socialista, González Laxe. É posible que daquela o lume tivese un culpable máis identificable, e tamén nestos momentos sería bo practicar unha especie de contabilidade da desfeita ecolóxica que estamos a padecer, porque ó final é seguro, seguro, aparecería algún beneficiario.

             Pero das nefastas políticas reforestadoras falan os partidos todos da oposición: PSOE, BNG. As acusaciós dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente son fortes e directas, a raíz das súas declaraciós de que o lume non ten que ver co abandono da poboación rural. ¡E claro que ten que ver, como ben lle lembrou Quintana en Allariz!. O home afirmou algo que está na conciencia de moitos de nós, sabedores de que co abandono das aldeas, co cambio de uso do monte, co cambio cultural e a perda de prácticas conservacionistas, ese espacio fíxose máis fráxil á apetencia dos malvados. Quintana lembrou a promesa de Fraga de hai quince anos, de que en seis meses acabaría co lume (o cal foi certo na época de Romay Beccaría, 1990, 1991, como conselleiro de Agricultura) pero van xa queimadas nese tempo máis de 400.000 hectáreas de monte galego. A solución, dixo Quintana e parece de sentido común, ten que vir a medio prazo, “coa reutilización da superficie agrogandeira e a repoboación humáa do medio rural”.  E tamén afirmou que Allariz é un claro exemplo de cómo se pode combati-lo lume por medio da recuperación das terras agrarias abandonadas. Pra Anxo Quintana o conselleiro debe  dimitir inmediatamente, pola súa clara incompetencia.

            O PSOE dagora  manifesta que os cidadáns queren  outra política forestal...I é oportuno cita-lo dito polo grupo alemán Euronatur, que afirma que cos criterios reforestadores ás veces seguidos non só se racharon equilibrios ecolóxicos (algo do que hai pouco tempo avisaba o profesor Antonio Rigueiro) senón que se incrementou enormemente a posibilidade de desencadear incendios. “A estratexia futura a nivel de Europa debera pasar, según afirma Claus-Peter Hutter, presidente da fundación, pola creación dunha política forestal europea con estratexias claras a longo prazo e por unha recuperación de boscos a través de especies propias dos ecosistemas. Están en  xogo perdas ecolóxicas moitas veces irrecuperables, con graves consecuencias económicas sobre as zonas afectadas. A Fundación pró Patrimonio Natural de Europa sabe que a reforestación con autóctonas correxiría a situación actual, na que a “eucaliptización” producida é causa principal incendiaria. ¿Pero cómo conseguir que o lobby incendiario deixe de impoñe-lo seu organigrama de lume ano tras ano? 

No hay comentarios: