Entrada n. 459 do blog.
Seguimos inserindo no blog traballos do ano 2001. Este que sigue pódese reiterar tal cal, pero engadindo cousas que daquela non se comentaron, como que a depuradora d´Os Praceres é ilegal ante a Lei de Costas e que, na súa realización, son delincuentes as tres administraciós. ¿A ría, espacio sensible? Naturalmente. O malo é que soamentes a definiron así porque quedaba ben nos discursos. O eucalipto permanece como estigma da terra e foi a gran ferramente usada pra despoboa-lo país e marcar a moitas das nosas xentes o camiño da emigración. Galicia perdeu así gran parte do seu capital humán e natural. (Este traballo está xa no blog, como entrada n. 437 do 9.02.2008, pero déixoo porque nesa outra entrada aparece con outras ilustraciós e comentarios).
MEDIO AMBIENTE E FEÍSMO PAISAXÍSTICO [9.06.2001],
por Xesús López Fernández
A pasada semáa estivo tinguida de verde e de “feísmo”, obxetos de distintos foros, marchas e asociaciós. E de acordos. Simpática a actuación dos nenos dun centro escolar a repoboaren unha zona do Castrove con carballos e castiñeiros, todo no marco dun programa de protección ambiental. E agradecémo-lo acto da Federación Castelao na punta das Corbaceiras, a lectura de poemas de Amado Carballo e de Otero Espasandín, a entrega de flores á ría, o rito rexenerador de verteren alí auga nacente do Lérez e mái-lo Gafos. ¡Xa quixera eu que o Gafos tivese a forza do gran río que prometen os seus catro nomes! Pero o que en Marcón chaman Pintos convírtese no Tomeza cando cruza o val. Chámanlle tamén Tablada cando pasa pola ponte dese nome en Campolongo, pra desembocar xa como río Gafos en lembranza do edificio que foi alí lazareto, a casa dos gafos, dos malatos ou enfermos de lepra, que parece sigue viva na desembocadura, a afear e contaminar máis e máis. Unha triste fin.
Tamén na pasada semáa foi declarada a ría zona sensible, denominación ésta que se terá de manter cando menos catro anos e que nos avisa de urxencias como a de que os lodos das depuradoras e outros fangos non poden ir á ría, i eso no-lo dín cando está recén o percance da depuradora d´Os Praceres, estoupido de alcatreo que alarmou ó vecindario. Pois ben, non vai abondar coa depuración secundaria, senón que é necesario e obrigatorio o tratamento biolóxico dos vertidos, algo reclamado dende hai tempo. Pero, ¿e os posibles accidentes que se han producir se seguimos a pensar nunha depuradora única de dubidosa eficacia? ¿E qué criterios se van adoutar, máis alá das auditorías, pra manter á raia os efluentes das industrias que afean a paisaxe ademáis de comprometeren a saúde dos cidadáns?
Sobre feísmo falouse tamén estos pasados días e asináronse acordos, parece que despois do debate promovido por algús urbanistas –Xerardo Estévez, Gallego Jorreto, Precedo Ledo— que se definiron de forma moi crítica co que aquí se fixo e co que se sigue a facer. “O feísmo é a nosa vergonza, a vergonza de ter descoidado a organización do territorio en trinta anos de desenvolvemento. Temos mercado bonos de fealdade a cambio dun crecemento importante e preocupa que despois de tres décadas de democracia esto aínda aconteza”, son palabras de Estévez. “Falamos de arquitectura popular, pero ¿cal é a paisaxe galega dende Ribadeo ata Santa María de Oia, con esa invasión de eucaliptus?”, palabras éstas de Gallego Jorreto, moi puntual nesa cuestión, e chega decir que a eucaliptización implica torpeza, desinterese, destrucción estúpida, inconsciencia: a traición á paisaxe natural e ó urbanismo.
¿Vai pode-la Xunta ordea-la paisaxe? ¿O acordo asinado cos concellos vai servir pra algo, se hai tempo que é a principal responsable na aprobación de plans de urbanización como o de Pontevedra, un acelerador máis do proceso de degradación ambiental?.O día da marcha sobre Lourizán descobrín o muro das lamentaciós que están a construiren como parte das obras do ferrocarril, feísmo por mandato económico e parlamentario. Tornemos á idea de Gallego Jorreto. Un amigo tenta poñe-lo seu monte en valor por medio de nogueiras e castiñeiros. Actuaciós dese tipo e a recuperación de terras de labor poden marca-lo camiño de retorno ó campo, que tamén quere a Xunta repoboar con xente nova, difícil se non se acompaña de medidas como a da supresión do imposto sucesorio, posible si se ten a vontade de face-las cousas ben. Nesta panorámica constitúe unha ameaza seria a permanencia de ENCE, causa en gran parte do feísmo na paisaxe “dende Ribadeo a Santa María de Oia”. Os nenos que repoboaron no Castrove deben tamén aprender que hai que cambiar de política forestal, que o eucalipto degrada e afea, que mesmo é causa do abandono de aldeas. Confío que a Federación Castelao ha ser sempre crítica cos partidos no marco da comisión medioambiental que está a promover. Pola saúde da ría e da paisaxe.
No hay comentarios:
Publicar un comentario