Rúa Martitegui, outro dos espacios en regresión, prohibído-los aparcamentos coa interposición dos mosquerós que abondan na cidade. Esta obra marcou un novo retroceso do Bloque en Pontevedra. Foto do autor.
Pontevedra, 21.03.2008
Entrada n. 456 do blog.
Outro traballo do ano 2001. Non precisa de máis comentarios. Decir que, talvez, as cousas van a peor, ata límites insospeitables de peatonalización e desfeita urbanística.
Entrada n. 456 do blog.
Outro traballo do ano 2001. Non precisa de máis comentarios. Decir que, talvez, as cousas van a peor, ata límites insospeitables de peatonalización e desfeita urbanística.
CONSECUENCIAS NON QUERIDAS [24.08.2001],
por Xesús López Fernández
A empresa concesionaria do servicio da grúa parece está a perder cartos, e alega que a situación é insostible. Quere abandona-lo servicio --cuestión a estudiar polos asesores xurídicos do concello-- cando faltan dez meses prá finalización do contrato. Da súa resolución depende a posible convocatoria dun novo concurso. Alega o xerente da empresa, Joaquín Carballo, que este ano están a engancha-la mitade dos coches do ano pasado, que de 600 pasaron a 300, e atribúen a baixa actividade actual á progresiva peatonalización da cidade. Se no PP din que a empresa deberá demostra-las perdas, dende o PSOE afirman que non é boa a decisión da concesionaria de deixa-lo servicio e que esta situación parece un resultado non querido da peatonalización en marcha. E un pergúntase por qué ante certos negocios, en certas rúas, os coches aparcan indebidamente sen que a grúa apareza.
Outros que parece o teñen igualmente crú son os taxistas. Curiosamente, como no caso da grúa, os seus ingresos reducíronse tamén á mitade. De gremio favorecido, privilexiado coa parada de Daniel la Sota, tamén a eles lles chegou a hora ó tempo que se configuran novos espacios de terrazas antre o Rías Baixas e a Glorieta de Compostela. Atender antes a un cliente era relativamente fácil. Agora hai que ter imaxinación pra atinar cun circuíto alternativo, convertida Pontevedra nunha especie de laberinto. As carreiras son normalmente máis longas, máis caras, e a xente opta por prescindir do servicio dese colectivo, que se considera perxudicado polas obras, polos cortes de tráfego i, en terceiro lugar, pola peatonalización, aínda tendo acadado do concello autorización para cruzaren a zona histórica pra así atenderen ós seus usuarios, levalos ó sitio por eles indicado.
O esquema peatonalizador parece non vai máis alá da posibilitación de novas terrazas --por certas obras hai prazas que perderon a persoalidade, desaparecidas coa proliferación de veladores--. Os concesionarios non sempre mostran no negocio a viñeta alusiva ó número de mesas, que tampouco se cinguen ó longo da fachada. Invaden rúas e prazas, cortan o paso incluso ós privilexiados que dispoñen de garaxe coa visible indicación de “vado permanente”. Coas terrazas, nen as ambulancias o teñen fácil. É unha das consecuencias graves da política de “okupación” que está a traer esa concepción urbanística --¿?— de encher de xente, case sempre non residente, os largos do casco vello, algo que pra algús é proba da recuperación dunha zona deprimida, mellora que beneficia certamente a bares e tabernas, mais non aporta calidade de vida ós residentes, antes ben unha incomodidade crecente, máis ruído i estrés. E o comercio tradicional sigue a morrer cada día un pouco máis.
Ante o espectáculo das prazas todo terraza, os veciños do lugar síntense coutados ó achegaren á súa casa paquetes de certo volume ou bulsas, observados mentres pasan como menesterosos, porque non poden usa-lo coche como quixeran. Pra impedilo están as terrazas pasarela. I ésta é unha idea que lle quero dar a certa asociación comercial que tenta vende-lo seu discurso torto dunha reactivación que non chega. ¿Por qué non monta algún desfile de modas? Podería promocionar moda galega, valerse dunha pasarela que cruzase certo lugar que acaban de descobrir. O dinamismo da asociación --as subvenciós-- serviría pra contar coa colaboración de diversas modelos de alta costura. Pero, animado o espectáculo con lucerío especial e música soave, de súpeto --¡qué horror!— aparecerían dous ou tres veciños do lugar coas bulsas do lixo, pola pasarela, único espacio do que disporían nese momento e nesa hora, despois das oito e media. Protestas dos espectadores pendentes das top models: “¡Por aí non!”. “¿E logo por ónde, se non temos outro camiño?”. O esperpento é posible, unha máis das consecuencias non queridas dunha peatonalización aloucada, estordegada, improvisada, descerebrada. ¡Apaga o candil!. É un decir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario