domingo, 20 de diciembre de 2009

Sobre o Cumio de Copenhague

O cambio climático prodúcese por actuaciós como as decretadas polo poder en entornos marismeños, como a que sinala a fotografía aérea na zona de Cádiz-San Fernando, sofreada polo poder xudicial, polo Tribunal Supremo. A eso temos que chegar no exercicio da acción cidadáa os ecoloxistas que percibímo-la deixadeza do poder político en Pontevedra e Marín, no litoral galego, nos nosos ríos.
-
Pontevedra, 21.12.2009
-
Entrada n. 1102 do blog
-
Artículo semanal
-
Sobre o Cumio de Copenhague,
por Xesús López Fernández
-
Rematou o encontro de Copenhague, o Cumio sobre o cambio climático que acabou cun acordo de mínimos, talvez unha especie de guión pra que a ONU siga traballando sobre o tema. O curioso é que, á marxe do que leva dado de si o discurso dende o Cumio de Río Janeiro 1992, de cada volta parece hai máis voces en desacordo co discurso de Al Gore de que, co quecemento global, estamos ante a maior ameaza da nosa civilización; que mesmo chegou decir que os políticos que negan ese cambio están a debilitaren a democracia. Pero é que, según non poucos científicos, o quecemento do planeta a consecuencia das emisiós de gases de efecto invernadeiro é unha teoría, nunca un dogma relixioso. E vaise determinar en base á experimentación i estudio, nunca mediante o consenso ou a revelación divina. E a ver quén é o Galileo negacionista que ouse nega-lo cambio climático. Pero son varias as voces críticas que din que ás veces a verdade comparece, e non precisamente a de Al Gore, que de “verdade incómoda” tense convertido en gran mentira.

Non debemos esquecer que ó longo da historia da Terra téñense producido non poucos cambios climáticos rápidos causa de migraciós de tribus, mesmo tamén do traslado de masas arbóreas, ou da desaparición de diversas sociedades e das súas culturas. E fóra do concilio de Copenhague falouse sen temor do “Watergate climático”, de que estamos ante un escándalo científico. Así, hai escasos días que un hacker chegou interceptar miles de correos electrónicos relacionados co Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ONU, o sancta santorum do clima. E nestes correos ponse de manifesto a gran mentira global, secretos que nos ocultan e falsificaciós de datos pra facer creíble un cambio climático só existente na mente dos seus “investigadores”, responsables dun verdadeiro fraude a escala planetaria. Outra cousa sería falar das reacciós que se producen como consecuencia dunha deforestación irracional ou da crecente contaminación dos ríos e dos mares.

Richard Alley, Peter Schwarz, Konrad Hughen, Lloyd Keegwin, Eugene Linden, novos Galileos que analizan megadesastres reales, apelumbran outro tipo de cambio, unha nova glaciación, cun clima moito máis fráxil do que algús consideran e que algo tan sotil como un simple cambio no sentido das correntes dos oceanos podería marca-la arrancada dun periodo glaciar certo. Según eles, no transcurso das nosas vidas poderiamos estar sometidos a situaciós imprevisibles, difícilmente superables, tanto que o seu impacto pode resultar letal. Eso pode ser certo, e mesmo que a forza coa que nos poidan golpea-las catástrofes meteorolóxicas poden ser consecuencia da despiadada actuación do home sobre o planeta que Al Gore ven denunciando dende hai tempo, como que pode haber un punto de encontro antre o seu discurso e o dos citados (que está recollido na “rede”, en diversos vídeos), e sigo tendo como manual de consulta o libro de Al Gore “A Terra en xogo”, sobre Ecoloxía e conciencia humáa.

Máis alá do dito pouco tiveron que face-las ONGs en Copenhague. Moitos dos activistas alí citados foron incluso detidos e careceron de peso como pra aguillona-las conciencias dos representantes dos diversos estados participantes. O acordo de mínimos acadado ven acabare, según as ONGs, coa esperanza de salva-lo planeta e foi tachado de fracaso histórico. Definido como un pacto que non fixa obxetivos globales de reducción de gases, Kumi Naidoo, o responsable máximo de Greenpeace culpa ós líderes políticos do gran fracaso na elaboración dun texto que “non é xusto, avincallante, nen cobizoso”. “Dende Bali levamos traballado pra mostrare ós gobernantes a urxencia dun conxunto de acordos que eviten alteraciós climáticas catastróficas e unha perda de vidas crecente que xa está a ocurrire, a causa dos impactos climáticos”. Consecuentemente, Gaia pode ter previstos novos desastres reactivos e o cambio rápido á glaciación que algús apuntan como inexorable.
-

No hay comentarios: