

-
Pontevedra, 31.01.2011
-
Entrada n. 1399 do blog
-
Artículo semanal
-
O Lérez que morre,
por Xesús López Fernández-
por Xesús López Fernández-
O Lérez volve ser noticia. Non porque se teña tomado algunha sabia decisión prá súa recuperación, máis alá dalgún falaz discurso; sí porque de cada volta están a lle negaren máis protagonismo, xa case convertido en canal sen fondura. Daquí a pouco non vai ser posible unha navegación mínima polas súas augas. Neste sentido denunciaba hai escasos días o presidente do Club Naval a colmatación do cauce, a perda de calado, de cómo os pantaláns están xa case sobre terra. A construcción da nova ponte d´As Correntes pode ter tamén unha certa culpa na perda de entidade do noso río, tan lonxe da descripción que del fai Prudencio Landín Tobío, en “De mi viejo carnet”. O Lérez, que nalgún tempo era unha referencia obrigada, un espacio pra lle mostrare ós visitantes ilustres que aquí viñan e dos que cita non poucos; pero fai un aparte coas xiras de Echegaray, no 1888, e a de Canalejas, no 1907, que deixaron unha lembranza inesquecible; que aquelas figuras evocaban esas xiras como relembro inmorrente. O que morre, cada día un pouco máis, é o Lérez.
Nun traballo aparecido no Faro de Vigo [29.01.2011], Susana Regueira fai historia da degradación do río, arrancando cunha cita de Sarmiento, que decía que a ría bañaba a muralla toda. Río sempre novo e sempre o mesmo, pero non así as súas fermosas xunqueiras, destroídas ou cando menos arrasadas en escaso medio século pola presencia de fábricas, zonas escolares e discutibles equipamentos públicos. Patrimonio sepultado que era, ademáis, o que marcaba o calado do río-ría. Pero non houbo sensibilidade ambientalista, como sigue sen habela aínda que se chegue falar dunha cativa recuperación do Lérez. Non. O río foi estreitado, convertidos incluso en solares algús espacios nos que xogaban as augas do río e da ría, porque na zona das xunqueiras, zona intermareal, tiña un maior protagonismo o mar, ata que, coa desecación desos espacios, foille vetado o traballo rexenerador: xunqueira d´Alba, xunqueiras do Lérez, das que queda como algo residual a Illa das Esculturas.
Di algo Susana Regueira que me gusta, i é cando comenta que se o río Lérez arrasase mañán coa zona das Corbaceiras, alguén botaría man do adxetivo “violento” pra se referire ó río, pero nadie apunta ós violentos que estreitaron o río e o contaminaron e que, desta volta, ameazan coa construcción de novos encoros pra redondearen o erro, o crime de lesa natureza aquí cometido, do que ilustran fotografías históricas. Nalgunhas delas aprécianse as xunqueiras en toda a súa amplitude, e algús desos espacios terían unha relativa recuperación si houbese vontade de asumi-lo ambientalismo Ramsar como disciplina, algo de libro. O mapa de Coello, ano 1856, mostra a ría bañando as vivendas das Moureiras e San Roque e só na marxe esquerda da ponte do Burgo aparecían peiraos que servían de embarcadeiros. As Moureiras tiveron importancia como porto [un dos máis famosos da antigüedade, o maior de Galicia, que inda conservaba dezasete peiraos] e a eso fai mención a Reina Gobernadora cando lle outorga a Pontevedra o título de cidade.
Pensar que o problema do calado se vai resolvere por medio do dragado parece dun optimismo doudo. Habería que repoñe-lo cauce natural do río pra que as xunqueiras compriran a súa misión rexeneradora de vida e da dinámica das mareas. Coa línea de construcciós sobre a propia ribeira, coa imprantación de industrias contaminantes, cos recheos excesivos, o Lérez ten alteradas un 30,50% das súas marxes e o 41% do curso está moi modificado; as agresivas actuaciós no porto de Marín alteraron o 22% da banda do mar. Algús estiman como posible a venganza do río-ría polo mal facer co que aquí se ten actuado. E a Administración vai lenta en executar sentencias, como sabemos. O día no que se decida a executalas terá, posiblemente, xogado a carta da rexeneración. Mentres non-o faga, o Lérez morre. .