Pontevedra, 15.04.2008
Entrada n. 470 do blog.
O amigo Bouzas Posse, do que se fala neste traballo do ano 2001, está agora ocupado en lle dar outro contido á paisaxe que corresponde a algunha das súas tenzas, nas que o castiñeiro e a nogueira están agora a reclamaren un certo protagonismo. Aínda é cedo pra ve-los resultados, pero ése é o camiño que complementaría as economías dos que se resisten a abandonaren o rural. Esas e outras especies poden facer de Galicia unha nova terra, máis prometedora prás súas xentes, unha aventura certa que reclama a nosa presencia e protagonismo máis alá do que dispoñan dend´as cúpulas dos partidos, do abuso de poder.
Entrada n. 470 do blog.
SE OS CERVOS VOLVESEN....[13.10.2001]
por Xesús López Fernández
Un amigo, José Antonio Bouzas-Posse Nicolich, pasoume o pasado mes de setembro a información de que uns veciños de Painceiros foran citados por Florentina Vicente Bergueiro, d´A Estrada, como representante de Maceiras Filloy, S.L., ante o Xuzgado de Paz de Campo Lameiro, pra un acto de conciliación que posibilite a investigación, extracción e comercialización de granitos de carácter ornamental que poidan existir no monte de Painceiros. O acto, sen avenencia, celebrouse o 10 de setembro. O Diario de Pontevedra informou sobre o particular o 5 de outubro. E según a súa noticia a empresa que quere explota-lo monte teríase achegado a algún dos veciños co gallo de mina-las vontades da esperada oposición. O meu amigo requireu a opinión dalgús arqueólogos e todos eles manifestáronse en contra da concesión, que están seguros suporía un disparatado impacto: a morte do monte.
Aínda que son moitos os petroglifos catalogados, poden quedar algús por descobrir. A riqueza existente é impresionante e nese patrimonio ten Campo Lameiro un valor de primeira magnitude, histórico, cultural, turístico. Dibuxos de diversos modelos de armas, escudos, círculos e gran cantidade de cervos, que se supón foron alí frecuentes. Curioso o que está representado no conxunto dos Carballos, en Paredes, grande e con lanzas cravadas no seu lombo. Ou o insculpido noutro complexo importante --o de Rotea de Mendo--, que está bradando i en celo. Sí, moitos cervos e signos e unha serpe longa na Pedra da Boullosa, en Fragas. Poucas especies en comparanza coas de Cussac de Aquitania, en Francia, onde apareceu unha gruta dun kilómetro de fondo. Nas paredes están grabadas 150 figuras do bestiario tradicional: mamuts, rinocerontes, bisontes, cabalos, tamén paxaros. Insculturas ás que se lles supón 28.000 anos de antigüedade. Máis riqueza, certamente, que en Campolameiro.
O meu amigo conformaríase con que aquí tornaran os cervos, algo perfectamente posible. E levoume ó ameazado monte da Conla, que é un alto privilexiado. Difícil de penetra-lo espacio sen esguizarnos, camiñamos por un cortalumes, o chan do mesmo de fina herba, estercado polas vacas e bestas que alí viven. Escasa presencia humáa, algún merlo aparece e desaparece. Un coello cruza o cortalumes. Vista portentosa da Terra de Montes, teñen alí os cazadores e pescadores do refuxio da Conla un santuario pra defenderen por medio dos seus directivos e socios. Que nadie desnaturalice o lugar. O concello de Campo Lameiro ten a posibilidade de conformar un gran parque --un esculcadoiro privilexiado-- se realmente queren potencia-lo turismo e o emprego na zona, no que semellan estaren, según se desprende da información do último pleno, 11.10.
No monte da Conla nace un pequeno regato, o rego dos Calvos, que corre cara ó Lérez, por Cutián. Nel hai un tipo de troita, negra, de pintas roxas, según me informa o amigo. Pasamos por algús lugares nos que se aprecia o absentismo á par que a recuperación dalgunha casa, mesmo a presencia de certas actividades económicas, o esforzo de xentes que se negan a abandonaren, que pensan na aldea como fonte de vida, como apóstolos dunha nova ruralización. Pode que o tempo lles dea a razón. Pero son urxentes medidas de carácter fiscal. A poboación non se recupera coas medidas propostas por Fraga. Pero se os políticos se preocupasen de cancela-lo imposto que grava as transmisiós hereditarias; se posibilitasen a formación de patrimonios importantes no ámbito rural, ou de sanear e ordear ese espacio, a recuperación estaría, posiblemente, en marcha. Porque é moita a xente que sinte a necesidade de fuxir da cidade. O meu amigo aclárame que Nicolich é un apelido escandinavo, con memoria recente de cérvidos, e parécelle boa a idea de que volvan á Conla, a bradar naquel lugar, en celo, a reconocérense nos espellos, nas insculturas de Paredes, Parada, Caneda, Fentáns....
3 comentarios:
Admiration and interest were my first feelings when I’ve entered your blog. It is indeed the most remarkable creation I’ve ever seen! Moreover, your manner of writing and the photos are absolutely fine and I think everyone would agree with my words. All this made me immediately add the blog to my links. Thank you very much for such a marvelous web page and I will surely enter it again
Matizamos, que Campolameiro non existe, existe Campo Lameiro.
Polo demais moitas grazas por ter esa opinón tan fermosa da nosa paisaxe.
Esperamos que na nosa terra se sinta como na súa casa, te tamén é sua.
www.blogoteca.com/campolameiro
Vou inserir "Campo Lameiro", d´acordo coa vosa recomendación, pero paréceme absolutamente deshonesto botar man da palabra "grazas", que vos usades, que nunca existeu na nosa lingua. A mesma forma parte do léxico da non-patria, dos talibáns que queren derivaren a nosa lingua cara ó portugués.
Publicar un comentario