jueves, 3 de diciembre de 2009

Feísmo paisaxístico e biodiversidade [28.11.2003]

Os cabaliños de mar ou narizós están na biodiversidade. Aínda que case desaparecidos no noso medio fíxose hai pouco un ensaio pra ver de reintroducilos no mar d´Arousa.
-
Pontevedra, 3.12.2009
-
Entrda n. 1086 do blog
-
Artículo recuperado do ano 2003. Vou vagariño, moi solermiñamente na recuperación de traballos vellos. Poden quedar centos por recuperare e confialos ó blog. O que se conta neste traballo ten plena vixencia.

Feísmo paisaxístico e biodiversidade [28.11.2003],
por Xesús López Fernández
-
Escribo a miña colaboración semanal cada venres. Polo tanto, cando son as 17 PM, non sei da manifestación que se vai celebrar en Pontevedra [na que penso participar], anunciada por diversos medios; que mesmo aportaron á súa promoción “exercicios de redacción” xentes do sector “progresista” que levaban anos aparentemente “dormidas”. Como ese non é o meu caso [o meu compromiso co medio ambiente é permanente] terei ocasión de ocuparme do acontecemento anunciado dentro dalgúns días. Pero [dito así de paso] non comprendo que se teñan de celebraren manifestaciós prá reclamación da aplicación das leis existentes, prá defensa do Estado de Dereito, porque ésa é a cuestión de fondo. A xente se manifesta porque algo non funciona no compromiso das autoridades coa defensa da Ecoloxía. En fin, obviando momentáneamente o aludido, voume centrar noutros aspectos que, por activa ou pasiva, están a seren considerados en diversos foros e medios. Escribiremos sobre biodiversidade e feísmo paisaxístico, ós que cada día se lles adica máis atención.
En certo sentido pódese decir que ambos temas son causa e consecuencia un do outro. A biodiversidade neutralizaría o feísmo; éste, polo menos certas formas del, primadas, poñen en peligro serio a biodiversidade coa que, a escala global, estamos a acabar. E clamamos de novo pola recuperación do bosco autóctono, do bosco biodiverso: santuario da tribu, albergue de vida animal, foresta de converxencia na que mesmo alternen especies que foron testigos da aparición do home. Pero estamos lonxe de que se produza o retorno á racionalidade abandonada, reclamada dende foros ecoloxistas que poden mesmo descobrir asombrados cómo dende certos “lobbies” están a urxi-la prantación de aínda máis eucaliptos, e prantaciós subvencionadas. Parece clara a intención da Xunta a este respecto [non ambientalista]. ¿Qué medidas pensa tomar cando van alá varios meses dende a declaración de reserva da Biosfera que abrangue ó 40 por cen da provincia de Lugo, unha reserva “miñota” na que haberá principalmente que prima-lo coidado dos boscos de ribeira e a cultura da auga?

A prantación de tantísimo eucalipto [que a algús lles parecen poucos] ten sido denunciada por máis dun articulista comprometido como a causante de que a franxa litoral se poida definir como feísmo puro e duro. ¡Claro que se a Xunta quer facer algo [con criterio de salvación, de recuperación medioambiental, de mellora-lo rendemento económico dos nosos boscos, de reclamo incluso turístico ó conseguir recupera-lo cromatismo perdido...], se a Xunta se propón facer unha especie de pedagoxía contra o feísmo, todo sería máis fácil. E non habería que depender tanto do efecto de “masa crítica” que Teresa Táboas, decana do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, tenta acadar nas aulas, na realización do Proiecto Terra. Polo que di, levan tres anos traballando nesa idea. Tarea difícil e de futuro, xa que haberá que agardar a que vaian saíndo os arquitectos formados e sensibilizados con este país. Son eles os que terán que poñer orde no caos que se veu conformando ó longo de anos de materialización do mediocre, de quebranto da normativa existente en materia ambiental e urbanística, que a estas alturas da Historia intentan algúns potenciar co falso discurso de “máis progreso, máis chimeneas, máis feísmo, máis caos”. Entendo o que di Táboas cando fala de que non é só cuestión de defensa das leis, senon da creación nas aulas da sensibilidade necesaria que impida o feísmo.
E xa que a algús únicamente interesan as cifras tomemos do libro do Worldwatch Institute, “A situación do mundo 2003” algunhas ideas sobre o valor da biodiversidade que poden mesmo pasar desapercibidas. E así, por exemplo, afirma que un ecosistema rico e diverso mellora a calidade da auga, limita os efectos das enchentes, facilita a absorción e depura a vasura medioambiental. A súa recuperación e capacidade de reacción [....] é maior que a das rexiós nas que a diversidade xenética e de especies foi reducida. “Un grupo de científicos calculou recentemente o valor que os servicios dos ecosistemas do mundo suministran á Humanidade [a polinización dos insectos, por exemplo, e a capacidade de depuración da auga dos chans sans], que ascendería a 61 billóns de dólares, o dobre da economía mundial”. O Instituto avisa de que, non obstante, en todo o mundo as prantas, o universo animal e os ecosistemas que os acobillan están a seren degradados e que nos últimos cen anos van alá perdidos máis do 50% dos boscos da Terra....Haberá ocasión de volver sobre este tema. Pero quede aí a cita [pra ilustración de certo entorno empresarial] da riqueza que representa a biodiversidade, coa que dende o seu fundamentalismo tentan acabar.

No hay comentarios: