miércoles, 2 de abril de 2008

OS CONTOS DE SCHEHEREZADE [26.05.2001]

Dibuxo informático de Xesús López. Catedral ou mezquita, a tenor do título do artículo recuperado. Das mil e unha noites. Fantasía informática de Xesús López.

Pontevedra, 2.04.2008

Entrada n. 464 do blog.

Debería estar máis centrado nas novas cotiáas, facer relato de cousas do acontecer social, urbanístico e político do país ou da cidade. Pero teño necesidade, unha certa urxencia de recupera-los traballos feitos tempo atrás, hai anos, dende unha rigorosa independencia. E sigo polo 2001. Certo tamén que case tóda-las crónicas teñen unha relación co acontecer caótico desta cidade, privada de gobernantes capaces, apoiados éstos na estulticia dalgún técnico parvaxolo que, prácticamente, desfixo a cidade, privouna do seu carisma. E así, o que aparece notariado no traballo hoxe inserido, ven sendo como unha crónica dende a distancia. A cidade é cada vez máis gueto porque os malos pasos denunciados son como unha especie de paradigma prós novos responsables [alí onde houbo pequenos cambios de protagonismo], incapaces dunha rexeneración certa. Por certo, a miseria ambiental sigue.

OS CONTOS DE SCHEHEREZADE [26.05.2001],
por Xesús López Fernández

O día 24 de maio disfrutamos en Pontevedra, no auditorio do Lérez, dun gran concerto da Orquesta Filharmónica de Silesia, cando estaba prevista a actuación doutro conxunto instrumental, a Orquesta de Moravia. Mantívose a programación da segunda parte, a obra Scheherezade, de Rimsky-Korsakov, compositor ruso do “grupo dos cinco” –xunto con Mussorgsky, Balakireff, Borodin e César Cui, éste en realidade o cronista do grupo--. Teño tres versiós da obra en CD, pero era ésta a primeira vez que disfrutaba en directo da recreación fantástica que o autor fai de varios contos das “Mil e unha noites”, dos que a leenda nos mostra como o leigado de Scheherezade, dos contos ensarillados pra manter viva á súa irmá Dunyazade, casada co Sultán coa condición de que non podían faltare os contos, relatos que servirían pra evita-lo sacrificio da desposada, pois era práctica ritual do Sultán dar morte ás súas prometidas despois da noite de vodas.

Os contos do concerto transcorren en catro tempos. O último remata cos temas do mar e da nao naufragada. A exuberancia instrumental vai recreando ora momentos de alegría e ardentío, ora instantes de gran pesadume. Nos derradeiros acordes a orquesta vaise apagando solermiñamente.. Aduvíñase a nao xa asolagada...Contos encadeados, un pensa no noso mar, neste mar que foi vida, nesta vila que foi mar, nas historias dos nosos mariñeiros e navegantes, na traxedia que tantas veces tingueu as casas mariñás. Penso que aquí faltou o autor comprometido que novelase de xeito cabal e crítico a evolución da nosa relación co oceano. Naos naufragadas, naos aquí botadas, mar xerador de riqueza...Santa María –creación do Gremio de Mareantes--, que miraba cara ó Atlántico, que a están a tapar máis e máis os políticos do desenvolvemento sostible, ese do que se volve falar, agora dende Europa e por medio de documento da OCDE que fixa como obxetivos básicos mante-la integridade dos ecosistemas e aillalos da presión ambiental da economía e da actividade industrial, mellora-la toma de decisiós, a calidade de vida, etc. É decir, dánno-la razón.

Pero temo que non, que seguimos coa serie de contos, se non das mil e unha noites, sí da xustificación das miserias. Contos dende uns foros, contracontos dende outros. Agora, por exemplo, é Bruselas a que denuncia a España por non compri-la normativa de augas interiores, o que podería traducirse nunha multa de sete millós de pesetas cotiás polo incumprimento, algo do que aquí sabiamos e que Ecoloxistas en Acción denuncia públicamente no sentido de que o tal incumprimento da directiva vai por riba do 20% estimado polo Goberno, como que tampouco se pode culpar do problema á pouca auga que levan os nosos ríos xa que a calidade non ten que ver co caudal, senon cos vertidos e a xestión. O grupo ecoloxista fala de inversión escasa e da necesidade dunha maior vontade pra resolvérmo-los problemas de calidade das augas dos ríos, embalses e lagos. E aquí decimos nós que tamén das rías pra posibilitaren a acuicultura –primaria-- que remediaría as miserias das nosas frotas.

Deixo hoxe outras novas sobre situaciós que estamos a vivir. Como fin toco o tema das manifestaciós á vista: a d´Os Praceres, o 31 de maio e a marcha ambientalista do 3 de Xuño. Deféndese en ambas a calidade de vida e o futuro. E vai depender da sociedade que algo se consiga en contra da contaminación, en contra do tren que queren levar por onde non deben. E tornando ó símil da música rusa, estou a oir unha obra de Tschaikovsky, o 1.812, na que se describe a marcha das forzas napoleónicas sobre Moscú, a batalla e a liberación final da cidade, momento no que as campás da capital sonan exultantes mentres o exército de Napoleón se bate en retirada. Curiosamente, César Cui era fillo dun oficial napoleónico. Sería bo que a campá d´Os Praceres e as campás todas de Pontevedra marcasen aquí o triunfo final sobre a miseria ambiental e urbanística, como nun gran conto de Scheherezade.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Hello. This post is likeable, and your blog is very interesting, congratulations :-). I will add in my blogroll =). If possible gives a last there on my blog, it is about the Home Theater, I hope you enjoy. The address is http://home-theater-brasil.blogspot.com. A hug.