domingo, 29 de noviembre de 2009

MIRANDO Ó MAR

Ampliación de recheos, queren máis, e cega-lo mar n´Os Praceres.
-
Pontevedra, 29.113.2009
-
Entrada n. 1085 do blog
-
Artículo semanal.
-
Mirando ó mar,
Por Xesús López Fernández
-
O tema do porto seco permanece en distintos foros, sen que verdadeiramente se produza un debate certo a raiz da sentencia do Supremo en relación co Plan Especial do Porto de Marín, definido como ilegal. ¿Por qué extraña cobiza e odio ó mar tentouse configurar un porto seco nun mar sen calado, tamén un polígono industrial a costa da nosa ría, xa dabondo ferida, e prá que están previstas novas actuaciós antidemocráticas de brutalismo urbanístico?. Sobre todo esto hai como un coro de voces de políticos i ecoloxistas que queren situarse máis alá do ben e do mal pero que, a partir da sentencia, carecen xa de discurso. E non hai prórrogas. As xentes d´Os Praceres teñen un discurso claro que sintoniza coa reposición da legalidade que debe emanar da sentencia citada, como doutras anteriores que agardan pola súa execución. Parece como se moitos cidadáns non nos decataramos de que a praza d´Os Praceres, oocupada polo ferrocarril, é talvez o último vincallo de Pontevedra co mar, por máis que outros falen de “novas” ribeiras.

A consecuencia do fallo do Supremo, xentes doutras rías igualmente agredidas, demandaron da Plataforma d´Os Praceres unha explicación das súas batallas xurídicas e da guerra que acaban de gañar. Invitados por diversos colectivos vigueses acodiron a Cangas o pasado 23.11. Alí estaban xentes chegadas de Teis e Redondela, de Baiona e do Foro Social de Cangas. Acto celebrado no salón de plenos do concello cangués, foi presidido por Eladio Torres. E poderiamos destacar diversos momentos do coloquio, diversas intervenciós. Pero parece que foi o discurso do patrón maior da Cofradía de Cangas o que máis chegou a todos i, en certo sentido, preñou o debate coa súa defensa afervoada do mar como fonte de vida, como mar matricial do que naceu Cangas e tantos dos nosos portos pesqueiros, tamén Marín en tempos. Decididamente oposto ós recheos decretados polos que non recibiron o leigado do mar e da pesca como algo a transmitir intacto ás futuras xeneraciós, o home falou cunha voz enraigañada na sabiduría dos que entenden que a relación coa Terra e co Mar debe vivirse, sempre, como unha relación sacral, de respeto profundo.

O asunto do ferrocarril que xa fora cuestionado polo ministerio de Medio Ambiente do Partido Popular, oposto a el porque invadía 55000 metros cadrados de terreo demanial; porque a súa construcción representaría un perfil duro que impediría o paso libre das xentes cara á ribeira unha vez liberáda-las marismas de Lourizán da presencia das industrias alí existentes, unha vez vencida ou caducada a súa concesión; unha vez levantada tamén a edar d´Os Praceres, que carece de título habilitante e que pra aliviala queren construir un depósito de retención de augas sucias en terreo igualmente demanial, en Mollavao, pró que debe prevalece-lo criterio prohibitivo da Lei de Costas, art. 44.6, do que recomendamos unha lectura atenta. Pero volvamos ó tema do tren que sigue pasando pola praza d´Os Praceres, como insulto cotián que algús queren manter contra o Estado de Dereito, xentes da Autoridade Portuaria e políticos que demandaron a súa construcción, que confían na non execución da sentencia e na indefinida inexecución da restauración do mar de Marín, da retirada dos recheos sobre os que pesa a sentencia do Supremo.

Non sei si é un simple rumor, pero n´Os Praceres temen novas represiós, como as dun 13 de Abril de mala memoria, porque algús iluminados, según din, queren fabricarlles algo así como unha praza elevada, por riba do tren, incumprindo a execución da sentencia do 2007. Sobre os particulares deste “rumor” está prevista a convocatoria dunha roda de prensa pra mañán, martes. I evidente a fractura do sistema de convivencia democrática, de defensa da reposición da legalidade, de todo eso falouse no encontro de Cangas que os alí presentes pensan reiterar en diversas localidades, prevista unha futura intervención en Pontevedra, alá por xaneiro.

1 comentario:

xesús lópez fernández dijo...

No traballo fálase dunha probable roda de prensa.
Según noticias particulares, a tal roda está convocada pra hoxe, 30.11, ás cinco da tarde, no Hotel Rías Bajas, de Pontevedra.
Foron remitidos, según a información recibida, diversos e-mails a distintos medios. A ver cómo se portan.