domingo, 3 de agosto de 2008

CHEGOU A ESTANFLACIÓN [4.08.2008]

Solbes, que no debate con Pizarro falaba do crecemento dun 3, descarta agora a estanflación porque o PIB creceu un 0,10%. Un claro síntoma de recesión económica. Sígueno utilizando como pope pra acalma-la tempestade, como gurú na treboada que decote vai dibuxando perfiles máis duros na nosa convivencia.


Pontevedra, 4.08.2008

Entrada n. 577 do blog

Traballo semanal remitido a diversos medios.

Chegou a estanflación [4.08.2008],
por Xesús López Fernández
-
A palabra estanflación foi creada polos ingleses. No ano 1965 e nun discurso parlamentario, Ian McLeod, que máis tarde sería ministro británico de finanzas, combinaba as verbas “estancamento” e “inflación” pra definir unha situación económica que ventaba o peor dos mundos: crecemento dos precios por unha banda i estancamento económico pola outra. A palabra non está nos nosos diccionarios. É un barbarismo. Mais acabarase por asimilar, por poder decir que somos víctimas da estanflación ou que estamos estanflados. Cando se creou a verba e ó longo dunha década foron varios os países que sofriron o castigo, lembranza da que agora se fai memoria en economías como a española, porque a estanflación acaba de comparecer aquí. No-la viñan negando co uso coidado de indicadores macro: euríbor, PIB, ipc, paro, mostrándonos outras “realidades”. Pero agora xa non son Blanco nen Bibiana ou Solbes [que reconoce a realidade complexa na que estamos], os que falan.

As autoridades monetarias quixeran té-la clave pra evita-la repetición da historia, cando a recesión, o crecemento negativo, parece unha realidade porque, no segundo trimestre, o PIB xa non pasou do 0.10% e se as autoridades monetarias quixeran facer un exercicio de verdadeira hixiene informativa e determina-lo PIB real, o PIB neto que sae de deducir costes que normalmente non se teñen en conta [perda en unidades de medio ambiente ou en capital social], posiblemente teriamos que falar dunha recesión do 2 ou 3 por cen, algo ó que ten colaborado o modelo económico aquí escollido, basado no ladrillo e no sobregasto en infraestructuras, como tamén no crecemento da burocracia do país, na creación de altos cargos que disparan o gasto máis alá da cacarexada sustentabilidade. ¿Por qué tanta corrupción urbanística que parece gardar relación coa autonomía de que dispoñen os concellos pra decidiren na materia? ¿Non debería reasumir esa competencia a Administración Central, como tamén no eido da Educación, ou do Medio Ambiente, pero de verdade, se realmente queremos vertebra-lo país e sacalo do marasmo? ¿Qué recetas inventar?

Estamos nun momento, pois, precisado de medidas urxentes. Non abonda con propostas á galería de conxelación dos ingresos dos altos cargos, cando habería, ó mellor, que desinflar esas remuneraciós e adelgaza-lo aparato administrativo. Algo fixo a Autonomía de Madrid, pero non parece que vaia cundi-lo exemplo. As alarmas están antre nós e a cifra de parados pode sobardar, na fin do ano, nun millón á do pasado 2007. En inflación fálase dun 5,30%. As hipotecas están xa máis caras co incremento do euríbor, etc. I é o propio Instituto de Estudios Económicos o que ten avisado dun “previsto” crecemento antre o 1,30 e o 1,50% anual que, polo xa dito, non casa. O director xeral deste Instituto recomenda a modificación real da política económica, con medidas dirixidas a potencia-la oferta pra garantiza-la creación de emprego, a mellora da producción, o turismo, a potenciación do consumo e o benestar social. ¿Cómo?. “Os 400 euros foron un erro”, dixo. Un engaño que algús tragaron.

A economía doméstica vai estar, polo dito, afectada de forma radical, en diversas frontes: rentabilidade por baixo da inflación, aumento das facturas domésticas, encarecemento do petróleo, maior cuota hipotecaria, aumento do desemprego, menor demanda na vivenda, viaxar vai ser máis caro, ata o punto de que un 40% das familias, según estimaciós xa feitas, renunciaron ás súas vacaciós de verán. E un menor poder adquisitivo, porque a inflación interanual harmonizada, estimada nun 5,10 [e veremos], vai afoga-las posibles sobidas dos salarios, que se supón quedarán antre o 2 e o 4%... En fin, triste panorama: Recesión, estanflación, crisis, con difícil saída da situación creada, porque ó estarmos na zona euro non cabe a depreciación como sinapismo, senón que van actuar sobre o mercado de traballo. Coa previsión, ademais, de que o ano pode acabar cun euríbor do 6%. Sí, estanflados.

No hay comentarios: