Xa se produciron novos incendios. As medidas tomadas polo PSOE-BNG non parecen tan eficaces como as de Romay Beccaría no 1990. E co cambio climático, xa real, podería darse a circunstancia de que haxa lume incluso no outono, "no outono traicionado" ó que se refire o dibuxo do autor, en relación co acontecido no 1989.
Pontevedra, 9.04.2008Entrada n. 467 do blog
Outro traballo do 2001, sobre o lume forestal, sobre eucaliptización salvaxe, mesmo estratexias incendiarias prá ocupación da nosa terra polas empresas de pasta Kraft. Atención ó que se dí no traballo sobre a actuación de Flick. Pero as cousas non están a cambiaren de forma franca na nosa terra. A industria de enclave que permanece na ría de Pontevedra, contra a que falan Bloque e PSOE, sigue aí. A intención dos dous grupos non vai máis alá do seu simple e inmoral discurso, porque agora, dacabalo do novo PXOM de Pontevedra, están a traballaren o deseño final da morte da ría. Non falan en nengún momento da recuperación do capital natural, da Axenda21Local, porque parecen estar vendidos a intereses urbanísticos. Penso tratar no blog o acontecido no acto falaz organizado pola APDR no Principal de Pontevedra este pasado 7.04.2008, no que compareceu o "bruxo" Beiras, retornado pra unha actuación máis ben triste, á marxe "dalgún corto" do seu discurso, no que si dixo algunhas cousas.
O LUME FORESTAL, QUE VOLVE [29.02.2001]
por Xesús López Fernández
Xa escomezou a campaña incendiaria, polo menos xa se dou noticia dos primeiros lumes provocados. Confiemos en que aínda se poida neutralizar ós da tea, algo sempre posible. Polo menos o PP tivo, na época de Romay Beccaría como conselleiro de Agricultura, a solución radical. Lembremos aquela súa foto mostrando os paracaídas incendiarios, primavera do 1.990. Ríranse do señor conselleiro, sí, pero o certo é que, practicamente, non houbo un novo lume no resto do ano. Algo estaba a funcionar e a oligarquía incendiaria acollonouse daquela. Despois da campaña do 1989 (lembremos que houbo máis de 15.000 incendios, que os montes ardían incluso en outubro), os “pirómanos” estaban dispostos a coller carreira, a queimaren de novo con auténtica farnesía. Providencialmente, o señor Romay soupo atalla-lo que a xente entendía estaba planificado, programado pra unha maior presencia do eucalipto.
Aínda hai poucas datas un xornal reconocía que o inventario forestal do 1997 recollía un incremento de dez veces no número de eucaliptos de oito anos antes, é decir, 1989. A xente tiña razón. O lume fora clave na arrancada eucaliptizadora promovida dende certos grupos de presión naquel ano siniestro. Lembremos que a Xunta, entón, pouco máis fixera en contra dos incendios que a edición dun poster de gran tamaño no que aparecía un neno loiro, espido, camiñando polo chan abrasado dun pinal fumegante. O neno, fermoso, ilustraba o aviso institucional do goberno de González Laxe: “Non queimes o seu futuro”. Pero ese lume –local e globalizador-- non era unha cousa de “particulares”. Parecía evidente a existencia dunha trama transnacional incendiaria e aí está o resultado que nos toca a nós: a reforestación protagonizada polo eucalipto; a ruína da nosa paisaxe, a materia prima pra unha contaminación ambiental non sancionada, a perda de valor do noso monte.
Lembremos tamén que naquel ano de lume os ecoloxistas tentaran promove-la defensa do bosco autóctono, da vexetación “climax” --a única que garantizaba a permanencia no rural galego das explotaciós familiares--, por medio dunha lei de iniciativa popular. O texto, avalado por máis de trinta e catro mil asinaturas, sería finalmente rexeitado polo parlamento galego co voto en contra da CG e mái-lo PNG, os socios do PSOE naquela triste andaina. E convén lembrar agora un dato estarrecedor, algo recollido nun informe elaborado por un enxeñeiro da Xunta, anexo ó Inventario Forestal do ano 1986, no que se afirma que á maior presencia do eucalipto “contribúe, en primeiro lugar, o lume, facilitando o seu esparexemento e fomentando a formación de renovos por brotes de cepa”. Téñense contado ata 22.000 por hectárea de monte queimado, algo demasiado concluínte e obxetivo como pra pensar que aquel lume 1989 foi básicamente eucaliptizador.
Non perdámo-la memoria, porque o demo incendiario pode volver, presente nalgún recanto do sistema. Convén lembrar un informe de El Independiente (9.7.89), sen desperdicio. No titular referíase ó apoio do PSOE á imprantación de papeleiras transfronteirizas, así como á nova do holocausto das especies nobres, “carballos, castiñeiros, bídalos, amieiros, freixos, arces..” O xornal afirmaba a existencia, presentida tamén polos cidadáns, de “connivencia antre a Xunta, Goberno e CE”. Galicia como reserva eucalipteira e celulósica da Europa Comunitaria. O intento que, dende as instancias europeas estaban a faceren por acabar coa Galicia gandeira e mariñeira. “Eurogalicia Forestal”, o enxendro no que estaba metido o consorcio Flick, andaba á procura da complicidade política necesaria pra instalar nas Pontes a factoría que, por contaminante, terían de cerrar nas proximidades do lago Constanza. A oligarquía pode intervir novamente no proceso reforestador galego. Que non o faga pola vía incendiaria, en función dos novos enxendros. Os primeiros lumes poden ser un claro aviso. E Romay xa non está. Tornemos á vexetación “climax”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario