jueves, 17 de abril de 2008

SANEAMENTO E TURISMO DE EXCELENCIA [29.09.2001]

Fantasía sobre as "nove ondas" do mar da Lanzada. Dibuxo informático do autor, Xesús López.
O título orixinal deste dibuxo do autor é o de "acantilado", pero vale pra refrexa-lo que foi un ambiente mariño impoluto, como a ría de Pontevedra que moitos pontevedreses, cada vez menos, levamos na nosa memoria, e da que sentimos verdadeira saudade.

Pontevedra, 17.04.2008
Entrada n. 471 do blog.

Apresentamos un "novo" vello traballo do ano 2001. Hoxe sabemos que os pasos dados en relación co tema do saneamento non foron outra cousa que unha falacia. A depuradora d´Os Praceres, tal como se adiantaba no traballo, non tiña garantizado o seu uso continuo e decote prodúcense atoamentos, resulta atricáda-la súa función. O que queda do areal aparece, como consecuencia, convertido nun tremedal de merda. Os análisis mostran a presencia de "endrín", un insecticida organoclorado prohibido no ancho mundo dende os anos 80, como se Ence seguira usando cloro no branquexado da pasta. ¿É éso o que está a acontecere? ¿Cómo pode disculpar agora o Bloque a súa falta de discurso ecoloxista, a súa permanente mentira, lava-las súas mans? Antre outras cousas e coa lideira do seu "modelo de cidade" cargáronse o turismo de excelencia, do que se fai cita no traballo.

SANEAMENTO E TURISMO DE EXCELENCIA [29.09.2001],
por Xesús López Fernández

Últimos días do verán. Nunha atalaia da banda norte da ría, nun esculcadoiro privilexiado, especie de torre vixía dende a que se dexerga, de lonxe, a evolución dos balandros que participan nunha regata, estamos a falar. Don Juan Carlos estivera nos días anteriores en Sanxenxo. I estaba anunciada a súa próxima visita prás vindeiras datas, como así acontecería. (Visita breve porque a historia do mundo está a cambiar e o atentado das Twinny Towers, de Nova York, está a dictar novos guiós, presencias e non presencias). O meu interlocutor é un home que conoce a nosa ría e que sabe, ademáis, de moitos mares. E se fixou a súa residencia na banda norte non foi por casualidade, senón por permanecer lonxe do complexo de ENCE. O home sabe das actuaciós alí levadas a cabo e de que non hai plan de evacuación exterior.


Naquela tarde de absoluta calma, falamos do que representou Lourizán e do que pode representa-lo anunciado saneamento da ría, das distintas mensaxes que sobre o mesmo nos están a dar. Dende un certo fundamentalismo ecolóxico entendo que só pode haber saneamento coa recuperación do areal perdido, no senso apuntado nun traballo do pasado ano –Lourizán, bandeira azul--, escrito a raiz dunha visita feita á Coruña, envidioso da riqueza que alí teñen ó dispoñeren de tres praias urbás, algo aquí posible con vontade e outra política ambientalista, distinta da que nos están a vender. ¿Eliminación de vertidos ó Lérez ou reconversión dos mesmos nun fluxo único que, polo tubo emisario, iría ó fondo da ría? ¿Estannos a falar en serio cando nos propoñen como salvación a macrodepuradora d´Os Praceres?. ¿E non pode resultar letal en caso de avería? ¡Se xa estaba cuestionada antes da súa inauguración! O meu interlocutor daquela tarde tamén sabe dos avisos dados ó respecto.


¿Quén nos pode garantizar que esa depuradora non vai fallar nunca?. Nadie. Coido que os veciños d´Os Praceres acaban de poñe-lo dedo na ferida ó falaren de necesidade de reconduci-lo saneamento por medio de pequenas depuradoras, algo xa recomendado, cando os debates sobre o P.X.O.U. de Pontevedra --tan contestado--, por un urbanista experimentado que arestora podería aconsellar, tal vez, ó equipo de goberno. Porque nos tememos que a macrodepuradora –que envilece a convivencia cotiá-- poida ser un risco potencial como os depósitos de cloro de Elnosa, ademais de fonte de alcatreo. Xa ten habido problemas. As víctimas, os veciños d´Os Praceres, as primeiras cando comezaron a traballa-las industrias de vertedeiro no areal que nos foi roubado, a praia de tantas xeneraciós de pontevedreses. Hai que oí-las súas voces.


Funlle dando información “histórica” ó meu interlocutor. Ó longo da conversa visítanos unha gaivota que se instala próxima e confiada. Conto a historia doutra gaivota, fulminada ó voar sobre Lourizán, que foi recollida coa esperanza de que un fiscal xeral do Estado entrase de oficio no asunto. A gaivota dagora era testigo doutra realidade neste serán, que poderíamos ilustrar cun adagio de Albinoni, Grieg, ou Mendelssohn. Sorte distinta a da mesma, como escollida pra un póster do que queren promove-los alcaldes de Sanxenxo e O Grove, e Pedro Campos, o amigo de Don Juan Carlos. Pero coa contaminación de Lourizán, cos recheos que van seguir –parece que a distancia da illa de Tambo vaise reducir moitísimo-- aquí non será posible o arelado turismo de elite. Nesta historia hai cousas incompatibles. E mentres o conselleiro de Medio Ambiente nos di que o mercurio é xa historia pasada, Kiko da Silva -- La Voz de Galicia do 27.9— pondera a súa afirmación cun debuxo no que dous peixes están a facérense eco do dito polo home. Un deles –non é máis que un esquelete— repite a mensaxe; o outro –mutado, con tres ollos— di: “¡O que xa é historia é a ría!”. O meu interlocutor sabe que hoxe se pode detecta-la presencia do mercurio, un metal pesado, por medio de satélite artificial. O que está decantado no fondo da ría, pode arrasar pola vía trófica. Incompatible co turismo de excelencia.

No hay comentarios: