miércoles, 23 de abril de 2008

SITIADOS NA ZONA VELLA [9.03.2001]

Feira artesanal portuguesa na praza da Verdura, unha das formas de relanza-la economía da zona vella polos gurús da súa reconversión en espacio de miseria.
Nunha situación similar á recollida na fotografía, a ambulancia medicalizada do 061 non puido atender puntualmente a unha enferma. A demora daquela producida puido ser decisiva e causa da morte da señora, en Montecelo.

Pontevedra, 24.4.2008
Entrada n. 474 do blog

Este traballo, outro máis do 2001, recupera algo da traición á idea de Cobián de traballar por facer de Pontevedra unha cidade universitaria. Si ben é certo que algunhas xentes do seu partido, por exemplo Juan Luís Pedrosa, barallaron a idea de levaren a sede do Concello ó edificio de San Fernando, esa idea "maldita" é agora bandeira do Bloque, que xa ten previsto construi-la nova Facultade de Belas Artes na zona alta do espacio marismeño que veu funcionando como parque de madeiras de Tafisa. É decir, non hai vontade rexeneracionista.

Por outra banda, a praza da Verdura, desnaturalizada, aínda que non chegou prosperar como "praza roxa", sí foi reconvertida nun espacio degradado no que de vez en cando prosperan os decibelios e os malabares da bullanga, ou os rapaces do monopatín, que cos seus brincos van escachando, escachifando, o enlousado da pranta baixa da "Casa da Luz", da que o Bloque botou á policía local, e non soubo buscarlle un destino alternativo. A miseria do rastro dominical é o que alí campa cada sete días. Os residentes témolo cada vez máis difícil. A ver se algún día teño paciencia e recupero as fotos ás que se alude no traballo i, escaneadas, as logro meter neste blog. Ah, a fonte de Sesmeros, restaurada e ubicada en sitio impropio, xa comeza a deteriorarse.

SITIADOS NA ZONA VELLA [9.03.2001],
por Xesús López Fernández

Levantáda-las pedras da praza da Verdura, cortáda-las catalpas, levádo-los bancos pra sabe Deus ónde, derrubáda-las mamparas da agora chamada Casa da Luz, permanece a Rúa Cega choída por ámbo-los extremos --unha gran fochanca na confluencia con Manuel Quiroga, escombros cara a praza da antigua feira--- e parece non se van mellora-los servicios na medida esperada. A fonte de Sesmeros, convertida en depósito de material –terra, xabre, pedras, tubos--, sigue a deteriorarse, seguramente ata que haxa que orzamentar unha restauración millonaria. Agora, o lugar é inaccesible pra ambulancias e coches de bombeiros. E varios particulares con garaxe na zona foron privados de acceso, a consecuencia da desfeita orixinada e do parón conseguinte, porque parece paralizada a actuación comezada. A situación é de sitio permanece, aburados, agredidos, acosádo-los veciños.

A un reporteiro intentaron impedirlle o seu traballo cando se achegou ó lugar pra fotografia-lo derribo das mamparas. E quero aclarar aquí que eu sí dispoño de case catro carretes de fotografías, secuencias do paso-a-paso de todo o proceso. Por certo que os troncos das catalpas –excepto o tramo acaracochado da que caía cara ós Maristas— vense coa madeira limpa e compacta, do sámago ó cerne. Qué boa madeira pra marcos de ventá, exclamou o da motoserra, ó tempo que outros se miraban cun certo sorriso mollado. Fixen novas tomas da desfeita e depósito de material. A entrada da excavadora na Rúa Cega, como un tanque. As pegadas son visibles nas casas, micada a pedra en arcos e fachadas. Sitiados como estamos chegan os ruídos dos primeiros cambios de uso do espacio que limitaban as mamparas: os rapaces, con balón, entrenan a súa puntería contra a porta central –que non principal--. ¿Por qué non a agrandan como se fora unha portería reglamentaria?.

Quero lembrar a Cobián, a súa postura receptiva a raiz dunha carta leída na Opinión, de Radio Pontevedra, nos tempos de Hipólito Fraguas. Na carta propoñíase a ubicación da facultade de Belas Artes no edificio do Cuartel de San Fernando. A idea tivo inmediata acollida por parte dunha señora, habitual participante no programa, que dixo, Quérolle da-la noraboa ó autor ou autora desa carta porque ése é o sitio. Seguidamente entraría no programa outra ointe, suscribindo igualmente a proposición. De seguido, casualidade, solicitaba vez o propio Cobián, que viaxaba dende Caldas a Pontevedra. O alcalde dixo que lle gustaba a idea, que a facía súa e a ver qué daba o tema de sí. E hoxe Belas Artes está no vello cuartel, aínda que hai intentos –no propio PP-- de levala pró campus da Xunqueira. Coido sería un erro, porque aquel espacio ten unha clara vocación brañega, de humedal, i erraron as cabezas pensantes que construiron alí varias facultades, no canto de convertiren Pontevedra en cidade universitaria e de servicios, que parecía a idea de Cobián, un home dialogante que se marchou da política elegantemente.

Sei que o home tería conversado cos veciños en relación coa actuación urbanística denunciada por medio de case duascentas instancias individualizas, espontáneas, non filtradas a través de nengún comisariado político, que representan as manifestaciós –que puideron ser moitas máis— de persoas que, á hora de votar, poden ter en conta a desatención da que foi ouxeto a súa petición, que Mosquera demostra non ter leído. Por outra banda, o concellal Bará parece estar a pensar nunha praza sen arboreda, sen fonte, convertído-los arcos en escenario –teatro, rastro, salsa cubana....--; o resto do espacio en anfiteatro. Pero non, porque a súa caída é contraria a esa fin, salvo que se pense na balconada do edificio como lugar de actuación, como gran púlpito pra mítines. A praza como remedo dunha pequena Quintana, abandonada a idea da Gran Ferrería. Os veciños, sitiados. Claro que me lembro de Cobián.

No hay comentarios: